Juan Antonio Posse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Juan Antonio Posse
Nacemento1766
 Laxe
Falecemento13 de maio de 1854
 San Andrés del Rabanedo
NacionalidadeEspaña
OcupaciónPárroco
editar datos en Wikidata ]
Casa Vella ou Casa de Mariana, en Soesto (Laxe), onde naceu J. A. Posse en 1766.

Juan Antonio Posse Varela, nado en Soesto (Laxe) en 1766 e finado en San Andrés del Rabanedo (León) o 13 de maio de 1854, foi un relixioso galego. Exerceu o seu ministerio relixioso en León dende 1794 ata o seu pasamento.

Como relixioso afastouse das características xerais dos seus colegas da época, pois, aínda que algúns destes cualificativos son discutidos polos estudosos da súa vida e obra, pasa por ser un sacerdote ilustrado e liberal, constitucionalista español e tamén pregaleguista; republicano nunha época en que poucos o eran; colectivista cando todo o liberalismo defendía a propiedade privada; anticlerical –e loitador contra a Inquisición- e, á vez, profundamente crente e relixioso ata case o integrismo, debido á influencia que exerceran nel as lecturas xansenistas.

Deixou escritas dúas obras políticas de carácter constitucionalista: un sermón do 28 de novembro de 1812 defendendo a Constitución de Cádiz -publicado ese mesmo ano en León e reeditado ó ano seguinte na Coruña- e unha crítica á Constitución de 1837 –publicada en 1838-. Tamén son del varios artigos publicados coas iniciais do seu nome en El Ciudadano por la Constitución, da Coruña (en 1813). Non obstante, o máis interesante foron as súas memorias, redactadas en 1834, que permaneceron inéditas ata que Gumersindo de Azcárate conseguiu publicalas entre 1916 e 1918 na revista La Lectura; en 1984 o hispanista estadounidense Richard Herr, profesor emérito da Universidade de Berkeley, volveunas publicar na editorial Siglo XXI. Destas memorias, das que desapareceu o manuscrito orixinal, quedou sen publicar o período final, de 1820 a 1834.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Laxe, lugar de nacemento de Posse, concretamente en Soesto.
A praia de Soesto.
A igrexa de Santo Estevo de Soesto, lugar de bautismo de Posse.
“A las extremidades de la Europa occidental nació D. Juan Antonio Posse, en Quintáns means, lugarcillo de la Parroquia de San Estevan de Suesto, Jurisdicción de Vimianzo, en el Arzobispado de Santiago, el cual, por ser el más bajo e inmediato a las riberas del mar, se llama también lugar de Abajo, acia fines del año de 1766, de una familia honesta”.
Juan Antonio Posse Varela: Historia biográfica, ó Historia de la vida y hechos de Don Juan Antonio Posse, escrita por el mismo hasta el año 1834.

Naceu na parroquia de Santo Estevo de Soesto -daquela pertencente á xurisdición de Vimianzo e provincia de Santiago, hoxe ó Concello de Laxe e provincia da Coruña- o 26 de decembro de 1766. Foi fillo de Ignacio Posse e Mariana Varela, e recibiu os nomes de Juan -por ser o santo do día do bautismo (neste caso, o seguinte ó día do nacemento)- e de Antonio –escollido polos padriños-. Pasou a súa infancia na aldea natal axudando a seus pais, alindando o gando da casa e axudando na labranza. En 1779, ó cumprir 12 anos, decidiron dedicalo a estudar, e, acompañado do seu proxenitor marchou a Las Muñecas (Valderrueda, na provincia de León), para facer estudos eclesiásticos baixo a tutela dun tío seu, párroco daquel lugar. Fixo estudos de gramática e foi estudar á Universidade de Valladolid.

Lódares, na provincia de León.

Unha vez ordenado, exerceu o seu ministerio en tres parroquias leonesas: en Llánaves de la Reina (1794-1798), Lodares (1798-1807) e San Andrés del Rabanedo (1807-1854), que daquela era un arrabalde da cidade de León. Na primeira delas, situada na montaña preto de Cantabria, chegou a negarlles os sacramentos a algúns homes polo maltrato que estes lles daban ás súas mulleres, as que “golpeaban, arrastraban y trataban brutalmente”; En varias ocasións manifestou a súa aversión a calquera tipo de violencia, xa fose contra os animais, xa contra os humanos; os castigos que se lles impoñían ós nenos para educalos tamén eran motivo do seu rexeitamento. Mais alí aprendeu que as terras eran comúns, repartidas a partes iguais e sorteadas entre os veciños cada doce anos. Isto motivou que, fronte á defensa que facía o liberalismo tradicional da propiedade privada, con Gaspar melchor de Jovellanos á fronte, Posse se manifestase firme defensor do colectivismo, atribuíndolles ás riquezas a causa da corrupción dos pobos.

Llánaves (León), o primeiro curato de Posse.

Procurou o modo de ler obras de autores prohibidos pola Inquisición, como Rousseau, Montesquieu, Adam Smith, Mabli ou Tamburini, para o cal aprendeu francés e italiano pola súa conta. Obtivo licenza para ler libros prohibidos, e iniciou unha extensa biblioteca que en 1811 fixo trasladar en dous baúis e unha arca por un arrieiro maragato á súa casa materna de Soesto, para logo facela tornar de novo a León en 1812.

