Herodiano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Herodiano
Nacemento170
Falecemento250
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónhistoriador e escritor
Coñecido/a porHistory of the Empire from the Death of Marcus
editar datos en Wikidata ]

Herodiano (do grego Ἡρωδιανός [Hērodianós], Herodianus en latín), nado ca. 178 e finado sobre 252, foi un funcionario romano de rango menor que escribiu unha Historia Romana en oito libros que cobre os anos 180 a 238[1]. Deostado durante décadas, modernamente foi obxecto dunha revalorización, considerándoselle totalmente fidedigno e elevándoo até alcanzar a categoría de Dión Casio[2]. Orixinario quizais de Bitinia ou Pérgamo, parece que viviu durante un considerábel período en Roma e que ocupou algún cargo dentro da burocracia imperial. Diversas teorías apuntan a que escribiu a súa historia cara a finais do reinado de Filipo o Árabe, roldando a data da súa morte por ese período[3].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sobre a vida de Herodiano disponse de moi pouca información, sendo el mesmo quen a fornece na súa Historia con datos escasos e imprecisos. Esta Historia abarca un período de 58 anos (desde a morte de Marco Aurelio até a entronización de Gordiano III) e refire feitos que, ou ben presenciou o historiador, ou ben participou directamente neles, segundo el mesmo conta[4]. Así, se se acepta o seu testemuño, pódese afirmar que Herodiano estivo inter vivos entre os anos 180-238. Dada esta afirmación, moitos investigadores pensaron que o seu nacemento tivo que ocorrer cara ao 170, o que se sustenta no feito de que Herodiano debía de ter polo menos dez anos para lembrar nitidamente os acontecementos do 180[5][6]. Con todo, esta teoría foi abandonada actualmente por algúns partidarios de non esaxerar as palabras do historiador cando afirma que foi consciente de todo o que conta, apoiándose nun claro argumento: sábese que Herodiano se atopaba en Roma durante os xogos que organizou o emperador Cómodo, e deféndese que se asistiu a estes xogos xa debía vestir a toga viril, pois do contrario non podería telos presenciado[7]. Se isto fose certo, significaría que no ano 192 Herodiano tería polo menos 14 anos, co que o seu nacemento non sería moi anterior ao 178[8].

Busto do emperador Cómodo, do que se cre que Herodiano podía ser liberto. Museos Capitolinos, Roma.

No relativo á posición que ocupaba Herodiano na sociedade, tamén existen diversas hipóteses, aínda que a máis estendida é que fose un escravo ou liberto imperial. De novo, todos os argumentos baséanse nos datos que el mesmo inclúe na súa obra. Así, en I.2.5 di:

Eu escribin unha historia sobre os feitos posteriores á morte de Marco que vin e escoitei durante toda a miña vida. E nalgúns deles participei directamente nos meus postos de servizo imperial e público.
HERODIANO, Historia do Imperio romano despois de Marco Aurelio, I.2.5.

Por mor desta declaración formuláronse numerosas teorías sobre a carreira de Herodiano, desde que puido ser un procurador ecuestre ou un senador, até un escravo ou liberto imperial.

Os autores que cren que pertencería á clase senatorial baséanse en que Herodiano coñecía o senatus consultum tacitum polo cal o Senado nomeou emperadores a Pupieno e Balbino, e posto que este tipo de resolucións é secreta, o historiador tiña que ser senador para coñecela. Con todo, hai quen demostrou a inconsistencia desta hipótese, xa que, ademais de que había filtracións deliberadas das reunións do Senado, é improbábel que o segredo se mantivese durante moito tempo[9] . Ademais, se se comparan os escritos de Dión Casio cos de Herodiano obsérvase que Dión ten moita máis experiencia en asuntos senatoriais, xa que el si que era senador. Hoxe en día son moi poucos os que apoian esta teoría[10].

Por outra banda, era moi común que os escritores, aínda non sendo senadores, contasen co padroado dalgunha familia senatorial. É posíbel que Herodiano fose un procurador ecuestre. Así, o termo "público" da súa cita referiríase ao servizo como maxistrado municipal nunha carreira que o promocionaría aos postos de administración imperiais[11].

