Peto de ánimas do Toural

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°21′35″N 8°38′16″O / 42.359722222222, -8.6378333333333

Peto de ánimas do Toural
Vista do peto
Presentación
LocalizaciónVilaboa
DirecciónO Toural
TipoPeto de ánimas
Construción
Data da construciónséculo XIX

O peto de ánimas do Toural é un peto de estilo barroco do século XIX[1] con exiguos restos de policromía que destaca polo seu gran tamaño e a combinación da edícula, onde unha serie de expresivas figuras narran unha historia moralizante, co cruceiro que a coroa e diante do cal aparece a Virxe. Así mesmo, a variada e detallada iconografía e o sistema narrativo visual, coas tallas separadas en dúas viñetas horizontais, diferénciano da maioría dos petos de ánimas de Galicia.

Localízase na aldea do Toural, aos pés da actual casa consistorial de Vilaboa, nun antigo cruzamento de camiños a pouca distancia da igrexa parroquial de San Martiño. Os petos erguíanse nas encrucilladas posto que no imaxinario popular estas son zonas frecuentadas por todo tipo de espíritos, incluídos os que compoñen a mítica Santa Compaña.

Descrición[editar | editar a fonte]

A obra escultórica está labrada en altorrelevo en granito do país, e o fornelo e mais a cruz sitúanse sobre unha mesa-altar formada por unha lousa rectangular rematada nun semicírculo saínte e apoiada en bloques de pedra modernos, que non pertencen á estrutura orixinal, nunha disposición piramidal.

A función principal destes altares era a colocación dun peto de madeira ou metal, que dá nome a estas construcións, onde os crentes deixaban esmolas para agradeceren feitos venturosos ou para pedilos desexando, asemade, que as almas penitentes entrasen no Paraíso. Hoxe en día o peto desapareceu e a xente só deposita cirios para recordar os defuntos[2].

No corpo da edícula ou fornelo, cunha forma cuadrangular arredondada nos ángulos superiores, aparecen no primeiro nivel as almas dos condenados encarnadas nun home espido botado sobre unha ardente grella martirial por uns demos representados por seis facianas monstruosas que rin a cachón. Comezando pola esquerda a terceira face, coroada e máis grande ca as outras, parece ser a do mesmísimo Satanás. Estas horripilantes caras chaman a atención polas fondas engurras, agás a primeira comezando pola esquerda que ten beizos grosos.

Nun segundo nivel do gravado están as sinuosas chamas do Purgatorio onde abrollan os rostros de catro almas penitentes (a primeira é unha monxa, da seguinte só se ve o cabelo tonsurado dun frade, a terceira e a cuarta teñen mitra, e a derradeira é un home barbado), dous anxos espidos en arcos rampantes laterais axudándoas a saír das lapas e no cénit a cara riseira sobre un par de ás dun anxo grandeiro que intercede polas almas ante Deus.

Riba do Purgatorio, separada da escena por un pequeno fuste e un capitel moldurado e fronte a unha cruz latina de longos brazos, achamos á Virxe da Soidade vestida con túnica e capa con capucha coas mans xuntas diante do peito pregando pola salvación dos espíritos dos finados.

Os responsables eclesiásticos daquel entón pretendían con estas imaxes infundir o temor entre os fregueses para que se comportasen cristiamente e non pecasen, aínda que os petos de ánimas non adoitaban ser tan ameazadores. De feito, por normal xeral neles só aparece o Purgatorio, cando aquí o Inferno está graficamente representado.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]