Cultura Kurgan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Expansión da cultura Kurgan.
Mapa das expansións europeas entre o 4000 e o 1000 antes de Cristo.

A cultura Kurgan foi unha hipotética cultura neolítica nómade e gandeira, desenvolta cara o V milenio antes de Cristo en adiante nas chairas situadas ó nordeste do mar Negro e nos lugares cara os que se expandiu. A hipótese da existencia desta cultura creouna Marija Gimbutas, e nela combina arqueoloxía e lingüística para situar a sede orixinaria dos pobos falantes do protoindoeuropeo (PIE).

É a primeira cultura indoeuropea, e polo tanto, a polémica en séculos pasados causada pola Urheimat (patria ancestral dos indoeuropeos), é establecida segundo as hipóteses de Gimbutas nas chairas meridionais rusas, entre o nordeste do mar Negro e o noroeste do mar Caspio, acoutada polo sur polo Cáucaso.

Descobremento[editar | editar a fonte]

A arqueóloga lituana Marija Gimbutas escava as chairas meridionais de Rusia e descobre unha cultura que corresponde ós datos da arqueoloxía lingüística, e chámaa cultura Kurgan polos enterramentos en túmulos que se atoparon (kurgan significa en ruso túmulo.

Sociedade[editar | editar a fonte]

Trátase dunha sociedade gandeira, con animais domesticados coma a vaca, o porco ou o cabalo. O que a cultura Kurgan fora tan expansiva, débese a que nela tiña unha enorme importancia sen lugar a dúbidas a clase guerreira. Os xefes eran enterrados en grandes túmulos. Xa coñecían a roda, polo que o combate o facían en carros, o cal lles daba vantaxe sobre outras culturas do seu tempo.

Adoraban os deuses dun panteón eminentemente masculino. Adoraban un deus supremo, do ceo, en contraposición da deidade suprema da cultura da Vella Europa, a deusa da terra.

Historia[editar | editar a fonte]

A cultura Kurgan desenvólvese cara o V milenio antes de Cristo e, froito da súa capacidade expansiva, acada as zonas danubianas e balcánicas centroeuropeas cara o ano 4400 antes de Cristo. A maior expansión prodúcese no IV milenio antes de Cristo: durante este período acada a Transcaucasia e parte de Europa, cara o 3500 antes de Cristo. Entorno ó 3000 antes de Cristo prodúcese unha nova expansión cara as rexións bañadas polo mar Exeo.

Esta cultura irá absorbendo pouco a pouco a cultura da vella Europa, presente en gran parte de Europa xa dende antes da expansión kurgan.