Cason
O Cason foi un cargueiro de bandeira panameña botado en 1969 que o 5 de decembro de 1987, mentres navegaba fronte as costas galegas sufriu un accidente por mor dun temporal que fixo que a carga se correse e provocou un incendio. O barco varou nas costas de Fisterra, na punta do Castelo da praia do Rostro, e morreron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa.
Índice |
[editar] Accidente en Fisterra
O Cason transportaba unha carga de 1.100 toneladas, consistentes en 5.000 bidóns, sacos e colectores de produtos químicos inflamables (xileno, butanol, butil de acrilato, ciclohexanona, sodio), tóxicos (aceite de anilina, difenilmetano, o-cresol, dibutilfalato) e corrosivos (ácido fosfórico, anhídrido alifático), que se embarcaran nos portos de Hamburgo, Rotterdam e Antuerpen para dirixirse ao porto chinés de Shangai.
O vertido e posterior incendio da carga do navío na noite do 10 de decembro, ó entrar en contacto a auga de mar coa carga de sodio, provocou unha grande alarma social aumentada pola falta de información das autoridades, xa que os materiais podían estoupar co contacto coa auga provocando unha nube tóxica, polo que o goberno galego, presidido por Fernando González Laxe que acababa de tomar posesión había poucas semanas, decidiu evacuar a toda a poboación de Fisterra, Cee e Corcubión (unhas 15.000 persoas) cara a Santiago de Compostela. O Goberno Central decidiu levar a carga a unhas antigas instalacións militares no concello de Guitiriz, pero o pobo opúxose e producíronse enfrontamentos coa Garda Civil polo que se decidiu entón trasladar a carga ao peirao de Alumina-Aluminio en San Cibrao, onde se reproducen os enfrontamentos, impedindo o comité de empresa o paso dos camións. Finalmente a carga desembarcou en Antuerpen.
O barco foi desguazado no lugar onde varou, aínda que parte da súa estrutura permanece baixo as augas da praia do Rostro.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
- Centre de Documentation, de Recherche et d'Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (en castelán)
- "Cason", reportaxe no programa A caixa negra da TVG (26 de maio de 2009).