Pedro Fernandes de Queirós
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1565 Évora, Portugal |
Morte | 1614 (48/49 anos) Cidade de Panamá |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino de Portugal |
Actividade | |
Ocupación | explorador |
Lingua | Lingua castelá |
Pedro Fernandes de Queirós, coñecido tamén en castelán como Pedro Fernández de Quirós, nado en Évora en 1565 e finado en Panamá en 1614, foi un mariño e explorador portugués ao servizo da coroa española (por entón España e Portugal formaban un só reino).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Moi novo incorporouse á Armada Española e fíxose mariño e navegante experimentado. En 1595 serviu como piloto nas exploracións de Álvaro de Mendaña de Neira polo suroeste do Pacífico, e desputoulle a Isabel de Barreto o título de gobernadora das Illas Salomón.
Como católico devoto, Quirós visitou Roma en 1600, onde obtivo apoio do papa, Clemente VIII, para seguir con outras exploracións. Foi ao Perú en 1603 coa intención de atopar Terra australis, a "gran terra do sur mítica," e conquistala para España e a igrexa. A expedición de Quirós, con tres naves, Santos Pedro e Pablo, San Pedro e Os Tres Reis, partiu do Callao o 21 de decembro de 1605, con 300 mariñeiros e soldados.
En 1606 a expedición alcanzou as Tuamotu e as illas máis adiante chamadas Novas Hébridas (agora, como nación independente, Vanuatu). Quirós desembarcou nunha illa grande que creu era parte do continente meridional, e chamouna a Austrialia do Espírito Santo (mesturando as palabras Austral e Austria, dinastía reinante en España e Portugal). A illa aínda se chama Espírito Santo. Alí fundou unha colonia que chamou Nova Xerusalén. Pero a colonia foi pronto abandonada debido á hostilidade comprensible do Nin-Vanuatu-Vanuatu e aos desacordos entre os compoñentes da expedición.
Algunhas semanas despois Quirós fíxose ao mar outra vez. O mal tempo separouno das outras naves e non conseguía (ou iso dixo el máis adiante) volver á beira. Entón puxo rumbo a Acapulco en México, onde chegou en novembro de 1606. O seu segundo no mando, Luís Váez de Torres, logo de buscar inutilmente a Quirós, dirixiuse de novo a Espírito Santo descubrindo que era unha illa e seguiu buscando a Terra Australis, ata que abandonou a procura e dirixiuse a Manila.
Quirós volveu a Madrid en 1607. Tomado por tolo, pasou os sete anos seguintes na pobreza, escribindo numerosos memoriais relatando a súa viaxe e pedindo ao rei Filipe III diñeiro para unha nova viaxe. Enviárono ao Perú con cartas de recomendación, pero o rei non tiña verdadeira intención de financiar outra expedición. Quirós morreu en Panamá en 1615.
O nome de Pedro Fernández de Quirós recórdase hoxe principalmente en Australia. Moitos autores asignan a Quirós a invención da palabra "Australia" na crenza que el nomeou as súas illas "Australia do Espírito Santo", mentres que realmente chamounas Austrialia do Espírito Santo.