Fundación de Roma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luperca aleitando aos xemelgos Rómulo e Remo, a lenda máis difundida acerca da fundación de Roma.

A fundación de Roma é referida por varias lendas, as cales foron unificadas principalmente pola Eneida de Virxilio, onde se reúnen nunha historia coherente distintas versións dalgúns ritos de iniciación daquel tempo.

Lacio e Italia central[editar | editar a fonte]

Mapa de Roma e a zona do lago Albano, antigo sitio de Alba Longa.

Suponse, con certa probabilidade, que entre os séculos -X e -VII, Italia central estaba poboada polos dous grupos principais en que se dividían os itálicos: os osco-umbros e os latinos. O Latium Vetus (o antigo territorio do Lacio) estaba poboado por etruscos, volscos, sabinos, ecuos, rútulos e ausonios. Viñeron de diferentes áreas de Italia central, incluíndo Toscana, Marcas e a Liguria.

Entre eles, os latinos desenvolveron unha sociedade organizada que foi a principal fonte da poboación romana. Os latinos orixinalmente quedaron nos Colli Albani (os montes Albanos, na moderna Castelli), a uns 30 ou 80 km ao sueste do monte Capitolino. Logo baixaron cara aos vales, os cales ofrecían mellores terras para a agricultura e a gandaría.

As zonas inmediatas ao río eran moi favorábeis e ademais ofrecían recursos estratéxicos notábeis: o río formaba unha fronteira natural por unha banda, mentres que, por outra banda, os montes daban un resgardo defensivo. Esta posición tamén daba ao latinos control sobre o río, e o seu posíbel tráfico comercial e militar, desde o natural punto de observación na illa Tiberina, a illa situada fronte ao actual Trastevere. Así mesmo podíase controlar o tráfico terrestre, xa que Roma se achaba na intersección dos principais camiños ao mar desde Sabinia, ao sueste, e Etruria, ao noroeste.

Suponse que o desenvolvemento do asentamento comezou con diferentes poboacións separadas (borgate), situadas nos montes, as cales se uniron para formar Roma. Estudos recentes suxiren que o monte Quirinal foi moi importante nos tempos antigos. Con todo, o primeiro monte en ser habitado parece ser o Palatino (o que confirmaría a lenda), que está no centro da Roma antiga. As súas tres cristas (os montes menores Cermalo ou Germalo, Palatium e Velia) uníronse coas tres cimas do Esquilino (Cispio, Fagutal e Opio), e logo os pobos sobre o monte Celio e a Subura, entre os montes de Rione Moderna, Monti e Opio. Posteriormente, a cidade creceu até abarcar tamén os montes Aventino, Capitolino, Quirinal e Viminal.

Estes montes tiñan nomes expresivos: o monte Celio tamén era chamado Querquetulanus, debido aos carballos (quercus), mentres que o Fagutal (Fagutalis) estaba poboado por bosques de faias (fagus) e o Viminal (Viminalis) pola vimbia (vimen) dos salgueiros. Descubrimentos recentes revelan que o Germalus, sobre a parte norte do Palatium, era o sitio dunha poboación do século -IX con vivendas circulares ou elípticas. Estaba protexida por unha cerca de tapial (quizais reforzada con madeira), e é probábel que este lugar fose onde verdadeiramente se fundou Roma.

O territorio desta federación chamada pomoerium encerraba á chamada Roma Quadrata (cadrada). Esta sería estendida coa inclusión do monte Capitolino e a illa Tiberina xa cando Roma se converteu nun oppidum, unha cidade fortificada. O Esquilino aínda era unha poboación satélite. Este sería incluído coas expansións servias.

As celebracións do septimontium ("do sete montes"), o 11 de decembro, naquel entón eran consideradas en relación á fundación da cidade. Con todo, como o 21 de abril é a única data nas que todas as lendas se poñen de acordo, recentemente argumentouse que probabelmente o septimontium celebraba máis ben as primeiras federacións entre os poboados dos montes romanos; de feito, unha federación similar era celebrada polos latinos en Cave, unha aldeíña ao sueste de Roma, ou no Monte Cavo en Castelli.

