Lenda do Meco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Lenda do Meco recolle unha vella lenda popular na que os veciños do Grove enforcaron a un crego, fartos dos abusos sexuais que protagonizara, e declaráronse culpables colectivamente, todos a un, ante a xustiza. O feito deu lugar ó xentilicio popular que reciben os grovenses como mecos.

Aparece documentada por vez primeira da man de frei Martín Sarmiento, que a cita na súa Viaje a Galicia, de 1745, como un sucedido uns oitenta anos antes da súa viaxe.

"Antes de entrar en el arenal do Vado a mano derecha hay tres montes y en la cima del del medio hay dos ganchos y entre ellos está la higuera famosa, porque en el Grove hay tradición que allí ahorcaron las mujeres al Meco, y yo mandé cortar unas ramas de dicha higuera para llevar a Madrid por bufonada" [1]

Tamén recolleu a lenda o Cura de Fruíme, Diego Antonio Cernadas Castro (1702-1777). Conta nun poema que:

"El Meco (de la falacia/ prescindo de esta noticia)/ si un lugar burló en Galicia,/ no lo ha contado por gracia: colgado pagó su audacia/ de un árbol que no está seco [2]

Lenda[editar | editar a fonte]

Cóntase que houbo un personaxe que, maioritariamente, se identifica cun seminarista ou crego castelán,[3] ou ben un médico[4], chamado Juan de la Meca, que practicaba de feito un dereito de pernada sobre as mulleres do Grove, polas boas ou polas malas, ata que os veciños decidiron acabar con esta situación.

Unha delas enganou ó crego facéndolle crer que accedería ás súas demandas no alto do monte da Siradella [5], pero cando este chegou alí saíronlle ó encontro unha chea de xente, que o prenderon e enforcaron dunha figueira que alí crecía. Tamén se di que o fixeron só as mulleres, como indica Carré; o propio Sarmiento di nun sitio que foron elas e noutro que foron os homes.

Tamén se conta que o Meco quixo abusar dunha moza casada que chegara hai pouco á vila. Raptouna e levouna ata a Siradella para xacer con ela. Enterado o home polos veciños que viron o que pasara, subiu ó monte e colgou ó Meco da figueira.

Outra versión da lenda di que o personaxe gustaba de xogar ás cartas xactándose das súas conquistas. Coincideu que un compañeiro de xogueta, que ía casar dous días despois, gañaba partida tras partida ata que o Meco, alporizado, díxolle que xa se alegraría el ó día seguinte coa moza do outro. O mozo respondeu rompéndolle unha xerra de viño na cabeza, ou un tallo segundo outros, matándoo no acto. Nese estado, os veciños subírono á Siradella e colgárono da figueira.

Unha cuarta versión conta que foron os veciños de San Vicente do Grove os que apalearon ata a morte a un mandado do señor feudal que viña a cobrarlles unhas rendas excesivas [6].

Como era de supor, os representantes da xustiza foron investigar os feitos coa intención de castigar ó culpable do crime, pero cando preguntaban ós veciños e posibles testemuñas quen matara ó Meco, a única resposta que puideron obter foi a de "Matámolo todos!". Finalmente, a xustiza tivo que desistir nas pescudas e renunciar a atopar a quen culpar dos feitos.

"Quen matou ó Meco?/ Matámolo todos;/ fómolo aforcar/ ó río dos fornos"

Como fose que os figos da devandita figueira tomaron desde entón unha cor avermellada, a tradición explicouno como que estaban tinguidos co sangue do Meco.

Frai Martín Sarmiento[editar | editar a fonte]

Sarmiento recolleu a lenda, atribuíndo o protagonismo a un crego natural da localidade de Meco (en Alcalá de Henares, Madrid) [7]. Segundo parece, era escarnio común no século XVII preguntarlle ós galegos se eran fillos do Meco e se xa llo tiñan perdoado, pero tamén ós portugueses da beira do Miño [8], e así decideu investigar sobre o caso para "tapar la boca y retrucar a los polainudos páparos (pailáns) y aún a los pelucones (cortesáns) idiotas que chasquean a los gallegos sin saber lo que dicen":

Busto do Padre Sarmiento. no Museo de Pontevedra
"Dízese que un estudiantón, que hera natural de Meco junto a A Alcalá, o que se llamaba Meco de apellido (que tambien le ay azia el otro lugar) pasó a Galicia, como pasan otros tunantes, que habiéndose insinuado en el servicio de no se quien, consiguió el ser cura de San Martín del Grove, que está en una casi isla en donde la ría de Padrón entra el mar alto; que habiendo alí manifestado las habilidades que llevó a Galicia, se desenfrenó tanto su carnal apetito que vició a muchas mujeres, ya por sugestión, ya por violencia, y que irritadas las mujeres, determinaron echarle de este mundo, ahorcándole de una higuera, y que finalmente habiendo hecho autos la Justicia de la Coruña..." [9]

Se ben engade que xa lera e escoitara a mesma historia en Andalucía e en Portugal, e que un autor portugués describe os mesmos feitos situándoos en Boloña (Italia), en 1244, ou no Ponto Euxino (Mar Negro), en 1258, aínda que si que semella máis probable que todo ocorrese en Portugal. Insiste nas súas dúbidas sobre a veracidade da lenda cando di que a árbore menos apta para enforcar a alguén é unha figueira, e que non ten sentido subir ata a Siradella para facelo "siendo El Grove amenísimo en todo género de árboles".

