Trobadorismo
O trobadorismo é a primeira manifestación literaria da lingua galega. O seu xurdimento ocorre no século XII. As súas orixes danse na Provenza, de onde se vai espallar por practicamente toda a Europa, por mor da cruzada contra a herexía albixense, que obriga a un éxodo masivo das xentes da Provenza ou Occitania. Malia iso, a lírica medieval galego-portuguesa posúe características propias e unha gran produtividade e número considerábel de autores conservados.
As orixes do trobadorismo galego-portugués
[editar | editar a fonte]Existen catro teses fundamentais para explicar a orixe desta poesía:
- A tese arábica, que considera a cultura arábica como a súa vella raíz.
- A tese folclórica, que a xulga creada polo propio pobo.
- A tese medio-latinista, segundo a cal esta poesía tería orixe na literatura latina producida durante a Idade Media.
- A tese litúrxica, que a considera froito da poesía litúrxico-cristiá elaborada na mesma época.
Así a todo, ningunha das teses citadas é suficiente en si mesma, deixándonos na posición de aceptar o seu conxunto co fin de abarcar os aspectos constantes desta lírica medieval.
As primeiras tentativas illadas da lírica trobadoresca sitúanse antes das derradeiras décadas do século XII. A súa consolidación definitiva dunha tradición crecentemente difundida debeu orixinarse a partir de 1200, quizais co concurso do trobador occitano Peire Vidal, durante a súa estada na corte real de Afonso IX de Galiza, a cal debeu de exercer un papel importante nesa implantación[1].
Polas referencias históricas que contén, vense considerando como a máis antiga manifestación literaria galego-portuguesa o escarnio político titulado “Ora faz ost´o senhor de Navarra”, de Johan Soarez de Pávia, datada por volta de 1196 ou 1198. Xa que logo, a crítica vén datando a fins do século XII-comezos do XIII o comezo da lírica medieval galego-portuguesa, aínda que hai datos biográficos dabondo para determinar que xa levaría cultivando desde arredor de 1170. A lírica galego-portuguesa esténdese até mediados do século XIV, e é usual referir como termo o ano de 1350, data do testamento do conde D. Pedro, conde de Barcelos, sendo el tamén trobador e probábel compilador das cantigas (no testamento, D. Pedro lega un "Livro das Cantigas" ao seu sobriño, D. Afonso XI de Castela).
Tras esta época de esplendor prodúcese unha etapa de transición decadente coñecida como a Escola galego-castelá, que ten a súa representación en numerosos autores activos entre a segunda metade do século XIV e a primeira do XV, recollidos no Cancioneiro de Baena. Esta época é antesala dos Séculos Escuros de Galiza, así como do Quiñentismo en Portugal.
A lírica galego-portuguesa, de transmisión oral, creou ao seu redor un verdadeiro espectáculo trobadoresco (como sinalou un dos especialistas, Resende de Oliveira), pois eran cantigas musicadas (o cal supuña un duplo acto de creación), e contaban con varios axentes:
- O trobador, poeta en romance, culto, creador de texto e música.
- O xograr, traballador de extracción humilde, asalariado pero con formación.
- O segrel, poeta da pequena nobreza que interpretaba as súas propias composicións (e figura algo polémica na crítica actual).
- As soldadeiras, bailarinas da corte, moitas das cales tiñan fama de prostitutas.
- E un público cortesán, receptor inmediato dos textos.
As cantigas eran manuscritas e coleccionadas nos chamados Cancioneiros (eran libros manuscritos tamén, feitos por encarga de nobres ou, máis tarde, humanistas, que reunían gran número de trobas). Coñécense catro grandes Cancioneiros, todos emparentados xeneticamente. E destes, tres son fundamentais: o "Cancioneiro da Ajuda", o "Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa" e o "Cancioneiro da Biblioteca Vaticana" (estes dous últimos son coñecidos como os apógrafos italianos). Contamos tamén coa información que achegan seis documentos breves, entre os que cómpre destacar a Tavola colocciana (que é unha listaxe de autores e cantigas) e o Pergamiño Vindel, un manuscrito que transmite as mesmas sete cantigas de amigo que de Martín Codax posúen os cancioneiros, pero coa particularidade de que aquí traen a notación musical.
Os tipos de cantigas
[editar | editar a fonte]Dentro do trobadorismo galego-portugués, as cantigas costuman a dividirse en:
- Xénero lírico
- Xénero satírico
A cantiga de amor
[editar | editar a fonte]- Ver o artigo sobre a cantiga de amor
|
Neste tipo de cantiga, o eu-lírico é masculino, e el sempre canta as cualidades do seu amor, á quen el trata como superior (para el, ela é a suserana e el, o vasalo, reproducindo, polo tanto, o sistema xerárquico feudal). El canta a dor de amar e non ser correspondido (chamada de cuita), e é a súa amada a quen el se somete, e "presta servizo", e, por iso, espera beneficio (escrito ben nas trobas).
