Monarquía romana
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Capital | Roma Roma | |||
Poboación | ||||
Lingua oficial | lingua latina | |||
Relixión | relixión na Roma antiga | |||
Xeografía | ||||
Parte de | ||||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 21 de abril de 753 a. C. | |||
Disolución | 509 a. C. | |||
Sucedido por | República Romana | |||
Organización política | ||||
Forma de goberno | monarquía electiva | |||
Órgano lexislativo | Legislative Assemblies of the Roman Kingdom (en) , | |||
A monarquía romana (en latín, Regnum Romanum) foi a primeira forma política de goberno da cidade-estado de Roma, desde o momento lendario da súa fundación o 21 de abril de -753, ata o final da monarquía no -510, cando o último rei Tarquinio o Soberbio foi expulsado, instaurándose a república romana.
As orixes da monarquía son imprecisas, se ben parece claro que foi a primeira forma política de goberno da cidade, un dato que parecen confirmar a arqueoloxía e a lingüística. A mitoloxía romana vincula a orixe de Roma e da institución monárquica ao heroe troiano Eneas, quen, fuxindo da destrución da súa cidade, navegou cara ao Mediterráneo occidental ata chegar a Italia. Alí fundou a cidade de Lavinium, e posteriormente o seu fillo Ascanio fundaría Alba Longa, de cuxa familia real descenderían os xemelgos Rómulo e Remo, os fundadores de Roma.
Nacemento de Roma
[editar | editar a fonte]Roma ten a súa orixe preto do monte Palatino, xunto ao río Tíber, nun punto no cal existía un vao natural que permitía o seu cruzamento, sendo ademais navegábel desde o mar (situado a 25 km río abaixo) unicamente ata esa posición. Nese punto o río discorría entre varios outeiros escavados polo seu leito, illadas entre si por vales que o Tíber inundaba nas súas crecidas, o cal convertía a zona en pantanosa, polo cal a súa poboación de agricultores e gandeiros foi na súa orixe moi reducida.
Este punto estratéxico presentaba unha posición doada de defender respecto á ampla chaira fértil que rodeaba o lugar, protexido como estaba polo Palatino e os outros outeiros que o rodeaban, sendo ademais un cruzamento destacado nas rutas comerciais do Lacio central, e entre Etruria e Campania. Todos estes factores foron os que co tempo contribuíron ao éxito e á fortaleza da cidade.
A orixe étnica da cidade hai que remontala á fusión das tribos latinas da aldea do Germal (Roma quadrata) cos sabinos do Viminal e o Quirinal, creando así a Liga do Septimontium ou Septimoncial (Liga dos sete montes), unha confederación relixiosa preurbana de clara influencia etrusca, o poder hexemónico de Italia nesta época. O nome da cidade podería remontarse ata a gens etrusca Ruma, se ben existen outras teorías ao respecto.
Reis de Roma | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rei | Período de reinado | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Rómulo | -753 --716 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Numa Pompilio | -715--674 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Tulio Hostilio | -673--642 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Anco Marcio | -642--617 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Tarquinio Prisco | -616--579 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Servio Tulio | -578--535 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Tarquinio o Soberbio | -535--510 |
Problemática histórica da monarquía romana
[editar | editar a fonte]As crónicas tradicionais da historia romana, que chegaron ata a actualidade a través de autores clásicos como Tito Livio, Plutarco, Dionisio de Halicarnaso e outros, contan que nos primeiros séculos da vida de Roma houbo unha sucesión de sete reis. A cronoloxía tradicional, narrada por Varrón, cifra en 243 anos a duración total destes reinados, é dicir, unha media de 35 anos por reinado (moito maior que a de calquera dinastía documentada), aínda que ten sido desestimada actualmente, desde o traballo de Barthold Georg Niebuhr. As crónicas tradicionais tamén se ven inconsistentes ao analizarmos as evidencias arqueolóxicas dos inicios de Roma.
Nalgún momento descoñecido da etapa monárquica da súa historia, Roma caeu baixo o control dos reis etruscos. Os reinados dos primeiros monarcas son bastante sospeitosos, debido á longa duración media dos mesmos e ao feito engadido de que algúns parecen estar redondeados en torno aos 40 anos de duración. Este curioso dato, que mesmo destaca máis comparado cos reinados da actualidade en que a esperanza de vida é maior, quedaba explicado nas tradicións romanas debido a que a maioría dos reis foran cuñados do seu predecesor. Non obstante, é máis probábel que tan só os últimos reis desta etapa puideran ter existido realmente, mentres que non fican evidencias históricas referentes aos primeiros reis de Roma.