En 1757 volve a escribir sobre o tema (Confirmación ...), negando que os feitos recollidos na lenda tiveran lugar en Galicia. Pola contra, trataríase dunha superstición de orixe musulmá baseada na crenza de que os mouros que peregrinaran á Meca (de aí o de mecos, que viría significar mouros, do mesmo xeito que romeiro é o que peregrina a Roma) podían logo cometer adulterio sen que significase pecado, pois quedaban santificados. En todo caso, engadía que "será preciso confesar que hubo tantos mecos como provincias o lugares", de xeito que non se podería responsabilizar ós galegos de semellantes comportamentos. Tamén é certo que tódalas versións da lenda coinciden en que o personaxe non era galego.

A posible orixe portuguesa do Meco tamén pode basearse no consello que dan os pais ós fillos, recollido por Blutteau no norte de Portugal: "Nâo perdoen ao Meco, porque ele cornudou aos nossos paes" [10][11].

OVocabulario portuguez e latino de Raphael Blutteau (1716) dá a meco o significado de luxurioso e disoluto. Explica que ós Miñotos (relativo ó Miño portugués, ás súas ribeiras ou os seus habitantes) se lles preguntaba se perdoaran ó Meco, e estes facían a mesma pregunta ós galegos da beira norte do Miño, porque "o caso é que un miñoto, estando en Galicia, quitoulles a moitas doncelas a honra, e púxolles a moitos casados os cornos, polo que os galegos quedaron moi sentidos e rabiosos, e este foi alcumado o Meco" [2]. O mesmo Blutteau, nun suplemento ó dicionario amplía a información asegurando que se trataba dun médico da provincia de Braga que cometeu adulterio, sen que o marido chegase a perdoalo, e de aí meco por médico. Igualmente, en San Pedro de Rates (Póvoa de Varzim) non din nunca que perdoen ó Meco, o que indica que este fixera unha acción que merece un castigo perpetuo [12].

Sarmiento tamén recolle esta pregunta retranqueira dirixida polos portugueses do sur ós seus compatriotas das provincias do norte.

Murguía (Galicia, 1888) recolle esta lenda: "Conocida es de todos la burla que fuera del país se hace de sus hijos, a los cuales refieren e aplican el lance del Meco, lance que aquí adjudicamos a los habitantes del Grove [2]. Pero engade que a lenda tamén corre en Francia, onde nomeaban ó protagonista como Mechi, Meuchi ou Machi: neste caso era un quincalleiro que apareceu morto nun camiño [13]. Con estes datos, Murguía rexeita a relación da Lenda do Meco con mouros e Mahoma.

E Carré Aldao cita un dito popular que semella común que di que A este non lle salva ou non lle ha de valer nen a bula do Meco, o que indicaría que o tal Meco tería grande indulxencia para toda clase de excesos [14].

A Lenda do Meco en tempos recentes[editar | editar a fonte]

En 1898, o entón ministro Eugenio Montero Ríos utilizou a lenda para explicar que a perda de Cuba e o desastre do 98 non fora só unha responsabilidade do seu goberno senón de tódolos partidos do momento, exclamando no Congreso que:

"En una aldea de mi tierra mataron a un sujeto llamado Meco. La justicia andaba desesperada buscando al asesino y sin poder encontrarlo. Ni un indicio, ni un rayo de luz. Como primera providencia metió el Juzgado en la cárcel a todos los vecinos varones. Ya que los tuvo encerrados, fue sacándolos uno a uno y sometiéndolos a igual indagatoria: Quen matou o Meco? Matámolo todos!" [2] [15]

En 1930 [16], o grovense Francisco Franco Calvete, ordenanza de Correos, escribiu unha pequena obra de teatro ou zarzuela co título de "O señor feudal ou ¿Quen matou o Meco?" [17]. Narra os amores imposibles entre Marirrosa e Xoán Manoel por culpa de don Juan de la Meca, a quen ó final matan entre tódolos veciños para recuperar a liberdade.

