Hokusai Katsushika

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.
Hokusai Katsushika

Hokusai nun auto-retrato de 1839
Nacemento 23 de setembro de 1760
Lugar de nacemento Toquio, Flag of Japan.svg Xapón
Morte 10 de maio de 1849
Lugar de morte Toquio, Flag of Japan.svg Xapón
Nacionalidade xaponés
Eido pintura e gravado
Movemento ukiyo-e
Traballos Trinta e seis vistas do Monte Fuji, A grande onda de Kanagawa, Cen vistas do Monte Fuji, Hokusai Manga
Influenciado por Katsukawa Shunsho
Influenciado Hiroshige

Katsushika Hokusai (葛飾 北斎?), nado no distrito de Honjō o 12 de outubro de 1760 e finado en Toquio o 10 de maio de 1849, coñecido simplemente co nome de Hokusai (北斎), foi un pintor, debuxante especialista de ’ukiyo-e, gravador e autor de escritos populares xaponeses do período Edo. É un dos principais artistas desta escola coñecida como «pinturas do mundo flotante». [1]. A súa obra influíu en numerosos artistas europeos, especialmente en Gauguin e Van Gogh. Asinou ás veces os seus traballos, a partir de 1800, como Gakyōjin, « O louco do debuxo », así como cunha manchea de nomes: Shunro, Sori, Kako, Taito, Iitsu e Manji.[2]

Foi autor dunha obra inmensa e variada. Por exemplo, no Hokusai Manga (北斎まんが, Hokusai Manga) (1814-1849),[3]mostra a vida diaria da súa poboación, cunha gran exactitude e sentido do humor.[4]Realizou gravados de paisaxes, as Trinta e seis vistas do monte Fuji (富嶽三十六景, Fugaku Sanjūroku-kei)(ca. 1830-1833)[5] e as Cen vistas do monte Fuji (1834),[4]que reflicten en parte unha fixación persoal co Monte Fuji. Foron obras desta serie, A grande onda de Kanagawa (神奈川沖浪裏, Kanagawa Oki Nami Ura) e Fuji en días claros (凱風快晴, gai kaze kaisei), as que aseguraron a fama de Hokusai, tanto dentro do Xapón como no estranxeiro.

A mediados do século XIX os seus gravados, así como os doutros artistas xaponeses, chegaron a París. Alí eran coleccionados, especialmente por parte de artistas impresionistas da talla de Vincent Van Gogh, Claude Monet, Edgar Degas e Henri de Toulouse-Lautrec, cunha obra que denota unha profunda influencia dos gravados mencionados. O historiador Richard Douglas Lane dixo del e a súa obra:

En efecto, se hai un traballo que fixo o nome de Hokusai famoso, tanto no Xapón como no estranxeiro, debe ser esta serie de impresións monumental ...
Lane, Richard (1978). Images from the Floating World, The Japanese Print.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A grande onda de Kanagawa, é a obra máis coñecida de Hokusai e a primeira da súa famosa serie Trinta e seis vistas do monte Fuji. Esta estampa representa unha tempestade en alta mar no momento en que a crista dunha onda está a piques de romper sobre a barca duns mariñeiros, xusto no centro e ao fondo vese o monte Fuji.

Naceu co nome de Tokitaro ao leste de Toquio.[6] Non se sabe quen foron seus pais. Foi adoptado, desde moi cativo, por un prestixioso artesán de Edo, familiarmente coñecido co nome de Nakajima Ise, —fabricante de espellos para a corte do shōgun—,[7] co que traballou como aprendiz e do que posteriormente foi lexítimo herdeiro, feito que fai pensar que, posiblemente, sexa certa a historia que explica que Hokusai era verdadeiramente fillo de Nakajima, fillo dunha concubina.[8]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

O dragón de fume escapando do monte Fuji.
Ilustración para Leccións rápidas ao debuxo simplificado.
O soño da muller do pescador, xilografía do xénero shunga de contido erótico, deseñada por Hokusai arredor do ano 1820.

