Pogrom
Un pogrom[1] (do ruso: погром, pogrom: "devastación") consiste no linchamento multitudinario, espontáneo ou premeditado, dun grupo particular, étnico, relixioso ou outro, acompañado da destrución ou o espolio dos seus bens (casas, tendas, centros relixiosos etcétera). O termo foi usado para denotar actos de violencia sobre todo contra os xudeus, aínda que tamén se aplicou para outros grupos, como é o caso do linchamento polaco contra as minorías étnicas (alemáns e ucraínos) na Galitsia.
Historia
[editar | editar a fonte]A orixe histórica da palabra remóntase a 1881, cando o tsar Alexandre II foi asasinado na cidade de San Petersburgo por Ignacy Hryniewiecki, o cal produciu unha onda de violencia na Rusia meridional, que se prolongou até 1884. A raíz do pogrom, calcúlase que preto de dous millóns de xudeus rusos emigraron cara aos Estados Unidos no período comprendido entre 1880 e 1920. Ese non foi o único gromo antisemita ocorrido en Rusia. Son numerosos os pogroms documentados durante a Revolución rusa de 1917 e a posterior guerra civil rusa (1918-1921); así, durante a Revolución Bolxevique, os xudeus adiñeirados foron, como o resto das clases acomodadas, duramente perseguidos. E, polo seu lado, a participación de colectivos xudeus menos favorecidos, en favor da revolución, motivou a súa posterior represión por parte do Exército Branco.
Antes de que a palabra fose recoñecida, outros actos de violencia indiscriminada foron documentados, sendo os pogroms de 1096, durante a Primeira Cruzada, os primeiros en ser documentados. Outras cruzadas tamén inspiraron este tipo de actividade violenta non sancionada polas autoridades ou até motivada por elas mesmas. Así mesmo cualifícase como pogrom a persecución de xudeus na Europa do século XIV, por ter sido acusados de provocar un gromo de peste negra.
Os pogroms non acabaron coa segunda guerra mundial. En 1946 estalou un en Kielce (Polonia). Morreron corenta e dous xudeus e aproximadamente cincuenta foron feridos. En xaneiro de 1990, en Bakú (a capital de Acerbaixán), a minoría armenia da cidade foi expulsada e atacada; uns 400 armenios morreron en varios días de pogrom, centos resultaron feridos, e todos os 36 000 armenios (dun total de 220 000 en 1987) que non abandonaran a cidade entre 1988 e 1989, tiveron que fuxir vía férrea até Turkmenistán, ou en avión a Rusia ou Armenia.
Pogroms contra xudeus
[editar | editar a fonte]Na Rusia tsarista
[editar | editar a fonte]Os ataques violentos contra xudeus remóntanse polo menos ás Cruzadas ou mesmo antes (véxase Castelo de York)[2], pero o termo pogrom referido a unha algarada antisemita premeditada só empezaría a empregarse a principios do século XIX. Crese que o primeiro pogrom así chamado deuse durante os disturbios de 1821 en Odesa, tras a morte do patriarca grego ortodoxo en Constantinopla, durante a cal foron asasinados 14 xudeus. Outras fontes, como a Enciclopedia Xudía, datan o primeiro pogrom en 1859, ocorrido igualmente en Odesa. O termo fíxose común tras unha serie de altercados violentos antixudeus que arrasaron o sur da Rusia Imperial (moderna Polonia, Ucraína, Moldova) no período 1881-1884, despois de que foran acusados sen evidencia ningunha os xudeus, como culpables do asasinato do tsar Alexandre II. Durante a devandita onda de ataques, destruíronse miles de fogares xudeus, moitas familias víronse condenadas á pobreza extrema, un número incerto de mulleres foron vítimas de violación; en 166 cidades rusas producíronse numerosísimos asasinatos de homes, mulleres e nenos. O novo tsar Alexandre III culpou os xudeus destes sucesos e promulgou unha serie de duras restricións sobre os xudeus. Os pogroms continuaron durante máis de tres anos acompañados pola inactividade, cando non houbo cooperación, por parte das autoridades.