Sendo estudante xa se sentira atraído polo xansenismo francés, que daquela era unha forma de opoñerse ó ultramontanismo e á doutrina dos xesuítas. Xa daquela se manifestara contra a infalibilidade do Papa. En Llánaves lera un autor tan prohibido como Tamburini, xansenista italiano, crítico coa Inquisición; nesta parroquia chegou a agochar libros conflitivos entre as rochas da montaña. En Lodares tratou de ler máis libros xansenistas. Coincidía co xansenismo e co galicanismo en buscar nas fontes da Igrexa primitiva, anterior ó establecemento das ordes relixiosas e á supremacía do Papa, o cristianismo máis puro; tamén se viu embebido polo espírito puritano dos seguidores de Iansenius.

En 1807 conseguiu un curato ás portas da cabeza do seu bispado, a cidade de León, porque se consideraba con méritos para ser algo máis ca un cura de aldea. Porén, estar preto do bispado acadoulle contratempos, e intentou inutilmente obter un curato en Galicia (o de Santa Sabiña da Terra de Xallas, que quedara vacante á morte doutro tío seu cura), pero atopouse coa oposición do arcebispo compostelán Rafael de Múzquiz.

Posse opúxose á invasión napoleónica de España en 1808, malia as simpatías que sentira pola Revolución e pola República francesa. Consideraba que a revolución acabara secuestrada polo xugo militarista e cesarista de Napoleón. Prestou acubillo na súa casa ós patriotas perseguidos polo exército invasor, e a mansión foi saqueada polos soldados franceses en 1809 e 1811. En 1810 os partidarios leoneses do rei Xosé I Bonaparte ofrecéronlle ser cóengo, o que rexeitou de inmediato. Ese mesmo ano desprazouse ó Bierzo para participar na elección dos deputados da provincia nas Cortes de Cádiz; propuxo ó seu amigo Félix Acebedo, de ideoloxía liberal, pero non saíu elixido.

O 29 de novembro de 1812 pronunciou ante os seus fregueses de Santo André un sermón ou discurso de eloxio á Constitución española de 1812, promulgada en Cádiz o 19 de marzo dese ano. Convencido polo comandante Juan Díaz Porlier e outros amigos liberais, publicouno como Discurso sobre la Constitución que dixo Don Juan Antonio Posse en León a finais dese mesmo ano e reeditouse na Coruña á ano seguinte ás expensas dos redactores da publicación periódica liberal El Ciudadano por la Constitución. Defendía a Constitución porque promovía a igualdade entre todos a cidadanía fronte ós estamentos do Antigo Réxime, deixando así de seren súbditos sen dereitos.

Non atopaba contradición entre a obra lexislativa de Cádiz e a relixión: a Constitución dáballe a posibilidade de volver á relixión santa dos primeiros séculos do cristianismo (o que reflicte a influencia das lecturas xansenistas no seu pensamento). Isto implicaba a abolición da Inquisición. Felicitou ós lexisladores por garantiren a práctica exclusiva da relixión católica en España, o polémico artigo 12, concesión ós deputados conservadores de Cádiz que claramente contradí a liberdade relixiosa.

Porén, esta defensa do primeiro texto constitucional español foi a principal das causas polas que será procesado e condenado durante o primeiro período absolutista de Fernando VII (1814-1820), amais de ser acusado de desafecto ó Sumo Pontífice e de pedir a abolición da Inquisición. Foi delatado polo seu propio bispo, e todos estes procesos acrecentaron a súa xenreira e desprezo contra o propio estamento ó que pertencía.

En mis desahogos solía decir: que los más malos de los hombres eran los inquisidores; después los frailes; después los clérigos, y los últimos, los militares
Posse/apud Herr 1984: 185.

En 1816 fuxiu do convento onde o encerraran cara a Madrid, mais foi apresado de novo, e permaneceu na cadea até 1818. Recuperou temporalmente a liberdade e, mentres esperaba a resolución da súa causa, marchou a Galicia en xullo de 1819. Pasou cinco meses na casa natal, e en xaneiro de 1820 regresou a León, onde lle comunicaron a condena de seis anos de encerro nun convento.

Tralo pronunciamento a favor da Constitución de 1812 dos militares liberais ao mando de Rafael del Riego, iniciado o 1 de xaneiro de 1820 en Cabezas de San Juan (provincia de Sevilla), iniciouse o Trienio Constitucional e levantóuselle a pena a Posse. Os liberais propuxéronlle ser bispo de Tortosa, mais rexeitouno. Axiña vai caer no desencanto, unha vez que viu que os deputados liberais nas Cortes non tomaban as decisións que había que tomar, senón que “eran unos pasteleros que no pensaban sino en sus colocaciones y en la de sus amigos, para lo cual se aumentaban los sueldos” (Posse/apud Herr 1984: 249).