De novo, Hokusai decidiu traballar como vendedor nunha prestixiosa libraría, e a partir dos 15 até os 18 anos, entrou como aprendiz de gravador nun taller. Esta aprendizaxe do mundo do libro e do comercio da impresión contribuíu ao desenvolvemento de Hokusai como impresor.[7] No ano 1778, con 18 anos de idade, converteuse en discípulo do mestre da escola ukiyo-e, Katsukawa Shunsho, co que aprendeu a técnica do gravado con planchas de madeira (xilografía), especializándose en retratar actores de kabuki, (Yakusha-e 役者絵 «cadros de actores»). Hokusai publicou os seus primeiros traballos ao ano seguinte, co nome de Shunro (勝川 春朗).[8] Este traballo consistiu nunhas invitacións impresas para o teatro kabuki, nas que o xénero da escola de Katsukawa aparece xa totalmente dominado polo seu alumno.[7]

A xulgar polas idades dos seus fillos, Hokusai debeu contraer matrimonio aos 20 anos. Posiblemente, debido á influencia da vida familiar, neste período os seus deseños tenden a centrarse en retratos de actores e mulleres situados en ambientes históricos e en xardíns. Utilizaba a técnica «uki-e» —paisaxes semi-históricas nos que se utiliza a técnica occidental da perspectiva—, así como estampas de nenos. Os libros de ilustracións do artista e os seus textos trataban temas históricos e didácticos, ao tempo que o traballo de Hokusai no xénero surimono durante toda a década seguinte marcou un dos puntos culminantes da súa carreira.[9]

O xénero surimono utilizábase, principalmente, para publicar tarxetas para as ocasións especiais como aninovo, para presentar programas musicais, avisos e outras felicitacións. Sempre adoitaban ser en edicións limitadas que ofrecían unha impresión perfecta e da máis alta calidade. Na maioría dos casos, os surimono encargábanos as sociedades de poetas coa finalidade de ilustrar o poema ganador dun concurso literario. Normalmente estes gravados eran dun formato pequeno e o feito de ter que tallar en relevo os caracteres kanji requiría unha gran habilidade técnica.

Cara aos 30 anos, Hokusai sufriu importantes cambios persoais. O seu mestre Katsukawa Shunso morreu en 1793 e a súa muller faleceu máis ou menos pola mesma época, deixándolle tres fillos —un rapaz e dúas rapazas—. No ano 1797 volveu casar e adoptou o coñecido nome profesional de Hokusai. Este cambio de nome marcou o inicio da idade de ouro do seu traballo, que continuou durante máis de medio século.[7]

Etapa principal[editar | editar a fonte]

A obra de Hokusai neste período cobre toda a gama da arte ukiyo-e: tarxetas, surimono, libros ilustrados, ilustracións de antoloxías de poemas, libros eróticos, pinturas a man ou libros de bosquexos. Dentro dos temas tratados por Hokusai, en escasas ocasións competiu con Utamaro, o mellor gravador de voluptuosas imaxes femininas. Pese a esta limitación consciente, Hokusai tratou de abarcar unha ampla gama de temas, especialmente puxo énfase na representación de paisaxes e escenas históricas, nas que a figura humana desempeña un papel secundario. Arredor do final da centuria introduciu no seu estilo a técnica da perspectiva e o colorido occidental. Publicou unha serie de retratos femininos titulados Cancións de Itako.[2]

A partir do século XIX, Hokusai comezou na ilustración do yomihon, un tipo de novelas históricas de alto nivel intelectual.[2]Baixo a súa influencia, o seu estilo empezou a sufrir cambios importantes e claramente visibles entre 1806 e 1807. A súa figura e o seu traballo cada vez tiñan un recoñecemento maior, aínda que perdeu en delicadeza e tendeu a prestar maior atención aos temas clásicos tradicionais, especialmente a representación de samurais, guerreiros ou temas chineses, e neste período empezou a afastarse do mundo de ukiyo-e.[10]

Arredor do ano 1812, o fillo maior de Hokusai morreu. Esta traxedia non foi só un duro golpe emocional senón tamén económico, porque, como herdeiro da acomodada familia Nakajima, o seu fillo supoñía o medio de obter unha importante renda, de maneira que Hokusai non tiña que preocuparse pola irregularidade con que lle chegaban os cobros pola venda das súas pinturas, deseños e ilustracións. Fose por razóns económicas ou por outra cuestión descoñecida, a partir deste momento a atención de Hosaki centrouse na ilustración de libros e particularmente nos libros que eran copias de gravados deseñados para artistas aficionados, como Leccións rápidas ao debuxo simplificado. Esta iniciativa serviu para atraer máis alumnos ao seu taller.[11]

