Historia do Exipto árabe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
Historia de Exipto
Egypte louvre 284.jpg
Historia do Exipto Antigo
O Exipto greco-romano
O Exipto árabe
O Exipto otomán
Muhammad Alí e os seus sucesores
Historia do Exipto contemporáneo

Exipto formou parte do mundo árabe desde o ano 641, rexido primeiro por gobernadores dependentes do califato omeia de Damasco. En 747, os omeias foron derrocados e rachouse a unidade do mundo árabe. Exipto ficou baixo o dominio nominal do califato abásida, se ben os seus gobernantes estableceron dinastías case independentes, como as dos tulúnidas e os ixidis. En 969, a dinastía isamelí dos fatímidas, procedentes de Tunicia, conquistou Exipto e estableceu a capital en Cairo. A dinastía durou até 1174, cando Exipto foi dominado por Saladino, cuxa dinastía, a dos aiubís, durou até 1252. Estes foron derrocados polos seus gardas persoais, turcos, os mamelucos, que gobernaron baixo os califas abasís até 1517, cando Exipto pasou a formar parte do Imperio Otomán.

A conquista árabe de Exipto[editar | editar a fonte]

O período dos califas      Profeta Mahoma, 622-632      Califado patriarcal, 632-661      Califado omeia, 661-750

En 639, o segundo califa, Omar, enviou a Exipto un exército duns 4000 homes baixo o mando de Amr ibn al-As. A este exército sumóuselle outro de 12000 homes ao ano seguinte e venceron o exército bizantino na batalla de Heliópolis. Amr proseguiu cara a Alexandría, que se lle rendeu o 8 de novembro de 641. A Tebaida toda parece que se rendeu sen apenas oposición.

Acusouse da facilidade coa que o Imperio Bizantino perdeu esta provincia tan valiosa pola traizón do gobernador de Exipto, Ciro de Alexandría, Patriarca de Alexandría, que perseguira os coptos. En 645 tentouse recuperar Alexandría de novo, pero Amr retomouna ao ano seguinte. En 654, rexeitouse unha frota enviada por Constante II. A partir de entón os bizantinos xa non tentaron a serio recuperar o país e parece que os propios coptos estiveron máis tranquilos cos árabes, xa que os musulmáns eran máis tolerantes en cuestións relixiosas que os bizantinos. A cambio dun imposto específico e da obrigan de auxiliaren o exército con diñeiro e comida, os cristiáns de Exipto estaban escusados de realizaren o servizo militar e podían continuar observando as súas prácticas relixiosas.

No período que vai desde a conquista musulmá ao fin da dinastía omeia, a política de ocupación árabe transformouse nunha de colonización sistemática. As conversións ao Islam foron escasas nun principio e o antigo sistema de impostos mantívose durante a maior parte do primeiro século islámico. Mantívose a vella división do país en distritos (nomos). Para os habitantes deses distritos as queixas dirixíanse directamente ao gobernador de Exipto, en canto que o cabeza da comunidade, normalmente un copto, mais nalgúns casos un musulmán, era responsábel de que se cumprise a sentenza. O resentimento dos coptos contra o imposto levou a unha revolta en 725. En 727, para fortalecer a presenza árabe, asentáronse uns 3000 árabes nunha colonia preto de Bilbeis. O emprego do árabe fora aumentando e en 706 converteuse na lingua oficial do goberno. Os coptos rebeláronse nos anos 739 e 750 (o derradeiro do dominio omeia). Estes levantamentos débense en todos os casos ao aumento fiscal.

O período abásida implicou a creación de novos impostos e os coptos rebeláronse de novo no cuarto ano de dominio abásida. A comezos do século IX volveuse a rexir Exipto mediante un gobernador: Abdallah bin Tahir decidiu residir en Bagdad, enviando un delegado a Exipto que gobernase por el. Houbo outro levantamento copto en 828 e en 831 coptos e árabes uníronse contra o goberno.

Durante o século IX, Exipto foi gobernado sobre todo por turcos, que o facían no nome do gobernador Árabe. Exipto entrou en conflito con Siria e co Califato, até que se chegou á paz en 891. En 914 Exipto foi invadido pola primeira vez por unha forza fatímida enviada polo califa al-Mahdi Obaidallah, na altura establecida en Kairawan. O fillo do Mahdi logrou tomar Alexandría en 919 e non foron expulsados até o 921, grazas a reforzos enviados desde Bagdad. En 969 o xeneral fatímida Jauhar lanzouse a conquistar Exipto á fronte dun exército que se dicía constaba de 100.000 homes. O 6 de xullo de 969 entrou en Fostat e Exipto pasou do califato oriental ao occidental.

O Período Fatímida[editar | editar a fonte]

Califado Fatímida c. 969

Jauhar comezou inmediatamente a construir unha nova cidade, Cairo, que servise de acuartelamento para o exército que trouxera. Tamén se construíron un palacio para o califa e unha mezquita para o exército, que se convertiu por moito tempo no centro do saber musulmán. Porén, os cármatas de Damasco, ás ordes de Hasan al-Asam avanzaban cara Exipto através de Palestina e no outono de 971 Jauhar atopouse rodeado na súa nova cidade. Cunha saída afortunada (precedida de convenientes subornos), Jauhar logrou inflinxirlle unha derrota aos sitiadores, que deberon deixar Exipto e parte da Siria.

