Óscar Míguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Óscar Míguez
Uruguai antes do Maracanazo, con Míguez no centro da imaxe, agachado co balón nas mans.
Información persoal
Nome Óscar Omar Míguez Antón
Nacemento 5 de decembro de 1927
Lugar de nacemento Montevideo
Falecemento 19 de agosto de 2006
Lugar de falecemento Montevideo
Altura 176 centímetros
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Araicuá
1943–1947 IASA
1947 Peñarol
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1948–1959 Peñarol 137 (107)
1959 Sporting Cristal 0 (0)
1960 Rampla Juniors
1961 Colón FC
Selección nacional
1950–1958 Uruguai 39 (27)
Na rede
FIFA: 54212 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Óscar Omar Míguez Antón, alcumado Cotorra, nado en Montevideo o 5 de decembro de 1927 e finado na mesma cidade o 19 de agosto de 2006, foi un futbolista uruguaio, de orixe galega. Xogaba como dianteiro e formou parte da notable selección nacional uruguaia que gañou a Copa do Mundo de 1950 no célebre Maracanazo e que chegou ás semifinais no Mundial de Suíza 1954. É o máximo goleador do Uruguai na historia dos Mundiais.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Seu pai, Manuel Míguez Souto, era natural de Meicende, no concello coruñés de Arteixo. Alí xogara xunto aos seus irmáns no primeiro equipo de fútbol arteixán, a Sociedade Recreativa e Instructiva La Esperanza, antes de emigrar ao Uruguai.[1] Na capital uruguaia naceu Óscar Omar en decembro de 1927.

Comezos no fútbol[editar | editar a fonte]

Comezou a xogar ao fútbol no Araicuá e, despois de participar en 1943 nun campionato xuvenil organizado pola IASA (Institución Atlética Sud América), entrou a formar parte da canteira deste club, xunto con Alcides Ghiggia e o seu amigo Antonio Sacco.[1] A finais de 1947, despois dun encontro no que marcou tres goles, foi fichado polo Peñarol para xogar no seu segundo equipo.

Carreira en Peñarol[editar | editar a fonte]

En 1948 o adestrador inglés Randolph Galloway subiuno ao primeiro equipo, onde formou parte dunha famosa liña de dianteiros con Alcides Ghiggia, Juan Schiaffino, Juan Eduardo Hohberg e Ernesto Vidal. Foi o máximo goleador do campionato uruguaio esa tempada, con 8 goles, ata que unha folga de futbolistas paralizou a competición.[1] Repetiu como máximo goleador en 1949, con 20 tantos, nunha tempada na que o seu equipo conquistou o campionato de Primeira División, a Copa Competencia e a Copa de Honor, os tres títulos de xeito invicto.[2]

As súas grandes actuacións nas Copas do Mundo fixeron que recibise oferta de varios equipos europeos como o FC Barcelona ou o Milan, pero continuou no Peñarol, onde xogou durante máis dunha década, gañando tamén os campionatos de 1951, 1953, 1954, 1958 e 1959, e facendo famosas as súas chilenas e filigranas.[3][1]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1960 viaxou ao Perú, onde estivo a proba co Sporting Cristal. Xogou un primeiro amigable contra o Vasco da Gama, no que anotou o terceiro dos tres goles do seu equipo (3-0), e logo enfrontouse ao Santos de Pelé, facendo un gol e unha asistencia nun encontro que rematou con empate a tres goles. Xa cun acordo verbal para a súa fichaxe, xogou un terceiro amigable fronte ao Botafogo, que acabou 1-1. A continuación comezou a ausentarse dos adestramentos e rompeu o acordo co club.[4] Volveu logo ao Uruguai, onde xogou no Rampla Juniors o campionato de 1960, formando dianteira co histórico Ángel Labruna.[5] O seu último club foi o Colón FC, no que xogou en 1961.

Faleceu o 19 de agosto do 2006 aos 78 anos.[6] Os seus restos foron soterrados no Panteón dos Olímpicos do Cementerio del Buceo.[7]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi internacional coa selección do Uruguai en 39 ocasións, marcando 27 goles. O seu debut co equipo charrúa produciuse o 30 de abril de 1950, nun amigable contra a selección paraguaia. Co número 9 nas costas proclamouse ese mesmo ano campión do mundo no Mundial do Brasil, disputando todos os encontros do seu equipo, incluído o derradeiro partido contra o Brasil, o célebre Maracanazo, fronte a 200.000 espectadores. Con 5 goles, foi o segundo máximo goleador do torneo, só por detrás do brasileiro Ademir.[8]

En 1954 participou no Mundial de Suíza, anotando tres goles nos dous primeiros partidos, fronte a Checoslovaquia e Escocia. No terceiro partido, os cuartos de final contra Inglaterra, gañando os uruguaios por 4-2, púxose a canear xogadores ingleses en vez de disparar a portería, motivo polo que os dirixentes uruguaios fixeron presión sobre o adestrador Juan López para retiralo do equipo e poñer a Juan Hohberg no seu lugar antes do partido con Hungría.[9] Cos seus oito goles entre os torneos do Brasil e Suíza, é o máximo goleador uruguaio na historia dos Mundiais.

Disputou tamén dúas edicións da Copa América, en 1955 en 1956, conquistando a segunda delas na que foi ademais elixido mellor xogador do torneo.[10]

Participacións nos Mundiais[editar | editar a fonte]

Mundial Sede Resultado Partidos Goles
Copa do Mundo de fútbol de 1950 Brasil Campión 4 5
Copa do Mundo de fútbol de 1954 Suíza Suíza Cuarto posto 3 3

Palmarés[editar | editar a fonte]

Peñarol

Selección do Uruguai

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Óscar Míguez". 22 de xuño de 2018. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2021. Consultado o 22 de abril de 2021.  Arquivado 22 de abril de 2021 en Wayback Machine.
  2. "Peñarol 1949: setenta años de un equipo para la historia" (en castelán). 6 de outubro de 2019. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  3. "Omar Míguez se fue a hacer chilenas al cielo" (en castelán). 21 de agosto de 2006. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  4. "Omar Míguez en Cristal: Cotorra de palabra corta" (en castelán). 18 de febreiro de 2016. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  5. "Un lujo de la historia de Rampla Juniors" (en castelán). 13 de febreiro de 2018. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  6. "Murió ex futbolista uruguayo Oscar Miguez, protagonista del "Maracanazo"" (en castelán). 20 de agosto de 2006. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  7. "Obituario de Óscar Míguez" (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2021. 
  8. "Estatísticas do Mundial de 1950". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2021. Consultado o 23 de abril de 2021.  Arquivado 23 de abril de 2021 en Wayback Machine.
  9. "Cotorra Míguez, del baldío al Maracanazo". Clarín (en castelán). 16 de marzo de 2016. Consultado o 23 de abril de 2021. 
  10. "The Copa América Archive - Trivia". rsssf.com (en inglés). Consultado o 23 de abril de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]