Xaponismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Xaponismo é un termo que se refire á influencia das artes niponas nas occidentais. A palabra foi empregada por primeira vez por Jules Claretie no seu libro L'Art Francais en 1872, publicado ese mesmo ano [1]. As obras creadas a partir da transferencia directa dos principios da arte xaponesa ao mundo occidental, especialmente as realizadas por artistas franceses, denomínanse japonesque (xaponerías).

Dende a década de 1860, as ukiyo-e ou xilografías xaponeses, convertíronse en fonte de inspiración para moitos pintores impresionistas de Francia e do resto de occidente, e posteriormente tamén para artistas modernistas e cubistas, que se interesaron pola asimetría e a irregularidade da arte xaponesa. As principais características desta arte que influíron nos artistas occidentais foron a ausencia de perspectiva, a luz sen sombras, as áreas planas de cores vibrantes e a liberdade de composición ao localizar os suxeitos descentrados. Todos estes elementos contrapoñíanse á arte greco-romana e foron aceptados polos artistas do século XIX, os cales buscaban liberarse da mentalidade artística occidental e das convencións académicas.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Colta F. Ives, "The Great Wave: The Influence of Japanese Woodcuts on French Prints", 1974, The Metropolitan Museum of Art