Unha onda aínda máis sanguenta de pogroms desencadearíase no período 1903-1906, deixando tras de si un balance de 2.000 xudeus mortos e moitos máis feridos. The New York Times describiu así o Primeiro pogrom de Chisinau, sucedido na Pascua de 1903:
«Os disturbios antisemitas en Chisinau, Besarabia,[3] son peores do que a censura permitirá publicar. Estaba sobradamente planeada un masacre xeneralizado contra os xudeus o día seguinte á Pascua rusa. A turba estaba dirixida por sacerdotes, e a lema xeral, "Matade os xudeus", foi repetido por toda a cidade. Os xudeus foron tomados por sorpresa e acabaron masacrados como cordeiros. O número de vítimas ascendeu a 120[4] e o de feridos a 500. As escenas de horror desta matanza están máis aló de calquera descrición. Os bebés foron literalmente esnaquizados pola turba frenética e sedenta de sangue. A policía local non realizou ningún esforzo para impedir o reinado do terror. Á tardiña, as rúas estaban repletas de cadáveres e feridos. Aqueles que puideron escapar da morte fuxiron da cidade, agora practicamente baleira de xudeus.»
Polo menos algúns dos pogroms foron organizados[5] ou apoiados pola policía secreta tsarista, a Okhrana. Feitos como a indiferenza da policía rusa ou o exército foron debidamente informados, por exemplo, durante o tres días do pogrom de Kishinev de 1903, así como en certos artigos incendiarios de tendencia antixudía aparecidos na prensa con anterioridade, indicio de que a policía sabía con antelación dalgúns pogroms e optou por non actuar. Algúns membros do exército tamén participaron activamente nas matanzas de Białystok (xuño de 1906) e Siedlce (setembro de 1906). O movemento antisemita máis activo durante este período foi o dos Cen Negros, que participaría nos pogroms. Mesmo con excepción destas explosións de violencia, os pogroms foron comúns: houbo disturbios antixudeus en Odesa en 1859, 1871, 1881, 1886 e 1905, cuxo saldo foi de centos de vítimas.
Durante a Revolución rusa
[editar | editar a fonte]Durante a Revolución rusa de 1917 e a posterior guerra civil[6] producíronse numerosos pogroms: estímase que entre 70.000 e 250.000 xudeus civís foron asasinados en todo o extinto imperio ruso; o número de xudeus orfos superou os 300.000. No libro 200 anos xuntos, Aleksandr Solzhenitsyn achega as seguintes cifras extraídas do estudo de Nahum Gergel (1951) sobre os pogroms en Ucraína: de 887 pogroms contabilizados, aproximadamente achácaselle un 40% ás forzas ucraínas de Symon Petliura, un 25% ao Exército Verde e diversos grupos nacionalistas, un 17% ao Exército Branco, especialmente ás forzas de Antón Denikin, e un 8,5% ao Exército Vermello. Cabe aclarar que o goberno bolxevique non tiña unha política antisemita, de feito os pogroms zaristas dirixíanse contra os intelectuais e activistas políticos ligados ao movemento revolucionario. Fronte a isto, o exército branco, ligado ao tsarismo derrocado, estaba embebido das tradicións antisemitas do antigo réxime ruso.
Fóra de Rusia
[editar | editar a fonte]Os pogroms estendéronse a través da Europa Central e Oriental, e outros disturbios antisemitas sucederon en calquera lugar do mundo. En 1918 e durante os anos 30 houbo pogroms esporádicos en Polonia. En 1927 houbo pogroms en Oradea, Romanía. En 1929, en Palestina tivo lugar a matanza de Hebrón, perpetrada por árabes palestinos contra as comunidades xudías de Xerusalén e arredores. En América, houbo un pogrom contra os estranxeiros en xeral (e en especial contra os xudeus, na chamada "caza do ruso", xentilicio co que aínda hoxe se identifica aos xudeus na Arxentina, organizada pola ultradereitista Liga Patriótica Arxentina) na Arxentina, durante a Semana Tráxica. Este último pogrom tivo como antecedentes os ocorridos durante a Folga Xeral do Centenario (maio de 1910).