Este desencanto fixo que confiase como última táboa de salvación nos seus amigos liberais coruñeses, ós que lles envía unha polémica carta:

Por esta desconfianza y presentimiento de nuestra ruina escribí a La Coruña y a mi país [Galicia] para tratar de hacerse independiente, erigiéndose en República libre y separada de los demás, pues tenían todo lo necesario para poderse gobernar por sí mismos. Y en este caso podían hacerse confederados de los otros españoles, aliados natos de los ingleses y otras cosas de esta especie que entonces se me ocurrieron. (…) No gustó esta protesta, y aún fue causa de que se me tuviese por loco en lo sucesivo, y me vi precisado a recoger velas, no volviendo a hablar de ello
(Posse/apud Herr 1984: 249).

Richard Herr comenta, no tocante a esta carta, que polo desengano que tivo dos liberais do Trienio, “que no son mejores que los demás, termina –por estas razones- convertido, curiosamente, en un protonacionalista galego” (Posse/apud Herr, p. 293). Para Lema Suárez (1998: 27) esta misiva, anecdótica ou non, constitúe o primeiro manifesto reivindicativo do galeguismo contemporáneo. Durán López (2008: 156-160) quítalle importancia a esta proposta supostamente “protonacionalista, protogalleguista o protorregionalista” contida en tan só media ducia de liñas, porque Posse nos seus sermóns defende unha idea liberal de «nación» identificada con España, “una nación de carácter unitario”; precisa, ademais, que tal proposta era máis confederal que independentista, e que fora lanzada como unha dura crítica contra os vellos liberais doceanistas que participaran nas Cortes de Cádiz (Argüelles, Toreno…) e que agora constituía o núcleo moderado do partido; Posse identifícase con esta proclama cos exaltados e chama ós moderados «pasteleros»; Durán considera que en 1820 latexaba en Posse “una pulsión anticentralista y antipolítica, una desconfianza innata hacia la élite dirigente que copa el poder en un régimen parlamentario centralista”. Para este analista, a proposta de Posse de independencia galega seguida de confederación cos outros españois depende máis de refundar a liberdade nacional desde abaixo, desde o pobo, despois dun desengano cara ás elites dirixentes, e non dun sentimento patriótico ou nacionalista identificado con Galicia.

Seguramente este manifesto puido ser unha arroutada produto do enfado, pois el mesmo admite que se vira precisado “a recoger velas, no volviendo hablar de ello” ó non gustar esta protesta. Así e todo, cómpre ter en conta que, aínda que fose por un momento, el viu en Galicia algo distinto, diferencial, que xustificaba que a súa patria puidese aspirar a autogobernarse (“tenían todo lo necesario”). Para non excluír Galicia de España pensou de inmediato nunha fórmula intermedia: a confederación. Mais, porque considerou que Galicia reunía unhas características específicas para autogobernarse e non o reino de León no que levaba vivindo a maior parte da súa vida? Historiadores galegos contemporáneos como Xosé Ramón Barreiro -nas súas obras Historia de Galicia. Edade Contemporánea (1981) e Historia social da Guerra da Independencia en Galicia (2009)- teñen probado que durante a Guerra da Independencia contra os franceses Galicia se comportara como un reino, demostrando que sabía gobernarse por si mesma, pois a Xunta Suprema do Reino de Galicia autoorganizara a defensa creando un exército propio, enviara embaixadores a Gran Bretaña, montara un aparato administrativo... de tal xeito que os galegos foran os primeiros en expulsaren os franceses do seu territorio antes que ningún: os franceses entraran en xaneiro de 1809 e en xuño do mesmo ano, tras a batalla de Ponte Sampaio, xa estaban fóra; Barreiro afirma que fora o pobo galego -e non o exército regular español que, ó mando do Marqués de la Romana, andaba fuxindo do francés en vez de se enfrontar a el- quen liberara Galicia.

O motivo de enviar unha carta con este contido á Coruña é explicable se se ten en conta a capital importancia que naqueles momentos tiña o liberalismo galego, e moi particularmente o coruñés, no Estado español. No se esqueza que na Coruña tivera lugar un dos primeiros pronunciamentos antiabsolutistas a favor da restauración da orde constitucional, en 1815, o do mariscal Juan Díaz Porlier, que fora detido en Madrid en 1814. Porlier sería executado, pero a cidade mantivo a súa memoria coma un heroe. Cinco anos despois, en 1820, cómpre salientar que o pronunciamento de Rafael del Riego e Quiroga en Cabezas de San Juan (Sevilla), iniciado o 1º de xaneiro, seguramente non triunfaría se non recibise o apoio da burguesía coruñesa: "As accións que se levaron a cabo na Coruña o 21 de febreiro de 1820 foron decisivas para o definitivo triunfo que Rafael Riego iniciara en Cabezas de San Juan" (Romero Masiá; 2008: 33). Como di a mesma Ana Romero, “estes (e outros) acontecementos fixeron que esta cidade e a de Cádiz merecesen o cualificativo das máis liberais de España”.

En suma, dun xeito ou doutro, obviamente sen pretendelo, Posse foi todo un precursor do provincialismo e do rexionalismo galego do século XIX, pero, como as súas memorias permaneceron inéditas durante máis de oitenta anos, o seu manifesto para nada influíu nin no levantamento de 1846 nin no movemento rexionalista da segunda metade do século. O propio Durán admite, finalmente, que a posición de Posse si se podería cualificar de protonacionalista [galega] (Durán López; 2008: 159).

