Saltar ao contido

Linchamento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vítima de linchamento, sur dos Estados Unidos, 1889

O linchamento ou lei de Lynch é o asasinato dun individuo, xeralmente por unha multitude, sen procedemento xudicial legal e en detrimento dos dereitos básicos de todo cidadán.

Moitos autores atribúen a orixe da palabra ao coronel Charles Lynch, que o puxo en práctica arredor do 1782, durante a guerra de independencia dos Estados Unidos de América. Porén, é máis ben atribuída ao capitán William Lynch (1742-1820), do condado de Pittsylvania, Virxinia, que mantivo un comité para mantemento da orde durante a revolución, no 1780.

A lei de Lynch deu orixe á palabra linchamento, en 1837, designando o desencadeamento do odio racial, tanto contra os indios (principalmente na Nova Inglaterra, a pesar das leis que os protexían), como contra os negros perseguidos polos "comités de vixilancia", que darán orixe ao Ku Klux Klan. No sur, a desconfianza da lei e a reivindicación de anarquía é o que parece que favoreceu o seu desenvolvemento.

Nos Estados Unidos, antes da Guerra Civil, o linchamento era usado principalmente contra os defensores dos dereitos civís, ladróns de cabalos e trampóns. Porén, arredor do 1880, o seu uso expandiuse a grupos de status social supostamente máis baixo, como os negros, xudeus, indios e inmigrantes asiáticos.

A práctica do linchamento ficou particularmente asociada ao asasinato de negros no sur dos Estados Unidos no período anterior ás reformas dos dereitos civís da década de 1960. Menos do 1% dos participantes en linchamentos nos EUA foron presos. Máis do 85% dos estimados 5.000 linchamentos do período posterior á guerra civil ocorreron nos estados do sur, mais o problema era nacional, co cumio en 1892, cando 161 negros foron linchados [Cómpre referencia].

Discusión sobre as orixes

[editar | editar a fonte]
Unha tarxeta postal exhibe o linchamento de Lige Daniels, en Texas, o 3 de agosto de 1920. O reverso di: "Iso foi feito no xardín do tribunal, en Center, Texas. Era un rapaz negro de 16 anos. Matara á avoa dos Earl. Era a nai da Florence. Dea iso ao Bud. Da tía, Myrtle."

A pesar de que a paternidade lle sexa recoñecida a Charles ou William Lynch, a práctica do asasinato por unha multitude despois dunha parodia de xustiza xa ocorría na Idade Media na Europa e, no século XIX, en Irlanda e Rusia.

Na Antigüidade son innumerábeis os relatos de linchamentos promovidos baixo os auspicios da lei. Entre os xudeus a lapidación — o apedramento pola multitude — era un castigo aplicado en varios casos, tales como o adulterio feminino e a homosexualidade masculina, entre outros. No Novo Testamento nárranse dous casos célebres de lapidación - o da muller adúltera, evitado por Xesús Cristo e Santo Estevo.

Tamén se pode ver a orixe deste procedemento excepcional en:

  • o procedemento coñecido como Vehmgerichte da Idade Media alemá,
  • os procedementos coñecidos como Lydford law, lei da forca ou Halifax law, Cowper justice e Jeddart justice en Gran Bretaña durante o período revolucionario, que se caracterizaba polo feito de que unha parte da comunidade se apropiaba da idea de xustiza e a puña en acción contrariamente ás leis do reino.

Así e todo tal denominación retívose sobre todo para designar a pena de morte por enforcamento e practicamente sen xuízo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]