Javier Milei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Javier Milei
Nome completoJavier Gerardo Milei
Nacemento22 de outubro de 1970
Lugar de nacementoBuenos Aires
NacionalidadeArxentina
EtniaCroats in Argentina
Relixióncatolicismo
Alma máterIDES, Universidade de Belgrano e Universidade Torcuato di Tella
Ocupacióneconomista, escritor, mestre, presentador, locutor de radio, político, comentador e funcionario
IrmánsKarina Milei
Na rede
https://javiermilei.com/
IMDB: nm9348448 Facebook: JavierMileiEconomista Twitter: JMilei Instagram: javiermilei Youtube: UCwKZnJ48oXRCCGCQbL1BPSA TikTok: javiermileii Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Javier Gerardo Milei, nado en Buenos Aires o 22 de outubro de 1970, é un político, economista e autor arxentino. Dende o 10 de decembro de 2023 é o presidente da Arxentina. Antes de entrar en política, Milei gañou notoriedade como economista, como autor de múltiples libros sobre economía e política e pola súa filosofía política particular.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia, mocidade e familia[editar | editar a fonte]

Javier Gerardo Milei naceu o 22 de outubro de 1970 en Buenos Aires, fillo de Norberto Horacio Milei, chofer de autobús e logo empresario dese sector, e Alicia Luján Lucich. Ten unha irmá menor, Karina, nada en 1973, con quen sempre mantivo unha estreita relación.[1]

As relacións familiares foron complexas e Milei acusou aos seus pais de malos tratos verbais e físicos.[2] Rompeu relacións con eles en idade adulta, non tendo contacto cos seus pais durante uns dez anos. Posteriormente, xa na súa época pública, Javier Milei retomou relacións grazas á mediación da súa irmá.

Durante a súa infancia a familia deixou o barrio de Palermo para morar en Villa Devoto, cursando o ensino primario e secundario no Colexio Cardeal Capello, un centro católico rexido polos Irmáns da Instrución Católica de Plöermel.[3]

Ademais, durante a súa mocidade xogou como porteiro no club Chacarita Juniors e tiña un grupo de rock chamado Everest que facía versións de cancións dos Rolling Stones.[4][5]

Formación académica[editar | editar a fonte]

Segundo as súas propias lembranzas, as razóns do colapso da política do ministro José Alfredo Martínez de Hoz e a hiperinflación do goberno de Raúl Alfonsín, motivárono a matricularse en Economía na Universidade de Belgrano. Unha vez licenciado, cursou un máster de Teoría Económica no Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (IDES) e outro de Economía na Universidade Torcuato di Tella, ambos os dous centros educativos de Buenos Aires.[6][7]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Logo de facer prácticas no Banco Central da República Arxentina entre 1992 e 1993, e de ser asesor do político Antonio Domingo Bussi cando este foi deputado entre 1995 e 1999. Bussi previamente fora interventor na provincia de Tucumán durante a ditadura militar que se prolongou entre 1976 e 1983 e foi condenado pola súa responsabilidade en crimes feitos durante ese período.[8]

Foi economista xefe da administradora de fondos de xubilacións e pensións Máxima, unha das xestoras do aforro de capitalización individual impulsadas polo goberno de Carlos Menem e traballou como coordinador do Estudio Broda (un gabinete de economistas) e no banco multinacional HSBC. [9] Tamén asesorou ao goberno arxentino no Centro Internacional de Arranxo de Diferenzas relativas a Inversións (CIADI), organismo dependente do Banco Mundial. Ademais, foi economista para a Fundación Acordar, vencellada ao político Daniel Scioli, membro do B20, do Grupo de Política Económica do ICC Internacional e do World Economic Forum.[6][7] Ata 2021 foi asesor de riscos na Corporación América, o holding propiedade de Eduardo Eurnekián, e unha das máis grandes fortunas da Arxentina.[10]

Ademais impartiu clases de Microeconomía, Macroeconomía, Teoría Monetaria, Teoría Financieira, Crecemiento Económico e Economía Matemática en distintos centros universitarios arxentinos como a Universidade de Buenos Aires, a Universidade Arxentina da Empresa e a Universidade de Belgrano, onde se mantivo ata 2021.[8][11] Estímase que é o autor de máis de cincuenta artigos académicos, preto de medio millar de artigos xornalísticos e dezaseis libros, algúns canda outros.[12]

Sona nos medios de comunicación[editar | editar a fonte]

Participou por primeira vez en 2015 nun programa de televisión, dentro dunha mesa de análise económica. Dende o comezo, gañou sona polo infrecuente da súa perspectiva teórica (a Escola Austríaca, que non é a maioritaria entre os seus homólogos) e polo seu estilo comunicativo: vehemente e confrontativo. Deste xeito, foi gañando espazos en diferentes medios, tanto de prensa escrita, como en faladoiros de radios, e, especialmente, de televisión. As retesías con outros participantes que defendían postulados keynesianos ou peronistas incrementaron a súa notoriedade. Enérxico e teimoso na defensa das súas ideas, era procaz no debate contra os seus adversarios. Nestas intervencións criticou as políticas fiscais de varias administracións arxentinas e avogou pola redución do gasto público.