Fundación segundo a lenda[editar | editar a fonte]

Eneas, Ascanio e Alba Longa[editar | editar a fonte]

Eneas, o médico Iápixe, Ascanio e Venus, século -I Pompeia.
Eneas na corte do rei Latino, óleo de Ferdinand Bol, 1661-1663 ca, Ámsterdam, Rijksmuseum.
Eneas e Iulio observan a porca branca, onde se fundará Roma.

A lenda sobre a fundación romana tende a relacionar ao nacente pobo coas entidades máis eminentes da súa época, para poder "demostrar" que o seu grande éxito depende tamén da súa orixe especial, ou para completar a súa reputación con referencias de primeira clase. Con todo, esta historia é unha historia completa, e a tradición romana enteira está baseada nela. Hai varias versións desta lenda; a seguinte considérase comunmente como a principal:

Co heroe semideus Eneas ao mando, os derrotados troianos sobreviventes cruzaron o mar Mediterráneo para alcanzar as costas do Lacio. Chegaron a unha área probabelmente entre o moderno Anzio e Fiumicino, ao suroeste de Roma. Máis comunmente suponse que arribaron a Laurentum (ou Laurento); outras versións din que arribaron a Lavinium, un lugar nomeado por Lavinia, a filla do rei Latino.

Latino, sabio rei dos latinos, hospedounos, deixando que reorganizasen a súa vida no Lacio. A súa filla Lavinia fora prometida a Turno, o rei dos rútulos, pero Latino preferiu ofrecela a Eneas; Turno consecuentemente declaroulle a guerra. O resultado foi a morte de Turno e a captura da súa xente. Ascanio, tamén coñecido como Iulo, fillo de Eneas, fundou Alba Longa e foi o primeiro nunha longa serie de reis, entre quen os mellor coñecidos son Procas e os seus fillos Numitor e Amulio. Segundo Dionisio de Halicarnaso, os reis de Alba Longa foron o nexo directo que unía a Ascanio e Rómulo, o fundador de Roma.

O deus Marte ía paseando pola beira dun río da cidade Alba Longa, alí viu a unha muller durmida na beira e quedou namorado no instante. Tiveron dous fillos chamados Rómulo e Remo. Unha vez nacidos os fillos de Rea Silvia, os pais dos xemelgos metéronos nunha canastra e foron transportados polo río e arribaron ás beiras dun lugar. Alí foron salvados por unha loba chamada Luperca que os aleitou. Preto vivía un pastor chamado Fáustulo e a súa esposa Acca Larentia. O pastor atopou aos bebés, levounos á súa casa e adoptounos. Cando se fixeron adultos, os irmáns foron informados da súa historia, e o pastor díxolles que non os tiveron, así que regresaron a Alba Longa, mataron a Amulio e liberaron o seu avó Numitor, devolvéndoo ao trono.

Rómulo e Remo propuxéronse edificar unha nova cidade no mesmo lugar no que foron atopados pola loba. Decidiron que un construiría a cidade mentres que o outro axudaría. Así que empezaron a preguntar aos deuses para se informaren de quen iría dirixila. Rómulo foi á cima do monte Palatino e tirou a súa lanza no monte para atopar o lugar. A lanza converteuse no Corniolus, a árbore sacra de Roma.

O Palatino desde o Foro Romano.

Rómulo foise á cima do monte Palatino; Remo á cima do Aventino. Rómulo convenceuse de que el fora seleccionado polos deuses, xa que recibiu o agoiro que voaba sobre el foron un círculo de aves, así que tirou a súa lanza no monte para atopar o lugar; cando estaba na terra, a lanza (a cal era de madeira) inmediatamente converteuse no Corniolus, a árbore sacra de Roma.

