Saltar ao contido

Helios Gómez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHelios Gómez

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento27 de maio de 1905 Editar o valor en Wikidata
Sevilla, España Editar o valor en Wikidata
Morte19 de setembro de 1956 Editar o valor en Wikidata (51 anos)
Barcelona, España Editar o valor en Wikidata
Ideoloxía políticaComunismo libertario Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintor, ilustrador, revolucionario, debuxante, cartelista, escritor, anarcosindicalista, poeta, artista gráfico Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Comunista de España Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Conflitoguerra civil española Editar o valor en Wikidata

Páxina webheliosgomez.org Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1170925

Helios Gómez Rodríguez, nado en Sevilla en 1905 e finado en Barcelona o 19 de setembro de 1956, coñecido popularmente tamén coma o artista da gravata vermella, foi un pintor, cartelista e poeta, membro da vangarda artística de comezos do século XX e contertulio doutros artistas da época coma Luis Buñuel, Salvador Dalí e Federico García Lorca.

Helios naceu no sevillano barrio de Triana, do que sempre fixo profesión, así como do seu pobo xitano. Fixo os seus primeiros estudos na Escola Industrial de Artes e Oficios de Sevilla, aprendendo o traballo de decorador de cerámica, traballando coma axudante de pintor na fábrica da cartuxa de Sevilla e mais asistindo ós cursos nocturnos da escola de Belas Artes.

No 1923 uniuse á CNT, publicando os seus primeiros traballos no xornal anarquista Páginas libres. No 1925 expuxo por primeira vez no Café Kursaal obras de carácter cubista, moi criticadas pola tradicional sociedade andaluza do intre. Esta exposición foi máis tarde trasladada ao Ateneo de Madrid e á galería Dalmau de Barcelona, cunha mellor acollida.

As súas opinións libertarias levárono a participar nas revoltas do momento, véndose obrigado a exiliarse a París no 1927, desde onde comezou unha viaxe por distintas cidades europeas, ao ser expulsado por participar nas manifestacións de rexeitamento polas execucións dos anarquistas Sacco e Vanzetti. Ficou nun primeiro intre en Bruxelas, onde ilustrou o libro Rien qu'un homme de Max Deauville.

Pasou por Ámsterdam, Viena e estivo dous meses na URSS. No 1929 estudou tipografía e máis interiorismo en Berlín e publicou nalgúns medios coma o Berliner Tageblatt. No 1930 a AIT publicou en Berlín o seu primeiro álbum Días de Ira.

Ao finalizar a ditadura de Primo de Rivera volveu a Barcelona, onde colaborou nos xornais L'Opinió, La Rambla, La Batalla, L'Hora, Bolivar, Estudios e Nueva España, con distintas portadas e ilustracións. No 1930 publicou o manifesto Porqué me marcho del anarquismo e ingresou na Federació Comunista Catalano-Balear, anotándose ao Bloc Obrer i Camperol, do que axiña foi expulsado polas súas tendencias ideolóxicas libertarias e mais por militar tamén en grupos comunistas prosoviéticos.

Ao proclamarse a Segunda República Española participou no asalto do cárcere de mulleres de Barcelona. Trasladouse a Madrid e afiliouse ao PCE, colaborando no xornal Mundo Obrero. Foi detido en 1931 pola súa militancia no partido e encarcerado en Madrid, e despois en Xaén, desde onde marchou a Bruxelas ao conseguir a liberdade. De alí foi a Moscova, invitado coma representante español ao Congreso Internacional de Artistas Proletarios co gallo do 25 aniversario da URSS. Desta viaxe escribiu máis tarde no seu poema Erika unha autocrítica ideolóxica desa época, moito máis próxima ao individualismo radical do ideólogo anarquista Max Stirner, que do colectivismo intelectual dos comunistas:

¡Volar! ¡Crear! aunque la creación no puede ser colectiva, Erika: es siempre individual. El conjunto puede sólo ampliar, cooperar en la tarea. Ése es el destino de la colectividad, secundar el pensamiento libre, inquisitivo del individuo. ¡El tesoro más valioso de la humanidad!
Helios Gómez, Erika

No 1933 expuxo no Museo Pushkin de Moscova e editou o seu 2º álbum, Revolución española. No 1934 volveu a Barcelona, onde foi detido ao participar na revolución de 1934 e ingresado nun buque cadea. Durante a súa estancia no mesmo, fixo o seu terceiro álbum, Viva Octubre, publicado no 1935 e adicado a estes feitos.