Centro cultural Juan Antonio Posse.

O que está fóra de toda dúbida é o seu galeguismo afectivo, analizado in extenso por Lema Suárez (1998: 35-49) e Mariño Paz (2008: 134-140). Non debe pasar desapercibido que, malia vivir en Galicia tan só os doce primeiros anos da súa vida, se sentía identificado moito máis con Galicia que con León. Sen esquecer os problemas leoneses, preocúpanlle moito máis os da súa terra nativa. Nalgunha ocasión chega a declarar o seu amor “vivísimo” pola súa patria.

A partir de 1820, ó se perder o derradeiro capítulo das súas memorias, non se sabía máis nada da vida de Posse. No apartado final, Richard Herr apuntaba só algúns datos entre 1820 e 1834: que en 1823 sufrirá nova persecución polo seu comportamento no Trienio liberal; os seus inimigos pensaban denuncialo á Inquisición , pero, como esta non se restableceu no segundo período absolutista de Fernando VII, o crego estaba libre en 1824 (dato adiantado nas memorias, pois nese ano volveu a Lánaves de visita).' “No sabemos si lo encarcelaron otra vez, pero como nunca lo expresa, se puede pensar que no” (Posse/apud Herr 1984: 293). Pois resultou que si, que volvería á cadea. En 1827 os seus inimigos procesaríano unha vez máis, por obra dun vello inimigo seu, Fernando Ortiz de la Tabla, provisor eclesiástico do bispado de León, por se ter insolentado con el. O Tribunal de Gracia [eclesiástico] condenouno a reclusión no convento dos franciscanos descalzos de León, desposuíndoo das facultades propias do sacerdocio (celebrar misa e confesar) e relegándoo ó estado de simple crego irregular. Tamén lle incautaron os seus bens. Por este proceso, vemos que Posse mantivo o seu espírito rebelde e inconformista, ata o punto de ser chamado “clérigo inobediente”. A súa rebeldía queda manifesta cando, facendo caso omiso da condena, seguiu oficiando e mesmo chegou a fuxir do convento; por todo isto, o fiscal eclesiástico chegou a solicitar para el prisión perpetua. O seu avogado recorre á Chancelería de Valladolid, pero o máis seguro é que tales reclamacións non desen resultado, pois foi condenado a pagar as custas do xuízo. Non sabemos se algún día o cumpriu; de seguro que aínda non o fixera nos primeiros días do mes de xaneiro de 1828, e poida que tampouco catro anos e medio despois, en xuño de 1832.

Finalmente, en 1995, once anos despois de que R. Herr publicara as memorias de Posse, a familia que actualmente vive na Casa Vella ou de Mariana de Soesto achou un opúsculo impreso de 27 páxinas, datado en 1838, con este título: Plática Tercera por don Juan Antonio Posse, cura párroco de San Andrés, en continuación de la orden del gefe político. Para el cuarto domingo 28 de Enero de 1838. León: Imprenta de D. Cándido Paramio, calle de la Rua. Setiembre de 1838 (texto completo en Posse /apud Lema (1998). Nesta Plática Tercera vai criticar sobre todo as excesivas prerrogativas que se lle daban ó monarca na Constitución.

O seu progresismo no eido político e social parece transformarse, non obstante, en conservadorismo en materia relixiosa, pois volve defender a presenza da relixión no texto constitucional como xa o fixera en 1812. Pero esta súa relixiosidade dista moito das posturas reaccionarias, pois xa en 1812 fixera unha condena expresa da intolerancia e do despotismo relixioso e, por ende, da Inquisición (“Nunca fue más pura la Fe... que en los primeros siglos de la Iglesia, cuando no había inquisición”, [Posse/apud Herr 1984: 268]).

Nesta análise do texto constitucional tamén defende o clero secular e o seu dereito a participar na vida política, en particular nas Cortes, e volve loar o colectivismo agrario de Llánaves (“por esta razón alli no hay ricos ni pobres, no hay vicios ni escándalos, de manera que en cuatro años que allí he vivido de cura, ninguno del pueblo me pidió limosna” (Posse/apud Lema 1998: 7).

A «Plática» de 1838 era o último escrito e tamén o último dato que tiñamos de Posse. Richard Herr supoñía en 1984 que morrera sendo cura de San Andrés, pero posiblemente o que el non imaxinaba era que o seu óbito tardase anos en producirse: xustamente o 13 de maio de 1854, á idade de 87 anos. No seu testamento, redactado o 31 de xaneiro de 1854 “allándose enfermo, pero en mi caval juicio y entendimiento natural”, destina á Biblioteca Provincial de León o diccionario económico de Chozel, “de cuatro tomos en pasta y en francés” e nomea herdeira de todos os seus bens á súa sobriña Tomasa Posse, veciña de San Andrés, pasando logo a facer unha firme declaración de fe relixiosa no seo da Igrexa Católica, Apostólica e Romana, advertindo que “si en mis papeles escritos, traducciones, estractos, apuntaciones y demas, se allare alguna cosa contraria á la religión de esta Sta. Yglesia declaro que no son mías ni conforme a mi voluntad”. No texto testamentario nada hai que o leve a rectificar das súas ideas político-sociais de toda a vida.

