Caimán negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Melanosuchus niger")
Caimán negro
Jacaré Açú.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Crocodilia
Familia: Alligatoridae
Subfamilia: Caimaninae
Xénero: Melanosuchus
Especie: M. niger
Nome binomial
Melanosuchus niger
Spix, 1825
Distribución do Melanosuchus niger

Distribución do Melanosuchus niger

O caimán negro[2] (Melanosuchus niger) é un réptil crocodilio da familia dos aligatóridos e a única especie viva do xénero Melanosuchus. Presenta unha característica cor case negra e habita na Amazonia. Chegan a medir 6 metros, polo que poden devorar animais como veados, capibaras, e mesmo tapires e outros mamíferos de gran tamaño.

Como o seu nome implica, ten unha coloración escura de adulto, que nalgúns individuos parece case negra. Porén, teñen un bandeado gris ou marrón na mandíbula inferior. Os xuvenís teñen unha coloración máis rechamante comparada coa dos adultos con bandas brancas ou amarelas claras ben destacadas nos flancos que seguen presentes incluso cando son bastante adultos ou polo menos son máis visibles comparadas con outras especies. A morfoloxía é bastante diferfente da doutros caimáns pero teñen a ponte ósea que aparece noutros caimáns. A cabeza é grande e pesada; o que é unha vantaxe á hora de capturar presas máis grandes.

É o maior depredador do ecosistema amazónico, que depreda diversos peixes, réptiles, aves e mamíferos.[3] Son xeralistas e superdepredadores, con capacidade potencial de capturar calquera animal dentro da súa área de distribución, incluíndo outros depredadores.[4] Fixéronse poucos estudos ecolóxicos sobre a especie, pero pode dicirse que o caimán negro ten o seu propio nicho ecolóxico que lle permite coexistir sen demasiada competición. Como o maior depredador do seu ecosistema, pode ser tamén unha especie clave, que xoga un importatne papel no mantemento da estrutura do ecosistema.[3] A reprodución ten lugar na estación seca. As femias constrúen un niño con forma de morea cunha cámara para os ovos, para protexelos dos depredadores. As crías forman grupos protexidos pola presenza da femia. Estes grupos poden conter individuos procedentes doutros niños. Antes era unha especie común, pero foi cazada case ata a extinción principalmente para comercializar a súa valiosa pel. Agora as súas poboacións empezar a prosperar, e está catalogada como especie dependente da conservación.[5] En conxunto é unha especie bastante pouco coñecido, xa que non foi investigada en detalle at a década de 1980, cando o comercio de peles se cobrara xa moitas vítimas.[6] É unha especie perigosa para os humanos e no pasado ocorreron ataques.[7]

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

É nativo de Bolivia, Brasil, Colombia, Ecuador, Güiana francesa, Güiana, Perú e Venezuela.

Características[editar | editar a fonte]

Esqueleto

O caimán negro ten unha pel escamosa de coloración escura. A coloración da pel axuda coa camuflaxe durante as súas cacerías nocturnas, pero pode tamén axudar a absorber a calor (termorregulación). A mandíbula inferior ten un bandeado gris (marrón en animais máis vellos), e bandas amarelas claras ou brancas nos flancos do corpo, aínda que estas son moito máis prominentes nos individuos novos. Este bandeado vaise difuminando gradualmente a medida que o animal madura. Presentan a ponte ósea característica dos caimáns, que se estende desde a parte superior dos ollos ata o fociño. Os ollos son grandes, como é conveniente para a súa actividade en gran medida nocturna, e son de cor castaña. As nais que vixían os seus niños son atormentadas por mosquitos que se reúnen arredor dos seus vulnerables ollos deixándoos inxectados de sangue.

