Emanuela Nohejlová-Prátová

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaEmanuela Nohejlová-Prátová

Portada dun libro
coa sinatura de Emanuela Nohejlová-Prátová
Biografía
Nacemento3 de xuño de 1900
Opatovice nad Labem, República Checa (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte19 de novembro de 1995 (95 anos)
Pardubice
República Checa República Checa
Datos persoais
País de nacionalidadeCheca
Educación- Universidade Carolina
Coñecido porEstudos de moeda checa, sinaladamente de Bohemia, Moravia e Silesia.
Actividade
Campo de traballoNumismática
Lugar de traballo Brno Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpedagoga , escritora de non ficción , xornalista de opinión , numismático , historiadora Editar o valor em Wikidata
EmpregadorFaculty of Arts, Charles University in Prague (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeSilvestr Prát
Premios
1969: Medalla Huntington da Sociedade Estadounidense de Numismática.


Emanuela Nohejlová-Prátová, nada o 3 de xuño de 1900 en Opatovice nad Labem e finada o 19 de novembro de 1995 en Pardubice, foi unha numismática, arqueóloga e historiadora checa, considerada como a fundadora da numismática checa moderna.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nohejlová-Prátová naceu en 1900 en Opatovice nad Labem, no leste de Bohemia, que daquela formaba parte do Imperio Austrohúngaro, filla de Emanuel Nohejl, o médico e alcalde da vila, e de Berta Schmidt, e tivo dúas irmás de maior idade ca ela.[1][2]

En 1918, Nohejlová-Prátová enfermou de gripe na pandemia desta doenza que se estendeu por toda Europa, o que lle supuxo un atraso nos seus estudos. Logo do seu período de educación secundaria estudou Historia na Facultade de Artes da Universidade Carolina, de Praga, onde tivo como profesor, entre outros, o historiador checo J. V. Šimák.[1] Durante este período universitario chegou a ter un compromiso matrimonial, aínda que o seu prometido faleceu polas feridas recibidas na I guerra mundial[2].

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Ao final dos seus estudos universitarios, Nohejlová-Prátová xa colleitara prestixio como historiadora, e a súa tese de graduación sobre o mosteiro de Opatovice publicouse ao pouco tempo da súa graduación.[2]

Entre 1923 e 1926 traballou como investigadora no Museo Nacional de Praga, e a partir desa data dedicouse ao ensino durante uns meses en diversas localidades, aínda que en 1927 regresou a Praga.[2]

En 1930 Nohejlová-Prátová foi nomeada conservadora do departamento de numismática do Museo Nacional de Praga, onde traballou ata a súa xubilación en 1959.[2]

II guerra mundial[editar | editar a fonte]

O 4 de febreiro de 1942 foi arrestada pola Gestapo, interrogada no Palacio Petschek e posteriormente encadeada, acusada de ter utilizado cristais do Departamento de Mineraloxía da universidade para construír radios coas que difundir propaganda contraria aos nazis. O ano seguinte saíu en liberdade, aínda que se lle prohibiu traballar en Praga. Porén, permitíuselle atopar traballo noutro lugar e, grazas á súa conexión co profesor Fritz Dworschak, director do Kunsthistorisches Musum e do Gabinete Numismático de Viena, conseguiu traballar alí durante dous anos.[2]

Cando acabou a guerra, os seus compañeiros de Viena desexaban que Nohejlová-Prátová permanecese alí, mais ela estaba desexosa de retornar a Praga.[2]

Investigacións[editar | editar a fonte]

Nohejlová-Prátová fora, xa antes da guerra, unha pioneira no uso da ampliación fotográfica nas súas investigacións numismáticas. Ao inicio da nova etapa de posguerra retornou ao departamento de numismática e compaxinou o seu labor investigador co de catalogación de moedas.[1]

En 1949, sen abandonar o seu traballo no museo, foi nomeada profesora de Numismática na Universidade Masaryk en Brno.[1]

Traballou moi intensamente na catalogación de achados monetarios desde o mundo antigo ata o século XIX en Bohemia, Moldavia e Silesia.[3] Nas súas investigacións abrangueu diversos períodos da moeda checa, sinaladamente a de Bohemia.[4] Tamén lle deu moita importancia á metroloxía e foi unha experta nas falsificacións medievais.[5][6]

