Montenegro (apelido)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Montenegro é un apelido moi antigo. Procedente, segundo parece, de Pontevedra, estendeuse por Galicia (casas de Tui, Ponteareas, Moreda, San Pedro de Seixas e outras),[1] e por toda España e as Indias, fundando novas casas patruciais en Villoslada de Cameros, A Rioxa, Fontiveros, Ávila, Madrid, Torrox e Nerja.

Probou a súa nobreza nas Orde de Santiago (1626, 1643, 1661, 1693) e Carlos III (1800), e na Real Compañía de Guardias Marinas (1758).[2] e en numerosas ocasións na Real Chancillería de Valladolid).[3]

En España hai hoxe unhas 8.010 persoas que comparten o apelido Montenegro, que é o 598° apelido máis común.

Os Montenegro en Galicia[editar | editar a fonte]

O adxectivo negro era moi utilizado polos europeos centroorientais para referirse ás superficies cunha gran densidade forestal. De aí que moitas das rexións máis boscosas sexan coñecidas como Selva Negra (Schwarzwald), Montenegro etc.

Crese que tras as inmigracións destes habitantes e a súa posterior instalación en zonas celtas ou celtizadas, como Pontevedra, pasou a converterse nun apelido sen saberse ben se refería a poboación de orixe celta ou á poboación que vivía nestas superficies montañosas e frondosas.

Na provincia de Lugo, os Montenegro tiveron amplos dominios, sendo a vila de Vilalba, coñecida antes do século XIII como Santa María de Montenegro e máis tarde como Vilalba de Montenegro, o seu patrucial principal. Dise tamén que o couto de Vilarente pertencía no ano 1128 a don Rodrigo Vélaz, Conde de Montenegro, o último señor que ostentou o título de Conde de Galicia.

Os Pardo Montenegro[editar | editar a fonte]

No século XIX vivía en Mondoñedo José María Pardo Montenegro, natural da vila de Ribadeo, ministro togado, cesante, da Real Audiencia de Galicia, dono e señor do patrucial dos Montenegro. Estivo casado con Isabel María del Carmen Montenegro de Yebra, natural de San Pedro de Begonte.

Retrato de Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro.

Tiveron varios fillos, entre os que cabe citar a Ramón Pardo Montenegro, rexedor de Mondoñedo e representante desta cidade na Xunta Suprema do Reino de Galicia en 1808, e Julia Cayetana Ramona Manuela María Dolores Pardo Montenegro, que naceu o día 7 de agosto de 1842 na parroquia de San Xurxo de Rioaveso (Vilalba), sendo apadriñada polo seu irmán máis vello Ramón,[4], que foi a última membro desta nobre familia mindoniense e faleceu no seu domicilio de Mondoñedo o 1 de agosto de 1923, en estado de soltería, sen sucesión, con numerosas propiedades, cando contaba con 81 anos de idade.[5]

Os Feijoo Montenegro, a casa de Casdemiro[editar | editar a fonte]

A casa estaba asentada en Casdemiro, aldea da parroquia de Santa María de Melias, no bispado de Ourense, hoxe no concello do Pereiro de Aguiar (Provincia de Ourense). Antonio Feijoo Montenegro y Sanjurjo e María de Puga Sandoval Novoa y Feijoo foron os pais de Benito Jerónimo Feijoo nacido en 1676, polígrafo galego máximo representante da Ilustración en España. Ao entrar na beneditina, o padre Feijoo debeu renunciar aos seus dereitos como morgado da súa casa.[6]

Os Montenegro de Caldaloba[editar | editar a fonte]

Un dos seus solares principais foron a Torre de Caldaloba (ou Castelo de Vilaxoán, unha fortaleza de orixe medieval) e o Pazo de Caldaloba (fundado en 1621 por Rodrigo Díaz Sanjurjo y Montenegro). Oriúndos do patrucial de Pedrouzos, a xenealoxía dos señores do pazo de Caldaloba, situado na parroquia de Pino (concello de Cospeito), comeza co matrimonio celebrado o ano 1450, entre Aldonza Vázquez de Lobera, señora de Caldaloba, con Rui Díaz de Saavedra.

No arquivo da Casa de Caldaloba encóntrase o seu escudo, que está dividido en doce cuarteis: Camba, Ribadeneira, Aguiar, Andrade, Taboada, Montenegro, Ron, Valcarce, Luaces, Bermúdez, Yebra, Bolaño e Rois, co último cuartel en branco, e o lema: "Vi los valientes templarios - batallar en claro dia - y alos freires sus contrarios - de sus villas propietarios- traer el Ave María".[7]

Os seus últimos propietarios foron Ramón Neira Montenegro e Ramona Gayoso Ulloa. Os seus netos Juan, Aurora, Sara, Ángeles e Antonio Neira Berbetoros manteñen a casa pro indiviso.