Xunto á fama das súas detalladas impresións e ilustracións, Hokusai colleitou tamén grande éxito nas exposicións públicas da súa pintura; fixo, por exemplo, unha enorme pintura duns 200 m2 con figuras mitolóxicas para un multitudinario festival.[6] Incluso unha vez foi convocado para mostrar as súas habilidades artísticas ante o shogun, teoricamente un axudante do emperador que na práctica era o gobernador do Xapón.[6]

No verán de 1828, a súa segunda esposa faleceu. Hokusai tiña entón 68 anos, e atopábase aflixido, cunha parálise intermitente no brazo esquerdo, só e cun neto conflitivo, que demostrara ser un delincuente incorrixible. Ante esta situación, a súa filla favorita e alumna, O-ei, rompeu o seu matrimonio cun artista menor e volveu á casa do pai onde permaneceu o resto da súa vida.[12]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Sinatura de Katsushika Hokusai.

Hokusai traballou até o último día da súa existencia. Era un artista enérxico que se levantaba cedo e pintaba até a noite. Esta fora a súa forma de actuar durante toda a súa longa e produtiva vida, e foi tamén a dos seus anos finais. Dos milleiros de libros e de impresións de Hokusai, as súas Trinta e seis vistas do Monte Fuji son particularmente notables. Publicada entre 1826 e 1833, esta famosa serie, que cos suplementos incluía un total de 46 impresións a cor, marcou un fito na impresión xaponesa de paisaxes. A grandeza do deseño e a habilidade da execución non fora acadada até ese momento, incluso no traballo de seu contemporáneo Utagawa Hiroshige. En conxunto, Hokusai tivo unha gran produción artística integrada por unhas trinta mil obras.[13]

Os continuos cambios de domicilio de Hokusai -residiu en máis de 90 vivendas-, e incluso os cambios de nome, son elementos significativos do carácter do artista. Ademais do seu nome principal, Hokusai utilizaba outros dous pseudónimos ocasionais, e arredor dunha vintena de nomes que, indistintamente, engadía ao seu nome principal.[2]

Pese aos seus desexos por seguir vivindo unha década máis, o día 18 do cuarto mes —do calendario xaponés— de 1849, «o vello tolo pola pintura», como el mesmo se definía, morreu aos 89 anos, sen ter satisfeito a procura da última verdade sobre a pintura.[2]

Anos antes, no prefacio da publicación de Cen vistas do Monte Fuji escribiu:

[...] á idade de cinco anos tiña a manía de facer trazos das cousas. Á idade de 50 producira un gran número de debuxos, con todo, ningún tiña un verdadeiro mérito até a idade de 70 anos. Aos 73 finalmente aprendín algo sobre a verdadeira forma das cousas, paxaros, animais, insectos, peixes, as herbas ou as árbores. Polo tanto, á idade de 80 anos terei feito un certo progreso, aos 90 penetrarei máis na esencia da arte. Aos 100 chegarei finalmente a un nivel excepcional e aos 110, cada punto e cada liña dos meus debuxos, posuirán vida propia [...]
[14][15]

O monte Fuji[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Monte Fuji.

O monte Fuji é un símbolo do Xapón, é unha montaña sagrada dende o século VII. Existe unha lenda sintoísta que explica que o emperador ordenou destruír a parte superior da montaña para conseguir o elixir da inmortalidade; o fume que escapa ás veces explicábase pola bibida que se consume. O fume é unha consecuencia da súa actividade volcánica. Por outra banda, segundo a tradición, é o fogar dos deuses sintoístass Fuji-hime e Sakuya-hime.[16] Tamén a morte de Jikigyō Miroku (1671-1733), un monxe budista que morreu de xaxún na montaña, potencia a veneración desta montaña e transforma a súa visita nun ritual cheo de significados.[17]

A montaña serviu de inspiración a moitos poetas e apareceu en infinidade de representacións pictóricas. A obra máis antiga que se coñece é un debuxo en papel que hai nunha porta corredía do século XI.[18] Foi obxecto dun tratamento especial polos pintores xaponeses do sécule XIX e, alén da obra de Hokusai,[19] foi a fonte de inspiración doutro gran artista, Hiroshige (1797-1858), que presenta as Cincuenta e tres estacións de Tokaido (1833-1834) publicadas en diversas edicións orixinais ata 1857; tamén pintou dúas series persoais co nome de Trinta e seis vistas do monte Fuji.[20] No mesmo período, Utagawa Kuniyoshi (1798-1861) realizou algunhas representacións do Fuji. Máis recentemente, destacan dúas obras: Fuji, de Kokei Kobayashi (1883-1957), e Aka-Fuji (Fuji vermell), de Yokoyama Misao (1920-1973).[18]

