Residuo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Residuos nun vertedoiro

Un residuo[1] é todo aquilo que non serve (desfeitos, refugallos,...) e que resultando como produto da pegada e actividade do home, é necesario eliminar. É considerado lixo ou desfeita, xa que non vale nada, e a súa reutilización, en principio, non resulta viábel. Os residuos poden ser industriais, orgánicos, nucleares, gasosos...

Tipos de residuos[editar | editar a fonte]

Segundo a súa orixe, a súa composición ou a súa perigosidade podemos clasificar os residuos de diferente maneira.

Segundo a súa composición[editar | editar a fonte]

Podemos atopar diferentes tipos de residuos:

  • Residuos orgánicos: Son todos aqueles que constitúen ou constituíron materia viva. Trátase principalmente dos restos de comida, feces procedentes de animais, follas, ramas, mondas etc. A principal fonte de residuos orgánicos procede da agricultura e da gandería A diferenza da maioría dos residuos, os residuos orgánicos son facilmente eliminábeis e reutilizábeis para outros usos, como por exemplo a transformación de restos agrícolas en compost, ou en combustíbel orgánico.
  • Residuos non orgánicos: Son todos aqueles que teñen unha orixe artificial, sexa industrial ou doutro tipo, e non biolóxica. Destacan aquí os derivados do petróleo, sexa plástico, fibras sintéticas, vidro artificial, papel etc.
  • Residuos perigosos: Existen, independentemente de se sexan orgánicos ou non, unha serie de residuos que son considerados nocivos, ben sexa porque posúan algún compoñente que poida danar o medio ambiente, ou ben porque pode resultar perigoso para o ser humano. Falamos de ácidos industriais, pilas, residuos nucleares, desfeitos infecciosos, gases contaminantes (dióxido de carbono, metano...)

Segundo a súa orixe[editar | editar a fonte]

Dependendo de quen crease ou axudase a crear eses residuos falaremos de:

  • Residuos domésticos: Todo tipo de lixo que proveña de casas, pisos, urbanizacións e calquera outro domicilio.
  • Residuos industriais: Todos aqueles desperdicios provocados pola transformación e manufactura das materias primas. Non só falamos de residuos sólidos. Moitas industrias contaminan con residuos líquidos ou gasosos que van aos ríos, mares ou á atmosfera.
  • Residuos radioactivos: Son unha variante dos residuos industriais coa diferenza de que posúen unha alta radiación perigosa para todo ser vivo. Deben ser tratados particularmente e cun coidado e unhas precaucións adicionais.
  • Residuos comerciais: que proveñen do sector do comercio, sendo considerado residuo comercial o provocado por tendas, feiras, oficinas etc. Normalmente teñen unha composición orgánica como restos de peixe nunha lonxa, ou de froitas nunha froitaría, pero tamén atopamos papeis, cartóns ou plásticos.
  • Residuos hospitalarios ou de laboratorio: Residuos que proveñen de centros médicos ou hospitais tales como medicamentos, xeringas, vendas, material de quirófano etc. Acostuman estar considerados perigosos.
  • Residuo urbano: Son aqueles que proveñen de materiais inservíbeis orixinados nas rúas e zonas públicas (parques, xardíns). Semáforos, sinais ou tobogáns rotos son residuos urbanos.
  • Residuo espacial: Coñécese con este nome a todo o artificial que se atopa fóra do noso planeta, tales como satélites ou estacións espaciais inservíbeis, ou o lixo depositado no espazo, en auxe nos últimos anos coma alternativa a depositar o lixo na Terra.

Táboa dos residuos en algunhas comunidades autónomas no ano 2004 (en miles de toneladas)

Comunidade Totais Perigosos Non perigosos
Andalucía 6.806,9 254,5 6.552,4
Illas Baleares 33,2 4,3 28,9
Galiza 4.710,7 145,0 4.565,7
Euskadi 2.895,0 327,3 2.568,4
Cataluña 4.850,2 437,6 4.412,6

Problemas que causan os residuos[editar | editar a fonte]

Os residuos son no noso planeta restos non reutilizábeis para o uso predestinado. É por iso polo que constitúen un problema para a sociedade e para o medio ambiente en xeral.

Debido ao aumento progresivo e exponencial da poboación mundial, aumentan as necesidades de materias primas, alimento ou vivenda, polo que aumentarán tamén os residuos agrarios, industriais, e todos en xeral. O ser humano tratou dende tempos atrás eliminar estes residuos pero fíxoo moitas veces de maneira incorrecta, queimando o lixo, acumulándoo en vertedoiros sen ningún tipo de control,etc. Todo iso deu lugar a outros residuos, contaminación do aire, das augas... Por exemplo á

Dende tempos antigos, os animais e as plantas de xeito natural produciron residuos (feces, restos de comida, cadáveres…) pero a propia natureza desenvolveu un sistema cíclico capaz de rexenerar eses residuos. Mais o ritmo actual de sobrexplotación de recursos e falta de control na industria e nos residuos emitidos, representa unha ameaza para o equilibrio natural do noso planeta, contribuíndo ao quentamento da Terra e camiñando cara a desaparición dos recursos terrestres.

