Orquestra Pau Casals

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pau Casals foi o fundador da Orquestra.

A Orquestra Pau Casals foi unha orquestra sinfónica fundada e dirixida polo violonchelista catalán Pau Casals, que tivo a súa sede na cidade de Barcelona (Cataluña) entre 1920 e 1937. Foi unha das mellores orquestras do momento e contribuíu a dar a coñecer moitas obras do repertorio clásico en Barcelona. Os seus concertos tiñan lugar no Palau de la Música Catalana.

Historia[editar | editar a fonte]

Formulación[editar | editar a fonte]

En 1919, Pau Casals tivo a idea de crear unha orquestra en Barcelona co obxectivo principal de que a cidade contase cunha orquestra de calidade que difundira o gran repertorio musical: non só as obras do repertorio (moitas das cales aínda non se interpretaran na capital catalá), senón tamén obras de compositores contemporáneos; ademais, levou á cidade aos mellores solistas a nivel mundial. Casals foi movido por un ideal patriótico que "lle obrigaba" a participar na vida musical do seu país e mellorar a súa situación.

Primeiro tentou colaborar coa xa existente Orquestra Simfònica de Barcelona que, a xuízo de Casals, carecía de recursos financeiros sólidos e dunha organización e metodoloxía de traballo axeitadas. A carencia de respostas positivas levouno a considerar a posibilidade da creación dunha nova formación.

Coa axuda do seu irmán Enric, encontrou apoios e constituíuse un consello directivo para a organización, onde colaboraron Felip Capdevila, como tesoureiro, Joaquim Pena, como secretario, e Vidal i Quadres como presidente. Pau Casals contratou 88 músicos, pagándoos el mesmo, e comezaron cun rigoroso programa de ensaios, traballando aspectos como a afinación, que daquela non eran habituais nas orquestras de Barcelona. Casals, como director, conseguiu crear un clima de fervor que fixo que os músicos rendisen ao máximo e se sentiran responsables dunha obra que ía máis aló da interpretación pura e simple.

Pouco despois de que a orquestra se tivera presentado en público, constituíuse un padroado co obxectivo de axudar ao financiamento da orquestra, que non recibía ningún tipo de subvención pública nin axudas da administración. Este financiamento, en boa parte, foi por parte do mesmo Casals, quen adicou unha parte importante dos seus ingresos como concertista e nunca cobrou o seu traballo coa orquestra. Os membros do padroado, que superaban o millar, abonaban unha cota dobre e colaboraban como socios protectores; a cambio, Casals realizaba un recital ao ano (o único que facía daquela o músico en Barcelona), exclusivamente para eles.

O proxecto era facer uns vinte concertos por tempada: dez en outono e dez na primavera.

Actividade pública[editar | editar a fonte]

O 13 de outubro de 1920 realizouse o primeiro concerto da Orquestra Pau Casals no Palau de la Música Catalana.

Ao principio, o mundo musical barcelonés non fixo moito caso e non a apoiou. Non obstante, en pouco tempo a orquestra consolidouse e conseguiu un alto nivel de calidade, que lle permitiu afrontar obras do repertorio complexas, decotío inéditas en Barcelona, como os grandes oratorios de Bach , As estacións e A creación de Franz Joseph Haydn (1932), David peninente de Mozart (1933) , a Missa en si' de Franz Schubert, a Sinfonía dos salmos de Igor Stravinski (en 1934, dirixida polo autor) ou a Misa solemne, a Novena sinfonía ou Cristo no horto dos olivos de Beethoven.

A fama de Casals fixo que numerosos solistas de prestixio internacional quixesen colaborar coa orquestra. Entre eles: Gaspar Cassadó (dende 1921, diversas veces), Wanda Landowska (1921), Alfred Cortot (1922, 1927, 1929, 1933), Alfredo Casella ao piano (1922), Miecio Horszowski, Elisabeth Schumann (1923), Blanche Selva (1926), Jacques Thibaud (1927, 1929), Eugène Ysaye (na súa última actuación como solista, tocando o concerto de Beethoven), Horace Britt, Harold Bauer (1927), Donald Francis Tovey (1927 e 1928), Charles Panzera, Ildebrando Pizzetti, Baltasar Samper, Robert Gerhard (1931), Joan Manén, Arnold Schönberg (1932), Erich Wolfgang Korngold, Pierre Fournier (1934)... No entanto, unha das súas principais solistas para grandes oratorios e destacadas obras como a Novena Sinfonía de Beethoven foi a prestixiosa liederista Conchita Badia, que actuou con Casals e a súa orquestra en máis de trinta ocasións.