A representación tan adoita do monte Fuji por parte de Hokusai tamén ten un compoñente relacionado coas súas crenzas relixiosas. Hokusai foi membro da orde budista de Nichiren. No Xapón, esta montaña estivo tradicionalmente vencellada á vida eterna, e esta crenza remóntase ó Conto do leñador de bambú. Trata a historia de Kaguya (かぐや ou 輝夜, Luz brilante), unha princesa filla da Lúa nada no toro do bambú para compracer a dous anciáns que xa non podían ter fillos, que depositaron o elixir da vida eterna no cumio da montaña. Así, dende a antigüidade, o monte Fuji foi visto como unha fonte do segredo da inmortalidade, unha tradición que formaba parte da mesma obsesión de Hokusai pola montaña.[21]

Lista de goh[editar | editar a fonte]

Esta é unha lista de tódolos nomes profesionais (goh) empregados por Hokusai:[22]

Obra[editar | editar a fonte]

Pinturas e ilustracións[editar | editar a fonte]

Título e sinatura de Hokusai en Trinta e seis vistas do Monte Fuji. No cartucho, o título na parte superior esquerda: «冨嶽三十六景 / 神奈川沖 / 浪裏» que significa «Fugaku sanju-rokkei / Kanagawa-oki / nami-ura», «Trinta e seis vistas do monte Fuji / dende Kanagawa / sobre a onda». A sinatura da parte superior esquerda da letra na esquerda da caixa hai escrito: «北斎改為一筆», que significa «Hokusai aratame Iitsu hitsu».</ref>

A seguinte é unha selección de obras de Hokusai, listadas en orde cronolóxica. Algunhas destas obras citáronse ou empregáronse como ilustracións nalgunhas das biografías de Hokusai, e son representativas dos mellores traballos de Hokusai ou de determinados períodos do desenvolvemento da súa arte.

  • Festas das casas verdes (ca. 1790)
  • Festas para os doce meses (ca. 1790)
  • Estranxeiros ollando costumes xaponeses (1796)
  • Serie de Chushingura I (ca. 1800)
  • Brocados impresos de trinta e seis poetisas (1801)
  • Cincuenta poetas imaxinarios, cada un cun poema (1802)
  • O Fuji na primavera (1803)
  • Trinta e seis estacións en Tokaido (1804)
  • Serie de Chushingura II (1806)
  • Suikoden (1807)
  • Retratos de seis poetas (ca. 1810)
  • Manga de Hokusai, vol. 1 (1814)
  • Gashiki de Hokusai (1819); Soga de Hokusai (1820)
  • Trinta e seis vistas do monte Fuji (ca. 1830-33)[5]
  • Vistas de pontes famosas (ca. 1827-30)
  • Neve, lúa e flors (ca. 1827-30)
  • Flores e paxaros (ca. 1827-30)
  • Toshi-sensor (1833-36)
  • Cen vistas do monte Fuji (1834-35)
  • Cen poemas contados pola neneira (ca. 1845).

Análise[editar | editar a fonte]

A súa obra está considerada como unha das máis importantes do Xapón con respecto da pintura paisaxística. A finais do século XVIII e comezos do XIX o enriquecemento da burguesía xaponesa foi a gran impulsora da prolífica elaboración de estampas en serie, coñecidas co nome de ukiyo-e ou «Pinturas do mundo flotante». Estas estampas, cun custe máis reducido que unha pintura orixinal, eras as que a nova clase social podía mercar. Deste xeito, malia que a técnica do ukiyo-e se practicaba e era coñecida dende había tempo –con artistas destacados como Hishikawa Moronobu–, é neste período cando van a ser máis populares. As obras gravábanse principalmente sobre bloques de madeira de cerdeira, e o impresor podía facer copias do orixinal ata que o gravado da madeira comezase a desaparecer. O tema principal eran retratos nun primeiro plano de mulleres, actores de teatro kabuki e samurais, que aparecen tant en escenas eróticas como humorísticas. Tamén aparecen rodeados de paisaxes, e nesta especialidade, Hokusai demostrou toda a súa mestría.[23]

