Encefalopatía esponxiforme bovina
Encefalopatía esponxiforme bovina | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Lesións encefálicas da EEB ao microscopio. | |
OMIM | 123400 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A encefalopatía esponxiforme bovina ou enfermidade das vacas tolas (tamén coñecida polas súas siglas EEB ou BSE, segundo a denominación inglesa Bovine Spongiform Encephalopathy) é unha enfermidade causada por un prión, propia do gando vacún e transmisible ós seres humanos a través do consumo de partes de animais infectados, sobre todo tecidos nerviosos.
A encefalopatía esponxiforme bovina é unha enfermidade de recente aparición, pertencente a unha familia de enfermidades neurodexenerativas, emparentadas entre si, moi raras na súa maioría (incluído o kuru, unha encefalopatía esponxiforme humana). Os primeiros casos de animais enfermos declaráronse no Reino Unido en 1986. En 1996 detectouse no home unha nova enfermidade, unha variante da Enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, que se relacionou coa epidemia de EEB no gando vacún.
Etioloxía
[editar | editar a fonte]A enfermidade está causada por un axente contaxioso non convencional, un prión [1] (unha proteína infecciosa), que se acumula nos animais enfermos na cabeza (incluídos encéfalo e os ollos), nas amígdalas, a medula espiñal, o espiñazo, o intestino (do duodeno ó recto) e o bazo.
A vía de transmisión desta enfermidade coñecida ata o de agora é o consumo de pensos contaminados co prión. Esta contaminación dos pensos procede da utilización como ingrediente proteico de fariñas animais elaboradas con cadáveres ou restos de vacas ou -principalmente- ovellas enfermas, aínda que asintomáticas.
A transformación industrial dos restos destes animais en fariña de carne ou de ósos non inactiva o prión. De feito, cando se comprobou a orixe nos pensos contaminados e se prohibiu o uso de fariñas animais na alimentación do gando, constatouse unha clara redución do número de novos casos. Pero esta prohibición do uso de farinas de carne e ósos na alimentación do gando bovino non se produciu ata 1997, prohibición que se estendeu no 2001 á alimentación de calquera animal de abasto [2].
Existe tamén a posibilidade de transmisión desde a nai á cría, aínda que non está confirmada.
Corre tamén unha teoría proposta por científicos británicos, pero descartada pola comunidade científica, de que a enfermidade se orixinou por alimentar gando con penso contaminado con restos humanos. Segundo esta teoría, Gran Bretaña importou centos de miles de toneladas de ósos enteiros ou pulverizados e de partes de cadáveres desde o sur de Asia nos anos 60 e 70 para facer fertilizantes e fariña de óso, e entre eses ósos poderían haber ósos humanos de cadáveres abandonados nos ríos da India.
Epidemioloxía
[editar | editar a fonte]Os primeiros casos diagnosticados oficialmente tiveron lugar no Reino Unido en 1986, aínda que se trataba de animais mortos en 1985[3]. Desde o Reino Unido continuouse exportando animais enfermos e penso contaminado[4] ó resto de Europa e ó resto do mundo e foron aparecendo casos en Irlanda en 1989, en Portugal e Suíza en 1990, en Francia ou Canadá en 1993, ou nos Estados Unidos en 2005.
En España produciuse o primeiro caso en Galicia, cando a vaca Parrula morreu o 25 de outubro de 2000 en Carballedo[5]. Houbo antes outro caso, Elvira, que morrera en agosto, en Coristanco, pero non se diagnsticou oficialmente ata decembro. En xaneiro produciuse unha terceira morte en Guitiriz, Gallega, e xa os primeiros casos fóra de Galicia, en León.
Co tempo foi estendéndose por toda a península ata alcanzar o máximo de mortes en 2003, con 167 casos (62 deles en Galicia), para irse reducindo paulatinamente: en 2009, último ano no que se publicaron datos oficiais, houbo 18 casos (oito en Galicia).
A Dirección Xeral de Saúde Pública estimou unha prevalencia ata fins de 2006 dun 25,5 por cen mil (en Galicia), cunha destacada ocorrencia de animais maiores de 4 anos: o 85 % dos positivos[6].
Cadro clínico
[editar | editar a fonte]Trátase unha enfermidade dexenerativa do sistema nervioso central dos bovinos, que se caracteriza pola aparición de síntomas nerviosos nos animais adultos: incoordinación de movementos, agresividade e sensibilidade aumentada ante ruídos ou golpes. A esa sintomatoloxía nerviosa débese a denominación popular de enfermidade das vacas tolas (mad-cow desease, en inglés). A evolución da enfermidade é irreversible e, progresivamente, finaliza coa morte ó cabo duns dous anos dos primeiros síntomas, ou co sacrificio do animal.
O período de incubación da enfermidade é de 4 ou 5 anos, cun abano temporal moi amplo, desde 16 meses a oito anos. Este feito, xunto á orixe alimentaria a partir de pensos contaminados, explica que se trate dunha enfermidade propia de animais adultos.