As características da cantiga de amor son as seguintes:
- Eu lírico masculino.
- Ausencia do paralelismo de par de estrofas e do leixa-pren.
- Asunto Principal: o sufrimento amoroso do eu lírico perante unha muller idealizada e distante.
- Amor cortés.
- Amor imposíbel.
- Ambientación aristocrática das cortes.
- Forte influencia provenzal.
- Vasalaxe amorosa, o eu lírico usa o pronome de tratamento senhor.
A cantiga de amigo
[editar | editar a fonte]- Ver o artigo sobre a cantiga de amigo
|
Este tipo de cantiga non xurdiu na Provenza como as outras, senón que tivo as súas orixes na Península Ibérica. É tamén composición de tipo amoroso, pero neste caso a voz emisora é feminina, pertence a unha dona virgo namorada, acotío baixo a tutela materna, e pertencente a un mundo feminino e popular. O eu-lírico é unha muller, pero os autores das cantigas de amigo eran os mesmos que cultivaban os outros xéneros, todos homes na nosa lírica. Esta doncela namorada canta o seu amor polo amigo (palabra clave propia deste xénero, e que ten o significado de namorado).
Normalmente, ela lamenta nas cantigas a ausencia do amado, ou ben xustifica a súa tardanza ante as acusacións da nai. Estas mulleres están conectadas con aquelas das kharxas mozárabes, mulleres do pobo, activas, decididas, que queren gozar o amor. Outra diferenza con respecto á cantiga de amor é que na cantiga de amigo non hai a relación Suserano versus Vasalo, non hai relación de vasalaxe, pois ela –a voz poética– é unha muller do pobo.
As características da cantiga de amigo son:
- Eu lírico feminino.
- Presenza de paralelismos.
- Predominio da musicalidade.
- Asunto Principal: o lamento da moza polo namorado que partiu.
- Amor natural e espontáneo.
- Amor posíbel.
- Ambientación popular rural ou urbana.
- Influencia da tradición oral ibérica.
- Deus é o elemento mais importante do poema.
- Pouca subxectividade.
A cantiga de escarnio
[editar | editar a fonte]
|
- Ver o artigo sobre a cantiga de escarnho
Na cantiga de escarnho -escarnio no galego actual-, o eu-lírico fai unha sátira a algunha persoa. Esa sátira é indirecta, chea de dobres sentidos, e o nome da persoa satirizada non é revelado. Estas cantigas de escarnio falan mal de alguén por medio de ambigüidades e xogos semánticos, nun proceso que os trobadores chamaban "equívoco". O cómico que caracteriza esas cantigas é predominantemente verbal, dependente do emprego de recursos retóricos. A cantiga de escarnio esixindo unicamente a alusión indirecta e velada, para que o destinatario non sexa recoñecido, estimula a imaxinación do poeta e suxírelle unha expresión irónica, mais bastante mordaz.
Algunhas características da cantiga de escarnio son:
- Crítica indirecta; normalmente a persoa satirizada non é identificada.
- Linguaxe traballada, chea de sutilezas e ambigüidades
- Ironía
A cantiga de maldicir
[editar | editar a fonte]- Ver o artigo sobre a cantiga de maldicir
Ao contrario da cantiga de escarnho, a cantiga de maldizer trae unha sátira directa e sen dobres sentidos. É común a agresión verbal á persoa satirizada, e moitas veces son utilizados vulgarismos, insultos e palabras obscenas. O nome da persoa satirizada pode ou non ser revelado.
Vexamos un exemplo dunha cantiga de maldicir composta por Martin Soarez, onde critica ao xograr Lopo sen compaixón polos seus dotes de cantante:
- Foi un dia Lopo jograr
- á cas dun infançón cantar:
- e mandou-lh’ele por don dar
- tres couces ena garganta;
- e fui-lh’escass’, a meu cuidar,
- segundo com’el canta.
- Escasso foi o infançón
- en seus couces partir entón,
- ca non deu a Lopo entón
- mais de tres ena garganta;
- e mais merece o jograrón
- segundo com’el canta.
Ben é certo que boa parte da crítica actual insiste en considerar as cantigas de escarnio e as de maldicir como un xénero unitario, por non haberen diferenzas sistemáticas entre escarnho e mal dizer, pois que seguen un mesmo modelo.
Trobadores, segreis e xograis
[editar | editar a fonte]Na lírica galego-portuguesa podemos destacar:
- Afonso X o Sabio
- Airas Nunez
- Bernal de Bonaval
- Don Denis
- Don Duarte
- Johan Garcia de Guilhade
- Meendinho (xogral)
- Martín Codax
- Pai Gómez Chariño
- Paio Soares de Taveirós
- Pedro Amigo
- Pero da Ponte (considerado segrel)
- Pero Meogo
- Johan de Cangas
Outros trobadores:
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Nas orixes da lírica trobadoresca galego-portuguesa" (PDF). Consello da Cultura. Consultado o 30 de agosto de 2016.