Para a fundación seguiron os ritos tradicionais da súa época para fundar cidades. Coa axuda dunha vaca e un touro branco, usou un arado para trazar a muralla da cidade. Remo saltou sobre o sulco, violando a muralla, o cal era unha especie de sacrilexio, que foi a primeira pena capital do homo sacer (que era o castigo por pasar), pois a muralla trazábase desde o primeiro momento para ser inviolábel. E de acordo coa tradición, Rómulo matouno a espada, para que os deuses non permitisen que no futuro a muralla fose violada de novo.

Rómulo foi o primeiro rei romano, e reinou ata que desapareceu durante unha tormenta, levado polo seu pai Marte.

Adaptación da lenda[editar | editar a fonte]

Mentres que o corpo principal da lenda permaneceu máis ou menos o mesmo desde a súa creación, algúns detalles cambiaron, principalmente para xuntar as versións lixeiramente diverxentes e corrixir varios puntos en canto a tempo e xeografía. Tamén as antigas lendas locais aos poucos foron elaboradas para alcanzar harmonía coa historia principal. O efecto destas intervencións sobre a lenda son considerablemente evidentes.

Eneas, fundador de Roma[editar | editar a fonte]

Ascanius, de Promptuarii Iconum Insigniorum.

Unha das máis temperás versións (do século -V) é a do grego Helánico de Lesbos, e xeralmente é reportada xunto coa versión de Damastes de Sixeo. Nesta versión, o fundador da cidade foi Eneas. Estas versións sobreviviron até o -509 (ano considerado no que comeza a república romana), cando se decataron de que, como existiran sete reis romanos e Rómulo foi o primeiro, existía un oco entre o século -VIII dos primeiros reis e o século -XII da caída de Troia. Así que como Rómulo non podía ser fillo de Iulo, só quedaba como un distante descendente. O tempo entre Iulo e Rómulo foi "enchido" coa serie dos reis de Alba Longa. Eneas podería chegar ás costas do Lacio durante o reinado de Latino (rei dos latinos), para poder chegar a un acordo coas lendas locais. Entón Marte tiña que ser engadido para poder honralo, así que Rómulo volveuse un descendente (por parte de pai) de Marte, mentres que por parte materna Rea Silvia estaba conectada con Eneas mediante a dinastía de Alba Longa. A condena dos fillos de Rea Silvia é só unha das varias recoleccións de leis divinas, da relixión que tan profundamente entrou na vida romana.

Evandro, fundador de Roma[editar | editar a fonte]

Evandro, Promptuarii Iconum Insigniorum.

Entre os itálicos, como o relato na Teogonía de Hesíodo, os dous irmáns Agre e Latino eran os fillos de Telégono, fillo de Ulises e a bruxa Circe, á cal se lle dedica o monte Circeo, situado ao sur do Lacio, onde se celebraba un culto na súa honra e estaba a súa cova.

Entre os latinos, díxose que Saturno fora substituído polo seu fillo Xúpiter, así que baixou á Terra e mesturouse cos latinos. Despois, Evandro conduciu ao seu pobo desde Grecia até o Lacio, onde edificou a cidade de Palanteo, que estaba situada sobre un outeiro que posteriormente se denominou monte Palatino. Logo Hércules chegou a liberar estas terras da ameaza do xigante Caco. Finalmente Eneas chegou de Troia, despois de varias aventuras e fundou Roma. Notabelmente nesta versión os latinos non foron creados ou asistidos polos deuses, senón que a cidade foi fundada por Eneas en presenza destas "autoridades".

A data da fundación de Roma[editar | editar a fonte]

Durante a República Romana, varias datas foron dadas para a fundación da cidade, todas no intervalo entre -758 e -728. Finalmente, baixo o Imperio Romano a data suxerida por Ático e Varrón (-753) foi acordada, pero nos fasti capitolini o ano dado foi o -752. Aínda que os anos variaban, todas as versións estaban de acordo en que a cidade foi fundada o 21 de abril, un día santo dedicado ao sagrado culto de Pales, deusa dos pastores; na súa honra, Roma celebraba o parritta (ou palilia). Ver tamén Ab urbe condita.