Os síntomas observados están motivados pola acumulación do prión nas células neuronais, orixinando a morte celular. Unha análise microscópica revela lesións como vacúolos que dan ó tecido nervioso un aspecto de esponxa.
O único método dispoñible para detectar a infección en fase terminal é a inoculación parenteral de tecido encefálico en ratos, pero esta técnica non é utilizable na práctica, xa que os períodos de incubación son duns 300 días.
Incidencia
[editar | editar a fonte]Ata 2007, inclusive, declaráronse 336.770 reses enfermas de EEB na Unión Europea e 516 máis no resto do mundo [7], a inmensa maioría no Reino Unido: o 98,38%.
A crise das vacas tolas pode considerarse a maior crise alimentaria europea, polo elevadísimo custo que representou a morte dos animais enfermos, o sacrificio obrigatorio dos animais sospeitosos, a destrución por incineración dos cadáveres e dos pensos sospeitosos ou o complexo sistema de vixilancia que se implantou, que non evitou unha forte retracción do consumo de carne de vacún. Calcúlase que só no Reuni Unido foron sacrificadas máis de 4 millóns de reses e houbo que destruír máis de 250.000 toneladas de penso.
Por outra parte, ata xuño de 2010 diagnosticáronse 220 doentes humanos afectados pola nova variante da Enfermidade de Creutzfeldt-Jakob [8], 217 casos primarios e 3 secundarios (por cousa dunha transfusión de sangue) [9]. Cómpre ter presente que no Reino Unido se consumiron non menos de 500.000 animais infectados entre 1985 (ano dos primeiros casos confirmados) e 1996 (ano en que se instauraron as medidas de retirada do mercado de carne de animais sospeitosos), sen que sexa posible augurar cantas persoas que consumiron esa carne poderán desenvolver a enfermidade no futuro.
Como principal consecuencia da gravidade desta crise alimentaria pódese destacar o cambio substancial introducido na lexislación da Unión Europea, e implementado nas lexislacións nacionais dos estados membros, en todo o relacionado co control oficial dos alimentos, especialmente dos de orixe animal, e nos establecementos de alimentación, desenvolvendo un novo concepto de seguridade alimentaria. En 2002 publicouse o Regulamento 178/2002 polo que se establecen os principios e os requisitos xerais da lexislación alimentaria e se crea a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria [3] e en 2004 publicáronse outros Regulamentos específicos que conforman o coñecido como Paquete de Hixiene [4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Proteinaceus infectious particle + ón.
- ↑ Vinte anos despois, en agosto de 2021, a Unión Europea autorizou de novo o emprego de proteínas animais -pero só as derivadas de animais non ruminantes- na formulación de pensos para aves de curral e porcos, pero mantendo a prohibición do seu uso en animais ruminantes (Regulamento (UE) 2021/1372 da Comisión, de 17 de agosto de 2021 polo que se modifica o anexo IV do Regulamento 999/2001 (DOUE nº 295, de 18.08.2021) [1].
- ↑ Mesmo algún caso probable de 1984.
- ↑ Alí prohibiuse o uso na alimentación dos ruminantes de pensos elaborados con fariñas animais en 1988, pero seguiu exportando a Europa este tipo de pensos ata 1994, cando foron prohibidos na Unión Europea. Non foi ata 1996 que se prohibiu a exportación desde o Reino Unido de gando bovino, carne e produtos derivados.
- ↑ A declaración oficial da presenza da enfermidade en Galicia tivo lugar o 24 de novembro, coa confirmación do diagnóstico (Orde de 22 de novembro de 2000 pola que se declara oficialmente a existencia da enfermidaed encefalopatía esponxiforme bovina. DOG nº 228, de 24.11.2000 [2]).
- ↑ "Evolución da Encefalopatía Esponxiforme Bovina en Galicia de 2000 a 2006", en Boletín Epidemiolóxico de Galicia vol. XX, 3, 2007, 1-2.
- ↑ http://www.eeb.es/pags/europa.htm Arquivado 11 de setembro de 2010 en Wayback Machine..
- ↑ Os primeiros casos diagnosticáronse no Reino Unido en 1996, se ben sobre mortes acaecidas en 1994 e 1995. En España, o primeiro caso foi unha muller falecida en 2005. En 2008 houbo un caso en Ferrol, non confirmado, que podería ser o primeiro caso en Galicia.
- ↑ http://www.cjd.ed.ac.uk/vcjdworld.htm Arquivado 21 de xullo de 2012 en Wayback Machine..
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Benavente Jareño, Pedro e Ferro Ruibal, Xesús: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Xunta de Galicia 2010.
- López García, Xosé (2003): O discurso dos medios impresos no caso das "vacas tolas", Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-9750-132-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina da OMS (en castelán).
- Enfermidade das Vacas Tolas Arquivado 27 de outubro de 2020 en Wayback Machine. Información do Center for Global Food Issues (en inglés).
- O mal das vacas tolas, dez anos despois (rtve (en castelán).