Guerra civil

[editar | editar a fonte]

No 1935 fundou en Barcelona Els Sis. Na primavera do 1936, profesionais gráficos reuníronse no Ateneu Enciclopèdic Popular para crearen un sindicato de debuxantes e adherirse ao Sindicato de Artes Gráficas, constituíndose a xunta directiva e sendo Helios Gómez elixido presidente por aclamación absoluta dos presentes. Chamouse "Sindicato de Dibujantes Profesionales", adicándose ao cartelismo para grupos republicanos e anarquistas. Loitou nas barricadas da defensa de Barcelona e entrou a formar parte da Alianza de Intelectuales Antifascistas de Cataluña.

Nomeado comisario político da UXT, encargouse de organizar a columna Ramón Casanellas. Embarcouse coa Expedición Bayo para liberar Eivisa e Mallorca, e interveu nas frontes de Aragón, Madrid e Andalucía. Foi acusado de matar a un capitán do seu propio bando, ao aplicar unha medida disciplinaria esaxerada, e trasladouse a Madrid para evitar represalias. Foi expulsado do PSUC en 1937, en plena guerra civil, e perseguido polos estalinistas, que o acusaron de trotskista. Regresou á súa antiga militancia anarquista na Confederación Nacional do Traballo. No 1939 foi nomeado Miliciano de Cultura da 26ª División, antiga Columna Durruti, e encargouse da dirección e maquetación do xornal voceiro de dita columna, El Frente, e da organización en Barcelona do acto de homenaxe a Buenaventura Durruti.

Posguerra

[editar | editar a fonte]

Logo da derrota republicana, pasou por diversos campos de concentración, entre eles o de Vernet d'Ariège onde se relacionou con Max Aub, en Francia, e Alxeria desde febreiro do 1939 a maio do 1941. Foi liberado e trasladouse a Francia onde coñeceu a Mercedes Planas, nai do seu único fillo, Gabriel. Non puido dar por terminada a loita e pasou a Barcelona, onde creou o efémero grupo Liberación Nacional Republicana no 1944, á vez que fundou a Casa de Andalucía, curiosamente xunto cun militar español. Un ano despois foi detido e pasou 5 meses na cadea. Expuxo na Galería Arnaiz, no 1948, obras de carácter surrealista, e fixo os murais do Jazz Colón e da Residencia Sant Jaume de Barcelona.

Volto a deter por unha escura causa de asociación ilegal, foi novamente ingresado na cadea. Alí pintou, nun oratorio do Cárcere Modelo de Barcelona, o fresco A Capela Xitana, posteriormente encalado, e escribiu un corpus poético. Ficou no cárcere ata 1954, a pesar de existir unha orde de liberdade desde 1950. O 19 de setembro de 1956 morreu en Barcelona.

O personalísimo xeito do pintor sevillano empezouse a facer nas páxinas da revista anarquista Páginas libres. Á vez que comezaba a se relacionar politicamente cos anarquistas, fíxoo coas vangardas artísticas da época, contrastando fortemente coas correntes artísticas da conservadora Sevilla do momento. Isto explica que a súa primeira exposición no Cafe Kursaal fora acollida con indiferenza e rexeitamento. Expuxo nesa ocasión obras nun estilo cubista e futurista representando a paisaxe social andaluza e máis a danza xitana. Pasou despois ao Ateneo de Madrid e á galería Dalmau de Barcelona, onde contou cunha moito mellor acollida.

Máis tarde no seu paso por Europa, Helios foise relacionando con tódolos artistas da vangarda, aínda que a súa maior influencia foron os alemáns. Relacionouse moito co debuxante alemán George Grosz e máis co promotor e galerista Herwarth Walden, dono da galería Der Sturm de Berlín. Anos despois declarou que esta cidade influíu decisivamente na súa carreira artística:

En esta ciudad comenzó mi educación artística. Alemania es la nación del mundo que posee más valores absolutos en las artes plásticas.

Na mesma cidade publicou no 1930 o seu primeiro álbum Días de Ira, adicado "A todas las víctimas del fascismo mundial". Prologado polo Premio Nobel francés Romain Rolland, di na súa introdución:

Vigor de acento, un heroismo de líneas y de ritmos que hacen alcanzar grandeza a alguna de sus planchas y les aseguran desde el presente un valor clásico.
Romain Rolland, Días de Ira, prólogo

Antes de publicar este álbum, fixo unha declaración de principios, manifestando a súa intención de poñer o seu arte ao servizo da propaganda obreira e da loita da clase proletaria. No álbum está moi presente a estética cubista, os seus debuxos en branco e negro compoñen unha denuncia do terror contra o proletariado por parte do Estado, unha crónica de dor e rabia. En toda a obra advírtese a proximidade coa propaganda obreira internacional, facendo fincapé nos tópicos relixiosos, con especial crítica á xerarquía eclesiástica, á que fai obxecto da súa máis crúa visión. Os versos que acompañan as imaxes, duros e contundentes, avivan aínda máis a durísima crítica social que inunda os gravados do autor.

