Amurru

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Amorritas")
Mesopotamia
ÉufratesTigris
Cidades / Imperios
Sumeria: UrukUrEridu
KishLagashNippur
Imperio Acadio: Agadé
BabiloniaIsínLarsaSusa
Asiria: AsurNínive
NuziNimrud
Imperio BabilónicoCaldea
ElamAmorreos
MitanniCasitas
Cronoloxía
Reis sumerios
Reis de Asiria
Reis de Babilonia
Lingua
Escritura cuneiforme
Lingua sumeriaAcadio
Elamita
Mitoloxía
GilgameshMarduk

Os amorreos (hebreoemōrî, exipcio Amar, acadio Amurrū (correspondente ao sumerio MAR.TU ou Martu)) foron un pobo de orixe semita constituído por tribos nómades moi belicosas que ocupou a rexión ao oeste do río Éufrates, Siria e Canaán desde a segunda metade do terceiro milenio a.n.e. No curso dos seus correrías chegaron a conquistar en dúas ocasións a cidade de Babilonia. Parece ser que o rei Hammurabi pertenceu a unha dinastía de orixe amorrita.

Terminoloxía[editar | editar a fonte]

Existen diferentes denominacións para os amorreos:

  • Amorreos é a denominación usada a partir das traducións ao galego do Antigo Testamento.
  • Amorritas e amoritas son sinónimos de amorreo e veñen da tradución inglesa amorite ou francesa amorrite.
  • MAR.TU é a denominación usada polos sumerios e adoita ser utilizada en moitos libros con esta forma transcrita do cuneiforme ou adaptada como Martu. En textos sumerios atópase a referencia máis antiga aos amorreos.
  • Amurru(m): o termo máis usado na antigüidade. Con este nome denominábanse a si mesmos e converteuse no termo en acadio (tamén significaba oeste, xa que abarcaba todo o que había ao oeste dos acadios). Esta palabras usábase igualmente para as terras amorritas que para o pobo amorrita en xeral. Os reinos posteriores adoitaban ser chamados tamén reinos Amurru. Tamén é o nome do seu deus nacional.
  • Tidnum: Outra palabra acadia para os amorritas.

Historia[editar | editar a fonte]

Pobo de orixe semita occidental, a súa actividade era pastoril e a súa vida seminómade, a súa orixe áchase no III milenio a.C. na franxa siriopalestina onde foron dominantes ata a chegada dos arameos, unha zona diversa de montes, pastos e estepa semiárida, fíxoos co tempo entraren en contacto con poboacións sedentarias, como Ebla e máis tarde con outras pertencentes á órbita do Imperio configurado pola III dinastía de Ur, sobre cuxas fronteiras farían presión ata lograren paulatinamente a súa infiltración progresiva.

Durante a época de Ur III había dous grupos de amorreos diferenciados. Os primeiros levaban xa sedentarizados desde fai moito tempo en parte do Líbano, Anti-Líbano e do val de Orontes (parte do Canaán) e estábanse expandindo polo norte de Siria e Palestina. A estes amorreos refírese a Biblia ao mencionalos. Os segundos de maior importancia histórica, sobre todo para Mesopotamia, eran nómades que percorrían o deserto entre Palmira e Mari e flanqueaban o Éufrates para que o seu gando pastase na estepa mesopotámica. Estes eran moi próximos aos sumerios e xa eran coñecidos desde a época Dinástico Arcaica polos sumerios ou ben porque emigraron ás cidades mesturándose coa poboación ou ben como nómades beduínos, cuxas costumes eran consideradas groseiras e rudas, como se ve nunha taboíña sumeria:

Os MAR.TU non coñecen o gran... Os MAR.TU que non coñecen nin a casa, nin a cidade, os zafios da alta estepa... Os MAR.TU que desenterran as trufas* ..., que non se inclinan para cultivar a terra), que comen carne crúa, que non teñen casa durante toda a súa vida, que non se enterran (segundo as regras) trala súa morte... Os MAR.TU pobo saqueador cos instintos das bestas salvaxes

(Chiera 1934)

*Trufas salvaxes de montaña e pouco deliciosas.

Como se dixo, algúns establecéronse entre o Tigris e o Éufrates facéndose sedentarios e mesturándose coa poboación sumeria; como consecuencia subirían ao poder dinastías de orixe amorrita en distintas cidades do centro e sur de Mesopotamia. A máis importante en Babilonia, xa que o propio Hammurabi sería amorreo. Aos inicios do imperio paleobabilónico a poboación era pois unha mestura acadio-amorrita.

Os amorreos que se mantiveron nómades foron contidos facilmente ao principio, pero segundo o imperio de Ur III foi perdendo o seu poder estes fóronse volvendo máis perigosos. No ano -2028, Ibbi-Sen sucedeu a Shu-Sen no imperio de Ur, ao pouco tempo o imperio comezou a fragmentarse e moitas cidades independizáronse (Eshnuhna, Susa, etc.). No -2017 os MAR.TU conseguen penetrar en Sumer e comezan a controlar os camiños, estalando o fame. No -2009 o reino achábase dividido en dous e finalmente unha coalición de amorritas, elamitas (liderados polo Rei Simash), e os Su (habitantes dos Montes Zagros), derrotaron a Ibbi-sen e executárono, producíndose a caída de Ur III e polo tanto acabando a era de Sumer. Os amorreos saquearon e destruíron Ur, que aínda que sería reconstruída despois, non volvería ser a mesma.

