Priscilianismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O priscilianismo foi unha corrente relixiosa cristiá, difundida polas prédicas de Prisciliano no século IV en Hispania, e sobre todo na Gallaecia.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Non se coñece moito sobre a doutrina priscilianista, porén sábese que o priscilianismo tiña como intención unha reforma da Igrexa dende dentro, aceptaba a participación da muller con iguais dereitos aos do home na comunidade clerical, propugnaba a renuncia ao poder dos bispo, defendía a vida austera (con múltiples días de xaxún, predicando a continencia e a virxindade) e priorizaba o ascetismo e o estudo da Biblia, incluídos os textos apócrifos, o que ía en contra da autoridade episcopal e do clero.

Sendo aínda Prisciliano bispo de Ávila, as súas doutrinas son condenadas (concilio de Zaragoza, concilio de Bordeos e, incluso despois da súa morte, no concilios de Toledo).

No xuízo de Tréveris (385), Prisciliano e mais algúns seguidores foron acusados de maxia e maniqueísmo e axustizados por herexía polo emperador Magno Clemente Máximo, polo que foron decapitados. Pero o priscilianismo continuou espallándose por Gallaecia trala morte de Prisciliano, rendéndoselle culto ao seu corpo por ser considerado mártir. O priscilianismo estivo tolerado durante a época sueva e só a partir da conversión de Requiario ao catolicismo no 449 comezaron os crentes a ter problemas coas autoridades. Secasí, mantívose activo cando menos até o II Concilio Bracarense (572).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]