O Marquesado de Leis[editar | editar a fonte]

José María Montenegro y Gago-Puga Romero y de Leis, que foi alcalde de Ourense, foi creado Marqués de Leis o 1 de xuño de 1844.[8]

Amador Montenegro y Saavedra[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Amador Montenegro.

Amador Manuel Joaquín de la Concepción Montenegro y Saavedra, coñecido como Amador Montenegro, foi un escritor encadrado no grupo dos Continuadores da obra e o labro dos grades mestres do Rexurdimento. Nacido en Santiago de Compostela o 30 de abril de 1864 morreu en Lugo o 22 de setembro de 1932.

José María Montenegro Soto[editar | editar a fonte]

Artigo principal: José María Montenegro Soto.

José María Montenegro Soto, nado en Mondoñedo en 1868 e finado en Lugo o 7 de xullo de 1934, foi un avogado, político e propietario agrario galego. A súa familia era propietaria de terras en Abadín.

Os Montenegro nas Canarias[editar | editar a fonte]

Establecéronse en Tenerife, primeiro en Vilaflor e posteriormente na Vila de La Orotava, constituíndo unha casa moi considerada. Foron padróns da capela de San Xoán Nepomuceno na igrexa do Convento de San Nicolás, de monxas de Santa Catarina, da de Ánimas no convento dominico de San Bieito, onde tiñan o seu enterramento distinguido, e obtiveron os honores e prerrogativas do padroado da Ermida de Nossa Señora de Montenegro, en El Ancón, as tres fundacións instituídas por Joseph de Montenegro y Díaz de Lugo.

Os seus últimos representantes foron María e Norberta Ruiz de Mora y Montenegro. Delas só se sabe que, o 6 de abril de 1852, cando dividiron en dous e allearon El Ancón, María vivía casada en Santa Cruz de Tenerife e Norberta, que permanecía solteira en 1855, residía en La Laguna co seu pai.[9]

Os Montenegro en América[editar | editar a fonte]

Juan Gil de Montenegro, naceu en Villanueva de Alarcón, España, contra 1493. Chegou a América contra 1516, participando na conquista de Panamá, máis tarde na do Perú, xunto a Francisco Pizarro, e foi nomeado dúas veces (1536 e 1556) alcalde da cidade de Lima, Perú, e nomeado encomendeiro no Perú. Consta que tivo dous fillos, Juan de Montenegro e Hernando de Montenegro, radicado en Lima, Perú, casado con Ana Bravo de Paredes.

Juan de Montenegro, naceu en Ávila de Ontiveros, España, en 1528, e morreu en Chile. Casou con Ana Bravo. Chegou a Chile en 1543, e foi un dos fundadores das cidades de Valdivia e La Imperial, encomendeiro en 1562 e alcalde da cidade de Valdivia, en 1573. Estivo na illa de Chiloé en 1567. Francisco de Villagra, Gobernador de Chile, refírese a el como "hidalgo, e como tal habeis tratado vuestra persona con honra e autoridad". Do seu matrimonio tivo seis fillos:

  • Juan de Montenegro
  • Agustina de Montenegro, casada con Juan Ramírez Portocarrero
  • Mariana de Montenegro, que foi cativa dos mapuches despois da destrución da cidade de Valdivia, e casou con Andrés Pérez
  • Lucía de Montenegro
  • Hernando Ascencio de Montenegro, sacerdote, se que se radicou en Charcas
  • Martín de Montenegro, sacerdote, cóengo da Catedral de Santiago

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Seijas Vázquez, Eduardo: "Montenegro" in Gran Enciclopedia Galega, 1974, 21, páx. 188. ISBN 84-78286-193-7
  2. http://www.galiciadixital.com/opinion/opinion.2195.php
  3. Seijas Vázquez, E. Op. cit.
  4. Arquivo Diocesano de Mondoñedo. Parroquia de San Xurxo de Rioaveso, libro de bautizados número 3, folio 42.
  5. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de maio de 2009. Consultado o 21 de xaneiro de 2012. 
  6. Entrambasaguas, J. de (1942): P. Jerónimo Feijoo., Madrid: Ediciones Fe.
  7. Montenegro Pazo de Caldaloba (Cospeito - Lugo) (en galego) Consultada o 12/1/2012.
  8. Atienza, Julio de (1948): Diccionario nobiliario español. Madrid: M. Aguilar Editor.
  9. "Hidalguía", in Hidalgos de España. La revista de Genealogía, Nobleza y Armas, Madrid, 2004, número 203, páxs. 241-254.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vázque Seijas, Manuel (1959): Fortalezas de Lugo y su provincia. Tomo 2. Lugo: Museo Provincial de Lugo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]