Comentarios e análise[editar | editar a fonte]

As memorias escritas en 1834 por Posse permaneceron inéditas ata a década de 1880, cando o seu propietario llas amosou ó intelectual e político leonés Gumersindo de Azcárate (deputado republicano e catedrático de lexislación comparada na Universidade de Madrid. A Azcárate interesoulle sobre todo o caso do repartimento periódico de terras comunais en Llánaves e axiña deu conta disto no Boletín da Institución Libre de Enseñanza, en 1883 (Azcárate; 1883, t. VII, p. 147); oito anos despois, 1902, nun discurso de apertura de cátedras do Ateneo de Madrid, volveu citar textualmente o relato de Posse do repartimento comunal de Llánaves .

O segundo persoeiro en se interesar polo crego galego, segundo Herr, foi Joaquín Costa, o formulador do rexeneracionismo, amigo de Azcárate e interesado tamén pola preservación da propiedade colectiva do solo en España. Na súa obra Colectivismo agrario en España inclúe a Posse entre os reformadores que encontraron na propiedade colectiva solucións ós problemas sociais; de Posse cita as mesmas frases eufóricas de Azcárate e engade outras sobre o repartimento de Llánaves.

Richard Herr (1984) detense nos aspectos que máis lle chamaron a atención: empeza establecendo comparanzas e diferenzas con outros españois contemporáneos seus que tamén deixaran escritas as súas memorias: Manuel Godoy (1767-1851), José Mª Blanco White (1775-1841) etc. Con Godoy, nada ou case nada tiña en común, pois o Príncipe da Paz fala do mundo da corte e Posse do dos campesiños. Blanco White, de familia acomodada sevillana, fora cura rebelde coma el, e coincidiron os dous en denunciaren o escurantismo da Igrexa da época e o prexuízo que a Inquisición representaba para o país; este presbítero tamén se interesa pola lectura de libros prohibidos, e isto dá pé a Herr para salientar o mérito de Posse por ser quen a acceder a estas lecturas do mundo da Ilustración no pechado ambiente do mundo rural. Tamén co ilustrado Jovellanos compartía a crítica cara á Igrexa, pero no político e no económico eran radicalmente distintos, xa que, mentres o asturiano defendía a propiedade privada, base do liberalismo decimonónico, Posse defende a colectiva, xa antes de chegar a Llánaves. Polo tanto, mentres Jovellanos representa a cara individualista da Ilustración, Posse representa a colectivista, idea tomada seguramente de J.J. Rousseau (considera as riquezas a causa da corrupción de todos os pobos).

O seu pensamento político maniféstase na defensa da Constitución de 1812, co seu famoso sermón (“El discurso de Posse respira un aire republicano mal disfrazado”, precisa o analista). O suposto igualitarismo constitucional permitirá que por fin todos (galegos, andaluces, casteláns…) poidamos ser españois, en sendo homes libres e non escravos dos reis. Felicita tamén os lexisladores de Cádiz pola inclusión do artigo 12, que declara a relixión católica como oficial e única da nación española, prohibindo o exercicio de ningunha outra; neste punto el considera que a Constitución daría pé a volver á “relixión santa” dos primeiros tempos da Igrexa, o que implicaría a abolición do tribunal da Inquisición. No seu discurso ou sermón constitucional Posse trata de evitar pezas oratorias extravagantes e baleiras, tratando de se achegar á linguaxe do pobo.

Nos anos críticos da ocupación francesa Herr salienta o seu patriotismo, que o levou a rexeitar unha coenxía ofrecida polo goberno intruso. Non é, polo tanto, un afrancesado, malia as iniciais simpatías que sentira polos primeiros anos da Revolución francesa e polas súas ideas: o cesarismo de Napoleón desvirtuara as ideas revolucionarias.

Noutra orde de cousas, Herr repara nos valiosos detalles antropolóxicos do seu relato (as supersticións de Galicia, os costumes de Llánaves, os vestidos típicos de San Andrés…), no seu espírito turístico (as súas viaxes a Galicia, en especial), as pasaxes emotivas (a descrición de Llánaves, as escenas da guerra, pero en especial cando volve por primeira vez a Galicia para ver á súa familia tras unha ausencia de once anos e escoita xa polo camiño as voces do idioma materno).

“La obra de Posse nos gana y cautiva. Aunque no es un gran escritor, ha leído a los autores clásicos y moernos , y toma a los primeros como modelo, a la par que preserva una sencillez y rectitud notables. Es más realista que romántico, aunque sus páginas tengan pizcas de romanticismo. Al manuscrito le falta un repaso, quedan confusiones. Pero su unicidad y el interés histórico y humano de su contenido suplen lo que falta de estilo. Posse merece un puesto en la historia de las letras españolas”
(Posse/apud Herr 1984: 292)

