Saltar ao contido

Sambar

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sambar

Macho

Femia no Parque Nacional Kanha, Madhya Pradesh, India
Femia no Parque Nacional Kanha, Madhya Pradesh, India

Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Cervidae
Subfamilia: Cervinae
Xénero: Rusa
Especie: Rusa unicolor
(Kerr, 1792)
Área de distribución
Área de distribución

Área de distribución
Sinonimia
  • Cervus unicolor

O sambar[2] (Rusa unicolor, antes Cervus unicolor) é unha grande especie de cervo nativo do subcontinente indio, sur da China e sueste asiático que está considerada especie vulnerable na Lista vermella da IUCN desde 2008. As súas poboacións declinaron substancialmente debido a unha forte caza, guerras por insurxencias locais e explotación industrial do hábitat.[1]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Macho de sambar alimentándose
Esqueleto de sambar no Museo de Anatomía veterinaria FMVZ USP en Sao Paulo, Brasil

A aparencia e tamaño do sambar varía amplamente ao longo da súa área de distribución, o cal levou a unha considerable confusión taxonómica no pasado; en consecuencia, usáronse 40 sinónimos científicos diferentes para a especie. En xeral, chegan a unha altura de 102 a 160 cm ata os ombreiros e poden pesar ata 546 kg, aínda que o peso máis común é de 100 a 350 kg.[3][4] A lonxitude da cabea e corpo varía de 1,62 a 2,7 m, cun rabo de 22 a 35 cm.[5] Os individuos que pertencen á subespecie occidental tenden a ser máis grandes que as do leste e as femias son menores que os machos.[6] Entre todas as especies de cérvidos vivas, soamente o alce e o uapití poden acadar maiores tamaños.[7]

As grandes e robustas cornamentas son de tipo rusino, as puntas frontais son simples e os talos esgállanse nos extremos, polo que teñen só tres puntas. As cornamentas miden normalmente ata 110 cm de longo en individuos adultos. Como na maioría dos cervos, só os machos teñen cornos.[6]

O pelame é moi peludo e pode ser de marrón amarelado a gris escuro, e aínda que é usualmente uniforme en cor, algunhas subespecies teñan marcas castañas nos cuartos traseiros e partes inferiores. O sambar tamén ten unha pequena pero densa melena, que adoita a ser máis prominente nos machos. O rabo é relativamente longo para un cervo e é xeralmente negro coa parte inferior de tons brancos.[6]

Os machos adultos e as femias preñadas ou lactantes posúen un punto sen pelo de cor vermella sangue localizado na parte media da zona inferior da gorxa. Este punto ás veces zumega un líquido branco e aparentemente é de natureza glandular.[8]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

O sambar está distribuído por gran parte do sur de Asia chegando polo norte ás ladeiras do sur dos Himalaias no Nepal, Bután e a India, na parte continental do sueste asiático incluíndo Myanmar, Tailandia, Indochina, a península de Malaca, Indonesia (Sumatra e Borneo), Taiwán e sur da China, incluíndo Hainan. Nas ladeiras do Himalaia, Myanmar, Sri Lanka e leste de Taiwán, vive ata os 3500 m de altura. Habita en bosques tropicais secos, bosques tropicais estacionais, bosques mixtos subtropicais con arboledas de coníferas e pradeiras de montaña, bosques de folla caduca e árbores perennes de folla ancha, a selvas tropicais e raramente se move lonxe das fontes de auga.[1] En 2023 un estudo mostrou que o sambar regresou a Singapur debido a varios casos de escapes dos zoos, despois de que se cría que se extinguiran na natureza na illa.[9][10]

O sambar introduciuse polo home en varias partes do mundo, como Australia, Nova Zelandia e os Estados Unidos.[11]

O sambar prefire cubertas de vexetación densas de arbustos de folla caduca e herbas,[8] aínda que a natureza exacta desta varía enormemente co ambiente debido á amplitude da súa área de distribución. Os tamaños do teritorio que necesita son tamén probablemente igual de variables, pero foron rexistrados territorios de 1500 ha para os machos e 300 ha para as femias na India.[6]

Ecoloxía e comportamento

[editar | editar a fonte]
Un sambar atacado por cánidos (Cuon alpinus no Parque Nacional Bandipur
Dous machos de sambar chocando as cornamentas
Un tigre atacando un sambar en Ranthambore

Os sambares son nocturnos ou crepusculares. Os machos viven sós a maior parte do ano e as femias viven en pequenas mandas de ata 16 individuos. Nalgunhas áreas a manda media consta de só tres ou catro individuos, comprendendo normalmente unha femia adulta, os seus fillos máis recentes e quizais unha femia inmatura subordinada. Este é un padrón pouco común nos cervos, que maiormente viven en grandes grupos. A miúdo congréganse preto da auga e son bos nadadores.[6] Como a maioría dos cervos, o sambar é xeralmente silencioso, aínda que todos os adultos poden berrar ou facer sons curtos e agudos cando están alarmados. Porén, o máis normal é que se comuniquen por marcas de olor e pateos.[Cómpre referencia]

