Maldición do faraón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sarcófago de Tutankhamon

A maldición do faraón é a crenza de que sobre calquera persoa que moleste á momia dun faraón do Antigo Exipto cae unha maldición pola que morrerá en pouco tempo. Existía a crenza de que as tumbas dos faraóns tiñan maldicións escritas nelas ou aos seus arredores, advertindo a quen as lesen para que non entrasen. A maldición asociada ao descubrimento da tumba do faraón da XVIII dinastía Tutankhamon é a máis famosa na cultura occidental. Moitos autores negan que houbese unha maldición escrita, pero outros aseguran que Howard Carter atopou na antecámara un ostracon de arxila cuxa inscrición dicía: «A morte golpeará coa súa forcada a aquel que turbe o repouso do faraón.»[1]

A maldición de Tutankhamon[editar | editar a fonte]

A principios do século XX a maior parte da historia do antigo Exipto era descoñecida para a maioría da poboación. Pouco se sabía daquela época, e menos aínda da maior parte dos faraóns exipcios.

Aínda que se asocien as Pirámides de Exipto cos enterramentos dos faraóns, o certo é que só se usaron no Antigo Exipto entre as dinastías III (2650 adC) e XIII (1750 adC), pero xa na dinastía XVIII (1300 adC) preferíase escavar grandes tumbas con varias salas no interior das montañas. Estas salas decorábanse e enchíanse de tesouros e nelas enterrábanse aos faraóns.

A tumba de Tutankhamon da dinastía XVIII permaneceu oculta durante máis de tres mil anos. Existen evidencias de que foi saqueada e logo restaurada nos meses posteriores ao seu enterramento, pero o cambio de dinastía, e a terra desprazada dos rebos doutras tumbas próximas provoco que un século despois do enterramento de Tutankhamon, o emprazamento da súa tumba ou ata a mesma existencia do faraón foran esquecidos. Os ladróns de tumbas das dinastía XIX e XX ata chegaron a construír algunhas cabanas encima da tumba sen sospeitar da súa existencia.

Descubrimento da tumba[editar | editar a fonte]

Howard Carter descubridor da tumba de Tutankhamon

No século XX, na década dos anos 20, o exiptólogo Howard Carter descubriu a existencia dun faraón da XVIII dinastía ata entón descoñecido, e convenceu a Lord Carnarvon para que financiase a procura da tumba que se supuña intacta no Val dos Reis. O 4 de novembro de 1922 descubríronse os chanzos cara a unha porta que mantiña aínda os selos orixinais. O 26 de novembro, en presenza da familia de Lord Carnarvon, fíxose o famoso buraco na parte superior da porta polo que Carter meteu unha candea e viu segundo as súas palabras "cousas marabillosas". A tumba, logo catalogada como KV62, resultou ser a do faraón Tutankhamon e é a mellor conservada de todas as tumbas faraónicas. Permaneceu practicamente intacta ata os nosos días ata o punto que cando Carter entrou por primeira vez na tumba, ata puido fotografar unhas flores secas de dous mil anos atrás que se desintegraron deseguido. Logo de catalogar todos os tesouros das cámaras anteriores, Carter chegou á cámara real onde descansaba o sarcófago do faraón desde facía tres mil anos. E entón empezaron a morrer persoas que visitaran a tumba.

Primeiras mortes[editar | editar a fonte]

En marzo de 1923, catro meses logo de abrir a tumba, Lord Carnarvon foi picado por un mosquito e pouco despois cortouse a picadura mentres se afeitaba. Nuns días enfermaba gravemente e foi trasladado a O Cairo. Aínda que os médicos puideron deterlle a infección que empezara a estenderse polo corpo, unha pneumonía atacou mortalmente a Lord Carvanon, que morreu a noite do 4 de abril. Cóntase que á mesma hora da morte o can de Lord Carvanon ladrou e caeu fulminado en Londres. Ademais, cando a familia recibiu a noticia da morte en O Cairo, un fallo de electricidade deixou ás escuras a cidade.

Pouco máis necesitou a prensa inglesa para airear as lendas da maldición dos faraóns. Ata algúns afirmaron que nun muro das antecámaras estaba escrito: "a morte virá sobre ás lixeiras ao que estorbe a paz do faraón", aínda que en realidade esta frase nunca aparecese nas detalladas notas de Carter e o muro foi derrubado para entrar na tumba. Sir Arthur Conan Doyle declarouse crente na maldición, a escritora Marie Corelli afirmou ter un manuscrito árabe que falaba da maldición e o arqueólogo Arthur Wiegall publicou oportunamente un libro sobre a maldición dos faraóns.