Xosé Mª Lema Suárez, na primeira parte do seu estudo Un novo documento de D. Juan Antonio Posse. a Plática Tercera (1838) [1998], fai un resumo das memorias vitais, para despois deterse nos aspectos máis salientables da súa personalidade e pensamento: a) un crego ilustrado, anticlerical e colectivista; b) a súa atinada visión histórica do momento que está a vivir; o amor «vivísimo» por Galicia; d) as súas periódicas viaxes a Galicia: morriña pola terra nai; e) a consideración da lingua galega nas súas memorias. En colaboración co debuxante Roberto Mouzo, Lema reconstrúe en catro mapas as viaxes de Posse: a saída de Galicia a León (1790), levado por seu pai de Soesto a Las Muñecas, pasando por Santiago e Lugo); a primeira viaxe ó lugar natal (1790), cando tiña 23 anos, de Valladolid a Soesto, pasando por Lugo a Santiago; a cuarta viaxe, de León a Soesto (1810 ou 1811), cando tiña 44 ou 45 anos; a quinta viaxe (1812), de León a Soesto pasando por Lugo e A Coruña (a volta fixéraa por Santiago e Portomarín); a quinta viaxe (1819), cando tiña 53 anos: de León a Soesto, botando cinco meses na casa natal, aproveitando para visitar a comarca: Corme, o santuario da Barca en Muxía etc. Neste opúsculo tamén hai unha atención especial para a análise do posible primeiro manifesto nacionalista galego de 1820 e a evolución ideolóxica de Posse despois de 1820. Ademais do texto completo da «Plática Tercera» de 1838 –e do comentario correspondente- tamén se publican catro documentos: a súa partida de bautismo (1766); unha citación notarial de 1819 a Mariana Varela, a súa nai; a súa acta de defunción (1854) e o seu testamento (1854).

O profesor da Universidade de Cádiz, Fernando Durán López, estudou a Posse por mor da elaboración da súa tese de doutoramento sobre as autobiografías dos séculos XVIII e XIX. Froito desta investigación foi a posterior publicación da obra Vidas de sabios. El nacimiento de la autobiografía moderna en España (1733-1848), en 2005, na que se analizan polo miúdo, especialmente desde o punto de vista literario, estilístico etc., as autobiografías duns vinte persoeiros das letras españolas do séc. XVIII e primeiro terzo do XIX.

Para Durán, Posse é un dos principais protagonistas do seu estudo, dedicándolle á súa figura case en exclusiva cerca de 40 páxinas: as comprendidas nos apartados 8, 9 e 10 do capítulo III, no 4 do capítulo V, no 7 e o 8 do VII, e o 5 dos capítulos VIII e do IX. Como punto de partida, salienta de Posse o feito de que nunca esqueceu as súas humildes orixes rurais. Polo que respecta ó seu pensamento, subliña a súa pertenza á corrente menos individualista da Ilustración, a menos liberal. A esta postura radical súmanse outras que malamente casaban coas dos constitucionalistas de 1812: a súa firme crenza na lexitimidade da soberanía popular por enriba de calquera xustificación histórica, a súa defensa do sistema republicano, e a súa sorprendente proposta de converter Galicia en independente, que, na opinión do investigador,

“no es sino la formulación extrema de una cualidad que asoma por toda su obra escrita: un intenso sentimiento de pertenencia a su tierra natal, que ha podido ser interpretado modernamente como protonacionalismo gallego”
Durán López; 2005: 246

Para Durán, máis aínda que as súas ideas, o máis atractivo do crego é a personalidade que revela a súa escritura nas únicas tres obras que lle coñecemos:

[Posse] es uno de esos escritores anónimos postergados por una coyuntura histórica, un modo de vida y una suerte personal que han contribuído a oscurecerle (...), pero en sus líneas brilla una mente lúcida y vigorosa (...). Sin duda, España ha perdido en él un gran escritor que apenas nos ha dejado algunos retazos de un talento que no pudo nunca dejar de salir. Todo esto le convierte en una figura peculiar del primer liberalismo español, que necesitaría un estudio más detallado...
[Durán López; 2005: 246-247]
“Posse es uno de los poquísimos escritores que llevan en España al extremo los caminos marcados por Rousseau a la subjetividad del hombre moderno y el único que lo hace por medio de una autobiografía. (…) Ese fue el motivo de que en mi tesis doctoral yo situara en Posse, a pesar de que sus memorias estén incompletas y sean a veces muy desiguales, la culminación del proceso de desarrollo de la autobiografía moderna en España y uno de sus mejores ejemplos”
(Durán López; 2008: 166-167).

Outras análises[editar | editar a fonte]

Juan Antonio Posse.jpeg

Ademais de todos os citados neste traballo, Alberto Gil Novales foi outro dos investigadores españois interesados pola vida e obra de J. A. Posse: a salientar unha recensión á aparición de Un novo documento de don Juan Antonio Posse: a Plática Tecera (1838), no mesmo ano da publicación desta obra (1998), e a publicación na Internetonde? dunha breve biografía do crego: «Posse, Juan Antonio (1766-1854)».

Na I Xornada sobre a figura de Juan Antonio Posse, de Laxe (27 abril 2007), tamén participaron os seguintes investigadores: Ana María Romero Masiá, que analizou o liberalismo coruñés dentro do contexto do liberalismo galego do séc. XIX; Xosé María Méndez Doménech, que falou da familia Doménech, fomentadores cataláns da pesca presentes en Laxe desde 1760 (Posse tivera amizade con algúns dos seus membros), e Pegerto Saavedra Fernández, que analizou o clero galego na vida e época de Posse.

