O Team Rebaque foi un equipo e construtor mexicano de Fórmula 1, con sede en Leamington Spa, Reino Unido. Participaron en 30 Grandes Premios, inicialmente con coches comprados a Team Lotus, antes de que finalmente construíra un coche propio. O Rebaque HR100 foi presentado para as tres últimas carreiras do equipo antes do peche do mesmo.
O equipo foi fundado e centrado ao redor de Héctor Rebaque, o piloto mexicano que conduciu por primeira vez na Fórmula Un en 1977 para Hesketh. Logo da súa tempada de debut foi descartado por Hesketh, e sen outro equipo disposto a contratalo, Rebaque como piloto decidiu crear o seu propio equipo.
Ao comezo da tempada 1978 Rebaque chegou a un acordo con Team Lotus para comprar o seu modelo Tipo 78 de 1977. Tiña moi pouca experiencia, só lograra cualificar para unha carreira con Hesketh, e tivo un ano difícil. Malia que logrou anotar un punto no Gran Premio de Alemaña, tamén sufriu a ignominia de verse forzado a retirarse do Gran Premio do Brasil, debido a fatíga do condutor.
Continuou o acordo con Lotus para a tempada 1979 esta vez comprando o Lotus Tipo 79 campión do ano anterior. Durante o ano encargou a Penske construír un chasis, o Rebaque HR100.[1] O deseño do coche, de Geoff Ferris coa achega de John Barnard, estaba fortemente influenciado polo deseño do Lotus 79, e tamén incorporaba algúns elementos dos pontóns do Williams FW07. Rematouse a tempo para o Gran Premio de Italia dese ano, malia que non puido cualificarse. Para o Gran Premio do Canadá cualificou pero tivo que retirarse por problemas no chasis na volta 26, finalmente no GP dos Estados Unidos non logrou cualificar. O equipo pechouse a finais de ano. A metade da tempada de 1980 Rebaque fichou por Brabham substituíndo a Ricardo Zunino.
Ata a data Rebaque segue sendo o único equipo mexicano que participou nun Gran Premio do Campionato do Mundo.[2]