Historia do Exipto baixo Muhammad Alí e os seus sucesores

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
Historia de Exipto
Historia do Exipto Antigo
O Exipto grecorromano
O Exipto árabe
O Exipto otomán
Muhammad Alí e os seus sucesores
Historia do Exipto contemporáneo

O reinado de Muhammad Alí e dos seus sucesores sobre Exipto foi un período de modernización e reformas rápidas que conduciu a Exipto a converterse nun dos estados máis desenvolvidos fora da Europa. Provocou tamén enormes gastos por parte do goberno que terminaron por enviar ao país á bancarrota e permitiron que caese baixo control británico.

Ascenso ao poder[editar | editar a fonte]

Ao final da guerra civil entre turcos otománs, mamelucos exipcios e mercenarios albaneses (1803-1807), o albanés Muhammad Alí fíxose co control de todo o Exipto e o sultán otomán tívoo que recoñecer. A partir dese momento Muhammad Alí foi o amo indiscutido de Exipto e dirixiu os seus esforzos ao mantemento da súa independencia.

Campañas contra os wahhabís[editar | editar a fonte]

Muhammad Alí Pasha

Muhammad Alí recoñeceu a soberanía do sultán e, constrinxido pola Sublime Porta, en 1811 despachou un exército ao mando do seu fillo de dezaseis anos Tusun contra os wahhabís. A campaña non resultou doada e Muhammad Ali tivo que saír el mesmo para Arabia ao ano seguinte. Depuxo e exiliou ao Sharif de Meca e, morto o líder wahhabí Saud II, concluíu un tratado co seu fillo e sucesor en 1815

Volveu inmediatamente a Exipto ao lle chegaren as novas da fuxida de Napoleón de Elba, pois temía que os franceses, ou os ingleses, tivesen a Exipto na súa mira e estaba tamén inseguro dos planes dos turcos.

En 1816, Muhammad Alí, insatisfeito co tratado asinado cos wahhabís, preparou unha segunda campaña arábica. Enviou outro exército, desta vez ao mando do seu fillo máis vello Ibrahim Pasha (Tusun morrera). Dous anos máis tarde, Ibrahim capturou a capital wahhabí de Deriya

Reformas[editar | editar a fonte]

En 1808 comezou a nacionalizar a terra de todo Exipto, que pagou con pensións. Tentou reorganizar os exércitos segundo os modelos europeos, o que ocasionou un motín no Cairo. Creáronse monopolios estatais sobre os principais produtos do país. Construíronse fábricas e en 1819 comezouse a construír un canal do Nilo a Alexandría, chamado o Mahmudiya na honra do sultán reinante. En 1838 asinou un tratado comercial con Turquía, negociado por Sir Henry Bulwer (Lord Darling) que, cando foi aplicado anos máis tarde, supuxo un duro golpe para os monopolios.

En 1822 iniciou o cultivo do algodón, traído do Sudán, no delta do Nilo. Promovéronse a educación e o estudo da medicina. Muhammad Alí favoreceu aos mercadores europeos, de que dependía para a exportación dos produtos e o porto de Alexandría medrou en importancia. Tamén se retomou o tránsito por terra de mercadoría de Europa á India a través de Exipto.

Invasión do Sudán[editar | editar a fonte]

En 1820 Muhammad Alí emprendeu a conquista do Sudán oriental coa pretensión de dominar o tráfico de caravanas que se dirixía ao Mar Vermello e de asegurarse as minas de ouro que se pensaba que existían en Sennar. As tropas foron comandadas polo seu fillo máis novo, Ismail, que morreu nesta campaña. O defterdar (ministro de economía) asumiu o control destas provincias, fundou Cartum e estendeu o dominio exipcio até o mar.

A revolta de Ahmad[editar | editar a fonte]

En 1824, un tal Ahmad rebelouse no Alto Exipto. Auto-proclamouse profeta e foi seguido por entre 20.000 e 30.000 insurxentes, a maioría campesiños, mais moitos desertores do exército, polo que a forza contaba con algo de organización. A insurrección foi esmagada e Ahmad desapareceu.