Tratamento da lingua galega[editar | editar a fonte]

Outro dos aspectos que centraron a atención foi a consideración da lingua galega na obra de J. A. Posse, particularmente nas memorias. José Luis Pensado, nun artigo xornalístico de 1985, salientaba que, malia pasar case toda a súa vida fóra de Galicia, a súa prosa aínda rexistraba algún que outro galeguismo léxico (furna, tolete, refaixos, foles, regacho, fuliada…) e sintáctica ("una marejada hubo de echarnos a pique" etc.). Lema Suárez (1998: 50-51) tamén se ocupou deste aspecto, salientando o feito de que, aínda que o crego abandonara o uso do galego unha vez instalado definitivamente en León, tivera unha manifesta simpatía e consideración cara a súa lingua materna, o que non era moi de esperar na época.

Cando seu pai o levara ós 12 anos de Soesto a Las Muñecas, aquel neno só falaba galego, pero iso non ocasionou o desprezo dos veciños daquela localidade leonesa, senón que espertou neles curiosidade e respecto pola lingua que falaba o rapaciño:

“Mi lenguaje tan diferente del suyo les agradaba; me preguntaban cómo se llamaba en mi tierra cada cosa, o bien fuese por curiosidad, o por hacérseme agradables y cariñosos”
(Posse/apud Herr 1984: 21).

Pero o seu tío Andrés, párroco da localidade, xa rexistraba un alto grao de autoodio idiomático:

“A mi tío no le gustaba esta familiaridad; no sé si esto era por avergonzarse de la gerigonza de su país, o porque creyesen que me traía hambriento en su casa” (Posse/apud Herr 1984: 21).

Cando volva a Galicia en 1790, tras once anos de ausencia, só se expresará en lingua castelá, de tal xeito que os que falan con el o confunden cun viaxeiro castelán. El mesmo recoñece que o feito de se expresar en castelán lle daba un plus de prestixio:

“Yo hablaba castellano, y esto era más que suficiente para primar en una tierra en que todos deseaban saberle, aunque a mí me pareciese incomparable la dulzura y flexibilidad de la lengua gallega, sobre todo en la boca de las mujeres” (Posse/apud Herr 1984: 34).

