Duma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sala das sesións da Duma Estatal do Imperio ruso, San Petersburgo.

Unha Duma (en ruso: Дума) é calquera das diferentes asembleas representativas da Rusia moderna e da historia rusa. A Duma Estatal (Госуда́рственная дума) no Imperio ruso e na Federación Rusa corresponde á cámara baixa do parlamento. É tamén o termo empregado para designar a un consello de lexisladores rusos no Principado de Moscova - Boyar Duma (Боярская дума), así como para os consellos municipais no Imperio ruso - Duma Municipal (Муниципальная дума).

A Duma na Rusia moderna[editar | editar a fonte]

O termo provén da palabra rusa думать (dumat), "pensar". A Boyar Duma foi un consello consultivo para os grandes príncipes e tsares do Principado de Moscova. A Duma foi interrompida polo tsar Pedro o Grande, quen transferiu as súas funcións ao Senado Gobernante en 1711.

A Duma Estatal (en ruso: Государственная дума (Gosudarstvennaya Duma), abreviatura común: Госдума (Gosduma)) é na Federación Rusa a cámara baixa da Asemblea Federal Rusa, sendo a cámara alta o Consello da Federación de Rusia. De acordo coa constitución rusa de 1993, a Duma Estatal está formada por 450 deputados que son elixidos cada catro anos.

A Duma de Estado durante o Imperio Ruso[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Duma Imperial de Rusia.

Baixo a presión da Revolución rusa de 1905, o 6 de agosto de 1905, o tsar Nicolao II publicitou un manifesto acerca da convocatoria da Duma, que inicialmente se cría que sería só un órgano consultivo.o En dito Manifesto de Outubro o tsar comprometeuse a introducir liberdades civís básicas, a proporcionar unha participación máis alta na Duma Estatal e a dotar a Duma de poderes lexislativos e sobresemento. Aínda que Rusia estaba lonxe de ser unha democracia, a Duma Estatal é comparada coa cámara baixa dun parlamento, e o Consello de Estado do Imperio Ruso coa cámara alta. Porén, Nicolao II estaba decidido a manter o seu poder autocrático. Xusto antes da creación da Duma, en maio de 1906, o tsar promulgou unhas leis fundamentais que contradicían o Manifesto de Outubro en varios aspectos. Indicábase en parte que os ministros do tsar non podían ser designados póla Duma e non tiñan que responder ante ela, negando así o goberno representativo en canto ao poder executivo se refire. Ademais, o tsar tiña o poder de disolver a Duma e anunciar novas eleccións cando o desexase.

A elección da Primeira Duma, que empezou a funcionar en xullo de 1906, trouxo de novo a un grupo significativo de socialistas moderados e dos dous partidos liberais, que pedían amplas reformas. Durou tan só dez semanas.

A Segunda Duma, iniciada en febreiro de 1907, foi igualmente efémera. Empregando o poder de emerxencia, o primeiro ministro Piotr Stolipin cambiou a lei electoral e deu un maior valor aos votos da nobreza e os terratenentes. Isto asegurou que a Segunda Duma só estivera dominada por nobres, terratenentes e homes de negocios.

A TerceIra Duma, dominada polos outubristas, existiu entre 1907 e 1912. Estivo orientada cara posicións máis conservadoras, foi capaz de durar un período de cinco anos. O asasinato de Stolipin e as políticas cada vez máis reaccionarias do tsar e do seu Consello de Estado debilitaron aínda máis o poder da Duma.

A Cuarta Duma, 19121917, estivo tamén limitada por influencias políticas; porén, desenvolveu un papel fundamental nos sucesos de 1917, cooperando co goberno provisional. Foi disolta tras a Revolución de Outubro.