Partido Democrático Constitucional
Partido Democrático Constitucional ruso: Конституционно-демократическая партия | |
---|---|
Dirixentes e organización | |
Líder | Pavel Miliukov |
Historia | |
Fundación | 12 de outubro de 1905 |
Disolución | 12 de decembro de 1917 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Monarquía constitucional Liberalismo |
Outros datos | |
Sede | Petrogrado, Imperio Ruso |
Publicación | Rech |
O Partido Democrático Constitucional (Demócratas Constitucionais, formalmente Partido da Liberdade Popular, informalmente KD ou kadetes) foi un partido político liberal do Imperio ruso, formado en 1905. Os seus membros eran chamados kadetes da abreviación KD do nome do partido (ruso: Конституционно-демократическая партия).[1]
Os escritos de Konstantín Kavelin e Borís Chicherin foron a plataforma teórica que tomou o partido e o seu líder histórico foi o historiador Pável Miliukov. Os Kadetes foron principalmente apoiados polos sectores profesionais, membros do zemstvo (unha forma de gobernos locais) e algúns industriais. O nome informal de Kadetes non debe confundirse co concepto de cadete, que facían referencia aos estudantes das escolas militares da Rusia Imperial.
Orixes
[editar | editar a fonte]O Partido Democrático Constitucional foi formado en Moscova en outubro de 1905 durante a revolución de 1905, cando o tsar Nicolao II foi forzado a asinar o Manifesto de Outubro garantindo liberdades civís básicas. Mediante as leis de abril de 1906 Rusia converteuse nun réxime parlamentario, aínda que o tsar reservábase enormes poderes (política exterior, control das forzas armadas, nomeamento do goberno, veto lexislativo...).[2] Era a formación principal da burguesía pertencente ás clases medias (médicos, xornalistas, funcionarios, oficiais e, moi especialmente, profesores universitarios e xuristas).[3]
Os Kadetes estaban á esquerda dos Outubristas, outro movemento organizado por eses mesmos anos. Con todo, a diferenza dos Outubristas, quen apoiaron unha monarquía constitucional desde o comezo, os Kadetes foron relativamente ambiguos neste tema, demandando sufraxio universal (ata para as mulleres) e unha Asemblea constituínte que determinase a forma de goberno para o país. Os Kadetes foron un dos partidos invitados polo primeiro ministro reformista Serguei Witte para entrar ao gabinete de goberno a finais de 1905, pero as negociacións acabáronse debido ás radicais demandas dos Kadetes e ao rexeitamento de Witte á expulsión de elementos conservadores do gabinete como Piotr Durnovo.
Na Primeira Duma, lograron a maioría da Cámara.[4] Principal partido tamén durante a Segunda Duma, o partido, liberal e dirixido polo prestixioso historiador Pavel Miliukov, tratou de converter ao país nun réxime parlamentario ao estilo da Europa occidental do momento, sen éxito. En xuño de 1907 o primeiro ministro Piotr Stolypin disolvía o parlamento e aprobaba unhas modificacións ilegais no censo que restrinxían o dereito a voto, dando como resultado unha nova Duma, a Terceira, moito máis conservadora e próxima á monarquía.[5]
A guerra mundial
[editar | editar a fonte]Ao comezar a primeira guerra mundial, a actitude de oposición á autocracia tsarista cesou e o partido apoiou plenamente ao Goberno nas súas medidas bélicas.[6] As reformas esixidas quedaron apartadas ata o final da contenda. En 1915 e ante a incompetencia do Goberno na xestión do conflito, os liberais premeron para que o monarca nomease un gabinete responsable ante o Parlamento, proposta que foi rexeitada sen que os liberais levasen a súa oposición ás rúas, temendo unha revolución.
En xeral, e malia a súa oposición moderada ao Goberno imperial durante a contenda, o partido tornou cara a dereita entre 1914 e 1917.[7] Tralo estoupido da Revolución de Febreiro de 1917 absorbeu a gran parte dos elementos da dereita política rusa, agudizando a súa conservadorismo.
No Goberno provisional
[editar | editar a fonte]Desde finais de abril de 1917, ministros kadetes pasaron a formar parte do Goberno de coalición cos representantes dos partidos socialistas rusos nunha asociación inestable.[8]
No sétimo congreso do partido en marzo algúns elementos defenderan a radicalización da postura do partido sobre a cuestión agraria, pero atopáronse coa oposición de Miliukov e do á conservadora, que o impediu.[9] O oitavo congreso, celebrado en maio, acabou aprobando unha resolución conservadora que defendía aos terratenentes e a expropiación con compensación para os facendados.
O 2 de xulloxul./ 15 de xullo de 1917greg., tras sucesivas discrepancias entre os ministros socialistas e os liberais, e contrarios á negociación recentemente concluída coa Rada Central Ucraína na que se recoñecía a esta como organismo representante dos ucraínos, os ministros kadetes dimitiron, salvo Nekrasov, que abandonou o partido.[10] Para o verán o partido adoptara unha política intensamente chovinista, centralista, oposta ao nacionalismo ucraíno, paneslava (sempre que esta non supuxese a concesión de autonomía ou independencia a estes grupos) e imperialista. O partido era tamén intensamente antixermano e antiturco.
