José Doval García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "José Garcia (actor)")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
José Doval García
José Garcia micro.jpg
Nacemento17 de marzo de 1966
 París
NacionalidadeEspaña e Francia
Alma máterCours Florent
Ocupaciónactor, actor de cinema e actor de televisión
PremiosPremios Chano Piñeiro
editar datos en Wikidata ]

José Doval García,[1][2] coñecido como José García, nado en París o 17 de marzo de 1966, é un actor de cine e humorista galego-francés, unha das grandes estrelas do cine francés.[3]

Deuse a coñecer na televisión en Francia durante os anos 90 e saltou á fama no cine coa comedia de 1997, La Vérité si je mens !, dirixida por Thomas Gilou e coas súas secuelas. Actuou en máis de 50 películas, a maioría comedias, como Jet Set (2000), A andrómena (2002) ou Le Mac (2010). Ten aparecido en filmes de directores destacados como Costa-Gavras, Luc Besson, Jean-Jacques Annaud, Régis Wargnier ou Carlos Saura. Aínda que a maior parte da súa carreira a desenvolveu en Francia, tamén traballou en outros países como España (GAL, El séptimo día), os Estados Unidos (Now You See Me) ou Bélxica (Le vélo de Ghislain Lambert).

Tamén traballou como actor de dobraxe, poñendo a voz entre outros a Alex, personaxe principal de Madagascar e as súas secuelas, ou a Mushu, da saga de Mulan.

Foi nomeado aos Premios César e recibiu o premio Chano Piñeiro e a Calpurnia de Honra do Festival Internacional de Cine de Ourense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e formación[editar | editar a fonte]

José García naceu en París, fillo de pais inmigrantes galegos (procedentes do Carballiño) que deixaron a súa Galicia natal nos anos 50 obrigados pola pobreza.[4] Traballaron en hoteis particulares do XVI Distrito de París, súa como cociñeira e seu pai como mordomo.[5] José ten a doble nacionalidade, francesa e española.[6] Os seus pais escolléronlle o nome de José polo cantante Joselito.[7]

Fixo un ciclo de formación profesional de contabilidade, e realizou o servizo militar no rexemento de tanques do 4º rexemento de dragóns de Mourmelon (Marne) antes de emprender o camiño dos seus soños: converterse en actor de cine. Á idade de 20 anos, comezou un curso de dous anos de interpretación no Cours Florent de París con Francis Huster como profesor. Completou a súa formación na escola de circo Annie Fratellini (onde coñeceu á súa futura esposa Isabelle Doval) e cursou estudos no Actors Studio en Francia.[4]

Debut e revelación televisiva (1989-1997)[editar | editar a fonte]

José Garcia (á dereita) e Bruno Gaccio no plató de Nulle part ailleurs no Festival de Cannes de 1996.

Comezou no cine en 1989 en pequenos papeis nos filmes Romuald e Juliette, Élisa e Beaumarchais, l'insolent. Tamén participou como cómico na gravación de audiolibros para a compañía Livraphone.

Fixo diferentes traballos pequenos en paralelo antes de ser contratado como condutor de sala para o talk show Nulle part ailleurs de Canal + presentado por Philippe Gildas e Antoine de Caunes, aos quen se uniu durante sete anos para interpretar sketchs cómicos.[4]

Consolidación no cine (1997-2001)[editar | editar a fonte]

Deixou o programa en 1997, ano do lanzamento da exitosa película La Vérité si je mens !, comedia na que se caricaturizaba a un grupo de amigos xudeus do barrio do Sentier de París, dirixido por Thomas Gilou . Xogea Smerge Benamou xuo a Richard Anconina, Bruno Solo, Richard Bohringer e Élie Kakou . O seu rendemento en dita comedia valeulle unha candidatura como mellor actor revelación nos Premios César de 1997.

Ao ano seguinte, foi o protagonista da comedia La Mort du Chinois, escrita e dirixida por Jean-Louis Benoît. A película pasou case desapercibida. Intentouno de novo en 1999 con Cinq minutes de détente, escrita e dirixida por Tomas Romero. O mesmo ano, probou no drama con Extension du domaine de la lutte, unha adaptación da novela homónima de Michel Houellebecq dirixida por Philippe Harel.

No ano 2000, interpretou un papel secundario no thriller En face, protagonizado por Jean-Hugues Anglade, así como na comedia dramática Les Frères Sœur con Denis Podalydès. Pero foi na comedia popular e con personaxes pintorescos cos que se conseguiu consolidar. Interpretou a Mellor Da Silva na sátira sobre o mundo da farándula Jet Set, dirixida por Fabien Onteniente. Continuou nese rexistro en 2001, retomando o seu papel de Serge Benamou na secuela La Vérité si je mens ! 2, outra vez coa dirección de Thomas Gilou. Tamén foi secundario de Benoît Poelvoorde na comedia Le Vélo de Ghislain Lambert, o que lle permitiu reencontrarse con Philippe Harel. Outro reencontro, este con Antoine de Caunes, deuse na realización do thriller fantástico Les Morsures de l'aube.

Ese mesmo ano, foi galardoado co Premio Jean-Gabin ao mellor actor revelación do cine francés.

