Ternera Gallega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

"Ternera Gallega" (denominación oficial no DOG[1]) é unha Indicación Xeográfica Protexida relativa á carne de vacún galega. É un produto con tradición e historia xa que ten percorrido de máis de 3.700 anos. Comezou a controlarse e promoverse en 1989, sendo recoñecida pola Unión Europea sete anos despois.

O certificado refírese exclusivamente a carne de tenreiros nacidos, criados e sacrificados en Galicia e que teñen que pasar un rigoroso control de calidade. Este control incide no nacemento dos tenreiros, crianza, alimentación, coidados sanitarios, sacrificio e presentación da carne nos establecementos para a posta á venda segundo a lexislación vixente. A alimentación adecuada para estes tenreiros baséase en leite materno, forraxes e concentrados vexetais (millo, patacas, nabos...) exentos de produtos animais ou substancias prohibidas.

Os tenreiros deben sacrificarse antes de cumpriren os 10 meses. A súa carne é característica pola súa cor rosa clara ou vermella suave, infiltración graxa de cor branca, aspecto magro, textura suave e agradable sabor. Esta carne chega aos consumidores perfectamente identificada polos correspondentes certificados de calidade e contraetiquetas.

Historia[editar | editar a fonte]

En setembro de 1989 a Consellería de Agricultura da Xunta de Galicia recoñeceu o Produto Galego de Calidade "Ternera Gallega" para carne de gando vacún producido en Galicia. En novembro publicouse o regulamento da denominación, no que se estableceron as condicións que garantían aos consumidores a adquisición da carne de vacún de máxima calidade. En xuño de 1992 recoñeceuse a carne de gando vacún de raza loura galega producida en Galicia, coa denominación de Carne de Loura Galega.

A similitude das dúas denominacións, fixo necesaria unha reformulación. En xaneiro de 1994 publicouse no Diario Oficial de Galicia, a denominación específica para a carne de vacún producida en Galicia, unha Denominación Específica de "Ternera Gallega". En novembro foi ratificado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. En decembro de 1996 a "Ternera Gallega" obtivo o máximo recoñecemento na Unión Europea, despois de cumprir coas condicións establecidas no Regulamento (CEE) nº2081/92, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios na Unión Europea.

En agosto de 1997 celebrouse a primeira convocatoria de eleccións a vogais do Consello Regulador, cunha elevada participación de tódalas industrias cárnicas e gandeiros inscritos.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A IXP "Ternera Gallega" ten a súa sede en Amio (Santiago de Compostela). O seu traballo de control adícase fundamentalmente a Galiza, e a súa promoción é tanto a nivel nacional como a nivel internacional. As explotacións gandeiras e industriais cárnicas pertencentes á IXP deben cumprir a normativa desta denominación. Existen catro rexistros diferentes: Rexistro de ganderías, rexistro de produtores, rexistro de matadoiros e rexistro de salas de despece.

Cada catro anos elíxense os cargos do consello regulador, que está composto pola presidencia, unha vicepresidencia, sete vogais que representan a produción, 7 vogais que representan a industria e dous vogais nomeados pola administración pública.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Cada res inscrita no rexistro da IXP é identificada mediante o sistema adaptado pola administración. Este rexistro será levado a cabo polo órgano de control e certificación do Consello Regulador. As pezas e canais estarán identificadas con etiquetas certificadoras expedidas por dito órgano e serán as que acompañen o produto en tódalas fases da comercialización.

O tenreiro debe nacer en Galicia, debe de ser gando da raza rubia galega ou morena do noroeste, así como dos cruzamentos entre elas (tamén se admiten cruzamentos en primeira xeración de machos destas razas con femias frisoas ou pardo-alpinas) [1], as explotacións e os tenreiros deben cumprir as condicións hixiénico-sanitarias establecidas pola normativa vixente, e debe estar identificado co DIB (documento de identificación para bovinos) e con dobre crotalización.

A normativa europea sobre clasificación de canais de vacún admite seis tipos de conformación (S, E, U, R, O, P) e cinco tipos de engraxamento (1, 2, 3, 4, 5). A "Ternera Gallega" certifica unicamente os case de mellor conformación (S, E, U e R) e os estados de engraxamento intermedios (2 e 3).

Existen tres tipos de carne en función da idade, do sistema de produción e da alimentación: "Ternera Gallega Suprema", "Ternera Gallega" e "Ternera Gallega Añojo".

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]