Mámoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Túmulo")

As mámoas ou medoñas son túmulos funerarios, consistentes en amoreamentos artificiais de terra e/ou pedras, habitualmente de forma circular (xa que ás veces presentan unha estrutura lixeiramente elíptica), que se nos presentan de forma brusca sobre o terreo que sinalan e conteñen un ou varios enterramentos[1] características do Neolítico[2] no noroeste da Península Ibérica. Normalmente no seu interior agachan unha estrutura pétrea coñecida como dolmen ou anta, formando o conxunto un túmulo funerario característico da cultura megalítica. É habitual que presenten unha depresión na parte superior coñecida como cono de violación, resto dalgunha escavación ilegal na busca de materiais preciosos ou máis comunmente para aproveitar as pedras. Atópanse mámoas en moitos lugares onde houbo cultura megalítica.

A denominación máis estendida para coñecer este tipo de monumentos é a de mámoa e procede do latín mammula, peito de muller. Esta denominación aplícase metaforicamente a este tipo de monumentos pola similitude dos mesmos cun peito feminino. Tamén se usan diminutivos como mamoíña ou mamoela.

Outras denominacións teñen que ver coa voz latina meta (galego "meda"), obxecto de forma cónica ou marco de delimitación. Esta palabra unida a distintos sufixos deu á súa vez distintas verbas usadas para referirse a este tipo de túmulos:

META+ ONEA > medoña
META+ ORRA > medorra
META+ ELA> medela

Outras denominacións utilizadas para referirse a este tipo de monumentos son mina ou petón.

Galicia[editar | editar a fonte]

A Chousa Nova, reconstruída.

A mámoa máis antiga datada en Galicia é A Chousa Nova I, en Silleda. Datada no 4350 antes da era actual, mil anos máis antiga que o Dolmen de Dombate.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diccionario de termos de arqueoloxía e prehistoria, Ana Romero Masiá, Felipe Arias Vila, Ir Indo Edicións, páxina 116, ISBN 84-7680-168-8
  2. López Carreira, Anselmo (2013) Historia de Galicia. Vigo:Xerais, p.41

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]