O sambar aliméntase dunha ampla variedade de vexetación, incluíndo herbas, follaxe, ramiñas, froitas e plantas acuáticas, dependendo do seu hábitat local.[8] Tamén consomen unha grande variedade de arbustos e árbores.[6]

O sambar viuse congregándose en grandes mandas en áreas protexidas como parques nacionais e reservas da India, Sri Lanka e Tailandia. En Taiwán, o sambar, xunto co cervo sika, foron criados en granxas polas súas cornamentas, que se lles caen anualmente de abril a maio e son moi aprezadas polo seu uso como mangos de coitelos e culatas de pistolas.[12]

Os machos esvorcállanse e enterran as cornamentas en terra mollada con urina, e despois frétanse contra troncos de árbores.[8] Os sambares poden presentar un considerable bipedalismo para un cervo e os machos póñense de pé a dúas patas e marcan as pólas baixas das árbores cos cornos.[13] Un macho tamén se marca a si mesmo ao esparexer urina sobre a súa face co seu pene moi móbil.[8] As femias, malia a súa falta de cornamenta, defenden facilmente os seus fillos da maioría dos predadores, o cal é relativamente raro nos cervos. Cando se enfrontan a unha manda de Cuon alpinus (dholes) cazadores ou a cans domésticos que se fixeron silvestres, un sambar baixa a cabeza coa melena erecta e acomete os cans. O sambar prefire atacar os predadores en auga pouco profunda. Varios sambares poden formar unha formación defensiva, xuntando os cuartos traseiros e vocalizando alto aos cans.[8] Cando detectan o perigo, un sambar patea no chan e fai unha chamada repenicante chamada "campaneo".[13]

Son unha presa favorita dos tigres e leóns asiáticos. Na India, o sambar pode supoñer ata case o 60% das presas seleccionadas polo tigre de Bengala.[Cómpre referencia] Anecdoticamente, o tigre dise que incluso imita a chamada do sambar para enganalo e cazalo.[14] Tamén poden ser atrapados por crocodilos, principalmente os simpátricos Crocodylus palustris e Crocodylus porosus. Os leopardos e Cuon alpinus depredan frecuentemente os cervos novos ou enfermos, aínda que poden atacar tamén a adultos con boa saúde.[1]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Aínda que se aparean e reproducen durante todo o ano, os partos do sambar chegan ao seu máximo estacionalmente. O estro dura uns 18 días. O macho estabiliza un territorio ao cal atrae as femias das proximidades, pero non estabiliza un harén. O macho pisa o chan ata que crea unha zona descuberta e a miúdo envorcállase na lama, quizais para acentuar a cor do seu pelo, que é máis escuro que o das femias. Aínda que ás veces se oen facer un ruidoso e áspero bramido, os machos en celo son xeralmente silenciosos.[6] Os grandes machos dominantes defenden territorios non exclusivos rodeados por varios outros machos,[13] cos cales estableceron amizade e formaron alianzas por medio de loitas. Cando loitan contra machos rivais, enganchan as cornamentas e empurran, como fan outros cervos, pero son os únicos que tamén ás veces se poñen de pé sobre as patas traseiras e déixanse caer chocando entre si,[8] de modo similar a especies caprinas. As femias tamén loitan erguéndose sobre as súas patas traseiras e usan as patas dianteiras para golpear ás outras na cabeza.[6]

Unha femia de sambar cun macho xove

O cortexo baséase máis en establecer vínculos en vez de que os machos se berren uns a outros.[8] As femias móvense moito dun territorio de apareamento a outro buscando machos para iniciar o cortexo.[6] Cando montan as femias, os machos non as suxeitan, senón que as patas dianteiras do macho colgan frouxas e a penetración consiste nun "salto copulatorio".[13][8] A xestación dura probablemente uns 8 meses, aínda que algúns estudos suxiren que pode ser algo máis longa. Normalmente, só nace unha cría por parto, aínda que tamén se informou de casos de xemelgos no 2% dos nacementos. As crías pesan inicialmente de 5 a 8 kg e non teñen xeralmente pintas, aínda que nalgunhas subespecies teñen pintas claras que lles desaparecen pouco despois de naceren.[6] As crías empezan a comer comida sólida aos 5 a 14 días, e comezan a ruminar cando teñen un mes.[15] Algún sambar chegou a vivir 28 anos en catividade, aínda que raramente sobreviven máis de 12 anos na natureza.[6]

Taxonomía e evolución

[editar | editar a fonte]
Un macho de sambar no Parque Nacional das chairas de Horton, Sri Lanka

A análise xenética mostra que o parente vivo máis próximo do sambar é probablemente o Rusa timorensis de Indonesia.[16] Isto está apoiado por informes de que ambos poden reproducirse entre si e orixinar híbridos fértiles.[6]

Coñécense sambares fósiles desde o inicio do Plistoceno, aínda que son moi similares en forma ás primeiras especies de cervos do Plioceno, e lembran menos aos modernos cervinos. A especie seguramente se orixinou en zonas tropicais do sueste asiático, e espallouse posteriormente pola súa área actual. Propuxéronse a Epirusa e Eucladoceros como posibles devanceiros das especies vivas e como os seus parentes máis estreitos.[6][17]

Subespecies

[editar | editar a fonte]

As subespecies do sambar na India e Sri Lanka son as máis grandes do xénero e coas cornamentas máis grandes en relación co seu tamaño e proporcións corporais. O sambar do sur da China e do sueste asiático continental é probablemente o segundo en tamaño, con cornamentas lixeiramente menores que o sambar indio. O sambar de Sumatra que habita na península de Malaca e Sumatra e o sambar de Borneo parecen ter as menores cornamentas en proporción co seu tamaño corporal. O sambar de Formosa (Taiwán) é a subespecie menor, cunhas proporcións cornamenta-corpo máis similares ao sambar do sur da China.