Residuos animais (bosta)

Existen, para denunciar a situación do tratamento dos residuos, as organizacións ecoloxistas, que defenden ao medio ambiente vixiantes para que o número de residuos producidos non aumente e estes se traten correctamente para ser reintegrados no ciclo natural. As máis importantes son Greenpeace, Ecoloxistas en Acción ou ADEGA e Verdegaia no ámbito galego.

O Prestige creou en Galicia unha gran traxedia medioambiental causada por residuos de fuel-oil

Tratamento dos residuos[editar | editar a fonte]

  • Enterramentos sanitarios

Os enterramentos sanitarios son a maneira máis práctica, barata e usada de eliminar o lixo doméstico e urbano, alén de esgoto non tratado. Utiliza grandes áreas de terra, onde o lixo é depositado. Porén, inutilizan varios materiais que poderían ser reciclados, alén de ser unha fonte de polución do solo (líquidos que flúen do lixo para o solo, contendo bacterias e produtos tóxicos), de ríos e lagos (cando tales líquidos flúen da terra cara corpos de auga na rexión) e do ar (descomposición, que xera enormes cantidades de metano e outros axentes contaminantes).

Imaxe tomada nunha planta de tratamento de residuos
  • Incineradores

Os incineradores incineran literalmente o lixo, reducíndoo a cinzas. É altamente contaminante, xerando enormes cantidades de gases que contribúen ao agravamento do efecto estufa. É o método utilizado para a destrución de lixo hospitalario, que poden conter axentes causantes de doenzas potencialmente fatais.

  • Reciclaxe

A reciclaxe é a reutilización de materiais que senón serían considerados lixo. Os tipos de materiais reciclábeis máis comúns son o papel, metais (non pesados), plástico e a madeira. A reciclaxe ten a vantaxe de ser un medio ecolóxico de producir produtos, mais porén pode ser cara. Apenas se utiliza a grande escala nos países desenvolvidos, principalmente no Xapón, nos países escandinavos, na Inglaterra e no Canadá. Tampouco se poden reciclar todos os materiais, por presentar algún grao de perigo á saúde humana.

  • Confinamento permanente

O lixo altamente tóxico e duradeiro, que non se pode destruír, como o lixo nuclear, precisa tratarse e confinarse permanentemente nalgún lugar de difícil acceso, como por exemplo en túneles escavados a quilómetros por baixo do solo.

Solucións ao problema[editar | editar a fonte]

A medida básica para solucionar os problemas medioambientais que estes producen é non xerar residuos na medida do posíbel. É dicir, perturbar o menos posíbel o ciclo natural, procurando reempregar todo aquilo que xa cumpriu a súa función. Tamén podemos reciclar todos aqueles residuos para volvelos poñer de novo no ciclo natural, e reducires ao máximo aqueles residuos non reciclábeis e polo tanto perigoso para o medio, coma pode ser as expulsións de residuos industriais.

Reducir a cantidade de residuos

Sería conveniente reconducir á industria e o comercio de forma que se reducisen os residuos potenciais, tales como envases innecesarios, e promover a reutilización destes. Así, potenciando medidas como a subvención de compostadoiros caseiros (A Mancomunidade do Barbanza ou o Concello de Santiago de Compostela retomaron medidas coma descontarlle á metade o prezo do lixo ás familias que realizasen compostaxe caseiro cos seus residuos orgánicos), ou comprando produtos a granel para non esgotar recursos e contaminar o menos posíbel, axudaremos a manter limpo o noso planeta.

Separación dos residuos

Logo de aproveitar ao máximo a primeira medida, debemos separar todo o residuo xerado dunha forma eficiente, para así facilitar o traballo cuxa finalidade é a reintegración do lixo no ciclo produtivo, tal e como fai e fixo a natureza. Así, acabaríase co sistema produción-consumo-eliminación e sumiríase nun ciclo produción-consumo-reciclaxe-consumo.

No sistema actual de separación do lixo, existen diferentes contedores dependendo do tipo de residuos. Así, o contedor azul estará destinado a papeis e cartóns, o verde claro a vidro, o amarelo a plásticos, latas e briks, e o verde escuro a restos orgánicos e todos os demais residuos. Ademais existen lugares específicos de recollida de pilas, roupa ou medicamentos.

Contedores orgánicos e inorgánicos

Unha medida adoptada en varios concellos é a fabricación de compost caseiro cos restos orgánicos de calquera domicilio. Restos de comida, coma ovos, cascas ou carne, desperdicio do café, follas secas ou restos de plantas forman todo o necesario para formar compost, que posteriormente se converterá en humus, o mellor fertilizante natural. Este método é moi conveniente xa que en Galicia o 50% dos residuos son orgánicos e en España o 39%.

Canalización de produtos finais

Todos os produtos que non poidan ser reintegrados no ciclo, deben ser eliminados ou acumulados en zonas que non supoñan perigo para o ser humano, e danen na menor medida ao medio natural. Exemplos de produtos para os que ata agora non se coñece un método de reciclaxe son cueiros ou compresas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para residuo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]