O profesor Ramón Mariño Paz (2008: 121-134) abordou de cheo a biografía lingüística do crego Posse no contexto dos usos e actitudes lingüísticas imperantes no seu tempo: o monolingüismo galego da súa infancia e o seu cambio definitivo ó castelán na súa adolescencia, lóxicos pola súa inmersión lingüística en León. Mariño, que identificou polas iniciais os artigos de Posse na publicación dos liberais coruñeses El Ciudadano por la Constitución (de 1813), considera lóxico estes aparecesen en castelán e non en galego, dado que “naquel tempo non era corrente nin doado publicar en galego nin sequera dentro de Galicia”. Posse tiña simpatía pola súa lingua de nacencia, e valorábaa, pero vivindo como vivía en León seguro que nunca pensou na posibilidade de escribir na lingua nai.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • AZCÁRATE, G. DE (1883): “Vestigios del primitivo comunismo en España”; Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, t. VIII, nº 157 (31-VIII), pp. 247-248.
  • BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (1984).- «As memorias dun cura liberal galego», revista Outeiro, nº 14, setembro; Caixa Galicia, pp. 21-22.
  • BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (1985).- «O clero liberal galego: Xoán Antonio Posse», revista Outeiro, nº 16, abril; Caixa Galicia, pp. 54-55.
  • COSTA, J. (1944).- Colectivismo agrario en España; Buenos Aires (cap. 3, sección 16, pp. 148-150).
  • CUENCA TORIBIO, J. M. (1985): «[Recensión de] Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse con su Discurso sobre la Constitución de 1812», Revista de Estudios Políticos, t. 45, 5-6, pp. 256-260.
  • DURÁN LÓPEZ, F. (1997): «El campo y la ciudad en los albores de la autobiografía moderna en España (Mor de Fuentes, Posse, Somoza)», en Cuadernos de Ilustración y Romanticismo; nº 4-5, pp. 81-97; Cádiz.
  • DURÁN LÓPEZ, F. (2001): La autobiografía moderna en España: nacimiento y evolución (siglo XVIII y principios del XIX); tese de doutoramento lida na Universidad de Cádiz, baixo a dirección de Alberto González Troyano.
  • DURÁN LÓPEZ, F. (2002): «La autobiografía como fuente histórica: problemas teóricos y metodológicos», Memoria y civilización (Universidad de Navarra, Pamplona), nº 5, pp. 153-187.
  • DURÁN LÓPEZ, F. (2005): Vidas de sabios. El nacimiento de la autobiografía moderna en España (1733-1848); CSIC / Instituto de la Lengua Española, Madrid; 513 pp.
  • DURÁN LÓPEZ, F. (2008): «Don Juan Antonio Posse o la revolución de la subjetividad: hechos e interpretaciones en torno a un cura de aldea», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • GIL NOVALES, A. (1998): «[Recensión de] Xosé Mª Lema Suárez (editor): Un novo documento de Don Juan Antonio Posse. A ‘Plática Tercera’ (1838)», Introducción, edición e notas de…, Cuadernos de Estudios Gallegos. Monografías 3. Santiago de Compostela 1998, 99 páxs., en Trienio, nº 32, novembro de 1998).
  • HERR, R. (1999): «[Recensión de] Xosé Mª Lema Suárez (editor): Un novo documento de Don Juan Antonio Posse. A ‘Plática Tercera’ (1838)», n’A Trabe de Ouro, nº 39 (xullo-setembro), pp. 101/397-104/400.
  • LEMA SUÁREZ, X.Mª (1984): «Datos inéditos sobre J. A. Posse, crego liberal natural de Soesto (Laxe)», suplemento ‘Cuaderno de Cultura’ (s/p) de La Voz de Galicia, 9-8-1984.
  • LEMA SUÁREZ, X.Mª (1985a): «Máis datos biográficos inéditos sobre J. A. Posse, o crego liberal», suplemento ‘Cuaderno de Cultura’ (s/p) de La Voz de Galicia, 12-9-1985.
  • LEMA SUÁREZ, X.Mª (1985b): «J. A. Posse, párroco de San Andrés del Rabanedo [León]», suplemento ‘Cuaderno de Cultura’ (s/p) de La Voz de Galicia, 26-9-1985.
  • LEMA SUÁREZ, X.Mª (2006): «Don Juan Antonio Posse, o crego liberal: figura senlleira de Vidas de sabios, un estudo das autobiografías dos séculos XVIII e XIX» [acoutación á obra de F. Durán López (2005): Vidas de sabios. El nacimiento de la autobiografía moderna en España (1733-1848)], n’ A Trabe de Ouro, 65, pp. 51–58].
  • LEMA SUÁREZ, X.Mª (2008a): «Breve resumo da vida e obra de Don Juan Antonio Posse Varela», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • LEMA SUÁREZ, X.Mª (2008b): «Un novo dato biográfico de don Juan Antonio Posse: o seu proceso e encarceramento de 1827. Comentario do editor», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • MARIÑO PAZ, R. (2000): «O idioma galego na vida, na obra e na época de Juan Antonio Posse (1766-1854), Manuel Pardo de Andrade (1760-1832) e Francisco del Valle Inclán (1763-ca. 1808)», n’A Trabe de Ouro, nº 41 e 42.
  • MARIÑO PAZ, R. (2000): «O idioma galego na vida e na época de Don Juan Antonio Posse», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • MARTÍN-RETORTILLO BAQUER, L. (1985): «De un discurso sobre la Constitución y sus secuelas. Comentario al libro de Juan Antonio Posse, en edición de Richard Herr», en Revista Española de Derecho Internacional; Año 5, Núm. 3, Enero-Abril (pp. 245–253).
  • MÉNDEZ DOMÉNECH, X.Mª (2008): «Os inicios da burguesía industrial en Laxe: a familia Doménech», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • PENSADO, J. L. (1985b): «Las memorias del ‘cura liberal’», en La Voz de Galicia 5-9-1985.
  • PENSADO, J. L. (1991): «Las memorias del ‘cura liberal’», en Galicia en su lengua y sus gentes (Ensayos), La Voz de Galicia, A Coruña, pp. 565-567.
  • POSSE, J.A. (1984).- Memorias del cura liberal don Juan Antonio Posse, con su Discurso sobre la Constitución de 1812 (edición a cargo de Richard Herr); Centro de Investigaciones Sociológicas / Siglo XXI; Madrid (293 pp.).
  • POSSE, J.A. (1813).- Discurso sobre la constitución que dixo Don Juan Antonio Posse, Cura Párroco de San Andres, Diócesis de León, al publicarla á su pueblos en veinte y nueve de noviembre de mil ochocientos doce. Reimpreso á expensas de los Redactores del Ciudadano por la Constitución. En La Coruña: Oficina de Don Antonio Rodríguez. Año de 1813.
  • POSSE, J.A. (1838).- Plática Tercera por Don Juan Antonio Posse, cura párroco de San Andrés, en continuación de la orden del gefe político. Para el cuarto Domingo 28 de Enero de 1838; Imprenta de D. Cándido Paramio, León.
  • POSSE, J.A. (1998).- Un novo documento de Don Juan Antonio Posse: a «Plática Tercera» (1838) (introdución, edición e notas de Xosé Mª Lema Suárez), CSIC / Instituto de Estudios Gallegos ‘Padre Sarmiento’ (Cuadernos de Estudios Gallegos. Monografías, 3), Santiago de Compostela (99 pp.). Presentación de E. Pardo de Guevara.
  • ROMERO MASIÁ, A.Mª (2008): «A Coruña, referente do liberalismo galego», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • SAAVEDRA FERNÁNDEZ, P. (2008): «O clero en Galicia nos tempos de don Juan Antonio Posse», en X. Mª Lema Suárez (ed.): Actas da I Xornada sobre a figura de D. Juan Antonio Posse, o crego liberal, con motivo do 240 aniversario do seu nacemento (Laxe, 27 de abril de 2007).
  • SAURÍN DE LA IGLESIA, M. R. (ed.) (1997): El Ciudadano por la Constitución (1812-1814). Edición facsímil al cuidado de María Rosa Saurín de la Iglesia. 2 vols. A Coruña, Deputación da Coruña / Biblioteca Nacional.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]