Características da monarquía romana
[editar | editar a fonte]Antes da etapa imperial e República Romana, Roma foi unha monarquía gobernada por reis (en latín, rex, pl. reges). Todos os reis, agás Rómulo por ter sido o fundador da cidade, foron elixidos polas gentes de Roma para gobernaren de forma vitalicia, e ningún deles usou a forza militar para acceder ao trono. Aínda que non hai referencias sobre a liña hereditaria dos primeiros catro reis, a partir do quinto rei, Tarquinio Prisco, a liña de sucesión fluía a través das mulleres da realeza. En consecuencia, os historiadores antigos afirman que o rei era elixido polas súas virtudes e non pola súa descendencia.
Os historiadores clásicos de Roma fan difícil a determinación dos poderes do rei, xa que refiren que o monarca posúe os mesmos poderes dos cónsules. Algúns escritores modernos cren que o poder supremo de Roma residía nas mans do pobo, e o rei só era a cabeza executiva do Senado romano, aínda que outros cren que o rei posuía os poderes de soberanía e o Senado tiña correccións menores sobre os seus poderes.
O que se coñece con certeza é que só o rei posuía o dereito de auspicium, a capacidade para interpretar os designios dos deuses en nome de Roma como o xefe de augures, de forma que ningún negocio público podía realizarse sen a vontade dos deuses, dada a coñecer mediante os auspicios. O rei era polo tanto recoñecido polo pobo como mediador ante os deuses, polo cal era reverenciado con temor relixioso, cousa que fixo que o monarca fose a cabeza da relixión nacional e o xefe executivo relixioso. Tendo o poder de controlar o calendario romano, dirixía as cerimonias e designaba os cargos relixiosos menores. Foi Rómulo quen instituíu o corpo de augures, sendo el mesmo recoñecido como o máis destacado entre todos eles, da mesma forma que Numa Pompilio instituíu os pontífices, atribuíndoselle a creación do dogma relixioso de Roma.
Máis alá da súa autoridade relixiosa, o rei era investido coa autoridade militar e xudicial suprema mediante o uso do imperium. O imperium do rei era vitalicio e sempre o protexía de ser levado a xuízo polas súas accións. Ao ser o único dono do imperium de Roma nesta época, o rei posuía autoridade militar indiscutíbel como comandante en xefe de todas as lexións romanas. Da mesma forma, as leis que salvagardaban aos cidadáns dos abusos cometidos polos maxistrados con imperium aínda non existían durante a etapa monárquica.
O imperium do rei outorgáballe tanto poderes militares como a capacidade de emitir xuízos legais en todos os casos, ao ser o xefe xudicial de Roma. Aínda que podía designar pontífices para que actuasen como xuíces menores nalgúns casos, só el tiña a autoridade suprema en todos os casos expostos ante el, tanto civís como criminais, tanto en tempo de guerra como de paz. Un consello asistía ao rei durante todos os xuízos, aínda que sen poder efectivo para controlar as decisións do monarca. Mentres algúns autores sostiñan que non había apelación posíbel ás decisións do rei, outros opinaban que calquera proposta de apelación podía ser levada ante o rei por un patricio, mediante a reunión da Asemblea da Curia.
Outro dos poderes do rei era a capacidade para designar ou nomear cargos ou oficios, entre eles o de tribunus celerum que exercía tanto de tribuno dos Ramnes (romanos), como de comandante da garda persoal do rei, un cargo equiparábel ao de prefecto do pretorio existente durante o Imperio romano. Este cargo era o segundo ao mando tras o propio monarca, e posuía a potestade de convocar a Asemblea da Curia e ditar leis sobre ela. O tribunus celerum debía abandonar o seu mandato á morte do monarca.
Outro cargo designado polo rei era o prefecto urbano, que actuaba como o gardián da cidade. Cando o rei se atopaba ausente de Roma, este cargo recibía todos os poderes e capacidades do rei, ata o punto de acaparar o imperium mentres se atopase dentro da cidade. Outro privilexio exclusivo do rei era o de designar aos patricios para que actuasen como senadores no Senado.
Baixo o goberno dos reis, o Senado e a Asemblea da Curia tiñan en verdade pouco poder e autoridade. Non eran institucións independentes, no sentido de que só podían reunirse, e de forma conxunta, por orde do rei, e só podían discutir os asuntos de estado que o rei expuxera previamente. Mentres que a Asemblea curiada tiña polo menos o poder de aprobar leis cando o rei así o concedía, o Senado era tan só un consello de honor do rei. Podía aconsellar ao rei sobre os seus actos, pero non impoñerlle as súas opinións. A única ocasión en que o rei debía contar expresamente coa aprobación do Senado era en caso de declarar a guerra a unha nación estranxeira.