Actualmente, recoñécense sete subespecies de sambar,[6][18] aínda que se propuxeron moitas outras.

Subespecies Nome Distribución xeográfica
R. u. boninensis[19] Sambar de Bonin Illas Bonin (extinguido)
R. u. brookei Sambar de Borneo Borneo
R. u. cambojensis
Sambar do sueste asiático continental Sueste asiático continental
R. u. dejeani Sambar do sur da China Sur e suroeste da China
R. u. equina
Sambar malaio Sumatra
R. u. hainana Sambar de Hainan Hainan, China
R. u. swinhoii
Sambar de Formosa Taiwán
R. u. unicolor
Sambar indio ou de Sri Lanka India, Bangladesh, Sri Lanka
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Timmins, R.J.; Kawanishi, K.; Giman, B.; Lynam, A.J.; Chan, B.; Steinmetz, R.; Baral, H. S.; Samba Kumar, N. (2015). "Rusa unicolor". p. e.T41790A85628124. doi:10.2305/IUCN.UK.2015-2.RLTS.T41790A22156247.en. Consultado o 19 de febreiro de 2022. 
  2. Definición de sambar no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Burnie D and Wilson DE (Eds.), Animal: The Definitive Visual Guide to the World's Wildlife. DK Adult (2005), ISBN 0789477645
  4. "Comparative Placentation". Placentation.ucsd.edu. Consultado o 17 de agosto de 2012. 
  5. Boitani, Luigi (1984) Simon & Schuster's Guide to Mammals. Simon & Schuster/Touchstone Books, ISBN 978-0-671-42805-1
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 6,13 Leslie, D.M. (2011). "Rusa unicolor (Artiodactyla: Cervidae)". Mammalian Species 43 (1): 1–30. doi:10.1644/871.1. 
  7. "Deer – Department of Primary Industries". Dpi.vic.gov.au. 3 de xaneiro de 2012. Consultado o 17 de agosto de 2012. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Geist, V. (1998). Deer of the world: their evolution, behaviour, and ecology. Mechanicsburg: Stackpole Books. pp. 73–77.
  9. "S'pore photographer captures majestic Sambar deer posing under street lights". mothership.sg (en inglés). Consultado o 27 de fenbreiro de 2023. 
  10. "Sambar deer making a return in Singapore, study shows | The Straits Times". www.straitstimes.com (en inglés). 27 de febreiro de 2023. Consultado o 27 de febreiro de 2023. 
  11. Long, J.L. (2003). Introduced Mammals of the World: Their History, Distribution and Influence. Clayton: CSIRO Publishing. ISBN 9780851997483
  12. "Handle Materials". The Knife Connection. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2012. Consultado o 11 de marzo de 2012. 
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Schaller, G. (1967). The Deer and the Tiger: A Study of Wildlife in India. Chicago: University Of Chicago Press. pp. 134–148. 
  14. Perry, R. (1965). The World of the Tiger. p. 260. ASIN B0007DU2IU
  15. Semiadi, G.; Barry, T. N.; Muir, P.D. (1993). "Growth, milk intake, and behaviour of artificially reared sambar deer (Cervus unicolor) and red deer (Cervus elaphus)". Journal of Agricultural Science 121 (2): 273–281. doi:10.1017/S0021859600077157. 
  16. Emerson, B.C.; Tate M.L. (1993). "Genetic analysis of evolutionary relationships among deer (subfamily Cervinae)". Journal of Heredity 84 (4): 266–273. PMID 8340615. doi:10.1093/oxfordjournals.jhered.a111338. 
  17. K. Suraprasit, J.-J. Jaegar, Y. Chaimanee, O. Chavasseau, C. Yamee, P. Tian, and S. Panha (2016). "The Middle Pleistocene vertebrate fauna from Khok Sung (Nakhon Ratchasima, Thailand): biochronological and paleobiogeographical implications". ZooKeys (613): 1–157. PMC 5027644. PMID 27667928. doi:10.3897/zookeys.613.8309. 
  18. Grubb, P. (2005). "Rusa unicolor". En Wilson, D. E.; Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3ª ed.). Johns Hopkins University Press. pp. 670–671. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. 
  19. Pocock, R.I. (1943). "The Skull-characters of some of the Forms of Sambar (Rusa) occurring to the East of the Bay of Bengal. — Part III. Rusa nigricans and Rusa boninensis". Annals and Magazine of Natural History 10 (63): 191–196. doi:10.1080/03745481.1943.9728010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]