Saltar ao contido

Portal:Barcelona/Lugar de interese/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os artigos destacados no portal Barcelona:

O Port Olímpic de Barcelona é un porto deportivo que está situado fronte á Vila Olímpica, entre as praias da Barceloneta e a Nova Icària, no distrito de Sant Martí. É xestionado pola empresa POBASA (Port Olímpic de Barcelona S.A.).

Foi construído baixo deseño dos arquitectos Oriol Bohigas, Josep Martorell, David Mackay e Albert Puigdomènech e dirección do enxeñeiro Joan Ramon de Clascà en 1991 para dotar á cidade dun porto deportivo á súa altura, seguindo a normativa da Generalitat de reconverter a costa norte da cidade nunha zona habitada e de recreación. En 1992 foi a sede das competicións de vela dos XXV Xogos Olímpicos.


O Parc de la Ciutadella (en galego: Parque da Cidadela) foi durante moitos anos o único parque da cidade de Barcelona. Foi construído nos antigos terreos da fortaleza da cidade (de aí o seu nome Cidadela), a imaxe e semellanza do Xardín de Luxemburgo de París.

Está situado no barrio de Ciutat Vella, no triángulo comprendido entre a Estación de França, o Arco de Triunfo e a Vila Olímpica, entre o paseo Pujades, o paseo Picasso e a rúa Wellington. Dispón de dez accesos e ten unha extensión de 17,42 hectáreas, sen contar o Zoo de Barcelona. No parque sitúase o antigo Arsenal da Ciutadella, sede actual do Parlamento de Cataluña.


Montjuïc é unha montaña situada no suroeste da cidade de Barcelona, en Cataluña, cunha altitude máxima de 184,8 metros sobre o nivel do mar. Desde ela dominábanse o porto e a zona antiga da cidade. Antigamente había numerosas pedreiras que subministraban material á cidade. Atópase administrativamente no distrito de Sants-Montjuïc.

Tradicionalmente atribuíuse ao topónimo o significado de Monte dos xudeus, supostamente en catalán medieval, motivado pola existencia dun cemiterio xudeu na montaña, que foi confirmada polos documentos e arqueólogos. Outra teoría tamén aceptada é que sexa unha corrupción do latín Mons Jovicus (Monte de Xúpiter), nome mencionado por Pomponio Mela na súa Corografía


A Plaça de Catalunya (en galego: Praza de Cataluña) é unha céntrica praza de Barcelona, a terceira praza máis grande de España con 30.000 m².

Constitúe o punto de unión entre o núcleo vello da cidade, Ciutat Vella, e o Eixample. De aquí parten importantes vías da cidade como Les Rambles, o Passeig de Gràcia, a Rambla de Catalunya ou as roldas de Universitat e de Sant Pere, e a rúa Pelai, así como a avenida do Portal de l'Àngel, a gran arteria comercial da cidade, e antiga porta das murallas.


O Passeig de Gràcia (Paseo de Gràcia en galego) é a avenida principal de Barcelona e unha das avenidas máis famosas de España, debido á súa importancia turística, áreas comerciais, negocios e un gran escaparate de destacadas obras de arquitectura modernista, como as edificacións dos arquitectos Antoni Gaudí e Lluís Domènech i Montaner, declaradas Patrimonio da Humanidade. A avenida está situada na parte central da cidade, o Eixample barcelonés, e conecta a plaça de Catalunya no sur coa rúa Gran de Gràcia ao norte.

Pode ser parecida por popularidade á Avenida dos Campos Elisios de París, doutra banda é a segunda das rúas máis caras de España en referencia sobre todo ao alugamento, a nivel español precédelle a rúa Preciados de Madrid, que ocupa o primeiro posto.


O Camp Nou (Campo Novo en galego) é un estadio de fútbol situado na cidade de Barcelona, Cataluña. É o estadio do Futbol Club Barcelona. No momento da súa inauguración, en 1957, foi bautizado simplemente como Estadio do FC Barcelona. Non foi ata o ano 2001 en que se adoptou oficialmente o nome actual, que é a denominación coa que popularmente sempre foi coñecido.

Cunha capacidade actual de 99.354 espectadores, é o estadio con máis capacidade de Europa e o sexto do mundo. Ten, desde 1998, a máxima cualificación (5 estrelas) que a FIFA pode atorgar a un estadio, sendo o primeiro estadio español en conseguir esta categoría.


La Rambla, tamén coñecida como Les Rambles por ter diferentes nomes nos seus tramos, é un emblemático paseo da cidade de Barcelona, que discorre entre a Plaça de Catalunya, centro neurálxico da cidade, e o porto antigo.

O paseo está moi concurrido tanto de día como de noite. Está cheo de quioscos de prensa, flores e aves, cafetarías, restaurantes e comercios. Preto do porto existe un gran número de mercados, así como pintores e debuxantes. Paseando pola Rambla poden admirarse varios edificios de interese, como o Palau de la Virreina, o mercado de La Boqueria e o famoso teatro Liceu, no que se representan óperas e ballets.


O Palau de la Música Catalana é un auditorio de música situado na rúa Sant Pere més Alt no barrio da Ribera de Barcelona, España. Foi proxectado polo arquitecto barcelonés Lluís Domènech i Montaner, un dos máximos representantes do modernismo catalán. A construción levou a cabo entre os anos 1905 e 1908, con solucións na estrutura moi avanzadas coa aplicación de grandes muros de cristal e a integración de todas as artes, escultura, mosaicos, vitrais e forxa. O edificio, sede central do "Orfeón Catalán", fundado en 1891 por Lluís Millet e Amadeu Vives, foi sufragado por industriais e financeiros cataláns, ilustrados e amantes da música, estamento que sesenta anos antes xa financiara o teatro de ópera e ballet Gran Teatro do Liceo.

En 1997 a Unesco incluíu o edificio na súa relación do Patrimonio da Humanidade.


A praia da Barceloneta é a máis antiga e famosa das praias da cidade de Barcelona (España). Foi remodelada xusto antes dos Xogos Olímpicos de 1992.

Atópase no barrio de La Barceloneta (Ciutat Vella). Xunto coa de Sant Sebastià (praia próxima) é unha das máis antigas e de maior tradición da cidade e tamén unha das preferidas polos usuarios estranxeiros.

Dispón de equipamentos de lecer como áreas de volei, pas, área de xogos etc. Dispón de área nudista e conta cunha parada de metro bastante próxima, a estación de Barceloneta e Ciutadella.


O Hospital de la Santa Creu i Sant Pau (Hospital da Santa Cruz e San Paulo), coñecido habitualmente como Hospital de Sant Pau, é un conxunto modernista situado en Barcelona, proxectado polo arquitecto Lluís Domènech i Montaner. Foi construído entre 1902 e 1930 en dúas fases: a primeira, realizada por el mesmo entre 1902 e 1913, consta de 13 edificios modernistas; a segunda, realizada polo seu fillo Pere Domènech i Roura a partir de 1920, conta con seis edificios máis, dun modernismo moderado, ademais doutras construcións posteriores. Aínda que non se desenvolveu integramente todo o proxecto orixinal, a súa notoriedade foi recoñecida por varios premios e co recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1997.

Edificado como centro hospitalario moderno e innovador, logo de cen anos deixou de cumprir esa función e, actualmente, está sendo restaurado para albergar centros vinculados coa secretaría xeral da Unión polo Mediterráneo, situada en Barcelona. As súas funcións hospitalarias foron trasladadas a un novo hospital dentro do mesmo perímetro do recinto en sintonía coas necesidades do século XXI.