No mundo árabe producíronse varios, que desempeñaron un papel fundamental na emigración masiva dende países árabes a Israel. En 1945, un disturbio antixudeu en Trípoli (Libia) cobrouse 140 vítimas, e no de Farhud, en Iraq, houbo entre 200 e 400 xudeus mortos.
Influencia dos pogroms
[editar | editar a fonte]Cos primeiros pogroms de finais do século XIX, produciuse un impacto na opinión pública mundial e, xunto coas duras leis promulgadas, unha numerosa emigración xudía. Dous millóns de xudeus fuxiron de Rusia entre 1880 e 1913, tendo como destino principal os Estados Unidos.
En resposta a estes pogroms e ás opresións do período tsarista, os xudeus empezaron a exercer o activismo político. O Sindicato Xeral Xudeu Laborista, coloquialmente chamado "O Dique", e a participación xudía nos movementos bolxeviques víronse directamente influídos polos pogroms. De maneira similar, a organización de ligas de autodefensa xudías (que contiveron aos pogromistas en certos lugares durante o segundo pogrom de Chisinau), tales como Hibbat Zion, derivaron nunha aceptación xeral do sionismo, especialmente entre os xudeus rusos.
Uso moderno: ataques a outras comunidades
[editar | editar a fonte]Outros grupos étnicos foron vítimas deste tipo de algaradas premeditadas, en diversas ocasións e en diferentes países. No pogrom de Istambul de 1955, por exemplo, unha turba numerosísima de turcos atacou a persoas de orixe grega.
Un exemplo moderno de disturbio racial cualificado por algúns como pogrom foron os sucesos de agosto de 1991 en Crown Heights, Brooklyn. Os disturbios anti sikhs de 1984 na India que ocorreron tras o asasinato da primeira ministra Indira Gāndhi son considerados como un pogrom contra a comunidade sikh en Delhi. De igual maneira, tras os disturbios de 2002 en Gujarat, na India, o goberno indio foi acusado de dirixir un pogrom antimusulmán (á súa vez, o goberno achacou a causa ao terrorismo).
Outros casos actuais de pogroms contra outros grupos de cidadáns foron as numerosas accións anticaucásicas por parte de skinheads rusos:
- 21 de abril de 2001 en Yasenevo, un barrio periférico de Moscova, preto do supermercado "Yasenevo", contra comerciantes dos países do Cáucaso.
- 30 de outubro de 2001 no mercado de Tsaritsyno de Moscova.
- O pogrom do 9 de setembro de 2004 en Ekaterinburgo, Rusia, deixou varios mortos e a maior parte dos comercios propiedade de persoas de orixe caucásico destruídos.
Fóra de Rusia:
- En xullo de 1977, como consecuencia da vitoria electoral do Partido Nacional Unido en Sri Lanka, produciuse un pogrom anti-támil apoiado polo goberno.
- Pogrom contra a poboación serbia do 17 ao 18 de marzo de 2004, na provincia serbia administrada pola ONU de Kosovo-Metohija.
- O xenocidio de Ruanda tamén foi descrito en ocasións como un pogrom.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pogrom.
- ↑ "Pogroms en Odessa". Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2007. Consultado o 27 de outubro de 2012.
- ↑ «Jewish Massacre Denounced», en The New York Times, 20 de abril de 1903, p. 6
- ↑ O número real foi de 47-48
- ↑ Nicolás II. Vida e morte de Edward Radzinsky (edición rusa, 1997) p. 89.
- ↑ http://www.conocereisdeverdad.org/website/index.php?ide=5470 O mito do favoritismo Comunista Ruso cara ao pobo xudeu