Hokusai estudou e experimentou durante a súa vida novas correntes artísticas, entre as que destacan as das escolas Kano, Tosa e Korin. Revélase como un gran especialista da pintura tradicional chinesa, e tamén como un bo coñecedor da pintura occidental, sobretodo dos gravados holandeses.[24] Na época que máis recibiu a influencia da pintura chinesa,[1] unha característica relevante do seu estilo foi a utilización de elementos da paisaxe chinesa e as facianas das personaxes moi amplas, propias dos habitantes daquel país. Estas semellanzas pódense ollar no seu cadro Tametomo e os demos de 1811 que se atopa no Museo Británico de Londres.[25]

Hokusai Manga[editar | editar a fonte]

A meirande das obras de Hokusai é a colección de 15 volumes chamada Hokusai Manga (北斎漫画). É unha colección cuns 4.000 debuxos moi diversos que inclúen paisaxes, flora, fauna, e escenas da vida cotiá. É unha obra impresa en tres cores: negro, gris e rosa claro. O primeiro debuxo publicouse no ano 1814, cando o artista tiña 55 anos; os tres últimos volumes publicáronse postumamente, e o derradeiro deles é considerada unha obra apócrifa.[26] Erroneamente, crese que estes bosquexos son o precedente dos modernos manga. O nome de manga, na obra de Hokusai, fai referencia a unha colección de bosquexos non conectados entre si por ningunha historia; polo tanto, teñen unha concepción diferente da banda deseñada na que se fundamenta o manga moderno. Cabe dicir que a forma de traballar, sobre papel transparente e levándoo a cabo en diversas fases, si que ten unha semellanza no xeito de elaborar o moderno manga.

Estes debuxos realizados cando o artista tiña entre 60 e 70 anos, son recoñecidos como o mellor da súa obra. Hokusai foi un dos pintores que máis contribuíu a facer que a pintura de paisaxes e sobre a natureza –paxaros e flores– chegase a ser unha icona da cultura do Xapón.[2]

Influencia[editar | editar a fonte]

No ano 1854, os portos xaponeses abríronse ó comercio con Europa. A partir ese intre, entre outras cousas, a influencia da estética xaponesa vaise estender axiña por Occidente e, dun xeito especial, en París. Pintores impresionistas como Henri de Toulouse-Lautrec, Paul Gauguin, Edgar Degas, Vincent Van Gogh e Claude Monet, recibiron a súa influencia. Entre os artistas xaponeses que máis van chamar a atención en Occidente destaca Hokusai.[27] Malia que a existencia do estilo ukiyo-e remóntase a tres centos anos atrás, o seu gran desenvovemento vaise producir durante os séculos XVIII e XIX, xa que nunha sociedade xaponesa con máis recursos económicos, as xilografías eran moi aprezadas. Máis adiante, co intercambio comercial entre Xapón e Occidente, tamén se produciu un descenso da producción das xilografíass. Entre os anos 1868 e 1912, chegaron ó Xapón importacións de bens occidentais, entre eles a fotografía e as novas técnicas de impresión, innovacións que provocaron que o estilo ukiyo-e chegase practicamente a desaparecer.[24]

Vincent van Gogh foi un dos pintores que expresaron a súa grande admiración cara as estampas xaponesas e sábese que realizou diversas copias das súas xilografías. Sobre eles deixou escrito:

Envexo ós xaponeses e a súa incrible e neta claridade da que están impregnados tódolos seus traballos. Nunca resultan aburridos nin dan a impresión de telos realizado á presa... O seu estilo é tan sinxelo coma respirar. Son quen de facer unha figura cuns poucos trazos seguros, e que semelle tan doado como abotoar o chaleco.[28]

A obra de Van Gogh recibiu con especial intensidade a influencia de Hokusai. Isto é patente nas derradeiras paisaxes cheas de movementos ondulantes, no gran círculo que forma o sol envolto por liñas que forman as diferentes cores, o negro que emprega nos seus contornos e no ritmo de trazos rotos; tamén é ben evidente nunha das súas últimas pinturas, Iris (1889). Despois de realizar Iris, nunha carta ó seu irmán Theo, Van Gogh coméntalle que as súas propias obras: «Non parecen xaponesas, pero son as creacións máis xaponesas que fixen nunca».Modelo:Mida[29]

