Ultramontanismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe do papa Alexandre I. Os católicos ultramontanos destacaban a autoridade do papa sobre os asuntos dos gobernos civís, así como sobre os asuntos espirituais da Igrexa.

Ultramontanismo e ultramontano fan referencia a un tipo de doutrina sobre a forma de relación que debe existir entre a Igrexa católica e os Estados cos que mantén concordatos ou outros lazos de poder. Afirma a primacía espiritual e xurisdiccional do papa sobre o poder político e, por conseguinte, pide a subordinación da autoridade civil á autoridade eclesiástica. É a tendencia oposta ao galicanismo, que propón o establecemento dunha igrexa nacional independente de Roma, ou ao episcopalismo, que defende a primacía dos bispos sobre o papado. Trátase pois dunha doutrina parecida á do chamado cesaropapismo, pero decantada claramente a favor do sumo pontífice.

A Real Academia Galega define no seu dicionario o «ultramontanismo» como a “doutrina que defende a idea da supremacía e poder do papa, así como as súas amplas facultades”.[1]

Na actualidade, os sectores católicos ultramontanos son aqueles que defenden posicións integristas, é dicir, contrarias á separación da Igrexa e o Estado e ao laicismo saído do Concilio Vaticano II (1962-1965).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O substantivo ultramontanismo parece que se formou a partir dos termos latinos «ultra» (máis aló) e «mons» (montaña) e en concreto do adxectivo ultramontano, co que os italianos, durante a Idade Media, denominaban a aqueles que proviñan de Francia e Alemaña. Ultramontano significa «máis aló das montañas», en referencia aos Alpes que separan Italia e, tamén o Vaticano, doutros países. Así, aos papas de rexións non italianas, chegou a chamárselles "papas ultramontanos".

No contexto sociopolítico, o termo empezou a utilizarse para referirse a persoas ou rexións «moi católicas» ou «fielmente católicas». Tras a ruptura protestante do século XVI, algúns círculos aplicárono nun sentido despectivo, contra os cristiáns non separados da autoridade do papa, e xa durante a Ilustración do século XVIII, contra quen eran partidarios da autonomía da Santa Sé en contra das políticas anticlericais que levaban a cabo os gobernos xurdidos dos golpes de estado revolucionarios de Francia, Alemaña e outros países europeos que evolucionaban cara ao liberalismo político. Na Revolución francesa (1789), o termo foi utilizado para referirse ao tipo de Estado católico anterior á revolución, frontalmente oposto aos golpes de estado liberais laicistas, produto de dita Revolución.[2] Desde un principio, a Santa Sé rexeitou e condenou o triunfo do liberalismo, que levaba o avance do laicismo e a progresiva secularización da sociedade, considerando esa imposición liberal culpable do cada vez máis estendido anticlericalismo.[3]

Desde a súa base histórica, o ultramontanismo era a punta de lanza do catolicismo para combater, rebater ou condenar aquelas filosofías ou posturas sociais que propuñan o absolutismo monárquico fronte á autonomía da Igrexa, como o galicanismo francés ou o regalismo español, aínda que ambos sometidos á estrita lectura da fe católica, e defendendo que a Coroa podía intervir nos asuntos terreais das súas respectivas igrexas. No caso concreto de España dita posición traducíase no «dereito ao padroado rexio».[4] Xa no século XIX, o ultramontanismo fomentouse co papa Pío IX, que máis tarde sería beatificado por Xoán Paulo II,[5] e considerado defensor supremo da definición da infalibilidade papal.[6]

Entre os partidarios dos diversos sectores do ultramontanismo decimonónico pode mencionarse a: Jean Lacordaire (1806-1861), o cardeal Henry Manning (1808-1892), Louis Veuillot (1813-1883), William George Ward (1812-1882) e Albert de Mun (1841-1914), que logo se aproximaría ao socialismo independente de Aristide Briand; e en España, Alejandro Pidal y Mon (1846-1913), fundador da Unión Católica, en 1881.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 21 de novembro de 2023. 
  2. "Ultramontanismo". Enciclopedia Católica (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de agosto de 2007. Consultado o 7 de outubro de 2018. 
  3. "El catolicismo político a fines del XIX". Nueva Tribuna (en castelán). Consultado o 7 de outubro de 2018. 
  4. Montagut Contreras, Eduardo (21 de xullo de 2017). "Ultramontanismo". Los ojos de Hipatia (Revista sociocultural) (en castelán). Valencia. Consultado o 7 de outubro de 2018. 
  5. "Papa Beato Pío IX - Enciclopedia Católica". ec.aciprensa.com (en castelán). Consultado o 21 de novembro de 2023. 
  6. "Ultramontanismo". mercaba.org (en castelán). Consultado o 7 de outubro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]