Tamaganos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Situación aproximada do pobo dos Tamaganos na provincia romana da Gallaecia.

Os tamaganos ou tamagani eran un pobo galaico da antiga Gallaecia, que se localizan na actualidade na comarca de Verín, no val do río Támega até Portugal.

Fontes[editar | editar a fonte]

Este pobo non é citado polas fontes clásicas (Plinio o Vello, Estrabón, etcétera) senón que nos é coñecido através de diversas inscricións epigráficas.

Entre estas fontes últimas cabe destacar o Padrón dos Pobos (CIL, II, 2477), unha columna que conmemoraba o erguemento da ponte de Chaves, sobre o río Támega, e na que son citados dez pobos ou civitates, entre os cales son citados os tamagani.

Outro epígrafe, procedente do castro de Cabanca, en Castrelo do Val, cita un tamagano (segundo Le Roux e Tranoy de nome Lucius Casius Caenus), decurión da Ala I Gigurrorum.

Identificación[editar | editar a fonte]

O Padrón dos Pobos, especialmente, axuda a identificar os tamagani coa mesma raíz do río Támega, de onde se supón con forte razón que o grupo tomou o nome. A raíz *tam- corresponde a un hidrónimo, como vemos noutros casos e sen saír da mesma Galiza: río Tambre (antigo Tamare), río Tamuxe, río Támoga, etc, con paralelos noutros países, sendo o máis a man o do río Támesis en Inglaterra, en inglés Thames. Trátase dunha coñecida raíz indoeuropea con significado de "escuro" o que val tanto como "profundo" (con significado de "escuro" aínda vivo en linguas eslavas, cfr. checo tma "escuro", ruso temnotá "escuro", temnéti "escurecer").

Porén a redución do pobo precísase máis aínda no val de Monterrei ou de Verín, polo feito de que aí perduran hoxe os topónimos Tamagos e Tamaguelos, de dous pequenos lugares. Tamagos deriva, sen dúbida, de tamaganos, sendo Tamaguelos un diminutivo, co sufixo, xa latino, -ellos; o que non é óbice para que o seu territorio se estendese aínda augas abaixo do Támega até o que hoxe é territorio portugués.