Portal:Rusia/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rusia, (en ruso: Россия, transliteración: Rossiya, ou Federación Rusa (en Ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no Mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangell. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sahalín, as illas Kuriles e as illas Komandorskie. A porción continental limita ao norte co Mar Branco, o mar de Kara, o mar de Laptev, o mar da Siberia Oriental e o Mar de Chukchi, ao leste co Estreito de Bering e Mar de Bering, que establecen comunicación con Alasca, o Océano Pacífico, o mar de Okhotsk e co mar do Xapón, a través do cal contacta con Xapón, ao sur con Corea do Norte, China, Mongolia, Casaquistán, o Mar Caspio, Acerbaixán, Xeorxia e co mar Negro, do outro lado do cal está a Turquía, e a oeste limita co Mar de Azov, Ucraína, Belarús, Letonia, Estonia, co Golfo de Finlandia, Finlandia e Noruega. A capital de Rusia é a cidade de Moscova.