Jawaharlal Nehru

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Jawaharlal Nehru
Jawaharlal Nehru
Jawaharlal Nehru

Emblem of India.svg
Primeiro Ministro da India
15 de agosto de 1947 – 27 de maio de 1964
Precedido por cargo de nova creación
Sucedido por Gulzarilal Nanda

Ministro de Asuntos Exteriores da India
15 de agosto de 1947 – 27 de maio de 1964
Sucedido por Gulzarilal Nanda

Ministro de financias da India
8 de outubro de 1958 – 17 de novembro de 1959
Precedido por T. T. Krishnamachari
Sucedido por Morarji Desai

Datos persoais
Nacemento 14 de novembro de 1889
Allahabad, Uttar Pradesh, Bandeira do Raj Britànic Raj Británico
Falecemento 27 de maio de 1964 (74 años)
Nova Delhi India India
Partido Partido do Congreso
Pais Motilal Nehru (pai)
Swaroop Rani (nai)
Cónxuxe Kamala Kaul Nehru
Fillos Indira Gandhi
Profesión avogado e político
Alma mater Universidade de Cambridge
Relixión Ateo agnóstico
Sinatura Sinatura de Jawaharlal Nehru

Jawaharlal Nehru (Hindi: जवाहरलाल नेहरू), nado o 14 de novembro de 1889 en Allahabad (Uttar Pradesh) e finado o 27 de maio de 1964 en Nova Delhi, foi un político indio e o primeiro (e o máis duradeiro) Primeiro Ministro da India, de 1947 a 1964.

Foi unha das principais figuras do movemento de independencia indio, Nehru foi elixido polo Partido do Congreso para ser o primeiro Primeiro Ministro da India e reelixido cando o Partido do Congreso gañou as primeiras eleccións xerais da India en 1952. Como un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados, foi tamén unha figura importante na política internacional posterior á Segunda Guerra Mundial. Chámaselle frecuentemente Pandit Nehru (sendo "pandit" un título honorífico sánscrito que signifca "profesor" ou "mestre") e, especificamente na India, Panditji (sendo "-ji" un sufixo honorífico).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do avogado e político Motilal Nehru, un destacado dirixente do Congreso, formouse no Reino Unido, na [[Universidade de Cambridge, de onde volveu ao rematar os estudos para exercer coma avogado. Ao cabo duns anos de estar no país reúnese con Mahatma Gandhi, comezando unha duradeira relación política.

Nehru converteuse no líder da esquerda do Partido do Congreso sendo aínda moi novo, chegando a converterse no seu Presidente baixo a guía de Mahatma Gandhi en 1929. Nehru foi un líder carismático e radical que reclamou a independencia total do Imperio Británico. Na longa loita pola independencia da India, na que xogou un rol principal mesmo chegando a ser encarcelado 32 meses despois dos seucesos de 1942, Nehru foi finalmente recoñecido como o herdeiro político de Gandhi. Nehru formou o primeiro goberno indio en xullo de 1946 ca oposición da Liga Musulmana que aspiraba a crear un estado separado (Paquistán).

Ao longo da súa vida, Nehru tamén defendeu o socialismo fabiano e o sector público como medios polos que as nacións máis pobres poderían conseguir os retos do desenvolvemento económico a longo prazo.

Actividade política[editar | editar a fonte]

Política exterior[editar | editar a fonte]

Como primeiro ministro e no contexto da Guerra Fría Nehru seguiu unha política exterior de non alineamento con ningúnha das dúas grandes potencias, convertíndose nun dos fundadores e dirixentes do Movemento de Países Non Aliñados. Ao mesmo tempo tamén mantivo boas relacións co Imperio Británico, na Declaración de Londres a India conviu en que ao convertirse en república en xaneiro de 1950 se uniría á Mancomunidade Británica de Nacións e aceptar ao monarca británico coma símbolo da libre asociación dos países membros independentes e como tal Xefe da Commonwealth.

En canto á relación cos seus veciños tivo varios conflitos territoriais, primeiro reclamou Cachemira pese a oposición de Paquistán, desatando a primeira guerra entre os dous países entre 1947 e 1949. Tamén se anexionou Hyderabad en setembro de 1948 e a colonia portuguesa de Goa en decembro de 1961. O último destos conflitos foi a contenda militar contra a República Popular de China en outubro de 1962, da que saiu claramente derrotado e raíz do cal desenvolveu unha política de boa vecindade.

Reforma agraria[editar | editar a fonte]

Baixo o goberno de Nehru o goberno tentou desenvolver o país o máis rápido posibel comezando a reforma agraria e a industrialización do país. A reforma agraria foi exitosa no seu comezo, abolindo os grandes latifundios, porén non tanto na redistribución desta terra, a pesar de que se estableceron límites para a propiedade da terra. Os esforzos para introducir a agricultura cooperativa a gran escala foron frustados polas élites terratenentes rurais, nucleo da dereita do Congreso da India.

Pese a tódolos problemas a producción agrícola creceu ata comezos de 1960 grazas ao aumento da superficie agrícola e algúns proxectos de rego. A esto sumóuselle a creación de Universidades Agrícolas, onde entre outras cousas se traballou con variedades de alto rendimento de trigo e arroz, procedentes de México e Filipinas.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casouse en 1916 con Kamala Kaul, a súa única filla foi Indira Gandhi, nada en 1917. Kamala deu a luz a un neno en 1924 pero morreu ao cabo dunha semana. Nehru foi acusado de manter relacións extramatrimoniais con Padmja Naidu e Edwina Mountbatten, a filla de Edwina, Pamela, recoñeceu a relación platónica desta con Nehru.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Jawaharlal Nehru

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
creación do cargo
Primeiro ministro da India
Emblem of India.svg

1947 a 1964
Sucesor:
Gulzarilal Nanda