Michael Löwy
Michael Löwy | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 6 de maio de 1938 |
Lugar de nacemento | São Paulo |
Nacionalidade | Francia e Brasil |
Alma máter | École des hautes études en sciences sociales, Universidade París-Descartes e Universidade de São Paulo |
Ocupación | sociólogo, filósofo, profesor universitario e pesquisador |
Coñecido por | Franz Kafka, sonhador insubmisso, Redenção e utopia: O judaísmo libertário na Europa Central e Afinidades revolucionárias: Nossas estrelas vermelhas e negras. Por uma solidariedade entre marxistas e libertários |
Premios | CNRS silver medal |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Michael Löwy, nado en São Paulo o 6 de maio de 1938, é un pensador marxista brasileiro radicado en Francia, onde traballa como director de investigacións do Centre national de la recherche scientifique. É un relevante estudoso do marxismo, con investigacións sobre as obras de Karl Marx, Lev Trotski, Rosa Luxemburg, Georg Lukács, Lucien Goldmann e Walter Benjamin.
Biografía[editar | editar a fonte]
Fillo de inmigrantes xudeus de Viena (Austria), Michael Löwy pasou a infancia e adolescencia na súa cidade natal. En 1960 licenciouse en Ciencias Sociais pola Universidade de São Paulo, tendo por compañeiros a Roberto Schwarz e Gabriel Bolaffi. No ano seguinte, partiu cara a Francia, onde estudou baixo orientación de Lucien Goldmann, concluíndo o doutoramento en 1964, cunha tese sobre a Revolución comunista na obra do Marx mozo.
Logo dalgúns anos vivindo en Israel, Löwy retornou a Francia en 1969, pasando a traballar na Université de Paris VIII como asistente de Nicos Poulantzas. En 1976 obtivo o doctorat d’État cunha tese sobre a evolución política de Lukács de mozo.
En 1978 paso a ser profesor de Socioloxía no Centre national de la recherche scientifique de París, e despois director de investigacións da mesma institución.
Casou con Ilana Zelmanowicz, coa que tivo dous fillos. En 1980 separáronse, e Löwy casou con Eleni Varikas, historiadora de orixe grega.
Militancia política[editar | editar a fonte]
Entre as décadas de 1950 e 1960 formou parte da Liga Socialista Independente, organización que contaba con Hermínio Sacchetta entre os seus dirixentes. En 1968 asociouse á Cuarta Internacional, converténdose en membro da Primeira sección, a Liga Comunista. Na súa militancia revolucionaria, Löwy estivo constantemente atento ás loitas sociais e organizacións políticas de esquerda, das Ligas Camponesas ao Movemento dos Sen Terra, amais do Partido dos Trabalhadores e o Partido Socialismo e Liberdade.
Obra[editar | editar a fonte]
A obra de Michael Löwy abrangue unha ampla gama de cuestións, que van de Marx e o marxismo até o surrealismo, marcada por un interese constante polo pensamento libertario. Os seus libros e ensaios ocúpanse principalmente da socioloxía do coñecemento, con énfase sobre o socialismo e as ideas radicais, abarcando temas como a teoría da Revolución permanente de Trotski, o Romanticismo anticapitalista, o nacionalismo e o internacionalismo, o marxismo na América Latina, a dimensión utópica do xudaísmo, a socioloxía das relixións, a teoloxía da liberación e o ecosocialismo. Entre os diversos pensadores sobre os que Löwy escribiu, destacan Karl Marx, Max Weber, Georg Lukács, Walter Benjamin, Rosa Luxemburg, Lev Trotski, Ernest Mandel, José Carlos Mariátegui e Che Guevara. No campo das artes e da literatura, escribiu ensaios sobre escritores como Franz Kafka e Christa Wolf, alén dos estudos sobre o surrealismo.
Traducións ao galego[editar | editar a fonte]
- Patria ou terra nai?: Ensaios sobre a cuestión nacional. Santiago de Compostela: Laiovento, 1999 (tradución de Xosé Manuel Beiras, Antonia Tato Fontaíña e Estrella Tato Fontaíña). ISBN 84-89896-40-2
- A estrela da mañá: surrealismo e marxismo. Ames: Laiovento, 2005 (tradución de Xesús González Gómez). ISBN 84-8487-070-7
- O pensamento do Che Guevara (1970).
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "Um intelectual marxista: entrevista com Michael Löwy" Tempo, 1996 (en portugués).
- "Globalization and Internationalism: How Up-to-date is the Communist Manifesto?", Monthly Review, 1998 (en inglés).
- "Marx, Weber and the Critique of Capitalism", Logos, 2002 (en inglés).