Isabel de Barreto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Isabel de Barreto
Nacemento 1567
  Pontevedra
Falecemento 1612
  Vice-Reino do Peru e España
Nacionalidade España
Ocupación exploradora e almirante
Cónxuxe Álvaro de Mendaña
editar datos en Wikidata ]

Isabel de Barreto de Castro[1], nada probablemente en Pontevedra na década de 1560[2], ou quizais en Lima[3], foi unha navegante probablemente galega do século XVI.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Segundo algunhas fontes[4], o seu pai, Francisco Barreto, era un comerciante portugués nado en Faro que en 1547 se fixo ao mar no Índico, que en 1555 fora nomeado gobernador das Indias Portuguesas, e que entre 1561 e 1569 viviu en Lisboa. Porén, con esta historia non semella sinxelo nin situar a Isabel de Barreto en Pontevedra na década de 1560 nin en Perú uns anos máis tarde, onde chegaría precisamente acompañando a súa familia e o séquito do novo vicerrei. Outras fontes sitúana como unha rica limeña, do barrio de Santa Ana, filla dos comerciantes portugueses Nuno Rodrigues Barreto e Mariana de Castro[3].

O que si parece incontrovertible é que casou en Lima en 1585[5] ou 1586[3] co adiantado Álvaro de Mendaña, quen explorara xa parte do Pacífico para Castela e chegara ata as Illas Salomón. Precisamente acompaña o seu home na súa segunda grande exploración deste, que partiu con destino ás Salomón en abril de 1595. A viaxe foi patrocinada polo vicerrei, García Hurtado de Mendoza, marqués de Cañete, grazas precisamente á influencia de Isabel de Barreto. O obxectivo era establecer unha colonia nas illas Salomón para impedir que os piratas ingleses atopasen un refuxio no Pacífico dende o que atacar as Filipinas ou a costa americana.

A viaxe ás Salomón[editar | editar a fonte]

Embarcáronse 368 persoas entre homes e mulleres libres e escravos dispostos a fundar unha colonia. Tamén ían na expedición tres irmáns de Isabel de Barreto, e o piloto maior era o portugués Pedro Fernández de Quirós. Os catro barcos eran:

  • San Gerónimo, nave capitá, galeón de 200 a 300 toneladas. Propietaria: Isabel de Barreto[3]. Capitán e piloto maior: Pedro Fernandes de Queiroz.
  • Santa Isabel, nave almirante, galeón de 200 a 300 toneladas. Propietaria: Isabel de Barreto. Capitán: Lope de Vega. Desaparece o 7 de setembro de 1595.
  • San Felipe, galeota de 30 a 40 toneladas. Propietario e capitán: Felipe Curzo. Desaparece o 10 de decembro de 1595.
  • Santa Catalina, fragata de 30 a 40 toneladas. Propietario e capitán: Alonso de Leyra. Desaparece o 19 de decembro de 1595.

A expedición partiu do porto do Callao e, logo de facer escala no porto tamén peruano de Paita, atopou as illas Marquesas e bautizáronas así en honra do vicerrei, o marqués de Cañete. Durante dez días exploraron as illas do sur do arquipélago. De novo de camiño cara ao oeste pasaron por diante dunha das illas Cook e dunha das Tuvalu ata que chegaron ás illas Santa Cruz, arquipélago do sur das illas Salomón. Ao pasar xunto ao Tinakula, un volcán que se atopaba en actividade na illa de Nendö, perderon a Santa Isabel, a nave almiranta, nunha treboada.

Fundaron unha colonia na illa de Santa Cruz onde, Álvaro de Mendaña, o seu home, enfermo de malaria, perde o control da situación. Os soldados cometen crimes e excesos cos indíxenas e prodúcese un intento de rebelión. O 18 de outubro de 1595 morre Mendaña e faise cargo da expedición Isabel de Barreto. Ao deteriorarse aínda máis a convivencia abandonan a colonia e marchan ás Filipinas. No camiño pérdense as outras dúas naves, a San Felipe e a Santa Catalina, e só chega a porto a San Gerónimo, guiada por Pedro Fernandes de Queiroz.

Ruta da viaxe[editar | editar a fonte]

A segunda viaxe[editar | editar a fonte]

A morte de Mendaña converteuna en herdeira das terras que conquistaran e recibiu os títulos de gobernadora da colonia de Santa Cruz e adiantada das illas de Poñente. Tres meses despois de chegar a Manila casou con Fernando de Castro, parente do seu home e xeneral destinado nas Filipinas. En 1597 fanse de novo ao mar, e chegan ata Acapulco (México), dende onde se trasladan a Guanaco na Arxentina, onde establecen unha encomenda, un tipo de propiedade rural onde os indíxenas traballaban como escravos.

Nese momento chega aos seus oídos que o rei Filipe III lle outorgou os privilexios sobre as Illas Salomón a Pedro Fernández de Quirós, co que anulaba os anteriores dela. Para protestar por esta afronta, viaxan primeiro a Lima e posteriormente a España.

Crese que faleceu en Galicia.[Cómpre referencia]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A galega Isabel Barreto, descubridora e primeira muller almirante, GCiencia, 7 de decembro de 2017.
  2. MAROTO CAMINO, M. Producing the Pacific: maps and narratives of Spanish exploration (1567-1606), Ámsterdan:Rodopi, 2005, p.47
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 MOYA ESPINOZA, R. Piura en el Virreynato, cap.5
  4. BOSCH BARRETT, M. Doña Isabel Barreto. Adelantada de las islas Salomón.Barcelona:Juventud, 1943
  5. DE LA RIVA, NATALIA G., La conquista de los mares del sur, Peatom, 2008.