A última das hipóteses propostas, e a máis aceptada actualmente, é que Herodiano gozase dunha posición social humilde, xa que nos seus escritos non deixa constancia ningunha de posuír experiencia senatorial, xurídica ou militar[12]. Afírmase que puido ser un liberto que decidiu converterse en historiador, como Crisero, liberto de Marco Aurelio que escribiu unha historia que terminaba precisamente no ano 180. Argumentouse que a orixe servil do historiador pode deducirse da súa propia obra:

  • Herodiano non ten unha visión política ampla e fixa a súa atención nas intrigas de palacio, típico dos historiadores libertos. Igualmente, o coñecemento detallado desas intrigas supón que era un liberto ao servizo do palacio imperial[13].
  • Cassola advertiu unha "mentalidade fiscal" propia de libertos nalgunhas pasaxes da Historia (I.14.2-3; VII.3.4-5; VII.12.6), xa que estes eran os encargados das finanzas e dos negocios en Roma[14].

O certo é que dados os datos que se posúen, é moi difícil chegar a conclusións máis precisas sobre a vida e posición social de Herodiano.

Orixe[editar | editar a fonte]

Outro asunto moi debatido é a orixe do historiador. Respecto deste asunto, hai que partir do único dato seguro que se coñece: a súa orixe grega ou oriental. A esta conclusión chégase pola circunstancia de que a súa obra está escrita en grego e de que Herodiano é un derivado dun nome grego: Herodes. Precisamente é neste nome onde se centraron moitos investigadores: mentres Ἡρῴδῆς (Hērōdēs) é un nome moi común en todas as rexións onde se falaba grego, Ἡρωδιανός (Hērodianós) era menos frecuente. Ao longo da Historia, entre os que se chaman Herodiano atopamos a certos personaxes dos que se pretendeu unha relación co historiador:

  • Herodiano de Alexandría, gramático do século II, quen viaxou a Roma e se puxo ao servizo de Marco Aurelio. Pretendeuse ver nel ao pai do historiador[15].
  • Un tal Aurelio Herodiano Ptolomeo é tamén orixinario de Exipto, foi garda pretoriano e morreu en Roma (CIL VI 13126).
  • Tiberio Claudio Herodiano, senador e gobernador de Sicilia pola mesma época en que viviu o historiador. Actualmente descartouse a hipótese de que fose parente ou mesmo o mesmo historiador, dado que este posuía un coñecemento limitado de Sicilia e é pouco probábel que fose senador[16].
Mapa do Imperio romano durante o ano 116. Á dereita destácase a provincia de Bitinia e Ponto, unha das provincias romanas que máis probabilidades ten de ser a patria de Herodiano.
  • En Coloa, Asia Menor, foi descuberta unha inscrición[17] que no ano 256 gravou Aurelio Herodiano na tumba da súa familia. Debía de ser de idade avanzada, xa que tiña fillos e netos. Posibelmente tivese a mesma que o historiador, segundo afirman os expertos[18]. Isto deu pé a unha hipótese que afirma que este Aurelio Herodiano podería ser o historiador se era un liberto de Marco Aurelio ou de Cómodo, como apuntan algunhas teorías sobre a súa vida. A zona onde apareceu igualmente coincide coa hipótese máis verosímil sobre a patria de Herodiano, a cal di que o historiador podería ser orixinario do Ponto, da provincia de Asia ou de Bitinia. Herodiano, cando fala dos pobos orientais de alén o Tauro (sirios, xudeus, etc.), non parece considerarse parte deles, e é innegábel o interese que mostra por Asia Menor[19]. O seu coñecemento daquela rexión é evidente nas descricións detalladas que sobre ela fai, citando, ademais, as súas cidades con maior frecuencia na súa Historia que as cidades doutras rexións[20][21].