A formación defendeu a convocatoria o máis tarde posible, preferiblemente tralo final da guerra mundial, da Asemblea Constituínte Rusa, convencida da súa incapacidade de controlala e logrou atrasar sucesivamente a súa convocatoria ata finais de 1917.[11]
Durante este período no Goberno, que dominaron, o partido confirmou o seu afastamento do ideal da democracia parlamentaria para achegarse ao convencemento da necesidade dunha ditadura benevolente para lograr a vitoria militar na guerra.[12] A postura sobre a guerra do partido, reflectida na nota de Miliukov que desencadeou a crise de abril, non coincidía ademais co sentimento maioritario da poboación: só a burguesía liberal identificábase o suficiente con Gran Bretaña e Francia como para considerar necesaria a continuación da guerra cos seus terribles sacrificios.
A Revolución de Outubro e a guerra civil
[editar | editar a fonte]De 815 escanos, o partido logrou unicamente elixir 15 deputados para a Asemblea constituínte[13] grazas ao 5 % de votos obtido; a formación só obtivo bos resultados en Petrogrado e Moscova.[14] O escaso apoio entre a poboación demostrou a impopularidade da postura política da formación, que considerara a Revolución de Febreiro froito da tensión bélica, a de Outubro unha conspiración alemá, mantivera un chovinismo intenso, considerado traizón calquera intento de alcanzar a paz, pregarase os intereses dos Aliados, defendido sen concesións a unidade do Imperio ou sostido unha postura oposta ao nacionalismo ucraíno mentres avogaba pola irmandade dos pobos eslavos.
Desde a Revolución de Outubro os principais dirixentes do partido conspiraron cos xenerais contrarrevolucionarios reunidos na rexión do Don.[15] As manifestacións a favor da Asemblea constituínte celebradas o 28 de novembroxul./ 11 de decembro de 1917greg. nas que participaron deputados electos do partido serviu como escusa para que o Goberno bolxevique (Sovnarkom) reprimíseo. Na reunión do Sovnarkom desa noite o partido foi condenado como inimigo do pobo e por organizar a contrarrevolución.[15] Lenin propuxo unha moción, que se aprobou, para deter e xulgar inmediatamente aos dirixentes da formación.[15] Ao día seguinte, 29 de novembroxul./ 12 de decembro de 1917greg., antes da apertura da Asemblea Constituínte Rusa, o partido foi ilegalizado polo Sovnarkom, que arrestou tamén a catro dos seus dirixentes, entre eles dous antigos ministros do Goberno Provisional.[16]
Refundación
[editar | editar a fonte]No ano 1990 fundouse na entón República Socialista Soviética Federativa de Rusia o partido Partido Constitucional Democrático - Partido da Liberdade Popular, que baseou o seu programa no do histórico partido dos kadetes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rosenberg (1968), p. 328
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 11
- ↑ Radkey (1958), p. 277
- ↑ Treadgold (1951), p. 185
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 12
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 14
- ↑ Radkey (1958), p. 276
- ↑ Gill (1978), p. 253
- ↑ Gill (1978), p. 254
- ↑ Rabinowitch (1991), p. 143
- ↑ Radkey (1958), p. 356
- ↑ Pereira (1987), p. 47
- ↑ Radkey (1963), p. 307
- ↑ Kochan (1967), p. 190
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Rabinowitch (2007), p. 76
- ↑ Radkey (1963), p. 238
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Graeme J. Gill (1978). "The Failure of Rural Policy in Russia, February-October 1917". Slavic Review 37 (2): 241–258.
- Kochan, Lionel (1967). "Kadet Policy in 1917 and the Constituent Assembly". The Slavonic and East European Review 45 (104): 183–192.
- N. G. O. Pereira (1987). "White Power during the Civil War in Siberia (1918-1920): Dilemmas of Kolchak's "War Anti-Communism"". Canadian Slavonic Papers 29 (1): 45–62.
- Rabinowitch, Alexander (1991). Prelude to Revolution: The Petrograd Bolsheviks and the July 1917 Uprising (en inglés). Indiana University Press. p. 320. ISBN 9780253206619.
- Rabinowitch, Alexander (2007). The bolsheviks in power. The first year of Soviet rule in Petrograd (en inglés). Indiana University Press. p. 520. ISBN 9780253349439.
- Radkey, Oliver H. (1958). The Agrarian Foes of Bolshevism: Promise and Default of the Russian Socialist Revolutionaries February to October 1917 (en inglés). Columbia University Press. pp. 521. ISBN 9780231021708.
- Radkey, Oliver H. (1963). The sickle under the hammer; The Russian Socialist Revolutionaries in the early months of the Soviet rule (en inglés). Columbia University Press. pp. 525. OCLC 422729.
- Rosenberg, William G. (1968). "Russian Liberals and the Bolshevik Coup". The Journal of Modern History 40 (3): 328–347.
- Treadgold, Donald W. (1951). "The Populists Refurbished". Russian Review 10 (3): 185–196.