Xa ó pouco de publicarse o drama comezou a falarse dunha maldición do Meco, pois se foron producindo diferentes desgrazas e mortes. Poucos días antes da estrea da obra morreu unha tía dos dous protagonistas. Adiouse a estrea e tamén, uns días antes da nova data morreu o autor, o propio Franco Calvete, con só 28 anos. O irmán conseguiu que os actores aceptaran unha terceira data, pero morre outro actor. Por fin, a obra estréase en marzo de 1931, pero en 1932 morre o irmán do autor, Emilio Franco.

En 1948, García Moldes decide repoñer de novo o drama, pero caeu un raio sobre o local onde facían os ensaios. En todo caso, a obra representouse. Pero houbo un erro no cartel que anunciaba o acto, e en lugar de escribir 5 e 6 de marzo, púxose o 5 e 6 de maio. Pois ben, o 6 de maio, García moldes morreu dun disparo a escasos metros de onde se supón que estaba a taberna na que aquel mozo matara ó Meco. Todas estas desgrazas se queren explicar polo feito de que o Meco, ó morrer enforcado, é unha ánima que nunca poderá atopar sosego.

Tamén en 1948 publicouse un xornal no Grove baixo a cabeceira O' Meco, dirixido por Manuel Lueiro Rey (que asina o editorial baixo o pseudónimo de Gudea), para desenvolver aspectos do personaxe e da obra teatral de Franco Calvete. Publicouse só un número, con catro páxinas, e semella que estivo pensado máis que nada para publicitar a reposición do devantido drama [18].

En 1963, Luís Seoane publicou un cartafol con (chegada do Meco a Galicia, contacto coas mulleres, levantamento dos veciños, persecución do Meco e aforcamento deste) gravados a dúas tintas de distintos momentos da historia do Meco. Editáronse cen exemplares e con el inaugurouse a editorial Ediciós do Castro. En 1980, o concello do Grove publicou unha reprodución reducida de once gravados.

"Os grabados que siguen contan unha fábula galega, a do Meco. Unha fábula apóloga, nascida da fantasía coleitiva, que amostra un exemplo de solidaridade e xustiza popular. "¿Quen matou o Meco?", pergunta o xués, e responde o pobo "Matámolo todos". Hay quenes afirman que 'Fuenteovejuna', de Lope, nasceu deste conto popular galego" [19]

Igualmente, o mesmo ano pintou un óleo baixo o título de O Meco [20] que reflicte o momento en que un grupo de cinco veciños do Grove alzan as súas fouces contra o Meco.

Outras acepcións[editar | editar a fonte]

A lenda do Meco está detrás do significado que lle dá o DRAG a meco como home luxurioso [1]. Nun Sínodo celebrado en Cuéllar (Segovia) en 1325 [2], amplíase a explicación do sexto Mandamento, non fornicarás ou non cometerás actos impuros, con estas palabras: "non serás Mecho, que es non farás adulterio", empregando aquí meco como sinónimo de adúltero, fornicador, disoluto (ou mesmo quincalleiro).

Tamén se chama meco unha das máscaras tradicionais de Allariz, en Valdeorras (este último vai zorregando ás mulleres cunha vasoira de toxo para, supostamente, sacarlles o meigallo, acto no que se poden ver connotacións sexuais) ou Quiroga (Lugo), onde din que representa ó demo [21]. Tamén designa un boneco que se leva no alto dun pau e que se queima ó rematar o Entroido; respecto a esta última acepción, Carré suxire que a lenda procede deste boneco, representazón fálica coa que se representaba a ruptura coas comenencias sociais e a boa conduta, algo propio e característico do Entroido.

No Corpus de Pontevedra saía no século XVIII a chamada Vella do Grove: "E nas foliadas/ de tempos a tempos/ a Vella do Grove/ con cos e mantelo./ E con carantoña/ facendo o fedello/ botando pernadas/ que matou o Meco" [22][23].

Co nome do Meco - ou cocón- coñécese tamén un personaxe lendario co que se asusta ós meniños cando se portan mal, como serían o home do saco, do unto ou Mariamanta.

Aníbal Otero recolle meco co significado de vento forte, en remuíño, que a crenza popular supón producido por algún ser mitolóxico indeterminado.

A figueira do Meco no século XXI[editar | editar a fonte]

A tradición local sitúa a figueira na que enforcaron ó Meco saíndo dunha greta entre dous enormes cons no monte inmediato á Siradella, ó pé dun castro.

Está catalogada dentro das Árbores senlleiras de Galicia [24] polo seu carácter cultural e etnográfico, non polo seu cumprimento, que realmente é escaso.