Os anos seguintes viron a imposición da orde por todo o Exipto grazas ás forzas de Alí, moi ben preparadas e disciplinadas. Aseguráronse o Nilo e as estradas para todos os viaxeiros, cristiáns ou musulmáns e establecéronse relacións pacíficas cos beduínos.

A campaña grega[editar | editar a fonte]

Muhammad Alí foi sempre consciente de que algunha vez tería que defenderse militarmente do sultán, Mahmud II, cuxa política visaba diminuír o poder dos seus vasalos máis ambiciosos e que contaba entre os seus asesores con inimigos declarados do paxá de Exipto.

Mahmud planeaba tamén incorporar algunhas reformas provenientes de Occidente e Muhammad Alí, que coñecía ben a superioridade dos métodos de guerra europeos, estaba determinado a anticiparse ao sultán na creación dunha frota e dun exército segundo os modelos europeos, en parte como medida de precaución, en parte como instrumento para a realización de proxectos máis ambiciosos. Antes do estalido da Guerra de Independencia grega, xa empregara moito tempo e enerxía en organizar unha frota e en adestramento baixo a supervisión de instrutores franceses e oficiais nativos, aínda que non foi até 1829 que a construción dun estaleiro e un arsenal en Alexandría lle permitiu construír e equipar os seus propios navíos. En 1823 a reorganización do exército xa estaba feita e os elementos turbulentos turcos e albaneses foran substituídos por sudaneses e fellahin. A efectividade da nova forza demostrouse na supresión da revolta dos albaneses do Cairo en 1823, último motín ao que se tivo que enfrontar Muhammad Alí.

A súa previsión foi recompensada cando o sultán lle solicitou axuda para someter aos insurxentes gregos ofrecéndolle como recompensa Morea e Syria. Xa fora nomeado gobernador de Creta en 1821, cando a ocupara cunha pequena forza exipcia. En 1825 a súa frota desembarcou en Morea pero as forzas turcas e exipcias foron derrotadas en 1828 pola alianza de franceses, ingleses e rusos.

Guerra co sultán[editar | editar a fonte]

Alí foi á guerra contra o sultán sobre o territorio sirio e durante dez anos este conflito concitou o interese mundial e atraeu a atención especialmente dos ingleses, que vían comprometidas as rutas á India polo Istmo de Suez e polo val do Éufrates e dos rusos, que tamén interviñeron. O sultán cedeu en 1833 e Muhammad Ali viuse reinando no que era practicamente un imperio independente (suxeito só a un tributo moderado) que se estendía desdo Sudán ás Montañas do Taurus, aínda que non estivese exento de conflitos. En 1839 o sultán atacou de novo e foi derrotado pero, antes de que as noticias chegasen a Constantinopla, Mahmud morrera.

As potencias europeas interviñeron para evitar que Alí se apoderase tamén do Imperio Otomán.

Final do goberno de Alí[editar | editar a fonte]

En 1841 establecéronse fronteiras máis firmes entre Exipto e o Imperio Otomán e restrinxiuse a posición de Alí, enfatizando a súa condición de vasalo. Prohibíuselle manter unha frota e limitouse o tamaño do exército.

En 1847 comezou a construción dunha ponte sobre o Nilo no comezo do delta. Muhammad Alí morreu en 1849.

Os sucesores de Muhammad Alí[editar | editar a fonte]

Abbas I acabou co sistema de monopolios comerciais e iniciou os camiños de ferro entre Alexandría e Cairo, instigado polo goberno británico. Non era moi dado a aceptar as ideas europeas e viviu recluído. En 1854 foi asasinado por dous escravos.

O seu tío, Said Pasha, debeuse enfrontar ao comercio de escravos que se cebaba sobre o Sudán, pero non tiña a fortaleza necesaria. Estaba baixo influencia francesa e en 1854 concedeulle ao enxeñeiro francés Ferdinand de Lesseps a construción do Canal de Suez. Para os británicos fixo concesións para a Compañía Oriental de Telégrafos e en 1854 para a creación do Banco de Exipto. Con el Exipto comezou a ter débeda externa. En 1863 foi substituído polo seu sobriño Ismael de Exipto, fillo de Ibrahim Pasha.

