Wifredo Ricart
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Wifredo Pelayo Francisco de Borja Ricart Medina 15 de maio de 1897 Barcelona, España |
Morte | 19 de agosto de 1974 (77 anos) Barcelona, España |
Formación profesional | Doutor enxeñeiro industrial |
Educación | Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial de Barcelona |
Q89547790 | Creador dos automóbiles Pegaso |
Actividade | |
Ocupación | enxeñeiro |
Empregador | Alfa Romeo, Pegaso, Lockheed |
Familia | |
Fillos | José Ramón Ricart |
Pai | Josep Ricart i Giralt |
Premios | |
Wifredo Ricart, nado en Barcelona o 15 de maio de 1897 e finado na mesma cidade o 19 de agosto de 1974, foi un enxeñeiro español, coñecido polos seus desenvolvementos e estudos na industria da automoción e a aeronáutica.
Destacou pola súa achega ao deseño e fabricación de motores de aviación, automóbiles, camións e o mítico Pegaso Z-102.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Wifredo Pelayo Francisco de Borja Ricart Medina,[1] naceu en Barcelona o 15 de maio de 1897. Era fillo do mariño, director da Escola de Náutica, José Ricart i Giralt.[2]
Foi un estudante normal, moi interesado en temas de aviación. En 1918 doutorouse en Enxeñaría industrial, con menos de 20 anos.[2]
Iniciou en Barcelona a súa actividade profesional, sendo director de talleres da compañía Vallet y Fiol, na que se fabricaban motores para bombas de auga e eran distribuidores dos coches Hispano-Suiza. En Vallet y Fiol inventou o carburol, un carburante para os Hispano-Suiza que vendía esta compañía, para os cales non dispoñían de combustíbel.[2]
En 1920 fundou a Sociedad Anónima de Motores Ricart-Pérez con Francisco Pérez de Olaguer, orientada á fabricación de motores para usos industriais. En 1926, despois da retirada de Pérez de Olaguer, disolveu esa sociedade e fundou a empresa Motores y Automóviles Ricart, presentando ao ano seguiente no Salón do Automóbil de París un turismo de altas prestacións con solucións inéditas. Posteriormente, en 1928, asociouse co industrial Felipe Batlló i Godó, e con el fundou a Industria Nacional Metalúrxica e a sociedade Ricart-España. En Ricart-España fabricáronse turismos en pequenas series até que a actividade finalizou por problemas financeiros, presionada polo xeneral Dámaso Berenguer, que suprimiu as vantaxes aduaneiras de que dispoñían. En 1929 Ricart estableceuse como proxectista independente, chegando a proxectar interesantes motores que construíu a Hispano-Suiza.[2] Contactou con importantes marcas tales como Saurer, Mercedes-Benz, Alfa Romeo, ou Lancia, para comprar autobuses para a empresa de transportes urbanos de Valencia.
A segunda guerra mundial sorprendeuno en Italia, onde colaborou con Alfa Romeo, chegando a ser xefe de produtos especiais. En 1940 foi nomeado director dos Servizos de Proxectos e Experiencias, e responsábel das competicións, colaborando con Enzo Ferrari. A finais de 1945 volveu a España para preparar a súa marcha aos Estados Unidos, tentado por unha boa oferta de Studebaker, pero Juan Antonio Suanzes convenceuno para reconstruír a maltreita industria automobilística española, e constituír o Centro de Estudos Técnicos de Automoción (CETA), con sede en Madrid, incorporando a dúas ducias de enxeneiros de Alfa Romeo (que estaban desempregados), empezando a traballar para o Instituto Nacional de Industria.
Participou na creación da Empresa Nacional de Autocamiones, S. A. (ENASA) nas antigas instalacións de Hispano-Suiza no barrio de La Sagrera, na área metropolitana de Barcelona, e traballou no deseño e a fabricación dos seus míticos automóbiles deportivos Pegaso, desde 1951 até 1957. A súa presenza como conselleiro da entidade durou até 1958.
En 1959 foi nomeado presidente da S. A. Lockheed de París, construíndose baixo a súa dirección unha nova planta completamente automatizada nas proximidades de Beauvais (Oise). En 1961 fusionáronse Lockheed, Bendix e Ducellier, configurando o grupo DBA, e Ricart figurou como conselleiro delegado para o progreso científico e técnico até 1965, á vez que obtivo resultados de moito interese no CETA, grazas ás súas investigacións en torno a novos tipos de motores e sistemas de freado.
Ricart morreu en Barcelona despois dunha prolífica vida o 19 de agosto de 1974, deixando nos seus traballos a habilidade da súa curiosidade e as intencións de melloralos. Wifredo Ricart foi un gran técnico e compañeiro de Enzo Ferrari durante a súa etapa en Alfa Romeo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ www.pieldetoro.net Pegaso BT 2 Ref. 64 en pieldetoro.net.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "www.vehiculoclasico.es. Semblanza biográfica de Wifredo Ricart, por su hijo José Ramón Ricart.". Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2010. Consultado o 16 de abril de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Del Arco, Javier; Arderiu, Miquel; Montero, Xavier e Camp, Jordi (1990): Història de l'automobilisme a Catalunya. Barcelona: Planeta. ISBN 84-3206-249-9.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Memory of a Mirage. The PEGASO Sports and Competition cars of the Fifties — Exposición en Barcelona (en inglés).