Fontes
[editar | editar a fonte]Principais manuscritos da lírica profana galego-portuguesa medieval
[editar | editar a fonte]- A = “Cancioneiro da Ajuda”, Biblioteca do Palácio Real da Ajuda (Lisboa).
- B = Biblioteca Nacional (Lisboa), cod. 10991.
- V = Biblioteca Apostolica Vaticana, cod. lat. 4803.
- N = Pierpont Morgan Library (Nova York), MS 979 (= PV).
- S = Arquivo Nacional da Torre do Tombo, Capa do Cart. Not. de Lisboa, N.º 7-A, Caixa 1, Maço 1, Livro 3 (see Sharrer 1991).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía básica
[editar | editar a fonte]- Asensio, Eugenio. 1970. Poética y realidad en el cancionero peninsular de la Edad Media. 2nd ed. Madrid: Gredos.
- Cohen, Rip. 2003. 500 Cantigas d’Amigo, edição crítica/critical edition. Porto: Campo das Letras.
- Ferreira, Manuel Pedro. 1986. O Som de Martin Codax. Sobre a dimensão musical da lírica galego-portuguesa (séculos XII-XIV). Lisboa: UNISYS/ Imprensa Nacional - Casa de Moeda.
- Ferreira, Manuel Pedro. 2005. Cantus Coronatus: 7 Cantigas d’El Rei Dom Dinis. Kassel: Reichenberger.
- Lanciani, Giulia e Giuseppe Tavani (edd.). 1993. Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Lisbon: Caminho.
- Lanciani, Giulia, e Giuseppe Tavani. 1998. A cantiga de escarnho e maldizer, tr. Manuel G. Simões. Lisboa: Edições Colibri.
- Lang, Henry R. 1894. Das Liederbuch des Königs Denis von Portugal, zum ersten mal vollständig herausgegeben und mit Einleitung, Anmerkungen und Glossar versehen. Halle a.S.: Max Niemeyer (rpt. Hildesheim - Nova York: Georg Olms Verlag, 1972).
- Lang, Henry R. "The Relations of the Earliest Portuguese Lyric School with the Troubadours and Trouvères." Modern Language Notes, Vol. 10, No. 4. (Apr., 1895), pp. 104–116.
- Lapa, Manuel Rodrigues. 1970. Cantigas d’escarnho e de mal dizer dos cancioneiros medievais galego-portugueses, edição crítica. 2nd ed. Vigo: Editorial Galaxia.
- Mettmann, Walter. 1959-72. Afonso X, o Sabio. Cantigas de Santa Maria. 4 vols. Coimbra: Por orde da Universidade (rpt. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1981).
- Michaëlis de Vasconcellos, Carolina. 1904. Cancioneiro da Ajuda, edição critica e commentada. 2 vols. Halle a.S.: Max Niemeyer (rpt. with Michaëlis 1920, Lisboa: Imprensa Nacional - Casa de Moeda, 1990).
- Michaëlis de Vasconcellos, Carolina. 1920. “Glossário do Cancioneiro da Ajuda”. Revista Lusitana 23: 1-95.
- Nobiling, Oskar. 1907a. As Cantigas de D. Joan Garcia de Guilhade, Trovador do Seculo XIII, edición crítica, con notas e introdución. Erlangen: Junge & Sohn (= Romanische Forschungen 25 [1908]: 641-719).
- Nunes, José Joaquim. 1926-28. Cantigas d’amigo dos trovadores galego-portugueses, edición crítica acompanhada de introdução, comentário, variantes, e glossário. 3 vols. Coimbra: Imprensa da Universidade (rpt. Lisbon: Centro do Livro Brasileiro, 1973).
- Nunes, José Joaquim . 1932. Cantigas d’amor dos trovadores galego-portugueses. Edição crítica acompanhada de introdução, comentário, variantes, e glossário. Coimbra: Imprensa da Universidade (rpt. Lisbon: Centro do Livro Brasileiro, 1972).
- Oliveira, António Resende de. 1994. Depois do Espectáculo Trovadoresco, a estrutura dos cancioneiros peninsulares e as recolhas dos séculos XIII e XIV. Lisbon: Edições Colibri.
- Pena, Xosé Ramón. 2002. "Historia da literatura medieval galego-portuguesa". Vigo. Edicións Xerais.
- Sharrer, Harvey L. "The Discovery of Seven cantigas d'amor by Dom Dinis with Musical Notation." Hispania, Vol. 74, No. 2. (maio de 1991), pp. 459–461.
- Stegagno Picchio, Luciana. 1982. La Méthode philologique. Écrits sur la littérature portugaise. 2 vols. París: Fundação Calouste Gulbenkian, Centro Cultural Português.
- Tavani, Giuseppe. 2002. Trovadores e Jograis: Introdução à poesia medieval galego-portuguesa. Lisbon: Caminho.