O caimán negro é estruturalmente diferente doutros caimáns, especialmente pola forma do cranio. Comparados con outros caimáns, ten ollos claramente máis grandes. Aínda que teñen un fociño relativamente estreito, o cranio (dado o tamaño considerable da especie) é en conxunto moito máis grande que o doutros caimáns. Son relativamente máis robustos que outros crocodilianos de lonxitude comparable. Por exemplo, atopouse un adulto de 3,9 m que tiña un cranio considerablemente máis pesado e longo que o dun crocodilo do Nilo de 4,8 m.[8] Os caimáns negros novos poden distinguirse dos grandes caimáns de anteollos ou comúns pola súa cabeza proporcionalmente máis grande, e tamán pola cor da mandíbula, que é de cor clara no caimán de anteollos e escura e con tres manchas negras no caimán negro.[6]

Tamaño[editar | editar a fonte]

Un caimán negro nadando.

O caimán negro é un dos réptiles existentes meirande. É o maior predador da cunca do Amazonas e posiblemente o membro máis grande da familia Alligatoridae. A maioría dos caimáns negros adultos miden de 2,8 a 4,26 m de lonxitude, e só algúns machos vellos crecen máis de 5 m e exceden un peso de 400 kg.[9][10] Os espécimes machos subadultos de arredor de 2,5 a 3,35 m pesan de 95 a 100 kg, aproximadamente do mesmo tamaño que as femias maduras, pero increméntanse rapidamente en volume e peso. Os machos maduros de mediano tamaño de 3,5 a 4 m pesan aproximadamente 300 kg.[11][12] Outras mostras medidas de machos subadultos atoparon que medían entre 2,1 a 2,8 m, cunha media de 2,45 m, e que pesaban de 26 a 86 kg, como media 48 kg.[13] O caimán negro ten aproximadamente o mesmo tamaño que o (Alligator mississippiensis), aínda que como media é máis grande na madurez. Nalgunhas áreas (como no río Araguaia) esta especie chega frecuentemente aos 4 ou 5 m de lonxitude, moito máis longo que o aligátor (que raramente acada os 4 metros), aínda que os espécimes deste tamaño son pouco comúns. Algunhas fontes non ben confirmadas (e probablemente anecdóticas) informan que o caimán negro pode medrar ata os 6 m e 1 100 kg.[4][6] En Suramérica informouse doutros dous crocodilianos que acadaban nalgúns casos tamaños similares: o crocodilo americano (Crocodylus acutus) e o crocodilo do Orinoco (C. intermedius).

Bioloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Caza e dieta[editar | editar a fonte]

Caimán negro inmaturo

O caimán negro é un superdepredador cunha dieta xeralista, e pode capturar case calquera animal terrestre e de río que se encontre na súa área. Igual que outros grandes crocodilianos, o caimán negro foi observado capturando e comendo especies menores do seu xénero, como o caimán de anteollos e ás veces practican o canibalismo comendo individuos máis pequenos da súa propia especie. As crías comen principalemnte pequenos peixes, ras e invertebrados como crustáceos e insectos, pero co tempo e o aumento de tamaño gradualmente pasan a comer peixes máis grandes, como pirañas, siluriformes e percas, que son unha importante fonte de alimento para todos os caimáns negros. Os estudos da dieta enfocáronse nos caimáns novos (debido tanto a que adoitan ser máis abundantes coma a que son máis fáciles de tratar), o espécime máis grande examinado polos seus contidos estomacais nun estudo era de só 1,54 m, claramente por debaixo do tamaño sexualmente maduro, que é como mínimo de 2 m en femias máis pequenas. Aínda que se sabe que os caimáns negros novos capturan deversas presas, os estudos da dieta mostraron que os caracois a miúdo dominan na dieta dos caimáns desa idade, seguidos de peixes bastante pequenos.[14][15][16][17] Varias das presas poden capturarse segundo a súa dispoñibilidade, incluídas serpes, tartarugas, aves e mamíferos, os dous últimos principalmente cando van beber á beira dos ríos. Entre as presas mamíferas están especies amazónicas comúns como varios monos, preguiceiros, armadillos, pacas, agutís, coatís e capibaras. Os espécimes máis grandes poden virtualmente capturar calquera vertebrado terrestre ou de río o suficientemente desafortunado como para encontrarse con eles. As presas grandes capturadas poden ser outras especies de caimáns, cervos, pecarís, tapires, anacondas, londras xigantes,[18] e animais domésticos como porcos, vacas, cabalos e cans. Aínda que se informou de casos raros de ataques a pumas ou mesmo xaguares, hai poucas probas de tal predación, e os felinos evitan as pozas nas que hai caimáns negros.[19][20] Onde son comúns as mandas de capibaras e pecarís, estas son as presas máis frecuentes dos caimáns negros adultos.[8][21] Hai probas que suxiren que tartarugas de río bastante grandes poden encontrarse entre as presas de caimáns negros adultos, cuxa forza de trabada parece ser suficiente para esnaquizar a coiraza das tartarugas.[22] Algunhas cicatrices atopadas en golfiños do Amazonas Inia geoffrensis suxiren que poden ocasionalmente ser atacados polos caimáns negros.[23] Comparados coas especies menores de caimáns, o caimán negro adoita cazar tamén en terra pola noite, usando os seus agudos vista e oído.[6] Os seus dentes están deseñados para agarrar pero non para mastigar, polo que xeralmente tratan de tragar as presas enteiras despois de afogalas ou esmagalas. As grandes presas que non poden ser tragadas enteiras son a miúdo almacenadas para que a carne apodreza dabondo como para que o caimán arranque bocados da carne.