En 973, o califa al-Muizz tomou posesión do palacio. Dado que a súa familia representaba a versión xií do Islám, semellante á dos cármatas, contaba con que se lle rendisen. Pero non foi así e ao ano seguinte sitiáronno. Conseguiunos rexeitar finalmente. Tamén se tivo que ver cos exércitos bizantinos en Siria. Antes da súa morte foi recoñecido califa na Meca e en Medina, así como na Siria, Exipto e no norte de África até Tánxer.

Baixo o visir al-Aziz foise moi tolerante coas outras seitas do Islám e coas demáis comunidades relixiosas, mais a crenza de que os cristiáns de Exipto estaban en connivencia co emperador bizantino e a sospeita de que queimaran unha flota que se estaba a construir para combatilo, provou a súa perseguizón. Al-Aziz tentou infrutuosamente establecer relacións co gobernante buída de Bagdad e tentou apoderarse de Aleppo, chave do Irak, mais non o logrou grazas á intervención dos bizantinos. Logrou manter e extender as súas posesións norteafricanas, mais o recoñecimento do califa fatímida nesta rexión era pouco máis que nominal.

O seu sucesor, al-Hakim bi-Amr Allah ascendeu ao trono aos once anos. Era fillo de Aziz e de nai cristiá. O seu goberno foi vigoroso e existoso e logrou unha paz co emperador de Bizancio. En occidente é recordado especialmente por ter destruído a Igrexa do Santo Sepulcro de Xerusalém (1009), unha medida que contribuíu a provocar as Cruzadas, e polas perseguicións relixiosas. Creou tamén unha biblioteca no Cairo segundo o modelo dunha institución semellante en Bagdah. No derradeiro ano do seu reinado (1020), proclamou a súa divindade (predicada por Muhammad al-Darazi, de quen os seus seguidores actuais, os drusos, toman nome). Por razóns descoñecidas, al-Hakim desapareceu en 1021.

En 1049 a dinastía Zeirida do Magreb retornou á fe sunita e submeteuse ao califato de Bagdad, aínda que ao mesmo tempo o Yemen recoñeceu o califato fatímida. No entanto, Bagdad pasou a poder dos turcos selxúcidas liderados por Tughrul Beg. Os turcos saquearon Cairo en 1068 mais foron expulsados en 1074; Siria foi arrasada por Malik Shah e Damasco perdeuse para sempre para os fatímidas. Esta é tamén a época dos Hashshashin, ou asasinos.

Durante as Cruzadas, al-mustafá ficou en Alexandría e axudoulles aos cruzados a rescatar Xerusalén dos ortóquidas, facilitándolle polo tanto que a conquistasen en 1099. Entregouse logo a subsanar o seu erro entrando el mesmo na Palestina, mais foi derrotado na batalla de Ascalon e deubeu repregarse para Exipto. A maior parte das posesións palestinas dos fatímidas pasaron entón a mans dos cruzados.

En 1118 Exipto foi invadido por Balduíno I de Xerusalém, que queimou as poras e as mezquitas de Farama e avanzaba cara Tinnis cando debeu retirarse por unha enfermidade. En agosto de 1121 al-Afdal Shahanshah foi asasinado nunha rúa do Cairo, pode ser que coa connivencia do califa, quen inmediatamente saqueou a súa casa, chea de tesouros. Sucedeuno como visir al-Mamn, quen tivo tan pouco éxito no exterior como o seu antecesor e perdeu Tiro frente aos cruzados e viu como unha flota equipada por el era derrotada polos venencianos.

En 1150 perdeuse Ascalon, o derradeiro reduto fatímida na Siria. Aos catro anos (1154), o califa al-Zafir foi asasinado polo seu visir Abbas, seguido dun masacre dos seus irmáns e da ascensión ao trono do seu fillo menor Abul-Qasim Isa.

O sultán Shawar tomou o control do Cairo a principios de [[1163]; aos nove meses foi obrigado a fuxir a Damasco, onde foi ben recibido polo príncipe Nur al-Din, quen o enviou ao Cairo cunha forza de curdos baixo o mando de Asad al-din Sirguh. Ao mesmo tempo, Exipto foi invadido polos cruzados francos, que arrasaron a costa. Shawar recapturou Cairo. Surxiu unha disputa cos aliados sirios sobre a posesión de Exipto e Shawar pediulle axuda ao rei de Xerusalén, o franco Amalrico I. Sitiaron a Shirguh en Bilbeis durante tres meses e, á vista dos éxitos de Nur al-Din en Siria, os francos permitironlle a Shirguh volver a Siria a cambio de abandonar Exipto.