Coa caída de Ur III, acaba a época de dominio sumerio e empeza unha época na que os semitas obterían a maior importancia a través de pobos como os acadios ou os amorreos. Os elamitas apenas gozaron a súa conquista e os maiores vencedores da caída de Ur foron primeiro os acadios do reino de Isín e despois os amorreos que nun século encherían Mesopotamia de reinos, quedando o que foi o imperio de Ur fragmentado en numerosos reinos amorreos e acadios cuxas capitais serán cidades que ata ese momento tiveran pouca importancia.

Os reinos amorreos[editar | editar a fonte]

Trala caída do reino de Ur e do esplendor sumerio esténdese un complexo período de catro séculos (-2004-1595) ata a toma de Babilonia polos hititas. Durante este período os amorreos que se estableceron en Mesopotamia alcanzarán a súa maior importancia a través de numerosos reinos, o máis importante o de Babilonia, mentres que os amorreos nómades tamén terán a súa importancia neste período.

Baixa Mesopotamia[editar | editar a fonte]

Trala caída de Ur (-2004), o reino de Isín manterá a paz durante un século considerándose os sucesores de Ur, seguindo os seus mesmos modelos e reforzarán as súas cidades para protexerse dos MAR.TU nómades cada vez máis numerosos que se desprazaban continuamente ao longo do Tigris e o Éufrates, e que finalmente, pouco antes do -1900, se infiltrarán en pleno corazón de Babilonia aproveitándose das loitas entre Isín e Larsa, apoderándose de moitas cidades como Ilip, Marad, Malgûm, Mashkan-shapir ou mesmo Uruk. Estes novos reinos creados polas tribos nómades amorreas,uníanse aos reinos amorreos "civilizados" e reinos acadios estando cada vez a Baixa Mesopotamia máis fragmentada. Tras este século de relativa paz baixo o reino de Isín emerxerá o poderoso reino de Larsa (que segundo unhas toboíñas foi fundada no -2025 por un amorreo chamado Naplânum) e seguirá unha terríbel guerra entre ambos polo dominio de Sumer e Acad, na cal acabará impoñéndose Larsa que se faría coa metade de Mesopotamia. Será durante estes dous séculos Isín-Larsa cando se irán formando os distintos reinos amorreos, como o de Babilonia, que se converterá no inimigo común de Larsa e Isín. En -1792 Hammurabi chegou a ser rei de Babilonia utilizando a forza e diplomacia en poucos anos converterase no dono de toda Mesopotamia construíndo así o maior reino amorreo que haberá na historia, aínda que iso se, moi efémero.

Alta Mesopotamia[editar | editar a fonte]

Na alta Mesopotamia, a cidade de Assur cos reis de orixe amorrea comezará a gañar importancia tras vencer nunha guerra polo control das rutas comerciais a Eshnunna e Mari.


Cultura[editar | editar a fonte]

Achegas[editar | editar a fonte]

Os amorreos non introduciron moitas novidades, limitáronse a asimilar a cultura preexistente. Unha das súas achegas sería a introdución do símil que presenta ao rei gobernante como pastor-guía do seu pobo.

Relixión[editar | editar a fonte]

Os amorreos apenas introduciron novos deuses, pois a similitude da súa lingua co acadio favoreceu que os seus deuses se identificasen con algúns dos xa existentes. A súa principal achega relixiosa foi o seu deus principal, Amurru, que trala dinastía amorrea de Babilonia perviviu como un deus secundario, ata que máis adiante os babilonios o elevaran a deus nacional, baixo o nome de Marduk. Parece que tamén veneraban ao deus lunar Sen.

Lingua amorrita[editar | editar a fonte]

O amorrita é unha lingua semítico-occidental e que se coñece unicamente a través de nomes propios non acadios transmitidos por escribas acadios durante a época de dominio amorrita en Mesopotamia. Trátase dunha lingua de gran semellanza coas linguas cananeas. Ademais de ser pouco coñecida foi unha lingua de escasa importancia xa que os amorritas co tempo usaron o acadio que se parecía moito á súa lingua e era a lingua principal de Mesopotamia naquela época. Queda demostrado nunhas taboíñas atopadas na cidade de Mari fechadas entre -1800 - -1750 nas que os amorreos falaban un dialecto do acadio e que mostraban moitas formas e construcións semitas do noroeste.

Referencias Bíblicas[editar | editar a fonte]

O Antigo Testamento chama ao Canaán á terra dos amorritas, pero non se puido establecer ningunha conexión étnica ou lingüística entre os amorreos de Mesopotamia da primeira metade do segundo milenio e os de Canaán da segunda metade do segundo milenio.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]