Moitas dúas participacións televisivas foron editadas, resumidas e subidas ás redes sociais polo que a súa sona traspasou o ámbito especializado no económico para converterse nun referente nos medios e da escena pública arxentina. Así, en 2018 protagonizou unha obra de teatro, chamada "O consultorio de Milei", e tamén foi convidado a numerosos programas de entretemento.[13][14][15]

Posicións políticas[editar | editar a fonte]

Foi descrito politicamente como un libertario de dereitas, ultraliberal ou ultradereitista, populista e partidario do capitalismo laissez faire, aliñando especificamente cos principios minárquicos e anarcocapitalistas.[16][17][18][19] Na súa propia definición é liberal libertario, anarcocapitalista ou anarquista de mercado.[20][21][22] As súas opinións distíngueno no panorama político arxentino e conseguiron unha importante atención pública e reaccións polarizantes. Propuxo unha revisión integral das políticas fiscais e estruturais do país. O seu apoio á liberdade de elección en temas como as drogas, as armas, a prostitución, o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a preferencia sexual e a identidade de xénero contrastou coa súa oposición xeral ao aborto, a eutanasia e a inmigración de criminais.[23] En política exterior, avoga por relacións máis estreitas cos Estados Unidos e é un forte crítico do Partido Comunista Chinés.

Como adherente á Escola Austriaca de Economía, Javier Milei defende a supresión do Banco Central da República Arxentina, a eliminación do peso arxentino (que sustituiría polo dólar estadounidense) e a redución do peso do Estado na economía promovendo a baixada de impostos e privatizacións de empresas públicas.[24] A nivel político, sintetiza as súas concepcións no aserto do liberal arxentino Alberto Benegas Lynch, que adoitou repetir decote nas súas campañas: "o liberalismo é o respecto irrestrito ao proxecto de vida do próximo, baseado no principio de non agresión, en defensa da vida, a liberdade e a propiedade".[25]

Carreira política[editar | editar a fonte]

Deputado (2021-2023)[editar | editar a fonte]