As insignias e honores dos reis de Roma consistían en 12 lictores portando as fasces que contiñan machadas, o dereito a sentaren sobre a cadeira curul, a púrpura Toga Picta, calzado vermello, e diadema prateado sobre a cabeza. De todos estes distintivos, o máis destacado era a toga púrpura.
A elección do rei
[editar | editar a fonte]Unha vez que o rei falecía, Roma entraba nun período de interregnum. O Senado podía congregar e designar un interrex durante un curto período (normalmente, menos dun ano) cuxa función exclusiva era a de nomear un novo monarca. Cando o interregno designaba un candidato para ostentar o diadema real, presentábao ante o Senado, o cal examinaba ao candidato e, se aprobaba a súa candidatura, o interrex debía congregar a Asemblea curiada e servir como o seu presidente durante a elección do rei.
Unha vez proposto á Asemblea curiada, o pobo romano podía aceptar o rexeitar o candidato. Se aceptaba, o rei electo aínda non podía asumir o trono de forma inmediata, senón que debían sucederse outros dous pasos máis antes de ser investido coa autoridade e o poder reais. En primeiro lugar, debía obter a aquiescencia divina, sendo convocados os deuses mediante os auspicios, xa que o rei había de ser o sumo sacerdote de Roma. Esta cerimonia era dirixida por un augur, quen conducía ao rei electo ata a cidadela, onde o augur sentaba ao rei nun sitial de pedra, mentres o pobo esperaba aos seus pés. Se era encontrado digno para o reinado, o augur anunciaba que os deuses mostraran sinais favorábeis, confirmando desta forma o carácter sagrado do rei.
O segundo paso que debía levarse a cabo era a concesión do imperium ao novo rei. O anterior voto da Asemblea curiada só determinara quen podía ser rei, e non era válido para outorgar os poderes precisos do rei sobre o candidato electo. Polo tanto, o mesmo rei propoñía á Asemblea curiada unha lei pola cal obtiña o imperium, que era concedido ao monarca mediante o voto favorábel da mesma. A razón para este dobre voto da Asemblea curiada non está moi clara. O imperium só podía ser conferido á persoa que os deuses atoparan favorábel, sendo polo tanto necesario determinar primeiro quen había de ser a persoa que era quen de obter o imperium, e cando os deuses se mostrasen favorábeis ao candidato, habería de concedérselle o imperium mediante un voto especial.
En teoría, o pobo romano era quen elixía o seu líder, se ben o Senado tiña case todo o control sobre o proceso electoral.
Os reis de Roma
[editar | editar a fonte]Reinado de Rómulo
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Rómulo e Remo.
Rómulo foi o fundador de Roma xunto co seu irmán Remo no ano 753 adC e o polo tanto, o primeiro rei de Roma. O seu reinado durou 38 anos e se caracterizou principalmente pola guerra cos sabinos tralo rapto das sabinas, a división da poboación entre patricios e plebeos, e a creación da institución dos augures como parte da relixión romana. Á súa morte con 54 anos, foi divinizado como o deus da guerra Quirino.
Reinado de Numa Pompilio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Numa Pompilio.
Numa Pompilio foi o segundo rei de Roma. O seu reinado que durou 41 anos estivo marcado pola paz e a prosperidade, xa que non emprendeu ningunha guerra. A el se debe principalmente a reforma do calendario romano para adaptalo ao ano solar e lunar co engadido de xaneiro e febreiro, a organización da cidade en gremios e dos terreos circundantes en distritos. É lembrado como o máis relixioso de todos os reis romanos xa que creou numerosos templos e organizou os pontífices, as virxes vestais etc.
Reinado de Tulio Hostilio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Tulio Hostilio.
Tulio Hostilio foi o terceiro rei de Roma, sucesor de Numa Pompilio. O seu reinado que durou 31 anos estivo caracterizado por numerosas guerras contra Alba Longa, Fidenas, Veies e contra os sabinos.
Reinado de Anco Marcio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Anco Marcio.
O sabino Anco Marcio foi o cuarto rei de Roma, neto de Numa Pompilio, sucedeu a Tulio Hostilio. O seu reinado que durou 25 anos estivo caracterizado por recorrer a guerra só como medio para defender os territorios romanos. Construíu a primeira ponte sobre o río Tíber, o porto romano de Ostia e as primeiras factorías de salgadura.
Reinado de Lucio Tarquinio Prisco
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lucio Tarquinio Prisco.
Lucio Tarquinio Prisco foi o quinto rei de Roma e o primeiro de orixe etrusca. Foi asasinado tras 38 anos de reinado durante os cales mantivo varias guerras cos sabinos e etruscos coas que conseguiu duplicar o tamaño de Roma. Construíu a Cloaca máxima e iniciou a construción do Foro romano e do Circo máximo.