Descubrimentos recentes no Monte Capitolino en Roma brindaron a data da fundación de Roma. O máis destacado entre estes é unha serie de fortificacións defensivas na vertente norte do Monte Capitolino que poden datarse a mediados do século -VIII, cando a lenda di que Rómulo labrou un sulco (sulcus) ao redor do Monte Capitolino para delimitar o perímetro (pomoerium) da súa nova cidade. Os restos da muralla e demais evidencias como esta foron descubertas polas escavacións de Andrea Carandini[1]

O nome de Roma[editar | editar a fonte]

O nome da cidade considérase xeralmente que se refire a Rómulo, pero hai outras hipóteses. Unha delas refírese a Roma, que sería a filla de Eneas ou Evandro. Tamén pode rastrexarse unha orixe etrusca, que apuntaría á gens etrusca Ruma, ou a Rumon, nome etrusco do río Tíber. Estudos recentes parecen dar preferencia a unha raíz de orixe indoeuropea con significado de "río"; Roma nese caso significaría "a cidade sobre o río".

Roma é tamén chamada "urbe", e este nome, que despois en latín significaría xenericamente calquera outra cidade, proviría de "urvus", sulco realizado cun arado, aquí, polo de Rómulo.

Sobre o monte Capitolino, o 21 de abril de cada ano, unha campá especial chamada a patarina soa ao mediodía do Campidoglio para conmemorar a fundación de Roma. Nesa ocasión, o famoso canón de Gianicolo permanece silencioso, o único día do ano en que non soa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carandini, Andrea (2007). Rome: Day One. Nova Jersey: Princeton University Press. ISBN 9780691139227. Consultado o 31 de xaneiro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A fundación de Roma, Titus Livius, Flammarion (23 de abril de 1999), ISBN 978-2-08-072093-1
  • Lles Antiquités romaines, Dionisio de Halicarnàs, 1990 nas edicións Les Belles lettres
  • La civilisation romaine, Pierre Grimal, 1960, edicións Arthaud, 1981, éditions Flammarion
  • Les Villes romaines, Pierre Grimal, 1990, Que sais-je ISBN 978-2-13-052453-3
  • La fondation de Rome, Alexandre Grandazzi, 1991, Les Belles Lettres (réédition 1997, Pluriel) ISBN 978-2-01-278820-6
  • Contes et Légendes de la naissance de Rome de Laura Orvieto, Poket Junior ISBN 978-2-266-08631-8
  • Rome, Grandeur et Déclin de la République, de Marcel le Glay, 1990, Ed Perrin, Tome 1, ISBN 978-2-262-01897-9
  • Bernabé Pajares, A. (1979). Fragmentos de épica griega arcaica. Gredos. ISBN 84-249-3524-1. 
  • Virgilio (2006). Virgilio. La leyenda de Eneas. Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-6042-4. 
  • Plutarco (1985). Plutarco. Vidas paralelas, Volumen I: Teseo y Rómulo; Licurgo y Numa. Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-0985-7. 
  • Forsythe, Gary. A critical history of early Rome : from prehistory to the first Punic War. Berkeley: University of California Press, 2005 (hardcover, ISBN 0-520-22651-8); 2006 (paperback, ISBN 0-520-24991-7).
  • Raaflaub, Kurt A. Social Struggles in Archaic Rome: New Perspectives on the Conflict of the Orders. Malden, MA: Blackwell Publishing, 2005 (hardcover, ISBN 1-4051-0060-5; paperback, ISBN 1-4051-0061-3).
  • Heurgon, Jacques, Rome et a Méditerranée occidentale jusqu´aux guerres puniques, Presses Universitaires de France, París, 1971, Páx. 284

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]