Dada a precariedade actual da árbore -á que se lle supón unha idade de 80-100 anos- e para evitar a morte e perda dun exemplar simbólico e tan significativo na historia do Grove, a Comunidade de Montes de San Martiño [25] solicitou en 2014 á Deputación que, a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, intentase a súa clonación [26]. Foi a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (en Lourizán) quen conseguiu os permisos oportunos e en 2017 cortou varias ramas para poder replicar a árbore [27][28].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Viaje a Galicia (1745).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gran Enciclopedia Galega.
  3. Para outros, un noble, pero pode que ámbalas cousas.
  4. Profesión da que lle viría o alcume. De feito, meco, co significado de médico, corre polo sur de Ourense, tal como o recolleu Rivas Quintas ou na Gudiña nos Blancos (Frampas II, 1998).
  5. O monte máis alto da península, con 167 metros.
  6. "El cadalso justiciero del monte Siradella" (La Voz de Galicia, 27.07.2014).
  7. Pero tamén se di que viría doutro Meco, este en Almería ou, segundo Carré, procedía de Salamanca.
  8. É dicir, se perdoando ó Meco implicaba que aceptaran a infidelidade da muller. De feito, existe unha novela picaresca: "La vida y hechos de Estebanillo Gonzélez" (1646) na que a protagonista, nada en Salvaterra de Miño, se refire á nai dicíndolle: "Y cuando tuviere tan mal capricho y tan hecha la cara al desaire, que me bostezara de su gruta oscura a ser, con perdón, gallego, y a que perdonara a Meco como todos sus pasados" (Gran Enciclopedia Galega).
  9. Martín Sarmiento: Meco Moro Agudo.
  10. Francisco Javier Rodríguez (DdD).
  11. Vitor Vaqueiro.
  12. Francisco Javier Rodríguez (DdD).
  13. Carré, Vítor Vaqueiro.
  14. Carré.
  15. Francisco Meis.
  16. Aínda que non se publicou ata 1982.
  17. Cómpre lembrar o antecedente de Lope de Vega, que en 1619 escribira Fuenteovejuna, baseándose en feitos semellantes acontecidos na localidade de Fuente Obejuna (Córdoba), en 1476, en tempos dos Reis Católicos.
  18. Xesús Alonso Montero, en Gran Enciclopedia Galega, s.v. Meco, O.
  19. Luís Seoane: Cartafol O Meco.
  20. De 175x206 cm, exposto no Museo Carlos Maside, de Sada (Antón Castro e outros: 100 obras mestras da Arte Galega, Nigra Arte 1996, 204-205).
  21. Leandro Carré Alvarellos: Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán -galego (1979) (en DdD).
  22. Sarmiento: Colección de voces y frases gallegas.
  23. Vítor Vaqueiro.
  24. https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2007/20070417/AnuncioD506_gl.html.
  25. A figueira crece en terreos da parroquia de San Martiño do Grove.
  26. "San Martiño calcula que la figueira do Meco vivirá de diez a veinte años más" (La Voz de Galicia, 8.11.2016).
  27. Tal como se fixo en varias ocasións coa Árbore de Gernika, a última en 2004.
  28. "La descendencia de la Figueira do Meco" (La Voz de Galicia, 21.02.2017); "La Figueira do Meco, un poco más cerca de tener descendencia" (La Voz de Galicia, 28.04.2017).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MARTÍN SARMIENTO: Viaje a Galicia (1745). Edición e estudo por J. L. Pensado. Museo de Pontevedra, 1975, px. 59.
  • MARTÍN SARMIENTO: Meco Moro Agudo, epítetos del impostor Mahoma. Por qué los gallegos no pueden ni deben perdonar al Meco) (Madrid 1789 e 1795).
  • MARTÍN SARMIENTO: Confirmación de que el origen de la fábula del Meco y del chasco nació fuera de Galicia (inédito ata 1992).
  • RODRÍGUEZ, Francisco Javier: Diccionario gallego-castellano, ed. de Antonio dela Iglesia González, A Coruña (1863) [en Dicionario de Dicionarios, s. v. Meco.
  • CARRÉ ALVARELLOS, Lois: "O Meco", en Lérez. Revista do Centro pontevedrés de Bos Aires, 1962, edición facsímile do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (2008), px. 85-86.
  • SEOANE, Luís: Cartafol O Meco, Ediciós do Castro, Sada 1980.
  • FRANCO CALVETE, Francisco: O señor feudal ou ¿quen matou o Meco?. Breogán, Vigo 1982.
  • VERECUNDO [pseudónimo de Avelino Ochoa]: "O P. Sarmiento e O Meco", en La Voz de Galicia, 11.06.1995; "Di Sarmiento que O Meco era Mahoma", en La Voz de Galicia, 18.06.1995.
  • GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio, en Gran Enciclopedia Galega, Silverio Cañada 2003, s. v. Meco.
  • PAZ FRAMIL, Alba Nélida: El Meco y otras leyendas de O Grove, Crónica 2008.
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres. Editorial Galaxia, Vigo 2011. s.v. Meco.
  • MEIS, Francisco: "Unha árbore senlleira: a figueira do Meco", en Aunios nº 22, abril 2017, px. 37.