Claude Monet estuvo influído, sen dúbida, por artistas xaponesos en xeral, pero as dúas referencies principais foron Hokusai e Hiroshige. A serie de Nenúfares de Monet está inspirada en flores de Hokusai, así como a longa serie realizada sobre a Catedral de Ruán, que Monet só pintou dende o mesmo ángulo, poderíase relacionar coa serie do Monte Fuji, aínda que Hokusai as fixo dende lugares diferentes. A influencia obsérvase pola forma de representar a atmosfera, o ambiente e a luz que era a intención de ámbolos dous artistas. Monet chegou a instalar no xardín da súa casa unha ponte xaponesa, onde realizou numerosas paisaxes influído pola impresión que lle produciu a colección que adquirira de gravados xaponeses.[30]

Yanagawa Shigenobu foi o seu primer discípulo e logo concerteuse no seu xenro. Como Hokusai, fixo moitos traballos de ilustración, gran cantidade de surimono e, seguindo os pasos do seu mestre, tamén dedicouse á arte shunga. Entre os seus alumnos destacaron Shotei Hokuju; como tódolos discípulos de Hokusai, tentou imitar ó seu mestre na técnica e na expresión, aínda que se decantou máis cara a pintura occidental, cun colorido máis sinxelo e brilante, e as súas composicións caracterízanse polas formas xeométricas.[31] Uoya Hokkei, pasou pola escola de Hokusai e decantouse por facer paisaxes do estilo chinés, como algunhas das primeiras obras do mestre; tamén se conservan numerosas ilustracións humorísticas moi semellantes ós poemas de Hokusai.[32]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Atkison, Daniel; Leslie, Stewart. "Katsushika Hokusai (1760-1849):Life and Art of Katsushika Hokusai". http://web.archive.org/web/20021108104201/http://www.csuchico.edu/art/contrapposto/contrapposto99/pages/essays/themefloating/hohusaimnt.html. Consultado o 7 de xuño de 2012.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Walther, Ingo F. 1994: p.196
  3. O volume VI do Manga, "Debuxos a punta de pincel", foi a primeira estampa de Hokusai que foi adquirida por «Cabinet des Estampes» da Biblioteca Nacional de Francia; pertencía á colección Van Overmeer Fisscher, un holandés que estivera en Nagasaki. As estampas xaponesas causaron furor no mundo occidental e eran importadas do Xapón aos Estados Unidos e a Europa. G. Lambert, Ukiyo-e. Imatges d'un món efímer, p. 11; catálogo da Exposición organizada pola Fundación Caixa Catalunya e a Bibliothèque nationale de France, do 16 de xuño ao 14 de setembro de 2008.
  4. 4,0 4,1 La Gran Enciclopèdia en català 2004: Volume XI
  5. 5,0 5,1 British Museum. "British Museum". http://www.britishmuseum.org/research/search_the_collection_database/search_object_details.aspx?objectid=3097579&partid=1&searchText=JCF20008&fromADBC=ad&toADBC=ad&numpages=10&orig=/research/search_the_collection_database.aspx&currentPage=1. Consultado o 7 de xuño de 2012.
  6. 6,0 6,1 6,2 "Katsushika Hokusai". http://www.epdlp.com/pintor.php?id=2884. Consultado o 7 de xuño de 2012.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Walther, Ingo F. 1994: p.195
  8. 8,0 8,1 Weston, Mark 2002: p.116
  9. "Hokusai". Britannica Concise Encyclopedia. http://www.answers.com/topic/hokusai. Consultado o 7 de xuño de 2012.
  10. Walther, Ingo F. 1994: p.152
  11. Weston, Mark 2002: p.118
  12. Raymonde, Gans de 1976: p.178
  13. Enciclopèdia Salvat 1997: Volum 9
  14. Walther, Ingo F. 1994: p.155
  15. Bouquillard, Jocelyn (2008). "L'aparició de l'estampa de paisatge al segle XIX". Ukiyo-e. Imatges d'un món efímer. Catálogo. Barcelona: Fundació Caixa Catalunya -Bibliothèque nationale de France. pp. p.212. ISBN 978-84-89860-92-6.
  16. Le Fuji sacré (en francés)
  17. CNRS: Jikigyō Miroku and Ichiji fusetsu no maki (en francés)
  18. 18,0 18,1 Le mont Fuji dans les arts. (en francés)
  19. Matthi Forrer i Edmont de Goncourt, Hokusai, 1988
  20. Marianne Grivel, Hiroshige, un impressionniste japonais, Les albums du Cabinet des Estampes de la Bibliothèque nationale, Éd. Albin Michel, 1984
  21. Smith, Henry D., 1998
  22. Sandra Andacht (en inglés). Collector's value Guide to Japanese woodblock prints. ISBN 1-58221-005-5.
  23. Gans, Raymonde de 1976: páx.53
  24. 24,0 24,1 Fahr-Becker, Gabriele 1994: páx.21
  25. Historia Universal da Arte 1984: Volum 11
  26. Hillier, Jack 1980: páx.100
  27. Zacharías, Thomas 1994: páx.30
  28. Walther, Ingo 2000, páx.27
  29. Zacharías, Thomas 1994: pàg.32
  30. Zacharías, Thomas 1994: páx.32-33
  31. Fahr-Becker, Gabriele 1994: páx.156-157
  32. Fahr-Becker, Gabriele 1994: pàg.160