Á morte de Lord Carnarvon seguiron varias máis. O seu irmán Audrey Herbert, que estivo presente na apertura da cámara real, morreu inexplicablemente en canto volveu a Londres. Arthur Mace, o home que deu o último golpe ao muro, para entrar na cámara real, morreu no Cairo pouco despois, sen ningunha explicación médica. Sir Douglas Reid, que radiografió a momia de Tutankhamon, enfermou e volveu a Suíza onde morreu dous meses despois. A secretaria de Carter morreu dun ataque ao corazón, e o seu pai suicidouse ao decatarse da noticia. E un profesor canadense que estudou a tumba con Carter morreu dun ataque cerebral ao volver ao Cairo.

Ao proceder á autopsia da momia atopouse que xusto onde o mosquito picara de Lord Carnarvon, Tutankhamon tiña unha ferida. Este feito disparou aínda máis a imaxinación dos xornalistas, que ata deron por mortos aos participantes na autopsia. En realidade, excepto o radiólogo, os demais membros do equipo viviron durante anos sen problemas, incluído o médico principal. O mesmo descubridor da tumba, Howard Carter, morreu por causas naturais moitos anos despois.

A principio da década dos 30, os xornais atribuían ata trinta mortes á maldición do faraón. Aínda que moitas delas eran esaxeracións, a casualidade parecía insuficiente para explicar as demais. A falta de máis escándalos e mortes estrañas disipou aos poucos o interese dos xornalistas os seguintes trinta anos.

A maldición reaparece[editar | editar a fonte]

Nas décadas dos 60 e 70 as pezas do Museo Exipcio do Cairo trasladáronse a varias exposicións temporais organizadas en museos europeos. Os directores do museo de entón morreron pouco logo de aprobar os traslados, e os xornais ingleses tamén estenderon a maldición sobre algúns accidentes menores que sufriron os tripulantes do avión que levou as pezas a Londres.

A última vítima atribuída á maldición foi Ian McShane: durante a gravación da película nos anos oitenta sobre a maldición, o seu coche saíuse da estrada e rompeu gravemente unha das pernas.

Explicacións da maldición[editar | editar a fonte]

A explicación máis común á maldición dos faraóns é que foi unha creación da prensa sensacionalista da época. Un estudo mostrou que das 58 persoas que estiveron presentes cando a tumba e o sarcófago de Tutankhamon foron abertos, só oito morreron nos seguintes doce anos. Todos os demais viviron máis tempo, incluíndo ao propio Howard Carter, que morreu á idade de 64 anos, en 1939. O médico que fixo a autopsia á momia de Tutankhamon viviu ata os 75 anos.[2] Algúns especularon con que un fungo mortal podería crecer nas tumbas pechadas e ser liberado cando se abriron ao aire. Arthur Conan Doyle, autor das novelas detectivescas de Sherlock Holmes, fomentou esta idea e especulou con que o mofo tóxico fora posto deliberadamente nas tumbas para castigar aos ladróns de tumbas.

Aínda que non hai probas de que tales patóxenos fosen responsables da morte de Lord Carnarvon, tampouco hai dúbida de que sustancias perigosas poden acumularse en tumbas antigas. Estudos recentes de antigas tumbas exipcias abertas na actualidade que non estiveron expostas aos contaminantes modernos acharon bacterias patóxenas dos xéneros Staphylococcus e Pseudomonas, así como os mofos Aspergillus niger e Aspergillus flavus. Ademais, as tumbas recentemente abertas convértense a miúdo en refuxio para os morcegos, cuxo guano pode transmitir a histoplasmose. Con todo, ás concentracións achadas tipicamente, estes patógenos só adoitan ser perigosos para persoas con sistemas inmunolóxicos debilitados. As mostras de aire tomadas do interior dun sarcófago selado mediante un buraco perforado ao efecto contiñan niveis altos de amoníaco, formaldehido e ácido sulfhídrico, que aínda que son gases tóxicos tamén resultan fáciles de detectar en concentracións perigosas polo seu forte cheiro.[3].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Reverte Coma, J. M.. "EL ENIGMA DE LA MALDICION DE LOS FARAONES" (en (en castelán)). Museo de Antropoloxía Médico-Forense Paleopatoloxía e Criminalística. http://www.gorgas.gob.pa/museoafc/loscriminales/magnicidios/muerte%20lord.html. Consultado o 11 de maio de 2009. 
  2. Vernon, David (1989). Skeptical, a handbook on pseudoscience and the paranormal. Donald Laycock. pp. 25. ISBN 0-7316-5794-2. 
  3. "Egypt's "King Tut Curse" Caused by Tomb Toxins?". National Geographic News. 2005. http://news.nationalgeographic.com/news/2005/05/0510_050506_tvcurse.html. Consultado o 12 de xuño de 2007. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]