Nos traballos de Nohejlová-Prátová amósase a súa idea de que na numismática se tendía a sobreestimar as ligazóns entre a iconografía e a política da época.[7]

En 1958 acadou o grao de doutora e en 1964 foi nomeada profesora da Universidade Carolina de Praga.[1] En 1960 presidiu a Comisión Checa de Numismática.[8]

En 1969, a Sociedade Estadounidense de Numismática recoñeceu o seu labor como investigadora numismática coa concesión da súa Medalla Huntington.[9]

Nohejlová-Prátová morreu en 1995 á idade de 95 anos, en Pardubice, e soterrouse no cemiterio desa localidade.[1]

Escolma de publicacións[editar | editar a fonte]

Esta é unha selección das numerosas monografías que Nohejlová-Prátová publicou ao longo da súa carreira:[10][11]

  • (1925): Príbehy kláštera Opatovického ["Historias do Mosteiro de Opatovický"]. Praga.
  • (1929): Z príbehu pražské mincovny ["Historias da Casa da Moeda de Praga"]. Praga. Ceské Akad. Ved a Umení.
  • (1932): Poznámky o ražbách pražské mincovny ["Notas sobre a cuñaxe na Casa da Moeda de Praga"]. Praga.
  • (1933): Moravská mincovna markrabete Jošta ["Casa de moeda morava de Margrave Jošt"]. Praga.
  • (1938): Ceské medaile Severina Brachmanna. ["Medallas checas de Severin Brachmann"]. Praga.
  • (1948): Košický poklad ["O tesouro de Košice"].
  • (1955-1958): Nálezy mincí v Cechách, na Morave, a ve Slezsku [ Achados monetarios en Bohemia, Moravia e Silesia"]. 4 volumes. [Ver en liña: Vol.1 Vol. 3]
  • (1963): Katalog výstavní sbírky medailí ["Catálogo da exposición da colección de medallas"]. Praga. Národní muzeum.
  • (1969): Das Münzwesen Albrechts von Wallenstein ["A cuñaxe de Albercht von Wallenstein"]. Graz.
  • (1971): Dve století vedecké numismatiky v ceských zemích:(1771-1971). ["Dous séculos de numismática científica nas terras checas"]. Praga. Praha Ústav Ceskoslovenskych a Svetovych Dejin.
  • (1975): Základy numismatiky ["Fundamentos de Numismática"]. Praga. Academia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Emanuela Nohejlová-Prátová (1900-1995)". Detectorweb.cz
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 "Univ. Prof. PHDR. Emanuela Nohejlová - Prátová, DRSC. (1900 - 1995)". Klub prátel Pardubice.
  3. Contributions from the Museum of History and Technology. Papers 31-33 on Numismatics. Smithsonian Institution. Washington, 1970. Páxina 51.
  4. Ryant, Jiří (2017). "Bohemian coins of the 15th and the beginning of the 16th centuries found in Budislavice Arquivado 02 de marzo de 2020 en Wayback Machine.". En Numismatické listy. 72 (3-4). Páxinas 147-154.
  5. Polanský, L.; Krákorová, J. (2016). "Important anniversary of the leading Czech numismatist, historian and museum person – Eduard Šimek (*1936) Arquivado 02 de marzo de 2020 en Wayback Machine.". En Numismatické listy. 71 (1-2). Páxinas 69-96.
  6. Oslanský, F. (2009). "European Written Sources on the Counterfeiting of Coins in the Middle Ages". En Historický časopis (Supplement). Páxinas 3-14.
  7. Pauk, M. R. (2014). "The Coin in the Political Culture of the Middle Ages. On the Iconography of the Bohemian Deniers in the First Half of the Twelfth Century". En Kwartalnik Historyczny. 121 (0). Páxina 8. ISSN 0023-5903
  8. Metcalf, D. M. (1960). "Review of Numismatický Sborník (Historical Institute of the Czechoslovakian Academy of Sciences, Numismatic Commission)". En The Numismatic Chronicle and Journal of the Royal Numismatic Society. 20. Páxinas 297-298.
  9. "Recipients of the Huntington Medal Award". No sitio web da American Numismatic Society.
  10. "Nohejlová-Prátová, Emanuela, 1900-1995". Databáze Národní knihovny ČR.
  11. "Nohejlová-Prátová, Emanuela". WorldCat.