Diversificación (2002-2007)[editar | editar a fonte]

No 2002, uniuse a Poelvoorde para a comedia de acción A andrómena, dirixida por Alain Berberian e Frédéric Forestier. Encarnou a Mustapha Amel, tamén coñecido como "O turco". Tamén ese ano interpretou a Luís XIV na película de capas e espada Blanche, coescrito e dirixido por Bernie Bonvoisin. Finalmente, compartiu o cartel da comedia dramática Quelqu'un de bien con Patrick Timsit, tamén director. Neste filme interpretou de forma notable a canción Prisencoli Nensinainciusol de Adriano Celentano, interpretación que logo foi editada como sinxelo.

En 2003 continuou nesta liña ao protagonizar unha comedia dramática de inspiración biográfica dirixido pola súa muller Isabelle Doval, titulado Rire et Châtiment. O mesmo ano, compartiu cartel nunha comedia de Pierre Salvadori, Après vous, con Daniel Auteuil e Sandrine Kiberlain. En 2004 protagonizou a secuela de Jet Set, titulada People, dirixida de novo por Fabien Onteniente e apareceu en El séptimo día, do director aragonés Carlos Saura, inspirada na Masacre de Puerto Hurraco. Ao ano seguinte protagonizou a sátira Le Couperet, de Costa-Gavras, e La Boîte noire, dirixida por Richard Berry, e prestou a súa voz para o filme animado Madagascar.

O ano 2006 coprotagonizou a comedia romántica Quatre étoiles con Isabelle Carré e tivo o papel protagonista do filme español GAL, de Miguel Courtois, sobre a "guerra sucia" dos GAL contra ETA. Tamén puxo a súa voz no filme Arthur et les Minimoys, de Luc Besson. No 2007, Régis Wargnier dirixiu a película de Pars vite et reviens tard, onde José interpretaba ao comisario Jean-Baptiste Adamsberg. Despois traballou ás ordes de Jean-Jacques Annaud en Sa Majesté Minor.

En novembro recibiu no Teatro Colón da Coruña o Premio Chano Piñeiro, "en recoñecemento ao seu labor no ámbito da interpretación, valorando especialmente a calidade da súa obra e a súa significación como achega sobresaínte ao audiovisual galego".[2][8]

En 2008 apareceu no filme Astérix aux Jeux Olympiques, película que adaptaba con actores reais as historietas de Astérix.

Protagonista de comedias (anos 2010)[editar | editar a fonte]

O actor en 2012 na estrea en París de La Vérité si je mens ! 3.

Non foi ata 2010 que volveu protagonizar unha comedia: Le Mac de Pascal Bourdiaux. A película totalizou un millón e medio de entradas vendidas. En 2011 tivo o papel principal da película Chez Gino, primeira incursión na comedia do actor, escritor e director Samuel Benchetrit. En 2012 completou a triloxía que o deu a coñecer con La Vérité si je mens ! 3, que volveu reunir o exitoso equipo de Thomas Gilou. Logo apareceu na comedia deportiva Les Seigneurs, do director Olivier Dahan.

Ao ano seguinte, Michael Youn, dirixiuno na súa segunda película, a sátira Vive la France. O mesmo ano, apareceu no segundo filme dirixido pola súa parella, Isabelle Doval, Fonzy, un remake do éxito quebequés Starbuck, de Ken Scott. Finalmente, tivo un pequeno papel no blockbuster estadounidense Now You See Me, do francés Louis Leterrier.

Despois de dous anos de ausencia nas pantallas, encadeou dúas comedias en 2016, Tout schuss, de Stéphan Archinard e François Prévôt-Leygonie, e À fond, de Nicolas Benamou O mesmo ano, tamén tivo un papel secundario no thriller británico, Bastille Day, dirixido por Idris Elba. Finalmente volveu a un cine máis ambicioso e aos papeis secundarios, como secundario de Isabelle Huppert na comedia independente Ms. Hyde, escrita e dirixida por Serge Bozon. Logo compartiu o cartel da comedia dramática Lola et ses frères con Jean-Paul Rouve e Ludivine Sagnier.

O ano 2019 comezou coa saída da comedia coral de Pascal Thomas À cause des filles?..., e logo coa comedia Chamboultout de Eric Lavaine, compartindo protagonismo con Alexandra Lamy. Finalmente, uniuse ao elenco da comedia Nous finirons ensemble, sexta longametraxe de Guillaume Canet, e secuela da exitosaLes Petits Mouchoirs, de 2010.

En outubro de 2019, recibiu a Calpurnia de Honra do Festival Internacional de Cine de Ourense.[3]

Filmografía[editar | editar a fonte]

Cine[editar | editar a fonte]

Televisión[editar | editar a fonte]

* 1988: Mésaventures de Elise Durupt (telefilme)

Documental[editar | editar a fonte]

Dobraxe[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

  • 2002: Prisencoli (extracto de Quelqu'un de bien)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O director Wargnier e o actor José García chegan a Galicia da man do CAG". El Correo Gallego. 10 de xuño de 2008. Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 "RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2007 pola que se lle dá publicidade á decisión do xurado designado para o outorgamento do premio institucional Chano Piñeiro do ano 2007.". Diario Oficial de Galicia. Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 "O galego-francés José García, premio Calpurnia de Honra no Festival de Ourense". CRTVG. 1 de outubro de 2019. Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "José Garcia". www.francebleu.fr (en francés). Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  5. "L'enfant prodige revient de loin" (en francés). 21 de febreiro de 2010. Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  6. "Biografía de José García". www.premiere.fr (en francés). Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  7. "Fini de rire". Libération (en francés). 25 de febreiro de 2005. Consultado o 4 de outubro de 2019. 
  8. "A anarquía vence nos Chano Piñeiro". Faro de Vigo. 30 de novembro de 2007. Consultado o 4 de outubro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]