O cambio de estratexia política do artista no 1930 plásmase nas súas obras, que pasaron a formar parte do estilo comunista da arte para a propaganda, evitando o concepto burgués da arte pola arte. Mentres vivía na URSS cunha alemá, Ira, nada no país e a que nos anos 50 adicou o poema Erika de máis de 92 páxinas; publicou o seu segundo álbum Revolución Española. Prologado polo escritor ruso I. Máza a súa estética troca radicalmente. Presionado polos ideólogos comunistas, deixou os trazos cubistas para pasar a un debuxo de máis fácil comprensión, máis próximo ao realismo socialista; afectando ao grafismo do autor, en favor dunha maior propaganda revolucionaria. Os seus debuxos reforzan a carga expresiva dos persoeiros proletarios, pobres e explotados. O dramático grafismo transmite máis fielmente a realidade, en prol dunha maior educación revolucionaria.

Máis tarde do seu exilio en Europa, publicou en Bruxelas o seu terceiro álbum Viva Octubre, debuxado na súa estancia na cadea. Prologado polo escritor francés Jean Cassou, os seus debuxos en tinta negra manteñen a mesma execución formal da súa anterior obra, mantendo a súa dura crítica social. Adicados aos sucesos revolucionarios que había pouco vivira, son debuxos no mesmo xeito do seu anterior álbum, describindo a dura represión vivida.

Logo da guerra apareceron 4 debuxos en tinta titulados Horrores de la Guerra, agora nunha colección particular. Estes debuxos, de data descoñecida, son obras de perfección e detalle coidados ao máximo, describindo minuciosamente as miserias da contenda.

Despois da guerra, ademais das súas colaboracións en revistas e portadas de libros, debuxou carteis de propaganda republicana e anarquista, no seu estilo habitual de denuncia social e propaganda revolucionaria. Tamén pintou por encargo murais decorativos na residencia Sant Jaume e no Jazz Colón. No 1948, mentres permanecía na cadea, celebrouse unha exposición dos seus debuxos, de estilo surrealista, que tivo unha boa acollida; ironicamente entre os sectores burgueses contra os que sempre loitara.

Logo da súa estancia no cárcere Modelo de Barcelona, pintou nunha cela, a primeira do corredor dos condenados a morte e que servía de capela, a chamada Capela Xitana. Estes debuxos mostraban a unhas persoas de trazos xitanos, con anxos negros, segundo a canción de moda da época, o bolero de Antonio Machín. Moi discutida polas autoridades penitenciarias do intre, pola súa transgresora factura, resistiu ata 1996, no que foi branqueado, aínda que máis tarde recuperouse.

A obra de Helios Gómez estivo toda a súa vida ao servizo da revolución e o obreiro, mais cun estilo innovador e vangardista. A súa desgarradora visón da explotación obreira e do sitio do artista no concepto da loita de clases, levoulle a pintar e escribir unha das máis persoais páxinas da arte do noso país.

  • Dias de Ira, AIT Berlín, 1930.
  • Revolución Española, Editorial Estatal da Arte, Moscova, 1933.
  • Viva Octubre, Bruxelas, 1935.

Publicacións

[editar | editar a fonte]
  • Helios Gómez Poemas de loita e sonos 1942-1956 Associació Cultural Helios Gómez Barcelona, 2006

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ursula Tjaden Die Hülle zerfetzen Helios Gómez 1905-1956 Andalusier Künstler Kampfer Elefanten Press Verlag GmbH Berlín, 1986.
  • Ursula Tjaden Helios Gómez Artista de corbata roja Txalaparata, Tafalla, 1996.
  • IVAM Centre Julio González Helios Gómez 1905-1956 Generalitat Valenciana, 1998.
  • Carles Fontseré Memòries d'un cartelista català (1931-1939). Ed Pòrtic, Barcelona, maio de 1995.
  • Juan Manuel Bonet Artistas contra la guerra Ajuntament de Barcelona, 1986.
  • Estampas de la España que sufre y lucha, Comité Regional Juventudes Libertarias, Barcelona
  • Ferran Aisa. Una història de Barcelona (AEP 1902-1999). Editorial Virus, 2000..

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]