Tzipi Livni
Tzipi Livni | |
---|---|
![]() | |
Datos persoais | |
Nacemento | 8 de xullo de 1958 |
Tel Aviv | |
Organización | Kadima |
Pai | Eitan Livni |
Nai | Sara Livni |
Alma máter | Universidade Bar-Ilan |
Profesión | Política |
[ editar datos en Wikidata ] |
Tzipora Malka (Tzipi) Livni (en hebreo ציפורה מלכה "ציפי" לבני), nada en Tel Aviv o 5 de xullo de 1958, é unha política israelí.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Tzipi (pronunciado Tsipi) Livni é filla de Eitan Livni, un inmigrante polaco que participou no movemento sionista coma comandante do Irgún, e que tamén chegou no seu momento a ser membro da Knesset polo Likud, e Sarah Rosenberg, tamén oficial do Irgún.
Livni foi tenente no Tzahal (Forzas de Defensa Israelís) e membro do Mossad. Está diplomada en Dereito pola Universidade de Bar Ilan na especialidade de Dereito Público e Mercantíl, e exerceu durante varios anos coma avogada. Na actualidade reside en Tel Aviv co seu esposo, o publicista Naftalí Shpitzer, e os seus dous fillos, un deles soldado na Marina e outro estudante.
É vexetariana dende os doce anos, defensora dos animais, xogou ao baloncesto no equipo Elizur Tel Aviv [1], toca a batería [2] e conta cun coeficiente intelectual de 140.
Etapa no Mossad[editar | editar a fonte]
No 1980, cando contaba con vinte e dous anos de idade, Livni ingresou no servizo de espionaxe israelí, o Mossad, onde foi recrutada por unha amiga de infancia, Mira Gal, que entón traballaba coma axente e a día de hoxe é a súa xefa de gabinete. Nel permaneceu ata o 1984, estando destinada en París.
Nesa época o Mossad mantiña na capital francesa dous centros, dende os que se levaban a cabo operacións contra as faccións palestinas operativas na cidade, así coma contra os intentos de Saddam Hussein por acadar armanento nuclear, se ben non trascendeu o contido das tarefas que levou a cabo durante ese período.
Livni abandonou o Mossad ao contraer matrimonio [3].
Traxectoria política[editar | editar a fonte]
Ate o 18 de xullo de 2008 foi a Ministra de Asuntos Exteriores e Viceprimeira ministra. É a segunda muller, tras Golda Meir, en ocupar a carteira de Exteriores. Figura emerxente da política non só israelí, estaba xa considerada o número dous do Goberno, tras o ex-primeiro ministro Ehud Olmert.
Inicios[editar | editar a fonte]
Desde que conseguiu o seu escano na Knesset polo Likud no ano 2001, desempeñou diversas carteiras ministeriais, como a de Agricultura, a de Cooperación Rexional e a de Inmigración. Desde o 10 de xaneiro de 2005 ocupou o cargo de Ministra de Xustiza. Moi valorada tanto pola esquerda como pola dereita israelí, Livni recibiu o premio "Goberno de Calidade" do ano 2004 [4], galardón que se outorga á figura máis destacada no seu exercicio.
Livni apoiou sen fisuras o plan de retirada unilateral israelí da faixa de Gaza, unha iniciativa proposta e aplicada por Ariel Sharon, e estaba xa daquela considerada coma unha das principais líderes centristas do Likud. A miúdo tivo que mediar entre os elementos máis extremos dentro do seu propio partido, e gañou gran popularidade por mor dos seus esforzos por conseguir que a Knesset aprobase a retirada de Gaza. O 12 de novembro de 2005 foi a primeira política da dereita israelí que participou na conmemoración oficial do décimo aniversario do asasinato de Isaac Rabin [5].
Traxectoria no Kadima[editar | editar a fonte]
O 20 de novembro de 2005, Livni seguiu os pasos de Ariel Sharon, saíndo do Likud e uníndose ao seu novo partido centrista, o Kadima. Tras o derramo cerebral que sufriu Ariel Sharon o 4 de xaneiro de 2006, que o deixou incapacitado para seguir no cargo, algúns especularon con que Livni podería ser a nova presidenta do Kadima. Con todo, foi Ehud Olmert finalmente o elixido para liderar o partido, aínda que non tiña nin o carisma nin a popularidade de Livni. Tras formar un novo goberno en marzo de 2006, Olmert nomeou a Livni Viceprimeira Ministra e Ministra de Asuntos Exteriores, o que a converteu na numero dous do goberno encabezado por Olmert. O 30 de xullo do 2008 e tras o anuncio do primeiro ministro, Ehud Olmert de non presentarse ás internas do Kadima, Livni presentouse ás mesmas
Primarias no Kadima[editar | editar a fonte]
Livni resultou gañadora desas primarias [6], aínda que por só 431 votos de diferenza (1,1%) sobre o outro candidato, o Ministro de Transportes Saúl Mofaz. O resultado final foi de 16.936 votos (43,1%) para Livni, fronte a 16.505 (42%) para Mofaz, nunhas votacións marcadas pola baixa participación, posto que só o 53,7% dos 74.000 militantes do Kadima acudiron ás urnas.
Intento de formar goberno[editar | editar a fonte]
Logo da súa vitoria, o presidente Simón Peres deulle un prazo de 42 días para formar Goberno [7], no cal chegou a un acordo co partido laborista tras dúas semanas de negociacións. Ambos partidos aglutinan corenta e oito deputados dos cento vinte da Knesset, co que para achegarse á maioría, nos 61, intentou pactar co partido ultraortodoxo sefardí Shas, que conta con doce escanos na cámara [8].
Finalmente o Shas rexeitou entrar no Goberno, forzando unha convocatoria anticipada de eleccións xerais [9] que, se celebraron o 10 de febreiro do 2009.
Aínda que o Kadima obtivo 28 escanos[10], un máis que o Likud, finalmente foi o líder desta última formación o encargado de formar goberno.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Del Mossad a la jefatura del Gobierno, en elmundo.es
- ↑ La ex espía que quiere gobernar
- ↑ Tzipi Livni. Sus enigmáticos años como agente secreto israelí
- ↑ Biografía en Ynet
- ↑ "Rinden miles homenaje a Isaac Rabin". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 30 de setembro de 2008.
- ↑ Tzipi Livni obtiene la victoria en las elecciones internas del Kadima
- ↑ Tzipi Livni recibe el encargo de formar un nuevo goberno
- ↑ Livni da el primer paso firme para convertirse en primera ministra
- ↑ "Peres convocará a elecciones nacionales". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 28 de outubro de 2008.
- ↑ "Elecciones Israel: ¿A quién felicitar?". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2012. Consultado o 10 de xullo de 2012.