Giorgio Vasari

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Giorgio Vasari
Arquitecto
Autorretrato.
Nacemento 30 de xullo de 1511
Arezzo
Falecemento 27 de xuño de 1574
Florencia
Obras destacadas Galería Uffizi

Giorgio Vasari, nado en Arezzo o 30 de xullo de 1511 e finado en Florencia o 27 de xuño de 1574, foi un escritor, pintor e arquitecto italiano. Nacido nunha familia modesta, foi autor dunha aprezada escolma biográfica titulada Vida dos máis excelentes pintores, escultores e arquitectos (Le Vite de' più eccellenti pittori, scultori, ed architettori) (1560-1570). Esta obra ten importancia, pois nela puxo as bases das primeiras aproximacións metodolóxicas da Historia da arte.

A partir de 1553 traballa na corte dos Médicis en Florencia e funda a Academia de debuxo en 1562. En 1564, proxecta, sempre en Florencia, o "corredor" que une o Palazzo Vecchio con o Pazo Pitti, que constrúe en 5 meses, baixo encargo de Cosme I. Permitiu que os Médicis circulasen sen baixar á rúa para atravesar o Arno pola Ponte Vella (Ponte Vecchio), cheo de admirábeis cadros (moitos autorretratos). Realizaría ademais a reforma de Santa Maria Novella. En 1574 comezou a decoración da cúpula de Santa Maria del Fiore, a catedral florentina, realizando as figuras próximas á lanterna, pero a súa morte fixo que a obra fose rematada por Federico Zuccaro. Fóra de Florencia, traballou en Pistoia (Santa María da Humildade) e Pisa (pazo dos Cabaleiros de Santo Estevo).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Aprendizaxe[editar | editar a fonte]

Giorgio Vasari.

A idade moi temperá converteuse en alumno de Guglielmo da Marsiglia -destacado pintor de vidreiras- a quen foi recomendado polo seu parente o pintor Luca Signorelli. Ao dezaseis anos o cardeal Silvio Passerini enviouno estudar a Florencia onde frecuentou o estudo do escultor Baccio Bandinelli e tratouse co círculo de Andrea del Sarto e dos seus alumnos Rosso Fiorentino e Jacopo Pontormo. En Florencia coñeceu a Miguel Anxo, a quen reverenciou toda a vida, próximo a marchar a Roma, e cuxo estilo de pintura influíu nel poderosamente.

En 1529 visitou Roma e estudou as obras de Rafael e doutros artistas romanos da xeración anterior. Foi empregado regularmente por patróns da familia Médicis en Florencia e Roma e traballou tamén en Nápoles, Arezzo, Pisa, Bolonia e Módena.

Fama[editar | editar a fonte]

Vasari gozou dunha alta reputación durante a súa vida e amasou unha considerable fortuna. Tamén gozou da consideración dos seus paisanos de Arezzo, cidade dependente de Florencia, onde rematou de construír en 1547 unha fermosa casa, agora museo consagrado a el, a cuxa decoración dedicou moito esforzo. Foi nomeado representante do consello municipal da súa cidade natal e finalmente ostentou o cargo supremo de gonfaloniere. Foi tamén coleccionista de debuxos, que nalgúns casos servíronlle para formular os xuízos artísticos que incluíu nas súas Vidas.

O manierismo de Vasari foi máis admirado durante a súa vida que despois. Débese entender que Vasari era en certo xeito un romántico, lúcido e entusiasta ante o papel novo que estaba a desempeñar na arte o movemento realista no que participaba e ao que puxo nome, en certo xeito de rachadura co pasado. Non é que ao ser manierista fose un imitador, é que se trataba dun artista tan lexítimo como outros.

Obra de arquitectura[editar | editar a fonte]

Como arquitecto, a súa obra principal foi a Galleria degli Uffizi (en galego Galería dos Oficios), en Florencia, edificio dun clasicismo simétrico e moi elegante. Tamén levantou a longa pasaxe que conecta os Uffizi co Palacio Pitti a través da Ponte Vecchio, en 1559. Desgraciadamente fixo moito para estragar as igrexas medievais de Santa Maria Novella e Santa Croce, nas que non respectou o coro e o trascoro e ás cales remodelou ao gusto manierista da época. En Roma colaborou na construción da Vila do Papa Xullo III, Vila Giulia, iniciada en 1552, con Giacomo Barozzi da Vignola e Bartolomeo Ammanati. Varios edificios de Pistoia foron deseñados por el.

Obra de pintura[editar | editar a fonte]

Comezou os frescos da cúpula da catedral de Florencia, que non rematou. Débenselle tamén os frescos do gran salón do palacio da Chancelería, en Roma e especialmente algúns dos frescos decorativos do Palazzo Vecchio en Florencia. En 1563 fundou a Accademia del Disegno en Florencia, baixo a protección de Cosme I, con Miguel Anxo como cabeza da institución e trinta e seis artistas elixidos como membros.

As vidas dos máis excelentes pintores, escultores e arquitectos[editar | editar a fonte]

Como o primeiro historiador da arte italiano, iniciou o xénero dunha enciclopedia de biografías artísticas que continúa hoxe. Vasari acuñou o termo Renacementorinascita»), consciente do continuo renacer nas artes dende os tempos de Alberti. Publicada a súa primeira edición en 1550, e dedicado ao duque Cosme I de Médicis. Foi parcialmente alongado e reescrito en 1568 e provisto de gravados de retratos de artistas -algúns inventados- titulado Le Vite de' più eccellenti architetti, pittori et scultori italiani. O libro comeza cun prólogo técnico sobre arquitectura, escultura e pintura, agrupadas baixo a denominación de «artes do deseño» e incluía un tratado informativo e valioso sobre as técnicas empregadas nas artes. Continúa cunha introdución sobre a orixe das artes desde os pobos antigos até a Idade Media (como decadencia da arte) e presenta o Renacemento como a etapa de anovación.

Utilizou como documentación tanto os escritos sobre arte anteriores ao seu, como as notas, os recordos sobre artistas antigos e todo o material que recollera nas súas viaxes a través de Italia.

As súas biografías están salpicadas de historias entretidas. Moitas das súas anécdotas teñen o espírito e a aparencia da verdade; aínda que outras parecen demasiado boas como para ser certas. Algunhas son puras ficcións, coma o conto do novo Giotto que pintaba unha mosca na superficie dunha pintura de Cimabue, a cal o vello mestre tentaba espantar repetidas veces; famoso conto que ten o seu eco nunha anécdota que se contaba do pintor grego Apeles. Con poucas excepcións, o xuízo estético de Vasari é perspicaz e imparcial. A concepción renacentista da historia como relato dos homes e as súas obras, dota ás súas biografías dun toque humano e dramático, mentres que as obras de arte analízanse como expresión absoluta dun temperamento ou dun pensamento, como resultado do impulso que leva a todo artista a crear arte.

Vasari non investigaba nos arquivos para atopar as datas exactas, como farían os modernos historiadores da arte, e naturalmente as súas biografías son máis seguras para os artistas da súa propia xeración e da precedente. A crítica moderna -con todos os novos materiais descubertos pola investigación- corrixiu boa parte das súas datas e atribucións tradicionais. Pero o resultado é unha tendencia a subestimar a exactitude de Vasari.

A obra segue sendo un clásico. Vasari escribiu unha pequena autobiografía ao final das Vidas, e engadiu noticias de si mesmo e da súa familia nas vidas de Lazzaro Vasari e Francesco Salviati.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giorgio Vasari