Festival Casals de Porto Rico
O Festival Casals de Puerto Rico é un festival de música que se celebra anualmente na cidade de San Xoán (Porto Rico). Foi fundado polo violonchelista catalán Pau Casals. Leva anualmente a San Xoán o talento musical máis sobresaínte do mundo. No 2006 celebrou a súa edición número 50.
Historia
[editar | editar a fonte]Pau Casals visitou Porto Rico en 1955 e 1956. En 1957 mudouse á Illa e fundou o prestixioso festival de música que leva o seu nome. O concerto inaugural do Festival tivo lugar o 22 de abril de 1957 no teatro da Universidade de Porto Rico. O programa comezou sen que Casals puidera interpretar a Suite Nº 3 en do maio para violonchelo só de Johan Sebastian Bach, xa que sufriu un ataque ao corazón mentres ensaiaba coa orquestra para o concerto de apertura. Unha cadeira baleira no posto do director presidiu a orquestra durante o resto do Festival.
Durante dezaoito anos, Casals estivo á cabeza do Festival compartindo a súa música co mundo ata a súa morte en 1973. Nos anos que leva o Festival foron a Porto Rico numerosos artistas internacionais, orixinalmente atraídos polo carisma de Casals, e posteriormente polo prestixio e a reputación internacional que o Festival adquiriu rapidamente. Comezando co pianista Rudolf Serkin naquela primeira noite de 1957, a lista de artistas convidados que lle seguiu inclúe aos mellores intérpretes a nivel mundial.
Coa morte de Casals en 1973, a responsabilidade do programa recaeu sobre a súa viúva, Marta Casals, como presidenta dun comité asesor musical. Algúns dos grandes directores de orquestra que participaron no Festival foron: Mstislav Rostropovich, Leonard Bernstein, Zubin Mehta, Eugene Ormandy, Sir John Barbirolli, Yehudi Menuhin e Krzysztof Penderecki, entre outros.
Nos seus inicios, a Orquestra do Festival estaba composta por músicos contratados especialmente para o evento -principalmente dos Estados Unidos- con moi pouca participación de músicos locais. Entre estes, o pianista Jesús María Sanromá, o violinista Henry Hutchinson, pai, o clavecinista Fernando Valenti e os irmáns Figueroa, violinistas membros dunha moi coñecida familia musical de Porto Rico. Na década de 1970 xa a meirande parte dos músicos eran portorriqueños. O mesmo proceso repetiuse coa Orquesta Sinfónica de Puerto Rico, fundada por Casals en 1958.
Actualmente, o Festival é administrado pola Corporación de las Artes Musicales, dependente do Goberno de Porto Rico.