Adulto

Reprodución[editar | editar a fonte]

Ao final da estación seca, as femias constrúen un niño con forma de morea de terra e vexetación, duns 1,5 m de diámetro e 0,75 m de ancho. Poñer ata 65 ovos (aínda que o normal é unha cifra entre 30 e 60), que eclosionan nunhas seis semanas, a principio da estación húmida, cando os pantanos acabados de inundar proporcionan un hábitat ideal para as crías unha vez que saen do ovo.[6] Os ovos son bastante grandes, como media de 144 g de peso.[10] As postas que non están vixiadas (cando a nai marcha para cazar) son facilemnte devoradas por un amplo conxunto de animais, entre os que están mamíferos como o coatí (Nasua nasua) ou grandes roedores, serpes comedoras de ovos e aves como as garzas e voitres Cathartidae. Ocasionalmente eses predadores son apañados e matados pola nai caimán.[6] A eclosión ocorre entre 42 e 90 días despois de que se poñen os ovos.[6] Está ben documentao que, igual que outros crocodilianos, os caimáns levan frecuentemente as súas crías na boca desde os niños despois da eclosión ata unha poza segura. A nai axuda as crías que non eclosionaron que están piando a que rompan o ovo coriáceo e saian, ao romper delicadamente o ovo entre os seus dentes. A nai trata de coidar as crías durante varios meses, pero os bebés caimáns son en gran medida independentes e a maioría non sobreviven á madurez. As crías están suxeitas á predación incluso con máis regularidade que cando estaban no ovo, enfrontándose a moitos dos mesmos mesopredadores que comían os ovos, así como a outros crococilianos (incluíndo os da súa propia especie), grandes serpes ou grandes peixes carnívoros. A predación é tan común que dependen de que sobreviva un suficiente número de crías por cuestión do seu gran número.[6] Os caimáns negros femias só se reproducen unha vez cada 2 ou 3 anos.