Ismael o Magnífico[editar | editar a fonte]

O reinado de Ismael (1863 a 1879) celebrouse como unha nova era no Exipto moderno. Tentou grandes proxectos de reforma pero estes, xunto coa súa extravagancia persoal, conduciron á bancarrota e a última parte do seu reinado ten a importancia histórica de ter conducido á intervención das potencias europeas nos asuntos internos de Exipto.

Ismael mellorou o sistema administrativo instaurado por Muhammad Alí. En 1865 creo o servizo postal; reorganizou as academias militares e promoveu a educación. Construíu camiños de ferro, telégrafos, faros, o porto de Suez, o quebra-mar de Alexandría etc... con empresas europeas. En 1869 abriu o Canal de Suez. Para estas realizacións utilizáronse os beneficios producidos polos prezos inflados do algodón, causados pola Guerra Civil Americana.

As condicións de vida da poboación non melloraron moito e, acabados os ingresos extraordinarios do algodón e con débedas moi crecidas, subiron os impostos e finalmente Ismael tivo que venderlle o Canal de Suez aos ingleses e perder así o control desta vía de auga. Estas crises provocaron que o goberno británico se interesase pola situación financeira do país, no que tiña moitos intereses, e con eles tamén outros países, que foron así arrincándolle concesións.

En 1876 estableceuse un "Control Dual", mediante o cal un funcionario inglés inspeccionaba os ingresos e outro francés as despesas. Os camiños de ferro e o porto de Alexandría internacionalizáronse. Levado da desesperación, Ismael fixo da necesidade virtude e en 1878 aceptou, en lugar do Control Dual, un ministerio constitucional baixo a presidencia de Numbar Pasha, cun ministro de finanzas inglés e un de obras públicas francés. Aos poucos meses revolveuse pero Inglaterra e Francia, apoiados pola Sublime Porta, destituírono en 1879 e puxeron ao seu fillo no lugar.

Control Dual[editar | editar a fonte]

Durante os dous anos seguintes o Control Dual iniciou o traballo que máis tarde había de continuar Inglaterra en solitario. Contaba coa inimizade da anterior clase gobernante e do exército. Un oficial, Ahmed Urabi, iniciou unha protesta dirixida a protexer aos exipcios da rapina dos opresores turcos e europeos. O movemento comezou entre oficiais árabes, que se queixaban de que se preferise aos oficiais turcos e estendeuse como ataque á posición privilexiada e influencia predominante dos estranxeiros, moitos dos cales non eran precisamente moi respectábeis. Finalmente dirixiuse contra todos os cristiáns, estranxeiros e nativos. O goberno tivo que facer concesións e Urabi acabou sendo membro do consello de ministros.

Por medo a un levantamento serio, os ingleses e franceses enviaron frotas a Alexandría en 1882. Os franceses dubidaron pero os británicos, para sufocar as revoltas, bombardearon Alexandría.

Exipto ocupado polos británicos[editar | editar a fonte]

O goberno británico decidiu empregar a forza armada e convidou aos franceses e italianos, que declinaron envolverse. As tropas desembarcaron e a intervención militar, que se pensaba temporal, duraría até 1956

Constituíuse un goberno dirixido por Sherif Pasha e con Riaz Pasha como un dos seus principais membros. Xulgados os líderes da rebelión, Urabi confesouse culpábel, foi sentenciado a morte e a pena conmutada polo exilio, o que provocou a dimisión de Riaz. O establecemento do novo goberno foi supervisado polo embaixador británico en Constantinopla, Lord Dufferin, que procurou que seguise liñas occidentais, liberais.

Gobernantes[editar | editar a fonte]

Walís (Gobernadores) de Exipto, 1805-1867

Xedives de Exipto, 1867-1914