A orquestra foi dirixida por Adrian C. Boult, Serge Koussevitzky (1922), Richard Strauss, Igor Stravinski, Max von Schillings (1925), Alexander von Zemlinsky, Manuel de Falla (1926), Eugène Ysaye (1927), Joaquín Turina (1928), Alfredo Casella (1929), Vincent d'Indy (1930), Ernesto Halffter, Ildebrando Pizzetti (1931), Anton Webern (1931, 1936), Arnold Schönberg (1932), Enric Fernández Arbós (1932, 1935), Fritz Busch (1933, 1934), Joaquim Zamacois, Jaume Pahissa, Enric Morera, Joaquim Serra, Erich Wolfgang Korngold (1934), Ernest Ansermet, Hermann Scherchen (1936), Arthur Honegger etc.

Ademais, foron colaboradores habituais músicos como Enric Casals, Eduard Toldrà, Joan Lamote de Grignon, Emili Vendrell, Conchita Badia, Mercè Plantada, Emili Sagi-Barba, Alexandre Vilalta, Blai Net, Concepció Callao etc.

A orquestra tamén estreou obras de compositores como Juli Garreta (Les illes Medes, 1923, e o Concert per a violí i orquestra, 1925), Jaume Pahissa (Sinfonietta, 1921, Monodia, 1925, e Suite intertonal, 1926), Manuel Blancafort (El rapte de les sabines) ou o mesmo Casals (a Sardana para 32 violonchelos, 1929). A estrea mundial do Concerto para clavecín e cinco instrumentos de Manuel de Falla, en 1926, foi realizada por cinco músicos da Orquestra Pau Casals, dirixidos polo compositor. En 1936 estreou o Concerto para violín e orquestra, á memoria dun anxo de Alban Berg.

En 1928 fixo unha homenaxe a Joaquín Turina, quen dirixiu obras propias (entre elas, a estrea no Estado español do seu ballet Ritmos).

Tamén fora do Palau: en 1925 actuou no Coliseum de Barcelona, así como realizou oito concertos no Gran Teatre del Liceu, dirixida por Richard Strauss, Igor Stravinski, Max von Schillings, Hans Winderstein e Cril Slaviansky d'Agreneff; en 1926 actuou dirixida por Zemlinsky. En 1922 e 1923 xa tocara no Liceu. En 1926 ofreceu un concerto popular no Teatre Circ Olympia de Barcelona. O 15 de abril de 1931, ao día seguinte da proclamación da República, realizou un concerto no Palau Nacional de Montjuïc, no que se interpretou a Novena Sinfonía de Beethoven, co Orfeó Gracienc. No mesmo lugar, a orquestra tocou en 1934, na homenaxe que Barcelona lle rendeu a Pau Casals.

Fóra de Barcelona, actuou noutras cidades catalás, como en El Vendrell (1927). En maio de 1924 actuou no Hotel de Ville e no Théâtre des Champs Élysées de París.

Decotío, nas obras corais, colaborou co Orfeó Gracienc, ademais do Orfeó Català. En 1936 foi unha das orquestras máis activas durante o Festival da Sociedade Internacional de Música Contemporánea que tivo lugar en Barcelona. No seu transcurso, foi dirixida por recoñecidos músicos e estreou algunhas obras como o Concerto para violín de Alban Berg.

Durante os anos da República, falouse da intención da Generalitat de Cataluña de converter á Orquestra Pau Casals en orquestra nacional, co nome de Orquestra de Catalunya. O estalido da guerra impediu que se chegara a facer.

Final[editar | editar a fonte]

A orquestra tiña que ter inaugurado a Olimpiada Popular de Barcelona de 1936, cun concerto no Teatre Grec no que se interpretaría a Novena Sinfonía de Beethoven. Durante os ensaios no Palau de la Música, comunicouse a revolta militar do 18 de xullo. Casals narra como a orquestra, a solista Conchita Badia e o Orfeó Gracienc interpretaron, sen público, o último movemento, como un canto á paz. O concerto non se chegou a facer.

Os acontecementos da guerra e a represión posterior impediron que a orquestra volvera reunirse. A súa historia pública pódese dar por finalizada en 1936.

Hai diversas gravacións conservadas da Orquestra Pau Casals. Unha delas é do concerto dado en Barcelona en xuño de 1929. Pau Casals, violonchelo, e Jacques Thibaud, violín, interpretaron o Dobre concerto de Johannes Brahms, dirixidos por Alfred Cortot.

Os concertos populares da Associació Obrera de Concerts[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Associació Obrera de Concerts.

Dende 1926, a Orquestra Pau Casals foi a orquestra da Associació Obrera de Concerts, fundada por Pau Casals co obxectivo de achegar aos obreiros e traballadores á música. A cambio dunha pequena cota (seis pesetas ao ano), podían asistir a seis concertos anuais, que tiñan lugar os domingos pola mañá. Estes concertos, reservados aos socios, tiveron un grande éxito e contribuíron a difundir a música nun público que ata a data non tivera acceso a ela. A experiencia foi imitada noutros lugares.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Josep M. CORREDOR. Converses amb Pau Casals. Barcelona: Selecta. Diverses edicions.