Relacións predadoras interespecíficas[editar | editar a fonte]

Moitos predadores, incluíndo varios peixes, mamíferos, réptiles e incluso certos anfibios, comen ovos e crías de caimáns. Unha vez que o caimán negro acada a lonxitude dun metro, ten xa poucos predadores naturais. As anacondas grandes poden de cando en vez capturar un caimán desta especie. O xaguar (Panthera onca), que depreda todas as outras especies de caimáns, é o único depredador primario que ameaza os caimáns negros xuvenís. Os caimáns maduros non teñen predadores naturais, como tamén ocorre con outros crocodilianos grandes, dado o seu tamaño, peso, grosor da armadura e enorme forza.[9]

Status de conservación e ameazas[editar | editar a fonte]

Os humanos cazan caimáns negros pola súa pel ou carne. Esta especie foi clasificada como en perigo na década de 1970 debido á alta demanda da súa valiosa pel. O comercio da pel do caimán negro chegou a un máximo no período que vai desde 1950 a 1980, cando o menor pero moito máis común caimán de anteollos (Caiman crocodilus) se converteu na especie máis frecuentemente cazada. Os habitantes locais aínda hoxe venden peles e carne de caimáns negros a pequena escala, pero a especie empezou a recuperarse do exceso de caza ao que estivo sometida no pasado.[10] Como poñen como media uns 40 ovos, isto axudoulles a recuperarse en certo grao.[10] Unha ameaza que probablemente continúa igual que antes é a destrución do hábitat, xa que o desenvolvemento de certas áreas e a deforestación é agora epidémica en Suramérica. Os caimáns de anteollos encheron agora o nicho de predador crocodiliano de peixes en moitas áreas. Debido a que abunda e ten capacidades reprodutoras máis rápidas, as poboacións do caimán de anteollos están localmente gañando na competencia interespecífica cos caimáns negros, aínda que a especie máis grande domina na confrontación individual.[6] Cómpre unha xestión persistente para controlar a caza do caimán e é bastante difícil aplicar o control de forma efectiva.[10] Despois da diminución da poboación de caimán negro, as de pirañas e capibaras, ao perderen o seu principal predador, alcanzaron cantidades moi altas e non naturais. Isto, á súa vez, fixo que aumentasen as perdas en agricultura e gandería.[6]

Outro compoñente ao que se enfrontan os esforzos conservacionistas é que esta especie ocasionalmente ataca os seres humanos.[24] A maioría dos relatos de ataques están mal documentados e non confirmados, pero, dado o formidable tamaño da especie, os seus intentos de predación sobre os humanos facilmente poden ser mortais.[7][25][26]

