Enxeñaría mecánica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A enxeñería mecánica é un campo moi amplo da enxeñería que implica o uso dos principios físicos para a análise, o deseño, a fabricación, e o mantemento de sistemas mecánicos. O sistema pode ser tan simple como o deseño dunha cadeira para a comodidade ou tan complexo como as operacións do turbocompresor dun motor para a velocidade. Pode ser tan pequeno como a fabricación dunha engrenaxe usando a nanotecnoloxía ou o tan grande como a estrutura dun supertanque usado para transportar petróleo ao redor do mundo.


O desenvolvemento da enxeñería mecánica fixo aparecer novas ramas no campo da enxeñería xa que foi necesario cubrir algunhas carencias que aparecían. Aínda que nun principio estas carencias eran de fácil corrección, co tempo foi necesario aplicar maior especialización, e isto deu como consecuencia a creación de novas ramas. Comezouse a observar que ao utilizar certos materiais ao construír un mecanismo este podía resistir máis, ou que certas máquinas fallaban ao ser utilizadas en condicións extremas, co que se tivo que estudar máis a fondo as propiedades dos materiais, dando como resultado unha área coñecida como enxeñería dos materiais.

De modo análogo, cando se comezaron a percibir os inconvenientes de utilizar enerxía procedente da combustión viuse a conveniencia de aproveitar a electricidade e o magnetismo para facer funcionar máquinas, dando orixe á enxeñería eléctrica.

Aínda que certos traballos son facilmente realizados polo home, outros requiren moita precisión ou son labores moi repetitivos, o cal provoca erros. O uso de interruptores e máis adiante o uso de circuítos permitiu reducir estas marxes de erro a niveis razoables, desenvolvéndose a enxeñería electrónica e, posteriormente, a enxeñería mecatrónica.