Traxedia de Armero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Varios lahares cubriron Armero. Morreron máis de 20 000 persoas.

A traxedia de Armero foi un desastre natural produto da erupción do volcán Nevado del Ruiz o mércores 13 de novembro de 1985, afectando os departamentos de Caldas e Tolima, Colombia. Logo de sesenta e nove anos de inactividade, a erupción tomou por sorpresa os poboados próximos, malia que o Goberno recibira advertencias por parte de múltiples organismos vulcanolóxicos dende a aparición dos primeiros indicios de actividade volcánica en setembro de 1985.[1]

Os fluxos piroclásticos emitidos polo cráter do volcán fundiron preto do 10% do glaciar da montaña, enviando catro lahares —fluxos de lodo, terra e cascallos produtos da actividade volcánica— que descenderon polas ladeiras do Nevado a 60 km/h. Os lahares aumentaron a súa velocidade nos barrancos e encamiñáronse cara ás canles dos seis ríos que nacían no volcán. A poboación de Armero, situada a pouco menos de 50 km do volcán, foi golpeado por devanditos lahares, morrendo máis de 20 000 dos seus 29 000 habitantes.[2] As vítimas noutras vilas, particularmente nos concellos de Chinchiná e Villamaría, aumentaron a cifra de mortos a 23 000. Ó redor do mundo publicáronse tomas de vídeo e fotografías de Omayra Sánchez, unha adolescente vítima da traxedia, que estivo atrapada durante tres días ata que finalmente faleceu. Outras fotografías do impacto do desastre chamaron a atención da opinión pública e iniciaron unha controversia sobre o grao de responsabilidade do Goberno colombiano na catástrofe.

Os esforzos de rescate foron obstaculizados pola lama, que facía case imposible o moverse sen quedar preso. Para o momento no que os rescatistas alcanzaron Armero, doce horas despois da erupción, moitas das vítimas con feridas graves xa morreran. Os traballadores de rescate quedaron arrepiados tras observar o panorama de desolación deixado trala erupción, con árbores caídas, restos humanos irrecoñecibles e cascallos de edificacións.

Esta foi a segunda erupción volcánica máis mortífera do século XX, superada só pola erupción do monte Pelée en 1902 na illa de Martinica, e o cuarto evento volcánico máis mortífero dende o ano 1500. Foi unha catástrofe previsible, exacerbada polo descoñecemento da violenta historia do volcán, pois xeólogos e outros expertos advertiran ás autoridades e ós medios de comunicación sobre o perigo durante as semanas e días previos á traxedia. Preparáronse mapas de risco para as inmediacións pero foron escasamente difundidos. O día da erupción levaron a cabo varios intentos de evacuación, pero por mor dunha tormenta as comunicacións víronse restrinxidas. Moitas das vítimas mantivéronse nos seus fogares, tal como se lles ordenara, crendo que a erupción xa rematara. O ruído da tormenta puido impedir que moitos escoitasen o son proveniente do Ruiz.

O Nevado del Ruiz fixo erupción en varias ocasións dende o desastre e continúa sendo unha ameaza para as máis de 500 000 persoas que viven ó longo dos vales dos ríos Combeima, Chinchiná, Coello-Toche e Gualí. Un lahar (ou un grupo de lahares) semellante en tamaño ó de 1985 pode ser iniciado por unha erupción relativamente pequena e podería viaxar até cen quilómetros dende o volcán. Unha erupción grande de abondo pode afectar mesmo a Bogotá, a capital do país. Para combater esta ameaza, o Goberno colombiano creou a Dirección de Prevención e Atención de Desastres, un ente especializado encargado de concienciar a poboación sobre as ameazas naturais. O Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos creou tamén o Programa de Asistencia en Desastres Volcánicos e o Equipo de Asistencia en Crise Volcánicas, os cales evacuaron preto de 75 000 persoas da área próxima ó monte Pinatubo antes da erupción de 1991. Ademais, moitas cidades de Colombia contan con programas propios para crear conciencia fronte aos desastres naturais. Os residentes próximos ao Nevado del Ruiz son especialmente coidadosos fronte á actividade volcánica; cando se presentou unha nova erupción en 1989, máis de 2300 persoas que vivían nas inmediacións do volcán foron evacuadas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Nevado del Ruiz" (en inglés). Global Volcanism Program, Instituto Smithsonian. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2012. Consultado o 26 de outubro de 2010. 
  2. Robert L. Schuster; Lynn M. Highland. "Socioeconomic and Environmental Impacts of Landslides in the Western Hemisphere".  Publicado previamente en Actas del Tercer Simposio Panamericano de Deslizamientos, 29 de xullo a 3 de agosto de 2001, Cartagena, Colombia.