Milei, coñecido pola súa personalidade extravagante, estilo persoal distintivo e forte presenza nos medios, entrou en política no ano 2021.[26] En xullo de 2021 anunciou a súa precandidatura a deputado federal pola cidade de Buenos Aires para as próximas eleccións de outubro dese ano pola lista "A Liberdade Avanza". As eleccións primarias abertas, simultáneas e obrigatorias, colocaron a súa forza como a terceira en votos co 13,64% dos votos.[27] Foi elixido deputado nacional en representación da cidade de Buenos Aires por La Libertad Avanza, sendo tamén deputada polo mesmo distrito a súa compañeira de lista Victoria Villarruel, avogada coñecida polas teses revisionistas sobre o Proceso de Reorganización Nacional.[28] Como deputado nacional, limitou as súas actividades lexislativas ao voto, centrándose en cambio en criticar o que el describe como a elite política arxentina e a súa propensión ao gasto público elevado. Milei comprometeuse a non subir impostos e doou o seu salario de deputado nacional mediante un sorteo mensual.[29] Máis tarde, derrotou ao ministro de economía en funcións, Sergio Massa, na segunda volta das eleccións presidenciais de 2023, presentándose nunha plataforma que acusou o dominio ideolóxico do peronismo no país como detrás da crise económica arxentina en curso.[30]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Milei: 4 hitos que marcaron la vida del presidente de Argentina". BBC News Mundo (en castelán). 2023-11-20. Consultado o 2023-12-26. 
  2. "Javier Milei recordó su dura infancia: "Las palizas que recibía hacen que hoy no le tenga miedo a nada"". infobae (en castelán). 2018-09-17. Consultado o 2023-12-26. 
  3. "El colegio de Milei: el emblema educativo de Villa Devoto, donde también asistió otro presidente argentino". LA NACION (en castelán). 2023-12-01. Consultado o 2023-12-26. 
  4. Rodríguez, Jeremías (2023-08-14). "El pasado de Javier Milei como arquero de Chacarita: cuál era su estilo y por qué lo recuerdan sus compañeros". infobae (en castelán). Consultado o 2023-12-26. 
  5. Zucchi, Marina (2023-12-23). "Everest, la banda de Javier Milei: el experimento Stone que pudo haber cambiado la historia presidencial". Clarín (en castelán). Consultado o 2023-12-26. 
  6. 6,0 6,1 "Curriculum Vitae". archivo.consejo.org.ar. Consultado o 2023-12-26. 
  7. 7,0 7,1 "Javier Milei". World Economic Forum (en inglés). Consultado o 2023-12-26. 
  8. 8,0 8,1 "¿Quién es Javier Milei? - Chequeado" (en castelán). 2023-06-07. Consultado o 2023-12-26. 
  9. "Luego de 15 años, se vuelve a hablar de las AFJP: ¿Podrían regresar de la mano de Javier Milei?". Perfil (en castelán). 2023-11-14. Consultado o 2023-12-26. 
  10. Clarín, Redacción (2023-11-15). "Eduardo Eurnekian, sobre Javier Milei: "Tengo 3.700 empleados en mi empresa y uno salió fallado, ¿qué querés que haga?"". Clarín (en castelán). Consultado o 2023-12-26. 
  11. "¿Quién es Javier Milei?". agesor.com.uy. Arquivado dende o orixinal o 2023. Consultado o 2023. 
  12. "Javier Milei". fee.org (en inglés). 2015-08-07. Consultado o 2023-12-26. 
  13. "La insólita incursión de Milei en teatro". noticias.perfil.com. Consultado o 2023-12-27. 
  14. "Javier Milei: "El año que viene podríamos tener la peor crisis de la historia argentina"". infobae (en castelán). 2019-09-22. Consultado o 2023-12-27. 
  15. "El día que Javier Milei se animó a cantar en televisión". eldoce.tv (en castelán). Consultado o 2023-12-27. 
  16. "Milei, el popular ultraliberal que llega "amordazado" al balotaje de Argentina". France 24. 2023-11-17. Consultado o 2023-12-27. 
  17. "Javier Milei, anarcocapitalista en la teoría y minarquista en la práctica - CNN Video". Consultado o 2023-12-27. 
  18. "Quién es Javier Milei, el polémico ultraderechista elegido por los argentinos para sortear la crisis". Voz de América (en castelán). 2023-11-20. Consultado o 2023-12-27. 
  19. "L'Argentine plonge dans l'inconnu en élisant le libertarien d'ultradroite Javier Milei". Les Echos (en francés). 2023-11-20. Consultado o 2023-12-27. 
  20. "Javier Milei dice ser un "liberal libertario": ¿qué significa?". CNN (en castelán). 2023-11-20. Consultado o 2023-12-27. 
  21. "Milei: el anarcocapitalista que crea polémica en Argentina – DW – 21/03/2023". dw.com (en castelán). Consultado o 2023-12-27. 
  22. "Milei presidente: qué es la ideología libertaria y qué tanto se adhiere a ella el mandatario de Argentina". BBC News Mundo (en castelán). 2023-08-19. Consultado o 2023-12-27. 
  23. ""Milei tiene un componente libertario que lo hace un bicho raro en comparación a las ultraderechas de América Latina"". BBC News Mundo (en castelán). 2023-11-20. Consultado o 2023-12-27. 
  24. Gallegos, Christian (20-11-2023). "Qué es la Escuela de Austria que adoctrinó el pensamiento económico de Javier Milei y que aplicará como presidente de Argentina". Infobae. Consultado o 27-12-2023. 
  25. "Alberto Benegas Lynch, el prócer de Javier Milei, cuya frase los libertarios repiten como un mantra". www.perfil.com. Consultado o 2023-12-27. 
  26. Boyer, Leandro (2020-09-27). "Javier Milei será candidato a diputado por la Ciudad: "Voy a meterme al sistema para sacarlos a patadas en el culo"". Clarín (en castelán). Consultado o 2023-12-27. 
  27. "Javier Milei supera los 13 puntos y los libertarios se consolidan como tercera fuerza en la ciudad de Buenos Aires". infobae (en castelán). 2021-09-13. Consultado o 2023-12-27. 
  28. "Jura de Diputados: quién es Javier Milei, el liberal que ingresará por primera vez al Congreso". Todo Noticias (en castelán). 2021-12-07. Consultado o 2023-12-27. 
  29. "Javier Milei sortea su sueldo entre un millón de personas – DW – 13/01/2022". dw.com (en castelán). Consultado o 2023-12-27. 
  30. "Argentine libertarian Milei pledges new political era after election win". reuters.com. Arquivado dende o orixinal o 2023. Consultado o 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]