Reinado de Servio Tulio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Servio Tulio.
Servio Tulio foi o sexto rei de Roma, xenro de Lucio Tarquinio Prisco. Durante o seu reinado que durou 44 anos librou varias guerras contra os etruscos, cos botíns obtidos construíu as murallas de Roma; alén diso, creou o primeiro censo da historia, a Asemblea centuriada e a Asemblea Tribal. Foi asasinado por unha conspiración da súa filla e do seu xenro Tarquinio o Soberbio.
Reinado de Tarquinio o Soberbio
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lucio Tarquinio o Soberbio.
Lucio Tarquinio o Soberbio foi o sétimo e último rei de Roma. Accedeu ao trono tras asasinar ao seu sogro. O seu reinado caracterizouse por usar a violencia, o asasinato e o terror para manter o control sobre Roma. A súa expulsión foi decidida polo Senado trala violación consentida por el da patricia Lucrecia polo seu fillo. Despois da súa expulsión, o Senado decidiu abolir a Monarquía.
Cargos públicos tras a monarquía
[editar | editar a fonte]Para substituír o liderado dos reis, creouse expresamente un novo cargo co título de cónsul. Inicialmente, o cónsul posuía todos os poderes que antano pertenceran ao rei, compartidos co outro colega consular. Os seus mandatos eran anuais, e cada cónsul podía vetar as actuacións ou decisións do seu colega.
Posteriormente, os poderes dos cónsules foron divididos, engadindo novas maxistraturas que acapararon distintos poderes menores dos orixinais do rei. As primeiras delas foron as de pretor, que reunía as potestades xudiciais dos cónsules, e a de censor, que posuía o poder de controlar o censo.
Nove anos despois da expulsión de Tarquinio o Soberbio, os romanos crearon a maxistratura de ditador, ao que se lle outorgaba a autoridade completa sobre todos os asuntos romanos, tanto civís como militares, non existindo apelación ningunha ante as súas decisións. Este poder era tan absoluto que os romanos só ousaban designar un ditador en tempos de extrema urxencia, e o seu mandato era de tan só seis meses de duración.
Os poderes relixiosos do rei foron transferidos a dous novos cargos, o rex sacrorum e o pontifex maximus. O primeiro era o máis alto cargo relixioso de iure da República, sendo a súa única tarefa a de oficiar o sacrificio anual a Xúpiter, un privilexio anteriormente reservado á figura do monarca. Porén, o pontifex maximus era o cargo relixioso máis importante de facto, e quen posuía a maior parte da autoridade relixiosa do rei. Tiña o poder de convocar a todas as virxes vestais, flamines, pontífices e mesmo ao rex sacrorum. Este último cargo desaparecería finalmente a principios do século -I, recaendo as súas escasas competencias na figura do pontifex maximus.
A volta ao sistema monárquico
[editar | editar a fonte]Coa ascensión ao poder de Xulio César e o seu fillo adoptivo César Augusto asístese á paulatina restauración do poder real. Xulio César foi elixido pontifex maximus e ditador vitalicio, o que na práctica lle confería maiores poderes cós os antigas reis. Tamén usaba calzado vermello, e Marco Antonio chegou a lle ofrecer un diadema publicamente, aínda que o rexeitou con vehemencia.
Xulio César foi asasinado nos idos de marzo do -44. Durante o período entre o -28 e o -12, Augusto obtivo os poderes tribunicios, xunto aos cargos de pontifex maximus e princeps senatus, converténdose nun monarca de facto. Este foi o inicio do Principado, aínda que as institucións da República continuaron existindo como tales ata o Dominado. Mesmo na era bizantina, o Emperador compartía o título de cónsul co outro cónsul.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Roma | |
---|---|
Monarquía | |
República | |
Imperio | |
Principado | Dominado |
Imperio de Occidente | Imperio de Oriente |
Maxistrados Ordinarios: | |
Maxistrados Extraordinarios: | |
Oficiais e Títulos: | |
Institucións e normas: | |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Plácido, D.; Alvar, J. e González, C. (1991). La formación de los estados en el Mediterráneo occcidental. Ed. Síntesis, Madrid. ISBN 84-7738-104-6.
- Roldán, J.M. (1995). La República Romana. Historia de Roma. Tomo I. Ed. Cátedra, Madrid. ISBN 84-376-0307-2.
- Livio, Tito (1969). La monarquía romana. Aguilar editor. ISBN 84-03-17025-4.
- Bravo, Gonzalo (1998). Historia de la Roma antigua. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-5732-8.