Conservatorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Conservatorio de música de Culleredo.
Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas.

O conservatorio é un centro oficial de educación artística dedicado especialmente a ensinar música,[1] incluíndo a práctica de instrumentos musicais, a composición musical, teoría da música e historia da música.

Orixe[editar | editar a fonte]

De orixe italiana, o termo conservatorio deriva do costume, difundido nos séculos XIV e XV polas garderías, orfanatos e hospicios, de iniciar e educar nun oficio (entre os que se atopada o de músico) aos nenos orfos e abandonados coa finalidade de "conservar" a música, pasándoa.[2] En Italia (e especialmente en Nápoles) a actividade dos conservatorios, iniciada como obra de asistencia e caridade a pobres e desamparados, transformouse nunha actividade de ensino musical.[3]

A partir do século XVIII, estes conservatorios foron adquirindo maior importancia dende o punto de vista da educación musical, perdendo a característica asistencial e mantendo o nome de conservatorio para a escola musical.

Ensino de música[editar | editar a fonte]

Os alumnos dos actuais conservatorios de música adoitan elixir ao comezo dos seus estudos unha das seguintes especialidades: acordeón, arpa, bandoneón, canto (só grao profesional e superior), clarinete, clavicémbalo, contrabaixo, fagot, frauta doce, frauta travesa, gaita, guitarra, guitarra flamenca, instrumentos de púa, óboe, percusión, piano, saxofón, trombón, trompa, trompeta, tuba, viola, viola da gamba, violín e violoncello.

En España, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte organiza o ensino de música do seguinte xeito: ensino elemental, ensino profesional (antigo grao medio) e ensino superior. As materias organízanse segundo a especialidade elixida.

  • O ensino ou grao elemental estrutúrase en catro cursos. Poderase acceder á idade mínima de oito anos. Nalgúns centros por razóns de demanda realízase unha proba de aptitude.
  • O ensino ou grao profesional[4] estrutúrase en seis cursos. Para acceder, tanto o alumnado que cursou o ensino elemental como o que non, debe realizar unha proba de acceso.
  • O ensino ou grao superior[5] estrutúrase en catro anos e equivale ao título de grao universitario. Aparecen novas especialidades non instrumentais como a composición, dirección de coros e orquestras, musicoloxía, etnomusicoloxía e a educación musical. Para acceder ao grao superior requírese proba de acceso. En Galicia, os únicos conservatorios que ofertan o ensino superior son os de Vigo e da Coruña.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para conservatorio.
  2. "Nacquero a Napoli i primi conservatori". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2018. Consultado o 20 de xaneiro de 2018. 
  3. "Conservatorio - Istituto d’istruzione musicale". Consultado o 20 de xaneiro de 2018. 
  4. BOE. "R.D. que regula las Enseñanzas profesionales de música". Consultado o 16 de xaneiro de 2018. 
  5. BOE. "R.D. que regula el contenido básico de las enseñanzas artísticas superiores". Consultado o 16 de xaneiro de 2018. 
  6. "Conservatorios de Música de Galicia". Consultado o 16 de xaneiro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]