Aínda que a teoría que di que Herodiano era orixinario de Asia Menor é a máis verosímil, existen outras que o relacionan con outras rexións, do mesmo xeito que sucede co seu nome:

  • O historiador sería de Exipto, concretamente de Alexandría[22]. Pero o único argumento co que contan os defensores desta hipótese é a descrición da matanza de alexandrinos ordenada por Caracalla, víndose abaixo cando os detractores da teoría observan certas imprecisións do historiador na descrición da cidade[23].
  • Herodiano sería sirio[24]. Os seus defensores argumentan que Herodiano estaba mellor informado sobre Siria que sobre calquera outro lugar, e que Antioquía (á cal considera a segunda cidade do Imperio) foi o escenario de moitos sucesos da Historia. Con todo, pódese argumentar en contra que o interese do historiador por Siria se debe unicamente ao importantísimo papel que tivo nesa época. Ademais, observouse que non é certo que Herodiano coñecese todo sobre a rexión, xa que hai erros na cronoloxía e na xeografía da campaña de Septimio Severo contra os partos (anos 197-198) e confunde rexións e reis limítrofes, cousa difícil en alguén oriúndo desa provincia[25].

Como sucede coa súa vida, a orixe de Herodiano está igualmente suxeita a discusións e hipóteses máis ou menos aceptadas coas que hai que se conformar ata que aparezan datos máis concluíntes ou descubrimentos epigráficos.

A Historia de Herodiano[editar | editar a fonte]

A Historia do Imperio romano despois de Marco Aurelio de Herodiano é unha colección de oito libros que cobre o período desde a morte de Marco Aurelio no ano 180 até o comezo do reinado de Gordiano III en 238. Proporciona o relato dun dos momentos politicamente máis conflitivos do Imperio romano. O primeiro libro describe o reinado de Cómodo (anos 180-192), o segundo analiza o ano dos cinco emperadores (193), o terceiro abarca o reinado de Septimio Severo (194-211), o cuarto analiza o reinado de Xeta e Caracalla (211-217), o quinto versa sobre o reinado de Heliogábalo (218-222), o sexto ocúpase do reinado de Alexandre Severo (222-235), o sétimo narra o reinado de Maximino o Tracio 235-238, e no oitavo e último descríbese o ano dos seis emperadores (238) e o ascenso de Gordiano III.

A data de composición da obra foi amplamente debatida, pero actualmente prevalece a teoría de que Herodiano a escribiu a finais do reinado de Filipo o Árabe ou a comezos do de Decio (cara ao ano 250)[26]. Hai, ademais, unha serie de circunstancias que apoian esta idea:

  • Existen paralelos na Historia coa vida de Filipo que se tratan favorabelmente, coa intención, seguramente, de afagar ao emperador (por exemplo, e a diferenza de Dión, trata favorabelmente a Macrino, quen ascendeu ao poder dunha forma similar a como o fixo Filipo)[27].
  • Durante o reinado de Filipo houbo igualmente unha ocasión moi oportuna para que os escritores contasen co apoio imperial na publicación das súas obras: os Xogos Seculares do 248, onde se celebraba o milenario da fundación de Roma. O anuncio dos xogos no 247, cando Filipo volveu da campaña do Danubio, debeu ser a causa pola que Herodiano terminou precipitadamente a súa obra, segundo se albisca no estilo apresurado dos últimos libros fronte á elegancia retórica dos primeiros[28].
  • Ademais, fronte á teoría de que Herodiano compuxo a Historia durante o reinado de Gordiano III (totalmente refugada hoxe) argumentouse que debido ás críticas do historiador, a publicación da obra nese período resultase perigosa para el[29].

O máis probábel é que escribise para un público oriental, xa que a miúdo explica os diferentes costumes e crenzas romanas, alleas aos orientais.

Pedazo de papiro escrito en Escritura cursiva romana con extractos de discursos pronunciados no Senado.

