Estilo portugués suave

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio da Praza do Areeiro en Lisboa

O estilo portugués suave foi un estilo arquitectónico promovido polo réxime portugués do Estado Novo, fundamentalmente durante a década de 1940 e principios dos 50.[1] Promovido oficialmente polo goberno portugués naquel momento como Estilo Português, fíxose máis coñecido popularmente como Português Suave despois dunha marca de tabaco do mesmo nome[Cómpre referencia]. Nalgúns idiomas tamén se coñece este estilo arquitectónico como "ao estilo do Estado Novo" (Estado Novo style, en inglés), pero esta última denominación non é moi correcta, xa que durante o Estado Novo aplicáronse diversos estilos arquitectónicos nos edificios públicos.

Historia[editar | editar a fonte]

Monumento á Era dos Descubrimentos en Belém, Lisboa. Inaugurado durante a Exposición Universal Portuguesa
Palacio de Xustiza de Castelo Branco
Concello de Covilhã
Edificio bancario en Figueira da Foz
Primaria, São Brissos, Santiago do Escoural, Montemor-o-Novo.
Vivenda social en Caselas, Lisboa

O Português Suave foi o resultado das ideas de varios arquitectos portugueses que, desde principios do século XX, buscaron crear "auténtica arquitectura portuguesa". Un dos mentores deste estilo foi o arquitecto Raúl Lino, creador da teoría da "casa portuguesa". O resultado desta corrente foi a creación dun estilo de arquitectura que utilizaba técnicas construtivas modernas, decorado mediante unha mestura de elementos estéticos exteriores tomados da arquitectura antiga e tradicional portuguesa.

O Estado Novo, un réxime nacionalista autoritario resultado da Revolución do 28 de maio, liderado por Oliveira Salazar, iniciou unha ampla política de obras públicas a partir dos anos trinta. Inicialmente, nos novos edificios públicos, imperaba un monumental estilo modernista, con características art déco. Porén, despois da Exposición Universal Portuguesa de 1940, cuxo arquitecto principal foi José Cottinelli Telmo, o goberno portugués comezou a preferir un estilo nacionalista para as súas novas construcións públicas[2].

Fóra de Portugal, este estilo tamén foi moi utilizado en edificios públicos dos territorios portugueses de ultramar en África, Asia e Oceanía. O estilo tamén foi moi popular no sector privado, utilizándose en todo tipo de edificios, dende pequenas vivendas familiares a bloques de pisos, hoteis, edificios de oficinas, naves comerciais e industriais.

O estilo foi criticado por un gran número de novos arquitectos que o acusaron de provincial e carente de imaxinación. O seu alcume, polo que se coñecía máis comunmente, "Portugués Suave", déronllo ironicamente os seus críticos, que o compararan cunha marca de cigarros do mesmo nome[Cómpre referencia].

O maior golpe ao estilo foi asestado polo I Congreso Nacional Portugués de Arquitectura de 1948, o que fixo que gradualmente fose abandonado para obras públicas e privadas. A partir de mediados dos anos 50, as obras públicas patrocinadas polo Estado comezaron a utilizar estilos arquitectónicos máis modernos.

A pesar das críticas de moitos intelectuais, a arquitectura de estilo Português Suave demostrou ser popular, correspondente aos gustos dun segmento do pobo portugués. As súas características, aínda que atenuadas, volveron tempo despois, e pódense apreciar en numerosos edificios privados construídos dende os anos noventa.

Características[editar | editar a fonte]

Os edificios típicos do estilo portugués Suave utilizaron técnicas de enxeñería arquitectónica moderna, facendo uso de estruturas de formigón cunha alta calidade de construción. Porén, a diferenza dos edificios racionalistas, as técnicas e liñas modernas escondíanse baixo elementos ornamentais.

Os elementos ornamentais do estilo foron tomados da arquitectura dos séculos XVII e XVIII e dos estilos arquitectónicos rexionais portugueses. Normalmente utilizáronse elementos decorativos como rocha rugosa, tellados de tella en pico, pináculos, pilastras, balcóns, etc. Moitos, especialmente os edificios máis grandes, tamén tiñan arcos e torres rematados con símbolos nacionais como esferas armilares.

Este estilo foi implementado en todo tipo de edificios públicos, como centros de ensino dende pequenas escolas elementais rurais até grandes escolas secundarias e campus universitarios, cuarteis militares, tribunais e salas xudiciais, hospitais, casas consistoriais, edificios de Correios, bancarios, relixiosos, ou de vivendas.

Arquitectos[editar | editar a fonte]

Torre residencial en Lisboa, de Cassiano Branco

Galería[editar | editar a fonte]

En Portugal[editar | editar a fonte]

Nos antigos territorios de ultramar[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernandes, José Manuel – Português Suave: Arquiteturas do Estado Novo. Lisboa: IPPAR, 2003. ISBN 972-8736-26-6
  2. "Expo1940". tavares1952.no.sapo.pt. Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2008. Consultado o 14 de abril de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FERNANDES, José Manuel – Português Suave – Arquitectura do Estado Novo, IPPAR, 2003
  • MONTEZ, Paulino – Estudo de Urbanismo em Portugal – 2 Lisboa, 1938
  • TOSTÕES, Ana – Os Verdes Anos na Arquitectura Portuguesa dos Anos 50
  • FRANÇA, José-Augusto – Lisboa: Urbanismo e Arquitectura, Livros Horizonte, 1997