Dous anos máis tarde, Shirguh convenceu a Nur al-Din para que o enviase de novo a Exipto. Os francos apresuráronse a socorrer a Shawar. Na batalla de Babain (11 de abril de 1167), os aliados foron vencidos polas forzas comandadas por Shirguh e o seu sobriño Saladino, que foi nomeado prefecto de Alexandría (que se rendira a Shirguh sen loita). En 1168 Amalrico invadiu de novo, mais houbo de retirarse cando Shirguh volveu. O novo visir aceptou gobernar no nome de Nur al-Din, cuxo nome se mencionaba na oración pública despóis do do califa. Nur al-Din axudou na defensa contra as invasións cruzadas de Exipto e ordenoulle a Saladino que substituíse o nome do califa abásida polo do do fatímida na oración pública. O último califa fatímida morreu pouco despóis, en setembro de 1171.

Período aiúbida[editar | editar a fonte]

Imperio aiúbida na súa maior extensión

Saladino foi confirmado á frente de Exipto e, á morte de Nur al-Din (o 12 de abril de 1174), asumiu o título de sultán. Durante o seu reinado Damasco, e non o Cairo, foi a cidade principal do imperio. Porén, fortificou Cairo, que se convertiu no centro político de Exipto. O seu dominio sobre Exipto e o norte de Siria consolidouse en 1183. Saladino pasou a maior parte do tempo na Siria, onde combateu os estados cruzados, mentres Exipto era gobernado polo seu delegado Karaksh.

O fillo de Saladino, Othman, sucedeuno en Exipto en 1193. Aliouse co seu tío Abu Bakr (irmán de Saladino), contra os outros fillos de Saladino até que Abu Bakr gañou o poder en 1200. Morreu en 1218 durante o sitio de Damietta durante a Quinta Cruzada e sucedeuno al-Kamil, que perdeu Damietta diante dos cruzados en 1219. Logrou, porén, deter o seu avance caro o Cairo anegando o Nilo. Al-Kamil debeu máis tarde entregarlle varias cidades da Palestina e a Siria a Frederico II, Sacro Emperador Romano durante a Sexta Cruzada para recabar a súa axuda contra Damasco.

Najm al-din converteuse en sultán en 1240. O seu reinado viu a reconquista de Xerusalém en 1244 e a introdución dunha forza maior de mamelucos no exército. AS maior parte do tempo pasouno en campañas na Siria, onde se aliou cos khwarezmias contra os cruzados e os aiúbidas. En 1249 enfrentouse cunha invasión de Luís IX de Francia (a Sétima Cruzada) e perdeu Damietta de novo. Najm al-Din morreu pouco despois mais o seu fillo Turahshah venceu a Luís e expulsou aos cruzados de Exitpo. Turanshah foi deposto enseguida polos mamelucos, que se converteran en "facedores de reis" desde a súa chegada e querían agora todo o poder para eles.

Período dos mamelucos bari[editar | editar a fonte]

Mamelucos bari na súa maior extensión. O azul indica os Ilkhanates

Os sultáns mamelucos proviñan dos escravos manumitidos que constituían a corte e os mandos do exército e eran incapaces de crearen unha nova dinastía, xa que deixaban menores que eran a continuación depostes. O primeiro destes foi Aibek, que casou coa nai de Turanshah e iniciou inmediatamente unha guerra contra a Siria. Foi asasinado en 1257 e sucedeuno qutuz, quen se enfrontou á crecente ameaza dos mongois. Qutuz venceu o exército de Hulagu Khan na batalla de Ain Jalut en 1260, o que lle permitiu reconquistar toda a Siria a excepción das prazas aínda en posesión dos cruzados. De volta a Exipto, Qutuz foi asasinado por outro comandante, Baybars, quen se apoderou do sultanato e gobernou de 1260 a 1277. Acre (a derradeira cidade cruzada) foi capturada en 1291 polo sultán Khalil.

Os barís incrementaron o poder e prestixio de Exipto, transformando Cairo dunha vila pequena nunha das cidades preminentes do mundo. Debido ao saqueo de Bagdag polos mongois, Cairo converteuse na cidade central do mundo musulmán. Os mamelucos construíron moita da arquitectura máis antiga que aínda resta no Cairo, incluíndo moitas mesquitas de pedra.

En 1377 unha revolta que nacera na Siria estendeuse ao Exitpo e o goberno foi derrubado polos circasianos Berekeh e Barkuk; Barkuk foi proclamado sultán en 1382, finalizando a dinastía baría. Foi expulsado en 1389 mais recapturou Cairo ao ano seguinte, establecendo a dinastía burxí.

Período dos mamelucos burxi[editar | editar a fonte]

A dinastía burxí gobernou Exipto de 1382 a 1517. Este período resultou especialmente turbulento, con sultáns que duraron pouco. As intrigas políticas resultaban decisivas á hora de designar un novo sultán. Durante esta época os mamelucos combateron a Timur Lenk e conquistaron Chipre. As disensións internas facilitaron a conquista otomana.

En 1517 os turcos otománs e o seu sultán Selim I venceron os mamelucos coa captura de Cairo o 20 de xaneiro. O centro do poder foi transferido para Estambul. Porén, o Imperio Otomán conservou os mamelucos como clase gobernante en Exipto e os mamelucos e a familia burxí lograron conservar moita da súa influencia, se ben ficaron tecnicamente como vasalos dos otománs.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]