Herodiano foi eloxiado e criticado a partes iguais[30]. A primeira persoa que se coñece que fixo unha crítica da Historia de Herodiano foi o patriarca de Constantinopla, Focio, no século IX. De Herodiano escribiu "que non esaxera coa hipérbole nin omite nada esencial. En definitiva, en todas as virtudes da historiografía hai poucos homes que son os seus superiores"[31]. Zósimo usouno como fonte, do mesmo xeito que Xoán de Antioquía, cando escribiu a súa Crónica. Séculos máis tarde, Altheim eloxiou a visión ampla da súa época que tivo Herodiano, e F. A. Wolf aclamouno por non deixarse levar polos prexuízos nin a superstición[32][33]. Con todo, non todos os xuízos sobre Herodiano son positivos: por exemplo, Wolf tamén dixo que Herodiano tiña unha deficiencia na capacidade crítica, e aínda que os autores da Historia Augusta se serviron de Herodiano como fonte, tamén o censuraron pola súa parcialidade[34]. Ademais, está constatado que Herodiano non foi a principal fonte de Zósimo. Do mesmo xeito, parece que Zonaras só utilizou a Herodiano onde a historia de Dión Casio deixa algo que desexar.

Herodiano foi criticado pola falta de precisión histórica, pero estudos recentes tenderon a revalorizalo, a lexitimar os seus comentarios históricos e a pór a súa Historia, mesmo, ao mesmo nivel que a de Dión[35] a pesar dos erros que presenta: no libro segundo, o historiador di que a súa intención era presentar "unha narración por orde cronolóxica das accións máis sobresalientes e logradas" (II.15.7). Debido a isto, ás veces cóntanse un gran número de eventos nunha soa referencia ou dúas. Por exemplo, todos os feitos da campaña de Caracalla no norte durante o 213 e 214 se condensan en dúas curtas alusións. Do mesmo xeito, nunha soa referencia suma ao inverno en Sirmium todas as batallas de Maximino no Rin e o Danubio desde 236 a 238. En ocasións, Herodiano tamén queda curto nas súas descricións xeográficas: confunde Arabia Escenita con Arabia Felix (III.9.3-9) e afirma que en Issos tivo lugar a batalla final entre Alexandre Magno e Darío III. A pesar destes erros e omisións, é recoñecido como un historiador cun notábel esforzo por ser obxectivo e por ofrecer unha visión dos feitos que considera decisivos ordenada e clara[36]. Feitos, por outra banda, dos que foi testemuña e dos que non quedarían apenas testemuños de non ser pola súa Historia.