Esta especie é pouco común en catividade e conseguir a súa reprodución nesas condicións é todo oun reto. A primeira reprodución en catividade fóra da súa área nativa tivo lugar no zoo de Aalborg en 2013.[27]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ross, J. P. (2000). "Melanosuchus niger". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 30 de agosto de 2015. 
  2. Luís Daviña Facal (2000): Diccionario das ciencias da natureza e da saúde. Tomo 2. C. A Coruña, Deputación da Coruña, páx. 720. ISBN 84-95335-46-8
  3. 3,0 3,1 Melanosuchus niger Black caiman. Animal Diversity Web. consultado o 2013-04-13.
  4. 4,0 4,1 Black Caiman, Black Caiman Skull. Dinosaurcorporation.com. consultado o 2012-08-23.
  5. Ross, J.P. (2000). "Melanosuchus niger". IUCN Red List of Threatened Species (IUCN) 2000: e.T13053A3407604. Consultado o 14 August 2016. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 6,9 Crocodilian Species – Black Caiman (Melanosucus niger). Crocodilian.com. consultado o 2012-08-23.
  7. 7,0 7,1 Sideleau, B., & Britton, A. R. C. (2012). "A preliminary analysis of worldwide crocodilian attacks", pp. 111–114 in Crocodiles. Proceedings of the 21st Working Meeting of the Crocodile Specialist Group, Manila, Philippines. IUCN. Gland, Switzerland, Manila, Philippines.
  8. 8,0 8,1 Potts, Ryan J. Endangered Reptiles and Amphibians of the World – II. The Black Caiman, Melanosuchus niger, Vermont Herpetology.
  9. 9,0 9,1 Da Silveira, Ronis; Ramalho, Emiliano E.; Thorbjarnarson, John B.; Magnusson, William E. (2010). "Depredation by Jaguars on Caimans and Importance of Reptiles in the Diet of Jaguar". Journal of Herpetology 44 (3): 418–424. doi:10.1670/08-340.1. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Thorbjarnarson, J.B. (2010). Black Caiman Melanosuchus niger. pp. 29–39 in Crocodiles. Status Survey and Conservation Action Plan. 3rd ed., S.C. Manolis and C. Stevenson (eds). Crocodile Specialist Group: Darwin. iucncsg.org
  11. French Guiana. kwata.net (2003).
  12. MELANOSUCHUS NIGER (Black Caiman). LONG DISTANCE (Joao Valsecchi). Mamiraua. academia.edu. consultado o 2012-08-23.
  13. Cardoso, A. M.; De Souza, A. J.; Menezes, R. C.; Pereira, W. L.; Tortelly, R (2013). "Gastric Lesions in Free-Ranging Black Caimans (Melanosuchus niger) Associated With Brevimulticaecum Species". Veterinary Pathology 50 (4): 582–4. PMID 22961885. doi:10.1177/0300985812459337. 
  14. Horna, J. V.; Cintra, R. & Ruesta, P. V. (2001). "Feeding ecology of black caiman Melanosuchus niger in a western Amazonian forest: The effects of ontogeny and seasonality on diet composition". Ecotropica 7: 1–11. 
  15. Horna, V.; Zimmermann, R.; Cintra, R.; Vásquez, P.; Horna, J. (2003). "Feeding ecology of the black caiman (Melanosuchus niger) in Manu National Park, Peru". Lyonia 4: 65–72. 
  16. Marioni, B.; Da Silveira, R.; Magnusson, W. E.; Thorbjarnarson, J. (2008). "Feeding behavior of two sympatric caiman species, Melanosuchus niger and Caiman crocodilus, in the Brazilian Amazon". Journal of Herpetology 42 (4): 768–772. doi:10.1670/07-306R1.1. 
  17. Reynolds, N., & Conservation, B. W. (2008). Dietary competition between the black caiman (Melanosuchus niger) and the spectacled caiman (Caiman crocodilus) within the Lago Preto Reserve, Peru. DI512 Dissertation.
  18. Hunter, Luke (2011) Carnivores of the World. Princeton University Press, ISBN 9780691152288
  19. Black Caiman – AC Tropical Fish.
  20. Black Caiman. Adapting Eden. consultado o 2015-09-25.
  21. Foth, C.; Bona, P.; Desojo, J. B. (2015). "Intraspecific variation in the skull morphology of the black caiman Melanosuchus niger (Alligatoridae, Caimaninae)". Acta Zoologica 96 (1): 1–13. doi:10.1111/azo.12045. 
  22. de la Ossa, J.; Vogt, R. C.; Ferrara, C. R. (2010). "Melanosuchus niger (Crocodylia: Alligatoridae) as opportunistic turtle consumer in its natural environment". Revista Colombiana de Ciencia Animal 2 (2): 244–252. 
  23. Martin, A. R.; Da Silva, V. M. F. (2006). "Sexual dimorphism and body scarring in the boto (Amazon river dolphin) Inia geoffrensis". Marine Mammal Science 22 (1): 25–33. doi:10.1111/j.1748-7692.2006.00003.x. 
  24. Jornal Hoje – Bióloga atacada por jacaré na Amazônia luta pela preservação da espécie. G1.globo.com (2010-08-04). consultado o 2013-01-11.
  25. Welcome To The Official Mark O'shea Website. Markoshea.tv. consultado o 2012-08-23.
  26. Haddad Jr, V; Fonseca, W. C. (2011). "A fatal attack on a child by a black caiman (Melanosuchus niger)". Wilderness & Environmental Medicine 22 (1): 62–4. PMID 21377122. doi:10.1016/j.wem.2010.11.010. 
  27. TV2 Nord (12 September 2013). Sjældne kaimanunger kan nu ses af publikum. Retrieved 23 April 2017.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]