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bowie, Theodore (1964). The Drawings of Hokusai. Indiana University Press, Bloomington.
  • Bru, Ricard (2009) (en català). Tentacles d'amor i de mort: de Hokusai a Picasso, Imatges secretes. Picasso i l'estampa eròtica japonesa. Barcelona: Museu Picasso. ISBN 978-84-9850-187-2.
  • DDAA (1997) (en castelán). Enciclopedia Salvat: Volum 9. Barcelona: Salvat Editores. ISBN 84-345-9716-0.
  • DDAA (1984) (en castelán). Historia Universal del Arte: Volum 11. Madrid: SARPE. ISBN 84-7291-599-9.
  • DDAA (2008) (en catalán) (Catálogo). Ukiyo-e. Imatges d'un món efímer.. Barcelona: Fundació Caixa Catalunya - Bibliothèque bationale de France. ISBN 978-84-89860-92-6.
  • Gans, Raymonde de (1976) (en castelán). Japón. El Imperio del Sol Naciente. Xénova/Barcelona: Ferni/Círculo de Amigos de la Historia. ISBN 84-225-0597-5.
  • Hillier, Jack (1980) (en inglés). Art of Hokusai in Book Illustration.. Londres: Sotheby Publications. ISBN 0-520-04137-2.
  • Forrer, Matthi (1988) (en inglés). Hokusai. New York: Rizzoli. ISBN 0-8478-0989-7.
  • Forrer, Matthi (1982) (en inglés). Hokusai and His School: Paintings, Drawings and Illustrated Books. Haarlem: Frans Halsmuseum. ISBN 90-70216-02-7.
  • Hillier, Jack, and Dickens, F.W. (1960). Fugaku Hiyaku-kei (One Hundred Views of Fuji by Hokusai). Frederick, New York.
  • Kondo, Ichitaro (1966). Trans. Terry, Charles S. The Thirty-six Views of Mount Fuji by Hokusai. East-West Center, Honolulu.
  • Lane, Richard Douglas (1978) (en inglés). Images from the Floating World, The Japanese Print. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-211447-1.
  • Michener, James A. (1958). The Hokusai Sketch-Books: Selections from the 'Manga'. Charles E. Tuttle, Rutland.
  • Morse, Peter (1989). Hokusai: One Hundred Poets. George Braziller, New York. ISBN 0-8076-1213-8.
  • Narazaki, Muneshige (1968). Trans. Bester, John. Masterworks of Ukiyo-E: Hokusai — The Thirty-Six Views of Mt. Fuji. Kodansha, Tokyo.
  • van Rappard-Boon, Charlotte (1982). Hokusai and his School: Japanese Prints c. 1800–1840 (Catalogue of the Collection of Japanese Prints, Rijksmuseum, Part III). Rijksmuseum, Amsterdam.
  • Smith, Henry D. (1988) (en inglés). Hokusai: One Hundred Views of Mt. Fuji. Nova York: George Braziller, Inc., Publishers. ISBN 0-8076-1195-6.
  • Walther, Ingo F (1994) (en castelán). Köln: Taschen. ISBN 3-8228-9548-2.
  • Walther, Ingo (2000) (en castelán). Vincent van Gogh 1853-1890. Germany, Taschen. ISBN 3-8228-6193-6.
  • Weston, Mark (2002) (en inglés). Giants of Japan: The Lives of Japan's Most Influential Men and Women. Kodansha America. ISBN 1-56836-324-9.
  • Zacharías, Thomas (1994) (en castellà). Grabados japoneses: Cereza. Madera. Flores.. Köln: Taschen. ISBN 3-8228-9548-2.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hokusai Katsushika