No que respecta a Dión Casio, tanto el como Herodiano presentan moitos erros nas súas historias. Dión é recoñecido como o experto cando se trata do Senado; con todo, Herodiano avantaxa a Dión na súa descrición da reacción da xente ante os acontecementos que sucedían naquela época. O traballo de Dión non é sempre o máis exacto dos dous (presentando unha lixeira tendencia a enxalzar a Septimio Severo) e pénsase que non debe ser tratado como un texto de maior categoría que o de Herodiano[37][38].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na introdución que fai J. J. Torres Esabarranch na edición de Historia do Imperio romano despois de Marco Aurelio da editorial Gredos, danse diversas teorías sobre a data de nacemento de Herodiano: a primeira que foi cara ao 170, teoría que se abandonou para situalo máis próximo ao 180.
  2. TORRES ESBARRANCH, J. J. ed.: Herodiano, Historia do Imperio Romano despois de Marco Aurelio, Madrid, 1985, Editorial Gredos, Introd., páxs. 70-73.
  3. TORRES ESBARRANCH, J. J., op. cit., páxs. 15-17
  4. HERODIANO, Historia do Imperio romano despois de Marco Aurelio, I.2.5.
  5. Idem, I.1.5; I.2.5; II.15.7.
  6. Cf. DE POBLOCKI, J. De Herodiani vita, ingenio, scriptis, Diss. Münster, 1864, páx. 5. - WOLF,F. A. Herod. ed., Ache, 1792. - TOWNSEND, P. W. The revolution of A. D. 238: the leaders and their aims, Yale Classical Studies, 14 (1955), páx. 49 e ss. - PIGANIOL, A. Historie de Rome, 4ª ed., París, 1954, páx. 411.
  7. HERODIANO, op. cit. I.15.4.
  8. WHITTAKER, C. R. Herodian, Londres, 1969, Introd., páx. XII. - GROSSO, F. La lotta politica al tempo dei Commodo, Turín, 1964, páx. 31.
  9. Cf. WHITTAKER, C. R. op. cit., páx. XX.
  10. Cf. TORRES ESBARRANCH, J. J. op. cit., páxs. 28-29.
  11. Cf. SIEVERS, R. "Über dás Geschichtswerk des Herodianos", en Philologus 26 (1867), páxs. 30-31.
  12. Cf. DOMASZEWSKI, A. V. Archiv f. Religionswissenschaft 11 (1908), 237, n. 1
  13. Cf. WHITTAKER, C. R. op. cit., páxs. XXII-XXIII.
  14. Cf. CASSOLA, F. "Sulla vita e sulla personalità dello storico Erodiano", en Nuova Rivista Storica 41 (1957), 221-2.
  15. Cf. DOPP, «Herodianus» R.E. Pauly-Wissowa, VIII, páx. 959
  16. WHITTAKER, C. R. op. cit., páxs. XXXV-XXXVI.
  17. IGRR IV 1613
  18. Cf. ALFÖLDY, G. "Herodians Person", en Ancien Society 2 (1971), páx. 226
  19. Cf. HERODIANO, op. cit., III.11.8.
  20. Véxase, por exemplo, a súa descrición da cordilleira do Tauro (III.3) ou a da baía de Issos (III.4.2-3).
  21. Cf. ALFÖLDY, G. op. cit., páxs. 223-225.
  22. Cf. o artigo de SIEVERS, R. "Über das Geschichtswerk des Herodianos", en Philologus 31 (1872), pp. 636-7.
  23. Cf. WHITTAKER, C. R. op. cit., páxs. LXVII-LXVIII.
  24. SMITS, P. De Geschiedschrijver Herodianus en zijn Bronnen, Leiden, 1913, páx. 16.
  25. CASSOLA, F. "Sulla vita e sulla personalità dello storico Erodiano", en Nuova Rivista Storica 41 (1957), páx. 215.
  26. Cf. BLAUFUSS, J. Ad Herodiani rerum Romanarum scriptoris libros V et VI observationes, Diss., Erlangen, 1893, páxs. 5-6.
  27. Cf. CASSOLA, F. "Sulla vita e sulla personalità dello storico Erodiano", en Nuova Rivista Storica 41 (1957), páx. 218.
  28. Cf. WIDMER, W. Kaisertum,Rom und Welt in Herodians "Metà Márkon basileías historia", Zúric, 1967, páxs. 70-71.
  29. Cf. JOUBERT, S. Recherche sur la composition de l'Historie d'Herodien, Thèse dactyl., París-Sorbona, 1981, páxs. 124-127.
  30. Cf. TORRES ESBARRANCH, J.J. op. cit., páxs. 70 e ss.
  31. Foc. Bibl. cod. 99.
  32. Cf. ALTHEIM, F. Literatur und Gesellschaft in ausgehenden Alterum (1948), Ache, páx. 165.
  33. Cf. WOLF, F. A. Herod. ed., Ache, 1792.
  34. Cf. Scriptores Historiae Augustae, Max. XIII, 4.
  35. Cf. Q. Cataudella (Historia de la literatura griega, trad. esp., Barcelona, 1954, páx. 316) escribe: "Herodiano, aínda que é menos coñecido, non é inferior a Dión Casio e superior certamente a el en aspecto artístico".
  36. Cf. CASSOLA, F. ed.: Erodiano, Storia dell'impero romano dopo Marco Aurelio, Florencia, 1967, Introd., páxs. XVI-XVII.
  37. Cf. CATAUDELLA, Q. op. cit., páxs. 45-47.
  38. ALTHEIM, F. op. cit., páx. 165.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Sobre Herodiano
  • ALFÖLDY, G., "Herodians Person", en Ancient Society 2 (1971), 204-233.
  • ALTHEIM, F., Literatur und Gesellschaft in ausgehenden Alterum, Ache 1948.
  • CASSOLA, F., "Sulla vita e sulla personalità dello storico Erodiano", en Nuova Rivista Storica 41 (1957), 213-222.
  • HIDBER, T., Herodians Darstellung der Kaisergeschichte nach Marc Aurel. Basilea 2006.
  • ZIMMERMANN, M., Kaiser und Ereignis. Studien zum Geschichtswerk Herodians. Munich 1999.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]